praza.gal, venres 23, febreiro 2024.
Coñecidos os resultados das eleccións do 18-F, non tivemos que asistir á confusa e interesada polémica que suscitou Feijoo e a dereita mediática despois do 23 de Xullo do ano pasado a respecto de quen gañara aqueles os comicios. Neste caso, non houbo marxe para as falacias argumentais: a forza mais votada o domingo no que rematou a semana do Entroido -o PP- posúe a maioría parlamentaria suficiente para ocupar o goberno da Xunta en solitario. Se o partido presidido por Rueda non tivera acadado a maioría absoluta, teriamos vivido unha campaña preventiva de deslexitimación da maioría alternativa conformada polos partidos que até ese momento conformaban a oposición na Cámara do Hórreo.