Daniel Soutullo

Stephen Jay Gould
(Inzar razóns, nº 27, xulio de 2002)

Salvo que se trate dun prémio Nobel da mesma nacionalidade, rara vez o público sente a morte dun científico como un acontecimento próximo, agás en círculos moi minoritários relacionados coa especialidade da que formaba parte. Non ocorre o mesmo se é unha personaxe do mundo da arte. Moitas persoas sentiron (sentimos) a desaparición no seu dia de Julio Cortázar ou máis recentemente de Billy Wilder, por pór dous exemplos óbvios. As suas obras transmitiron-nos valores, emocións ou sentimentos cos que pudemos identificar-nos e que fixeron que apreciásemos as suas persoas ainda sen coñecé-las.
Pero toda regra ten a sua excepción. Seguramente a morte, o pasado 20 de maio, a causa dun cancro do paleontólogo norteamericano Stephen Jay Gould xerou un sentimento de tristura e mesmo un certo baleiro en moitos milleiros de persoas en todo o mundo. Tamén foi unha certa sorpresa, xa que tiña só 60 anos e estaba en plena actividade intelectual. Digo certa porque o cancro xa estivera anteriormente presente na sua vida. En xullo de 1982 diagnosticou-se-lle un mesotelioma abdominal que, apesar da gravidade do diagnóstico, conseguiu superar, nun princípio pareceu que definitivamente, ainda que ao final, pasados case vinte anos, acabou sendo a causa da sua morte.
Para as xentes do mundo da bioloxia Stephen Gould, ainda que controvertido polos seus pontos de vista heterodoxos, era un eminente biólogo evolucionista. As suas aportacións científicas máis sobranceiras foron a teoria do “equilíbrio pontuado”, compartida con Niles Eldredge, que trata sobre os ritmos da evolución biolóxica e que marcou un fito importante nas polémicas da história moderna da teoria evolutiva, e a sua implacábel crítica da idea de progreso aplicada á evolución biolóxica, que plasmou sobre todo en duas obras, Wonderful life e Full House (1).
Na teoria do equilíbrio pontuado Gould e Eldredge defenden que a evolución biolóxica non acontece gradualmente, como pensaba Darwin e a prática totalidade dos seus seguidos até a época actual. Con moi contadas excepcións Ba máis sobranceira a de Thomas H. Huxley, amigo e defensor de Darwin, que non compartia o gradualismo extremo deste últimoB os evolucionistas sempre defenderon que a acción da selección natural ocorria de forma moi lenta e gradual, de xeito que os cámbios, ainda que contínuos, só se fan perceptíbeis transcorridos centos de milleiros ou, se cadra, millóns de anos dando lugar á formación de novas espécies por modificación paulatina das anteriores. Para o equilíbrio pontuado as espécies apenas sofren cámbios ao longo da sua existéncia, permanecendo en estado estacionário a maior parte do tempo até que se extinguen. Unicamente en pequenas povoacións marxinais das mesmas, sometidas a unha presión de selección forte, produce-se un cámbio evolutivo rápido (en termos xeolóxicos, que pode ser de dúcias de milleiros de anos), que ten como consecuéncia a formación de espécies novas a partir destas povoacións pequenas das espécies ancestrais. É dicer, as espécies están en equilíbrio durante a sua vida, pero este aparece pontuado por períodos rápidos de especiación (formación de novas espécies) en pequenas povoacións marxinais, sendo nestes períodos cando se acumulan a maior parte dos cámbios evolutivos. De aí o nome de “equilíbrio pontuado” que recibe a teoria. Os apoios máis importantes da mesma residen en que explica moi ben as discontinuidades atopadas no rexistro fósil e en que resulta moi acorde coas diferentes teorias sobre a especiación que se teñen proposto, incluindo as máis recentes. Ainda que non é de aceitación xeral, o equilíbrio pontuado foi gañando apoios na comunidade científica, desde que foi formulado en 1972.
A segunda das aportacións importantes de Gould, a crítica á idea de progreso aplicado á bioloxia, resulta ainda máis interesante. Abrangue vários aspectos relacionados que, en conxunto, configuran unha idea da evolución como un proceso de cámbio impredicíbel, sen unha dirección predeterminada, no cal os factores non deterministas xogan un papel de primeira orde. Unha primeira idea forte, que desenvolve en Wonderful life, é a de continxéncia, concebida como un proceso no que os factores, en parte aleatórios, en parte oportunistas e en parte deterministas, marcan a história da evolución a grande escala. Non nega a importáncia da selección natural darwiniana como un proceso de adaptación das povoacións ás condicións locais, pero relativiza a sua importáncia como elemento causal único e decisivo do cámbio evolutivo.
Relacionada parcialmente con esta concepción figura a sua crítica, na compaña do seu amigo o xenetista Richard Lewontin, do adaptacionismo extremo que caracteriza a algunhas correntes evolucionistas modernas, en particular á sociobioloxia. O ponto de vista de Gould e Lewontin é que moitos caracteres que aparecen nos organismos non son adaptacións, consecuéncia directa da acción da selección natural, senón que en ocasións son: 1) consecuéncia indirecta de reorganizacións nos organismos debidas a limitacións físicas ou fisiolóxicas no desenvolvimento doutras estruturas ou órgaos; 2) ou ben aparecen asociados a outros caracteres que si son seleccionados pola suas vantaxes adaptativas o que significa a selección pasiva dos primeiros ainda que non reporten ningunha vantaxe; ou 3) incluso poden ser froito do puro azar, que tamén xoga un papel importante na evolución. Isto configura unha visión da evolución como un proceso complexo, con distintos factores causais a diferentes niveis, no que a selección natural é un factor máis, moi importante en moitos aspectos, mais non determinante noutros moitos.
O corolário desta visión é a crítica da idea de progreso que Gould desenvolve extensamente na sua obra Full House e que constituiu a sua verdadeira teima na obra dos seus últimos anos. Segundo a sua concepción, a evolución non leva aparellada ningunha idea de progreso, calquera que sexa o critério que queiramos adoptar para defini-lo. Nin existe unha tendéncia xeral cara a unha maior complexida-de, nin cara a ningunha outra parte, que nos permita definir a evolución como un proceso progresivo. Unicamente unha idea antropocentrista da evolución, totalmente sesgada e non representativa da verdadeira dimensión da evolución biolóxica do conxunto do mundo vivo, pode sustentar unha visión progresiva da mesma que Gould critica con moito fundamento e con profusión de exemplos e argumentos.
Estes pontos de vista, en ocasións formulados de forma un tanto herética para a ortodóxia evolucionista dominante, levaron a que Stephen Gould fose atacado e mesmo desprezado por alguns dos seus colegas, as máis das veces con críticas desmedidas e infundadas. Mália a todo, o seu prestíxio como científico de primeira orde dentro da teoria evolutiva perdurou ao longo de toda a sua carreira.
Para o gran público, Stephen Gould foi sobre todo un ensaista extraordinário. Publicou dez libros de ensaios (2) (nove deles traducidos ao español), máis algun outro de crítica de libros, nos que se recompilan as colunas que mensualmente foi publicando sen interrupción desde 1973 na revista Natural History. Trata-se de ensaios de divulgación de extraordinária calidade, nos que combinaba os seus grandes coñecimentos biolóxicos cunha fonda sensibilidade cultural e social. Son ensaios para aprender, mais tamén para gozar coñecendo. Estes libros, lidos con paixón por millóns de persoas como se fosen obras literárias (en realidade tiñan unha moi alta calidade literária), deixaron unha fonda pegada en moitas xentes e para algunhas persoas, entre as que me conto, constituíron unha parte importante da sua formación intelectual. Ainda que só fose pola sua obra de divulgador científico, Stephen Gould, mereceria gozar dun posto prominente na interrelación entre o mundo da ciéncia moderna e a sociedade.
No aspecto social Stephen Gould non se limitou a divulgar a ciéncia. Formou parte durante a segunda metade dos anos sesenta e comezos dos setenta do grupo de intelectuais de esquerda Science for the People e participou na polémica que este colectivo mantivo cos defensores da teoria sociobiolóxica, formulada por Edward O. Wilson. Tamén tivo un papel destacado na defensa da teoria da evolución contra os grupos fundamentalistas que loitaban para que se explicase o criacionismo nas escolas dos Estados Unidos. Apesar da sua actitude militante neste debate avogou, na miña opinión sen demasiado éxito, por unha coexisténcia pacífica entre a ciéncia e a relixión (3) mália ao seu agnosticismo declarado en matéria relixiosa, ainda que procedia dunha família de relixión xudea pouco praticante.
En todas as controvérsias nas que participou mantivo sempre unha posición profundamente humanista e un espírito respeituoso e até ás veces conciliador cos seus contrincantes, o que non lle impediu defender con claridade e paixón os seus pontos de vista, marcados por unha conciéncia contrária aos prexuízos sociais conservadores e reaccionários.
Se alguén quere achegar-se á bioloxia evolutiva e ao darwinismo e coñecer as suas implicacións filosóficas e sociais a leitura de Stephen Gould é unha das formas máis gratas e interesantes de facé-lo. Como homenaxe póstuma á sua obra reproducimos, do seu primeiro libro de ensaios, un artigo titulado A non-ciencia da natureza humana, que ilustra as suas virtudes como escritor e científico socialmente comprometido.


__________________
(1) As traduccións españolas destas duas obras son La vida maravillosa (Editorial Crítica, Barcelona, 1989) e La grandeza de la vida (Editorial Crítica, Barcelona, 1996).

(2) As traducións españolas destes libros de ensaios son as seguintes: Desde Darwin (Hermann Blume, 1983); El pulgar del panda (Hermann Blume, 1983; Editorial Crítica, 2001); Dientes de gallina y dedos de caballo (Hermann Blume, 1984; Editorial Crítica, 1999); La sonrisa del flamenco (Hermann Blume, 1987; Editorial Crítica, 2001); “Brontosaurus” y la nalga del ministro (Editorial Crítica, 1993); Ocho cerditos (Editorial Crítica, 1993); Un dinosaurio en un pajar (Editorial Crítica, 1995); La montaña de almejas de Leonardo (Editorial Crítica, 1999) e Las piedras falaces de Marrakech (Editorial Crítica, 2001). O último dos libros de ensaios que escrebeu, titulado A have landed, acaba de ser publicado en inglés e ainda non foi traducido.

(3) O seu ponto de vista sobre esta cuestión ficou plasmado na sua obra Ciencia versus religión. Un falso conflicto (Editorial Crítica, Barcelona, 1999).

Libros Publicaciones Anteriores Inicio