praza.gal, 17 de maio de 2024.
Se tiveramos que facer unha comparativa abreviada entre os resultados rexistrados nas tres citas electorais celebradas dende o pasado mes de Febreiro (primeiro ao Parlamento galego, despois ao vasco e hai poucos días á Cámara lexislativa catalá) teriamos que establecer unha conclusión principal: os cambios mais relevantes teñen ocorrido no escenario catalán. A razón resulta evidente a partir da comprobación das cifras: é a primeira vez -dende 2012- na que as formacións políticas independentistas non acadan a maioría absoluta dos escanos do Parlament. Mais aínda: se ampliaramos a mirada até os anos 80 do pasado século, certificariamos que, dende 1984, os partidos nacionalistas (cando CiU non se declaraba independentista) mantiveron a súa hexemonía aritmética no ámbito do poder lexislativo. Se a todo isto lle engadimos a circunstancia de que nunca antes o PSC obtivera a dupla condición de forza mais votada e con mais escanos, completariamos o cadro explicativo da singularidade política vivida o 12 de Maio.