Daniel Soutullo
Darwin e a relixión
(Inzar Razóns, 39, xulio 2010).

Charles Darwin é, probabelmente, o científico máis estudado da historia da humanidade. Moitos especialistas en historia da ciencia dedicaron toda a súa carreira ao estudo da súa vida e obra; escribíronse unha gran cantidade de biografías, algunhas delas verdadeiramente extraordinarias, como a de Janet Browne(i) , e a de Adrian Desmond e James Moore; contamos tamén cunha breve pero moi interesante autobiografía(i) do propio Darwin. Por iso, o achegamento ao seu pensamento en materia de relixión tería que ser doado e presentar poucas ambigüidades, sobre todo porque deixou plasmadas por escrito as súas opinións sobre este tema nun capítulo da Autobiografía. Porén, como veremos inmediatamente, aínda que aparentemente se coñecen ben ou moi ben as súas principais ideas sobre a relixión, existen algúns problemas que dificultan ese achegamento, cando menos nalgúns aspectos concretos.

O primeiro problema para tratar o pensamento relixioso de Darwin estriba en que el consideraba que as cuestións relixiosas formaban parte do ámbito máis privado da persoa e que soamente á persoa concirnen, polo que era moi remiso á expresar publicamente os seus puntos de vista sobre este tema. Así, nunha carta datada en 1879, dirá a este respecto que “cales sexan as miñas opinións, é unha cuestión que non importa a ninguén máis que a min”(iii). Por tal motivo, ningún dos escritos nos que se ocupa de cuestións relixiosas estaba destinado á súa publicación. A Autobiografía, o máis explícito de todos eles neste tema, foi escrita para a súa propia familia, especialmente para os seus fillos e netos. De feito, non foi publicada en vida de Darwin, senón postumamente, cando o seu fillo Francis se encargou da edición coa supervisión de Emma, a viúva de Charles Darwin. No texto preparado por Francis para a primeira publicación da Autobiografía comenta que “en todas as súas obras, meu pai amosouse reticente en materia de relixión, e o que deixou sobre o tema non o escribiu con vistas á publicación. […] Por instinto repugnáballe ferir a sensibilidade dos demais en materias relixiosas”(iv). Se descontamos a Autobiografía, unicamente nalgunhas cartas expresou claramente os seus puntos de vista acerca da relixión, sempre en resposta a preguntas dos seus correspondentes. Polos motivos que deseguido veremos, podemos albergar algunhas dúbidas sobre a completa franqueza de Darwin nestes documentos, no sentido de que neles intentase suavizar o alcance das conclusións ás que chegara nas súas reflexións, en especial no referente á existencia de Deus.

En primeiro lugar, Darwin mantiña unha especial preocupación por non ofender os sentimentos da súa dona Emma. Na Autobiografía conta que “antes de prometerme en matrimonio, meu pai aconselloume que ocultase coidadosamente as miñas dúbidas, pois, segundo me dixo, sabía que provocaban un sufrimento extremo entre a xente casada. As cousas marchaban bastante ben até que a muller ou o home perdían a saúde, momento no cal elas sufrían atrozmente ao dubidar da salvación dos seus esposos, facéndoos así sufrir a estes igualmente”(v). Darwin non seguiu este consello do seu pai e, xa desde antes de casar, compartiu con Emma as dúbidas e preocupacións motivadas polo seu distanciamento crecente da relixión.

Emma era unha muller profundamente relixiosa, que estaba moi preocupada pola salvación eterna de Charles, debido á evolución do seu pensamento, o que lle provocaba un intenso desacougo. Dado que constituían unha parella moi unida, a actitude de Darwin foi sempre a de procurar non preocupala e desgustala na medida do posíbel e non expoñela a ningunha tensión espiritual innecesaria ou gratuíta. O desenvolvemento do seu pensamento científico evolucionista orixinaba, debido ao seu materialismo, inevitábeis problemas en materia de fe relixiosa, pero iso era algo que Darwin non podía evitar nin tan sequera ocultar completamente, mais podía tratar de evitalos cando se tratase de falar de temas non directamente relacionados coa ciencia. Este interese por non acrecentar o desacougo espiritual da súa familia pode explicar que algunhas expresións da Autobiografía fosen pensadas para que, sen faltar á verdade, non aparecesen como excesivamente radicais.

En segundo lugar, Darwin foi especialmente diplomático e coidadoso á hora de evitarse inimigos para a súa teoría. Non era amigo de polémicas. Diría este respecto: “Alégrame ter evitado as controversias. Isto débollo a Lyell, quen, hai moitos anos, referíndose aos meus traballos xeolóxicos, me aconsellou enerxicamente non deixarme enredar en polémicas, pois raramente causaban algún ben e xeraban unha perda lamentábel de tempo e humor”(vi). Sabía moi ben que as cuestións relixiosas non soamente eran controvertidas, senón que podían supoñer un obstáculo importante para a aceptación da súa teoría e, incluso, poderían influír no seu prestixio como cabaleiro aceptado como tal pola “boa sociedade” vitoriana da que formaba parte. En A orixe das especies fixo concesións ao buscar algunha formulación especialmente suave, como a que pecha o libro e da que despois chegou a arrepentirse, na que afirma que “hai grandeza nesta idea de que a vida, coas súas diversas forzas, foi alentada polo Creador(vii) nun curto número de formas ou mesmo nunha soa, e mentres este planeta ía xirando segundo a constante lei da gravitación, esas formas que partiron dun comezo tan sinxelo, produciron por evolución infinidade de formas máis e máis fermosas e marabillosas, que aínda seguen a evolucionar”(viii). Esta referencia ao Creador é retórica, e así foi recoñecido posteriormente polo propio Darwin, mais no momento da súa publicación podía ser interpretada (e esa foi precisamente a súa intención) como que a teoría da evolución non supoñía un desafío frontal ás crenzas relixiosas imperantes na sociedade, o cal podía facilitar a súa aceptación polo establishment científico británico.

Por iso non debe estrañar que nas cartas nas que contestaba a preguntas de índole relixiosa se mostrase especialmente parco e pouco dado a estenderse en tirar conclusións atrevidas. Mesmo chegou a buscar algunha desculpa non demasiado críbel para xustificar esta actitude. Nunha carta de 1871, na que responde negativamente a unha proposta de escribir sobre temas relixiosos, aduce, entre outras razóns, que “nunca meditei moito dun xeito sistemático sobre a relixión en relación coa ciencia”(xi), afirmación que, a todas luces, peca ou ben de modestia ou ben de falta de sinceridade.

Para completar este cadro, hai que ter presente que a edición, tanto da Autobiografía como unha selección das cartas, foi preparada, como dixemos, polo seu fillo Francis, baixo a supervisión de Emma Darwin. A Autobiografía foi severamente censurada(x), entre outras nas cuestións relixiosas, na maioría dos casos por suxestión directa de Emma, e os comentarios de Francis ás cartas buscan presentar as opinións relixiosas do seu pai dun xeito particularmente moderado.

As primeiras ideas relixiosas de Darwin

Aínda que Darwin pertencía a unha familia na que a maioría dos membros masculinos, como o seu pai Robert e o seu avó paterno Erasmus, se consideraban librepensadores, o seu punto de vista sobre a relixión durante a súa mocidade foi completamente tradicional. Despois de pasar dous anos na universidade de Edimburgo para facer estudos de medicina seguindo a tradición familiar (o seu avó, o seu pai e o seu propio irmán precedérono nese camiño), desperdiciados pola pouca inclinación de Charles pola medicina, o seu pai propúxolle que comezase estudos de teoloxía na universidade de Cambridge, coa intención de se converter en clérigo anglicano. Comentando a súa actitude ao respecto dirá: “Agradábame a idea de ser un clérigo rural […] e como entón non abrigaba a menor dúbida sobre a verdade estrita e literal de cada palabra da Biblia non tardei en convencerme de que o noso credo debía ser aceptado plenamente”(xi).

A crenza na verdade literal da Biblia naquela época viuse reforzada polas lecturas de Paley durante a súa estadía en Cambridge. Algunhas obras de William Paley, como Evidences of Christianity (As probas do cristianismo) e Moral Philosophy (Filosofía moral), eran de lectura obrigatoria para obter a licenciatura de teoloxía naquela universidade. O primeiro do libros nomeados, así como Natural Theology (Teoloxía natural), tamén de Paley, exerceron unha enorme influencia sobre Darwin mozo. Na Teoloxía natural, Paley expón o coñecido argumento do deseño para tratar de demostrar a existencia dun creador na natureza. Este argumento baséase na idea de que se atopamos un reloxo abandonado, inmediatamente temos que pensar na existencia dun reloxeiro que o construíu, xa que o seu delicado deseño encamiñado á realización da súa función unicamente pode ser obra dun deseñador intelixente. Igualmente, o deseño que atopamos nos seres vivos, coas súas estruturas anatómicas e a súa fisioloxía perfectamente adaptados á función que teñen que realizar para desenvolverse nos ambientes concretos nos que viven, ten que ser obra dun deseñador intelixente e infinitamente poderoso, que unicamente pode ser Deus. Darwin comentará que “por aquel tempo non me preocupaban as premisas de Paley; e como as aceptaba sen crítica, a súa liña argumental encantoume e convenceume”(xii). Paradoxalmente, este mesmo argumento do deseño, máis ou menos actualizado, é o que hoxe en día empregan os creacionistas norteamericanos para opoñerse frontalmente ao darwinismo.

Cando embarcou no Beagle en decembro de 1831, e tamén nos primeiros tempos da súa viaxe, Darwin aínda mantiña as mesmas concepcións en materia relixiosa, como amosa a seguinte anécdota: “Mentres me atopaba a bordo do Beagle fun completamente ortodoxo, e lembro que varios oficiais (malia que tamén o eran) rían con gañas de min por citar a Biblia como autoridade indiscutíbel sobre algúns puntos de moralidade”(xiii). Mais, durante esta viaxe, que se prolongou durante case cinco anos arredor do mundo, esas concepcións, aparentemente tan ben asentadas, entraron paseniño en crise até o punto de afirmar que “por aquel entón fun dándome de conta pouco a pouco de que o Antigo Testamento, debido á súa versión manifestamente falsa da historia do mundo, coa súa Torre de Babel, o arco da vella como signo, etc., etc., e ao feito de atribuír a Deus os sentimentos dun tirano vingativo, non era máis de fiar que os libros sagrados dos hindús ou as crenzas de calquera bárbaro. […] Rematei gradualmente por non crer no cristianismo como revelación divina”(xiv). Co tempo, esta conclusión fíxose máis e máis fonda durante o resto de toda a súa vida.

Analizaremos seguidamente as ideas de madurez de Darwin en materia relixiosa, centrándonos en tres aspectos: o problema da existencia de Deus, a súa opinión xa esbozada sobre o cristianismo e a relación entre a ciencia e a relixión.

A existencia de Deus

En diversas ocasións Darwin declarou que a etiqueta que servía para cualificar mellor o seu punto de vista sobre a existencia de Deus era a de agnóstico, moito mellor que a de ateo, coa que non se identificaba: “Nas miñas flutuacións máis extremas, xamais fun ateo no sentido de negar a existencia dun Deus. Creo que en termos xerais (e cada vez máis, a medida que me fun facendo máis vello), aínda que non sempre, agnóstico sería a descrición máis correcta da miña actitude espiritual”(xv).

É evidente, por suposto, que Darwin coñecía mellor que ninguén as súas propias ideas e, por conseguinte, non estamos autorizados a outorgarlle puntos de vista que el mesmo explicitamente non quixo aceptar. Porén, o seu agnosticismo, co que se atopaba cómodo, resultaba moi próximo ao ateísmo, como testemuña a seguinte argumentación acerca da presenza de sufrimento na natureza, expresada na Autobiografía: “Para a nosa mente un ser tan poderoso e tan cheo de coñecemento como un Deus que foi capaz de crear o universo é omnipotente e omnisciente, e supoñer que a súa benevolencia non é ilimitada repugna á nosa comprensión, pois, que vantaxe podería haber no sufrimento de millóns de animais inferiores durante un tempo case infinito? Este antiquísimo argumento contra a existencia dunha causa primeira intelixente, derivado da existencia do sufrimento, paréceme sólido”(xvi).

Este mesmo argumento da existencia de sufrimento gratuíto tivo unha marcada influencia, nun sentido afectivo moi fondo, cando en 1851 faleceu a súa filla predilecta, Annie, á idade de dez anos, despois de sufrir unha penosa enfermidade. A biógrafa de Dawin, Janet Browne, escribiu que “esta morte foi o comezo formal da disociación consciente de Darwin a respecto da figura tradicional de Deus. […] Durante os meses seguintes, Darwin volveuse máis firme, máis seguro, no seu escepticismo. Pouco a pouco, as súas dúbidas teolóxicas transformáronse en convición”(xvii). Stephen Gould valora este tráxico incidente como o motivo que fixo cristalizar en Darwin unha postura abertamente atea: “A cruel morte de Annie catalizou todas as dúbidas que a lectura que Charles fixera de Newman, e o seu exame profundo e detallado da relixión, xeraran. […] Nunca volvería a buscar alivio na relixión. Evitou coidadosamente calquera afirmación directa acerca diso tanto nos seus escritos públicos como nos privados, de xeito que non coñecemos as súas resolucións íntimas. Sospeito que aceptou a máxima de Huxley sobre o agnosticismo como a única posición intelectualmente válida, ao tempo que en privado adoptaba unha forte conxectura (e como ben sabía, completamente indemostrábel) de ateísmo, galvanizada pola absurda morte de Annie”(xviii).

Outra idea de Darwin que resulta moi próxima ao ateísmo era a súa especulación materialista (e lamarckiana) acerca da orixe da crenza en Deus. A este respecto, comentaría que “non debemos pasar por alto a probabilidade de que a introdución constante da crenza en Deus nas mentes dos nenos produza ese efecto tan forte e, quizais, herdado no seu cerebro cando aínda non está plenamente desenvolvido, de xeito que desfacerse da súa crenza en Deus resultaríalles tan difícil como para un mono desprenderse do seu temor e odio instintivos ás serpes”(xix).

Comentamos anteriormente que Darwin puxo especial coidado en manterse reservado acerca dos seus pensamentos en materia de relixión e, no caso de facelos públicos como resposta a preguntas que lle formulaban, expresar os seus puntos de vista de xeito que non parecesen excesivamente heréticos. Durante unha visita a Down House, Edward Aveling preguntoulle a Darwin se era ateo, ao que este contestou que prefería a palabra “agnóstico”. A resposta de Aveling foi que “agnóstico non é máis que ateo con énfase na respetabilidade, e ateo non é máis que agnóstico con énfase na agresividade”(xx). Non sabemos se Darwin compartía esta valoración, pero hai poucas dúbidas de que á hora de expresar publicamente as súas ideas en relación coa discutida existencia de Deus prefería a respetabilidade que a agresividade.

O cristianismo

Xa comentamos previamente que, durante a viaxe do Beagle, Darwin deixou de crer paulatinamente no cristianismo, malia que ao comezo era moi remiso a abandonar as súas crenzas. A diferenza da actitude mantida en relación coa existencia de Deus, da que sempre se amosou dubitativo, a falta de fe no cristianismo asentouse de xeito firme e definitivo, sen causarlle nin dúbidas nin angustias. Dirá a este respecto que “a incredulidade foise introducindo subrepticiamente en min a un ritmo moi lento, mais, ao final, rematou sendo total. O ritmo era tan lento que non sentín ningunha angustia, e desde entón non dubidei nunca nin un só segundo de que a miña conclusión era correcta”(xxi).

A valoración que rematou por ter do cristianismo era moi negativa. Mesmo sorprende que sendo sempre tan comedido nos seus xuízos, neste caso a súa opinión fose tan sumamente radical, até o punto de afirmar que “me resulta difícil comprender que alguén deba desexar que o cristianismo sexa verdade, pois, de ser así, a linguaxe lisa e chá da Biblia semella amosar que as persoas que non cren –e entre elas incluiría a meu pai, meu irmán e case todos os meus mellores amigos– recibirán un castigo eterno. E esa é unha doutrina detestábel”(xxii).

En repetidas ocasións circularon historias apócrifas sobre a suposta conversión de Darwin no seu leito de morte. Esas historias remóntanse a unha evanxelista británica chamada Lady Hope, que afirmaba que visitara a Darwin pouco antes da súa morte e “que o vira lendo a Biblia e cantando himnos relixiosos”(xxiii). Semellante declaración desborda tanta fe relixiosa como mala fe e falta de honestidade. Por incríbel que pareza, chegou a gozar de tanta popularidade que levou a Henrietta (Etty) Litchfield, filla de Darwin, a publicar unha nota, o 23 de febreiro de 1922, na que aseguraba que o seu pai “nunca se retractou de ningún dos seus puntos de vista […] e a historia carece por completo do menor fundamento”(xxiv). Así mesmo, outro fillo de Darwin, Francis, negou que a tal Lady Hope visitase Down House. Nada hai de certo nesas historias, máis que a súa completa falsidade.

Ciencia e relixión

O terceiro aspecto que imos tratar concernente ás ideas de Darwin en materia relixiosa é o da relación (ou a falta dela) que estableceu entre ciencia e relixión. Debe terse presente que naquela época a presenza do ideario relixioso cristián era agoniante no mundo da ciencia. Nas principais universidades británicas moitos dos profesores de disciplinas científicas relacionadas coa historia natural eran clérigos. Como tales, non sentían que existise problema ningún que impedise conciliar harmonicamente a súa dobre condición de relixiosos e científicos, xa que daban por sentado que a ciencia non soamente non podía entrar en contradicións coa relixión, senón que a primeira tiña que servir para coñecer mellor os designios do Creador, sen cuestionar no máis mínimo os dogmas relixiosos tal como estaban establecidos na Biblia.

Malia isto, na primeira metade do século XIX algunhas crenzas, como a da existencia do diluvio universal, xa foran practicamente abandonadas por case todos os xeólogos importantes. A última grande obra diluvialista, titulada Reliquias do Diluvio, foi publicada por William Buckland en 1823. Mais en 1840, o propio Buckland abandonou as posicións diluvialistas. Porén, o respecto reverencial polas ensinanzas bíblicas en relación cos desenvolvementos científicos seguía a ser preponderante.

A actitude de Darwin sobre a relevancia da relixión para o desenvolvemento científico era completamente distinta. Para el, “todo canto existe na natureza é resultado de leis fixas”(xxv) e no desenvolvemento desas leis non hai lugar ningún para a presenza de ningunha divindade. A acción da selección natural, a idea máis propiamente orixinal de Darwin, consiste nun mecanismo cego no que non se albisca ningún tipo de designio divino. De feito, foi o descubrimento da selección natural quen lle fixo renegar do antigo argumento do deseño de Paley, que tanto lle convencera na súa mocidade. A súa posición a este respecto tornouse completamente materialista: “Aínda que non pensei moito na existencia dun Deus persoal até un período da miña vida bastante serodio, quero ofrecer aquí as vagas conclusións ás que cheguei. O antigo argumento do deseño na natureza, tal como o expón Paley e que anteriormente me parecía tan concluínte, falla despois do descubrimento da lei da selección natural. […] Na variabilidade dos seres orgánicos e nos efectos da selección natural non semella haber máis designio que na dirección en que sopra o vento”(xxvi). É perante estas consideracións que resulta pouco críbel a desculpa de que nunca meditara a fondo sobre a relación entre ciencia e relixión, que esgrimiu para non escribir sobre este tema e da que anteriormente demos conta.

Máis explícito aínda se expresou nunha carta de resposta a un estudante alemán que se mostrou especialmente insistente para que falase das súas opinións relixiosas: “A ciencia non ten nada que ver con Cristo, agás na medida en que o hábito da investigación científica fai que unha persoa sexa cautelosa á hora de admitir probas. Polo que a min respecta, non creo que tivese nunca revelación ningunha. En canto a unha vida futura, cada persoa debe decidir por si mesma entre incertas probabilidades contraditorias”(xxvii).

Unha faceta máis da relación entre a ciencia e a relixión en Darwin é a da súa especulación, á que anteriormente aludimos, de que a ciencia podería explicar a orixe da propia idea de Deus como unha consecuencia dos efectos acumulativos da educación nesta crenza no cerebro dos nenos, efectos que, co tempo, se converterían en hereditarios. Nótese que esta última suposición é claramente lamarckiana, xa que postula a herdanza dun carácter adquirido polo hábito. Aínda que Darwin non o fixo explícito, esa mesma explicación podería intentarse cunha formulación darwiniana típica, como froito da acción adaptacionista da selección natural.

Non cabe dúbida de que Darwin concedeu moita importancia ao papel educador da ciencia a hora de combater dogmas e crenzas preestablecidas. Así o manifestou na súa Autobiografía, ao afirmar que “nada hai máis importante que a difusión do escepticismo ou racionalismo durante a segunda metade da miña vida”(xxviii).


A tradución ao castelán desta biografía en dous volumes foi publicada en 2009 pola Universidade de Valencia.

Existen varias edicións en castelán da autobiografía de Darwin, tanto da versión censurada como da completa. Da versión censurada merece citarse unha edición facsímil da primeira edición española de 1902, publicada polo Senado en 2009, para conmemorar o 200 cabodano do nacemento de Darwin.

Charles DARWIN, Autobiografía y cartas escogidas, Madrid: Alianza Editorial, S. A., 1997, p. 151.

Ibídem.

Ibídem, p. 165.

Ibídem, p. 129.

A cursiva é miña.

Charles DARWIN, A orixe das especies, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela/Fundación BBVA, 2003, p. 688.

Charles DARWIN, Autobiografía y cartas escogidas, op. cit., p. 153.

A Autobiografía foi posteriormente publicada completa por Nora Barlow, neta de Darwin.

Charles DARWIN, Autobiografía y cartas escogidas, op. cit., pp. 71-72.

 

Ibídem, p. 74.

Ibídem, pp. 155-156.

Ibídem, pp. 156-157.

Ibídem, p. 151.

Ibídem, pp. 160-161.

Janet BROWNE, Charles Darwin. El viaje, Valencia: Publicacions de la Universitat de València, 2009, p. 665.

Stephen Jay GOULD, Ciencia versus religión. Un falso conflicto, Barcelona: Editorial Crítica, S. L., 2000, p. 39.

            Charles DARWIN, Autobiografía y cartas escogidas, op. cit., pp. 163-164.

Citado por Janet BROWNE, Charles Darwin. El poder del lugar, Valencia: Publicacions de la Universitat de València, 2009, p. 623.

Charles DARWIN, Autobiografía y cartas escogidas, op. cit., p. 157.

Ibídem.

Citado por Tim M. BERRA, Darwin. La historia de un hombre extraordinario, Barcelona: Tusquets Editores, S. A., 2009, p. 99.

Ibídem.

Charles DARWIN, Autobiografía y cartas escogidas, op. cit., p. 158.

Ibídem.

Ibídem, p. 155.

Ibídem, p. 165.