|
Xesús Veiga Buxán
Un dereito e non un delito
(Inzar Razóns, nº 32, abril 2005)
En primeiro lugar quero felicitar á asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) pola realización dunhas xornadas de reflexión e debate sobre un tema tan importante como a eutanasia. En segundo lugar quero confesar a miña fonda satisfacción por falar, como deputado do BNG no Parlamento galego, na terra que viu nacer e morrer a Ramón Sampedro, unha persoa que me fai sentir orgulloso de compartir a pertenza ao mesmo País.
O 28 de xaneiro de 1998 presentei, no nome do Grupo Parlamentario do BNG, unha Proposición Non de Lei que postulaba a derrogación do apartado 4 do artigo 143 do Código Penal e o recoñecemento do dereito a unha morte digna. Semellante proposta descansaba nunhas argumentacións que pretendo resumir nas seguintes liñas.
Na base da reivindicación do dereito á eutanasia está o dereito ao suicidio ou, se se preferir unha formulación menos forte, o dereito a decidir sobre a vida e a morte propias. Como di Ignacio Sotelo: “O dereito ao suicidio é o presuposto que se agacha nun posíbel dereito á eutanasia; se non se recoñece o primeiro, folga seguir adiante”.
A esencia deste dereito fundamental está na liberdade. Liberdade para decidir as opcións vitais fundamentais que atinxen á vida e á morte. Dificilmente podemos ser donos da propia vida se non existe a capacidade de decidir cando pór fin á mesma. A autonomía, un dos catro principios da bioética, base do consentimento informado, ten a mesma inspiración, a da liberdade como dereito fundamental e básico das persoas. Para unha concepción laica e progresista, o mesmo concepto de persoa non pode ser concibido doutro xeito que non sexa o da liberdade do individuo para decidir sobre a propia vida nos aspectos máis determinantes da mesma. E a decisión sobre o remate da vida é, ineludibelmente, un dos máis determinantes.
A eutanasia acrecenta un elemento adicional ao dereito á propia vida, un elemento que afecta á dignidade das persoas, cal é o do sufrimento provocado por unha doenza incurábel. Pode tratarse dunha condición incapacitante ou doenza irreversíbel e poida que dolorosa, mais que fai a vida insoportábel para quen a sofre.
Non respectar o dereito a pór fin a esta situación non só conculca a liberdade das persoas senón que viola abertamente a súa dignidade persoal, ao condenalas a sufrir unha vida miserábel, unha vida que, para quen a padece, non merece ser vivida. Poucas cousas poden resultar máis degradantes da dignidade que a indiferenza, cando non o desprezo, perante a dor e o sufrimento evitábeis das persoas. Este aspecto do respecto da dignidade en relación co dereito a rematar cunha vida de prostración foi posto de manifesto lucidamente polo propio Ramón Sampedro no seu testamento.
Foi precisamente a morte de Ramón a que colocou nas primeiras páxinas e nas partes máis destacadas dos medios de comunicación un problema social que el mesmo contribuíu a popularizar, coa súa reflexiva e teimuda reivindicación dunha morte voluntaria que rematase coa súa vida, grave e irreversibelmente eivada por un acidente que o deixou tetrapléxico.
Unha sociedade democrática, na que os dereitos humanos sexan unha referencia ineludíbel da vida social, non pode virar as costas ao problema do dereito a unha morte digna das persoas que, por mor dunha doenza terminal ou incapacitante, dun acidente ou de calquera outra circunstancia, arrastran unha existencia que segundo os seus criterios non paga a pena ser vivida. Non é nin xusto nin humano que a sociedade ignore o sufrimento que levan consigo as doenzas irreversíbeis ou as penalidades dunha vida de prostración absoluta e negue o dereito das persoas que sofren estas situacións a pórlle fin á súa existencia se esa é a súa vontade libremente expresada.
Non estamos a falar dunha decisión irreflexiva, adoptada nun momento de desesperación ou de depresión aguda. Trátase de mostrar o maior respecto cara á vontade dunhas persoas que asumen cabalmente a decisión de seren donas dos seus destinos, tamén á hora da morte. Se a liberdade consiste en que as persoas poidan decidir co mínimo de condicionamento e presións as opcións transcendentais das súas vidas, esa mesma liberdade debe facerse extensiva a poder decidir a morte cando, debido a circunstancias obviamente non elixidas, a vida non pode ser soportada por máis tempo. E unha cuestión de liberdade, respecto e solidariedade humana cara ao sufrimento das persoas.
Certamente, a decisión sobre a propia morte implica dilemas morais de difícil resolución. Non se trata de buscar un consenso moral sobre a valorización das circunstancias nas que a vida humana merece tal nome. Tal consenso non é posíbel xa que suporía unha uniformidade en cuestións morais que a pluralidade ideolóxica e de crenzas existente na nosa sociedade fai inviábel. Pero precisamente por iso, un criterio fundamental de funcionamento dunha sociedade permisiva e tolerante coa diversidade de opcións morais debe ser que aquelas decisións que atinxen ao máis fondo das nosas opcións morais sexan adoptadas de xeito libre por cada persoa. E non hai decisións máis graves neste sentido que as que se refiren á vida e á morte. O artigo 13 da Declaración Universal de Dereitos Humanos di que: “ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada”. Que outra cousa pode haber máis privada que se enfrontar coa propia conciencia e decidir libremente sobre o destino último da propia vida?
O tema da eutanasia recuperou o primeiro plano da actualidade da man do filme “Mar Adentro” e ten ocupado espazos nas axendas políticas. O PSOE defendeu a regulación da eutanasia mentres estivo na oposición fronte á total negativa do PP a abordar semellante asunto. Agora argumenta que non figura no seu programa electoral e que non constitúe unha prioridade. Alén diso, algunhas persoas que din defender a filosofía moral que está detrás do dereito á eutanasia sinalan, porén, que a sociedade non está madura para abrir agora ese debate e menos aínda para pór en práctica a legalización da eutanasia. Esquecen, ou queren esquecer, que o dereito á eutanasia activa constitúe unha demanda social maioritaria que apoia, segundo dados do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), o 71 por cento da populación do Estado español e o 60 por cento dos médicos.
Non é un problema de madurez, nin de falta de reflexión da maioría social sobre o tema; é, se cadra, falta de decisión para enfrontar a cuestión por medo á reacción dos sectores máis conservadores, en particular da Igrexa Católica. Mais non querer incomodar a Conferencia Episcopal non vai facer que esta adopte posturas máis flexíbeis e abertas nos temas que atinxen ás súas áreas tradicionais de poder. Pode acontecer, porén, que se sinta con máis forza para facer presión noutros temas, como pode ser o ensino da relixión ou as subvencións que recibe do Estado.
En calquera caso, non abordar xa a cuestión da legalización da eutanasia, como fixeron Bélxica e Holanda nos últimos anos, é prolongar o sufrimento dos máis débiles e necesitados de axuda solidaria, precisamente das persoas doentes que loitan para que se recoñeza o seu dereito a unha morte digna, que remate dunha vez por todas co seu sufrimento.
Comprendo que non é doada unha regulamentación do dereito a unha morte digna. É moi importante que a permisividade non poida ser utilizada para condicionar a vontade dos doentes, ben sexa polos seus familiares, ben sexa polos médicos. Tamén deberían existir todo tipo de garantías para evitar que as familias, os hospitais ou o propio sistema sanitario fixesen unha utilización inadecuada dese dereito para librarse da carga que poidan supor os doentes completamente incapacitados ou en fase terminal. Non pode haber neste sentido a máis mínima ambigüidade a respecto da necesidade de salvagardar, por parte dos poderes públicos, as vidas das persoas máis débiles e necesitadas de atención.
Pero sexa cal for a regulamentación legal pertinente para conseguir esas garantías, segue sendo de todo ponto ineludíbel a necesidade de encarar cabalmente o dereito a unha morte digna, unha vez que as persoas afectadas decidiron que é esa a única liberación que poden esperar como remate a unha existencia que para elas é a negación da vida que non puideron gozar.
|
|