Consuelo Campos Acedo

A calidade do ensino como escusa
(Inzar razóns, nº 27, xulio de 2002)

Unha vez máis, anuncian-se cámbios no sistema educativo. Os cámbios que se van producindo no sistema educativo nunca surten efeito a curto prazo senón a meio e longo prazo polo que toda reforma que se planifique ten que estar ben fundamentada e argumentada e moi meditada, debe ser consensuada cos sectores implicados e os cámbios propostos deben-se ir introducindo gradualmente. Evidentemente, ningunha destas condicións se deu na elaboración da Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE) da ministra Pilar del Castillo.
O primeiro condicionante para unha reforma ben fundamentada é facer unha análise dos problemas do sistema educativo e un diagnóstico das causas dos mesmos para aclarar por onde teñen que ir as solucións. Isto non se fai en ningun dos documentos do Ministerio de Educación, cultura e Deporte (MECD) Bnin no documento de bases nin na exposición de motivos do anteproxecto de leiB e non se fai intencionadamente porque estamos ante unha reforma ideolóxica na que xa se ten decidido previamente por onde teñen que ir as solucións, unha reforma coerente co conceito do papel que ten que cumprir o sistema educativo que teñen as ideoloxias conservadoras e neoliberais: seleccionar e clasificar ao alumnado para perpetuar as diferenzas sociais.
Neste caso hai outro propósito engadido próprio da teima antinacionalista do Partido Popular: uniformizar o sistema educativo en todo o Estado obviando o carácter plurinacional do mesmo e anulando na prática as competéncias das nacións con língua própria para introducir contidos de seu nos planos de estudo. Este propósito foi unha das causas principais da modificación realizada polo MECD o ano pasado das ensinanzas mínimas das distintas matérias do ESO e Bacharelato na chamada “Reforma das Humanidades”.
Os argumentos do governo para abordar a reforma do sistema educativo son o fracaso escolar e baixo nivel do alunado, o deterioro do clima de convivéncia e esforzo nos centros, a desmotivación e o malestar existente entre os docentes e a falta de competéncias dos directores.
En canto ao fracaso escolar constata-se que hai unha elevada porcentaxe de alunado (aproximadamente un 25 por cento) que non acada o título de graduado en secundária. Ainda que se trata dunha taxa elevada, maior que a media dos países da OCDE, hai que relativizar a importáncia deste dado e considerar que hai uns anos habia unha porcentaxe importante de alunado que non estaba escolarizado aos 16 anos e entre o que cursaba FP de 11 grao a porcentaxe de fracaso era moito maior. Realizar unha análise de cales son as causas do fracaso escolar é unha tarefa moi complexa, un informe do ano 2000 da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea sobre a calidade do ensino básico e secundário aponta que o fracaso e o abandono escolar pode estar relacionado con factores económico-sociais (desempre-go...), disparidades entre zonas urbanas e rurais e mesmo entre rexións centrais e periféricas.
É pois nestes aspectos, entre outros, nos que haberia que incidir se realmente se quere reducir o fracaso e as actuacións terian que realizar-se xa desde as etapas máis temperás. Seria preciso facer obrigatória a Educación Infantil (de 3 a 6 anos) ao ser esta unha etapa fundamental tanto para a adquisición de hábitos de conduta e habilidades precisas para aprendizaxes posteriores como para a detección precoz de problemas. Pola contra, na LOCE manten-se o caracter voluntário desta etapa e como máximo, cedendo ás presións das patronais da privada, a administración educativa compromete-se a ofertar prazas suficientes “en centros sostidos con fondos públicos” o que significa estender as subvencións ao ensino privado a esta etapa (cousa que en Galiza xa se estaba a facer). Manterá-se pois a dificuldade de aceso a esta etapa fundamentalmente do alunado do rural e periféria urbana, imigrantes, minorias étnicas, etc... Na etapa de Educación Primária a única novidade que contempla a LOCE é a introdución dun idioma estranxeiro a partir do primeiro curso e a formación en novas tecnoloxias da comunicación (estas matérias tamén se procurarán introducir na Educación Infantil, fundamentalmente no último ano). En ningunha das duas etapas citadas se contempla a redución da rátio, a dotación aos centros dos especialistas de Pedagoxia Terapéutica, Audición e Linguaxe e orientadores precisos e a disposición do profesorado de horas para reforzos educativos e atención individualizada ao alunado con problemas de aprendizaxe. É dicer, semella que o MECD considera que a situación actual é óptima e non é preciso realizar ningunha actuación en Infantil e Primária para atallar o fracaso escolar e mellorar o nivel de coñecimentos do alunado.
Cando parecen xurdir todos os problemas por xeración espontánea é no Ensino Secundário Obrigatório. Nesta etapa é onde se centran as actuacións da LOCE que se concretan nun cámbio na estrutura de mesma e no sistema de avaliación.
A introdución de itinerários en 31 de ESO significa que aos 14 anos os rapaces e rapazas van ter que decidir, como xa sucedia hai anos, entre encamiñar-se cara ao Bacharelato ou á FP, e, evidentemente, esta decisión estará mediatizada polo rendimento académico. Co novo sistema de avaliación, que se realiza por curso e en función dos obxectivos de cada matéria en lugar dos globais da etapa, elimina-se o carácter comprensivo da ESO e volve-se introducir a repetición de todos os cursos e a esixéncia de ter todas as matérias aprobadas para a obtención do título de graduado en secundária. Todo isto plasma a filosofia do governo de que o fracaso escolar só se combate co esforzo do alunado polo que a etapa adquire un marcado carácter selectivo. A introdución de grupos de reforzo desde o primeiro curso e a posibilidade de que decidan (se teñen 15 anos cumpridos) abandonar o ensino obrigatório para cursar un Programa de Iniciación Profisional (antes Programas de Garantia Social) configuran un ensino totalmente segregador. Elimina-se ademais na prática un dos aspectos máis positivos da LOXSE: a escolarización universal até os 16 anos. O carácter selectivo que se lle dá ao sistema educativo ve-se confirmado coa introdución da Proba Xeral do Bacharelato (antiga reválida) precisa para a obtención do título polo que non superá-la implica ficar imposibilitado para o aceso a calquera carreira universitária ou calquera ciclo formativo de FP de grao superior.
Todo isto confirma que o fracaso escolar e o baixo nivel de coñecimento do alunado só se utiliza como escusa posto que do próprio Informe PISA 2000, que tan terxiversadamente se está a utilizar, deduce-se que os países con menor taxa de fracaso escolar e con mellores resultados noutros indicadores son os que teñen sistemas educativos máis comprensivos e menos selectivos (Finlándia), moi por riba de países con sistemas fortemente segregadores (Alemaña) que mesmo nalguns indicadores obteñen peores resultados que os do Estado español.
En canto ao deterioro do clima de convivéncia nos centros e o malestar dos docentes son situacións lóxicas derivadas do aumento da idade de escolarización obrigatória, co que o alunado está máis tempo nos centros e en idades máis problemáticas, e de ter-se elaborado e aplicado a anterior reforma (a LOXSE) totalmente de costas ao profesorado que careceu de meios e formación para dar resposta a novas situacións e abordar problemas que antes nunca se lle presentaran como, por exemplo, a atención na aula de alunos e alunas con necesidades educativas especiais ou de outros totalmente desmotivados. Nun informe do ano 99 do Consello Escolar de Galiza sobre a conflitividade nos centros o profesorado dos centros consultados propón como solución medidas encamiñadas a reducir a masificación, mellorar os recursos e as condicións de traballo e buscar unha maior inserción dos centros na comunidade. O alunado consultado propón, pola sua banda, a apertura do centro para actividades do alunado, maior participación na marcha do centro, máis información sobre dereitos e deberes e maior liberdade. Ningun dos dous sectores se manifesta a favor dunha maior disciplina e coinciden en que é preciso un clima de diálogo e respeito mútuo. Pola contra na LOCE contemplan-se medidas de potenciación da autoridade dos/as directores/as dos centros que van ser seleccionados mediante concurso de méritos (con baremo estabelecido pola administración) por unha comisión mixta administración-órgaos colexiados, desaparece do equipo directivo a vicedirección encargada na actualidade das actividades extraescolares e xerarquiza-se ao profesora-do. Todas estas medidas contribuen a afortalar un modelo de xestión antidemocrático e autoritário no que a comunidade educativa (pais e nais, profesorado e alunado) fica cada vez con menos recursos para incidir na marcha do seu próprio centro.
Especial mención merece a financiación posto que non se pode abordar ningunha reforma, e isto foi un dos problemas na implantación da LOXSE, sen contemplar unha inversión económica axeitada. Na exposición de motivos do anteproxecto de LOCE argumenta-se que as políticas cuantitativas baseadas no aumento de recursos e asignacións orzamentárias non son garantes exclusivas de calidade do ensino e que hai unha ampla marxe de mellora non directamente vinculado a un notábel incremento da financiación. Con estes argumentos xustifica-se a inversión de só 159 millóns de euros anuais recollidos na Memória Económica para a LOCE (segundo dados publicados en El Pais), desta cantidade o 73 por cento vai destinado a subvencionar a etapa de Infantil en centros privados. Contempla-se tamén na LOCE adicar unha especial financiación aos centros con “especialización curricular” e subvencionar tamén o desempeño da función directiva nos centros privados. É dicer, praticamente toda a financiación prevista para a LOCE vai redundar nun aumento da privatización do ensino.
Como conclusión, estamos ante unha reforma do sistema educativo feita de costas aos sectores implicados na que a comunidade educativa perde protagonismo, preautonó-mica e preconstitucional porque esquece a plurinacionalidade do Estado, segregadora e selectiva para o alunado, xerarquizadora para o profesorado e encamiñada á potenciación do ensino privado. Ante isto, todos os sectores da comunidade educativa debemos procurar que non vaia adiante e tratar de que se abra un amplo debate para decidirmos entre todos cales son as reformas precisas para lograr un ensino público de calidade.

Ourense, 15 de xuño de 2002.

Libros Publicaciones Anteriores Inicio