Francisco Legaspi

Lei de calidade: segunda fase.
O discurso privatizador no ensino
(Inzar razóns, nº 29, xullo 2003)

Non semella que o PP teña uns critérios claros ou algun proxecto ben perfilado sobre que facer coa educación pública nun futuro ainda que sexa imediato. Por iso podemos escoitar ao consellerio Celso Currás dicer un dia que “o maior problema que ten hoxe colocado a educación é a disciplina”, e pouco despois afirmar que “nos centros educativos galegos non hai problemas apreciábeis de disciplina”. Asi mesmo, un dia os xornais inundan-se de titulares onde se avanzan centos de desaparicións de postos docentes e cando un xa vai asimilando ese horizonte comproba que o que agora se asegura con igual ímpeto é a recolocación escrupulosa de todos os efectivos, ademais da diversificación da oferta pública docente. A unha hora o fracaso escolar é o andazo do noso sistema educativo; á outra os dados oficiais revelan que na última década se reduciu o fenómeno en 14 pontos, estando Galiza entre as tres comunidades autónomas do Estado con mellor nivel educativo, mantendo-se nun 17 por cento fronte ao 23 por cento estatal. Os papeis aguantan do que lles poñen pero, de que responde a Conselleria?, e o Ministério? Realmente resulta tan difícil deseñar un plano educativo, uns catálogos laborais, unha oferta de emprego no ensino, a un prazo mínimo imprescindíbel para coñecermos o camiño que a educación pública quere seguir neste país? Van ser todo bandazos?
Sendo xustos, si hai alguns temas sobre os que a Conselleria se mostrou e segue a mostrar-se invariábel: leva anos falando dun descenso imparábel da natalidade, e outros tantos autorizando novos centros de ensino concertado e privado. Son estes, dous aspectos que nunca aparecen relacionados entre si en ningunha prensa, pero ambos os dous, casualmente, teñen a mesma vixéncia (a efeitos mediáticos) e descreben a mesma curva de incidéncia no mapa educativo galego. A baixa de natalidade xustifica todos os recortes e todas as pobrezas do noso Ensino: toma-se como un mal de forza maior. Entretanto, o ensino como empresa prospera a bo ritmo, aumenta espectacularmente os seus orzamentos, a sua cota de alunado, as suas infraestruturas, a sua incidéncia sociolóxica e de mentalidade..., e todo isto nun contexto (segundo se nos di) de caída en picado do número de escolares: a grande praga do ensino público vira-se en proverbial maná dese mesmo ensino en mans privadas. Como é posíbel tal paradoxo?

Privatizar o ensino público

Este é o obxectivo derradeiro que pretende o PP coa sua “lei de calidade” e para consegui-lo conta coa complicidade de sindicatos como CSIF e ANPE. A política neoliberal que o governo do PP está a desenvolver nos diferentes ámbitos sociais e económicos, concreta-se no terreo educativo en tres leis, a LOU e a lei de FP, xa aprobadas anteriormente, e a mal chamada “lei de calidade” (LOCE). O obxectivo derradeiro destas leis, en liña co neoliberalismo dominante, aspira a pór a educación e o diñeiro público destinado a ela nos Orzamentos Xerais do Estado e nos galegos, ao servizo das empresas de ensino, empresas entre as que destaca a Igrexa Católica, dentro dunha política xeral de privatización dos servizos públicos, política que pasa por descualificá-los e deteriorá-los primeiro para privatizá-los despois. O ensino secundário é a etapa educativa na que se producen os maiores problemas e é, portanto, a etapa que resulta máis doado desprestixiar para privatizar. E é que o ensino secundário vive momentos de abafante malestar, convertendo-se no albo de todos os desaxustes: prolongación da escolaridade obrigatória até os 16-18 anos, deficiente control académico, falta de alternativas diversificadas para o alunado, currículos inadecuados..., por non entrar no absentismo e na conflictividade familiar, na superprotección, no papel dos meios, na pobreza e marxinalidade cultural, social, económica...
Cando a LOCE fala de “itinerários” no seu artigo 25.4 di, “os centros sostidos con fondos públicos deberán oferecer todos os itinerários”, mais de seguido afirma que este princípio xeral se poderá axeitar ás “necesidades xerais e de demanda”, contemplando a posibilidade de criar “centros con especialización curricular”. Isto quere dicer que os centros educativos poderán impartir os itinerários que queiran; pero haberá que ofertar todos os itinerários posíbeis en función do alunado existente en cada localidade. Podemos logo imaxinar quen se vai especializar nos itinerários que conduzan ao Bacharelato, quen ofertará o itinerário peor, quen oferecerá os programas de Iniciación Profisional; o ensino privado, en virtude da “liberdade de ensino” e da posibilidade que a nova lei lle dá de criación de “centros con especializa-ción curricular”, ofertará os itinerários que queira, e o ensino público, que debe atender a todo o alunado para garantir un dereito constitucional, deberá ofertar todos os itinerários e, loxicamente, os programas de Iniciación Profisional, programas que de feito se converten nun cuarto itinerário ao que xente do ámbito da pedagoxia non dubidou en cualificar como o “colector de lixo do sistema”. Por outra banda, os centros educativos privados poderán tamén ter un “ideário próprio”, ideário que haberá de ser asumido por quen opte pola matrícula neste tipo de centros; ideário próprio con diñeiro público.
As tres medidas que vimos de sinalar, a posibilidade de non ofertar todos os itinerários, a de ser centro de especialización curricular e a de ter que aceitar o ideário para se matricular, teñen un obxectivo claro e explícito: que o ensino privado poda seleccionar o seu alunado, conseguindo transvasar o alunado “bo”, asi entre aspas, do ensino público ao ensino privado concertado, e impedir que o “malo”, dito tamén entre aspas, permaneza ou chegue ao ensino privado concertado. As famílias preocupadas pola educación das suas crianzas non permitirán levá-las a centros onde se concentre o alunado problemático, consumando asi o despovoamento dos nosos institutos; e polo razoamento da continuidade nos estudos, seguirán a levar a centros privados o alunado da Primária, e como a educación infantil xa será de balde...
A segregación do alunado en itinerários non solucionará os problemas senón que os acrecentará e concentrará en determinados grupos, itinerários e centros públicos, pois os privados “desprenderan-se” do alunado problemático. A segregación traerá máis problemas e conflitos aos centros e dificultará, cando non impedirá, o traballo do profesorado. Os países da OCDE que teñen sistemas comprensivos (Finlandia, Xapón, Corea, Gran Bretaña...), logran un elevado nivel educativo global, segundo o informe Pisa; polo contrário, os sistemas educativos segregadores (como o alemán) non aumentan os niveis. En España, cun sistema que é comprensivo só no papel, non se conseguen os niveis dos países con este tipo de sistemas por ter un aparello educativo ríxido e uniforme, que carece dos recursos humanos e económicos necesários para atender á hetereoxeneidade do alunado. Falando de recursos: a oferta do Bacharelato tecnolóxico limita-se a 50 dos 315 concellos da administración autónoma, cando ciclos formativos de grao superior e carreiras universitárias de Enxeñeria e Arquitec-tura precisan ter cursado matérias próprias desta modalidade de BAC. Pola sua banda, a oferta da cuarta modalidade de BAC, a artística, unicamente se imparte en sete centros ubicados nas sete capitais (280 prazas para toda Galiza). En canto aos ciclos formativos o panorama non é diferente. A Conselleria non estabelece nin un sistema de comedor e transporte, nin unha política de bolsas para o alunado desprazado..., deixando de ofertar servizos no ensino público que subvenciona indirectamente no privado.
Fronte a isto, unha chea de informes da maior solvéncia aseguran que o alunado da privada “sabe máis” que o resto.

Desenvolver a LOCE através dos reais decretos

Os proxectos de reais decretos apresentados polo Ministério ordenan o calendário de aplicación da LOCE e o ensino por etapas. Ainda faltan desenvolvimentos importantes, pero os que coñecemos confirman á perfección o máis alarmante do prefigurado pola lei: a privatización de todo o sistema, á que lle seguirán graves consecuéncias laborais e unha trascendental repercusión social: a imposibilidade de acceso a unha educación completa e digna para grandes sectores de povoación. No primeiro dos proxectos (calendário de aplicación) úrxe-se á “gratuidade” das etapas anteriores á Primária (que, como se sabe, non forman parte do ensino obrigatório), xeralizando-a no 2004-05 (Preescolar) e 2005-06 (Infantil). Tamén, a partir do segundo curso de implantación autorizan-se as transformacións de concertos relativos ao Bacharelato e á F.P. (incluídos os programas de Iniciación Profisional). É aqui, portanto, onde mellor se advirte a privatización no seu sentido máis estrito e imediato: a consolidación da dobre rede no marco dun incremento do ensino privado subvencionado. Avanzar na existéncia da dobre rede supón admitir o primeiro e máis importante mecanismo de segregación social do sistema educativo. Impón tamén renunciar ao conceito de ensino como ben público ao que se deberia acceder digna, universal e gratuitamente, á marxe das circunstáncias xeográficas, económicas, de sexo, raza, cultura, “capacidade”, etc. Ao non ser este o conceito manexado, veremos como baixo a falaz imposición da “liberdade de eleición” das famílias late unha interesada confusión entre o público (o diñeiro que finanza a escola concertada: a FERE xa está a pedir 587 millóns de euros) e o privado: a xestión dos centros concerta-dos, asi como os seus obxectivos e valores, entre os que se atopa a educación de “minorias”. Serian moitos os centros concertados que pecharian por falta de demanda e rendibilidade se verdadeiramente fosen submetidos ás invocadas “leis do mercado”. Velaqui unha liberdade de eleición ferreamente planificada que, principalmente, asegura Bcontra a realidade socialB a influéncia da Igrexa Católica, asi como a reprodución das desigualdades sociais.
Pola sua banda, nos proxectos adicados ás diferentes etapas, (por exemplo na Infantil, onde se introducen como obxectivos académicos aprender a ler e contar), pretende-se ir clasificando o alunado “axeitadamente” en niveis homoxéneos de rendimento Bpor usar un eufemismoB. Aos 15 anos, a quen foi colocado reiteradamente en grupos de baixo estímulo educativo, facilíta-se-lle directamente a saída do sistema, a sua conversión en man de obra dócil e barata através dos Programas de Iniciación Profisional. Despois, cos critérios de promoción, os itinerários e a proba de reválida, verifíca-se unha segunda grande peneira que, acompañada das que estabeleceu a LOU na etapa universitária, dá como resultado finalmente un grupo de “eleitos/as” que poderá acceder ao traballo “especializado”. Quen fora ficando no camiño, e sempre que dispoña de meios económicos, poderá ir mercando diversos módulos formativos para unha “aprendizaxe ao longo de toda a vida”, que contempla unicamente aqueles saberes e destrezas que lle son rendíbeis á empresa. E entre estes non parece que estean a Educación plástica ou a Música, polo que se deduce da escasa releváncia horária que se lles concede nestes decretos.
O currículo, cada vez menos oculto, da competitividade percorre o ordenamento das diferentes etapas nestes proxectos: non figura o obxectivo básico de “formar persoas”, de aprender, senón e máis ben o de superar probas. Medidas como as avaliacións “informativas” de etapa ou o recurso dos centros á “especialización curricular” desde a Primária, xorden de pensar a escola en termos de cliente e empresa, e servirán para abandonar á sua sorte a determinados centros e sectores do profesorado, mentres son culpabilizados do seu “fracaso” laboral. Por se isto fose pouco, impon-se falsariamen-te a liberdade relixiosa sobre o carácter aconfesional do Estado, o espazo público da escola é violentado coa introdución dunha matéria, confesional en calquera das suas duas modalidades, e que ademais é exaxerada no cuantitativo e no cualitativo.
Fronte a isto, unha chea de informes dá maior solvéncia afirman a utilidade “regulado-ra” de estudar os fundamentos da nosa civilización.

Negociar a LOCE coas forzas sociais

Do profesorado fala-se pouco neste proxecto de lei. Non se recoñeceu no seu dia que o traballo nas aulas se estaba a complicar un pouco máis cada dia coa aplicación da anterior reforma educativa, e a Administración non tomou as medidas axeitadas para solventar estas complicacións. Hoxe o profesorado permanece en boa medida ausente do novo proceso de reforma. Esta nova lei non repara moito na figura dos e das profisionais que dia a dia veñen desenvolvendo o seu traballo no campo educativo. Non se apresenta a titulación de licenciatura para o profesorado da Primária, nin ningun mecanismo para garantir a mobilidade entre todas as ensinanzas; fala-se máis de facer a avaliación do profesorado que de como mellorar a sua deficiente formación contínua; pretende-se xerarquizá-lo, restaurando os vellos corpos de catedráticos e directores, reducindo a autonomia real dos centros educativos e rebaixando o claustro a órgao de consulta cando agora era órgao de xestión e governo. O profesorado de Bacharelato verá como a administración educativa non se fia das suas cualificacións e implanta unha reválida, infravalorando o seu traballo. O MEC fala, en definitiva, de motivar o profesorado, pero as medidas que se propoñen son ridículas, tenden a xerarquizá-lo e a infravalorá-lo, o que non quita para que o Ministério bote a pacer todos os dias frases como que “o profesorado é o motor da educación e desta reforma”, pura propaganda enganosa e oca.
Rodeada de persoeiros e entidades que se autoproclaman representativas do profesorado e que aplauden as suas propostas, a ministra recela comprometer-se a negociar na Mesa Sectorial de Educación todos aqueles aspectos que afectan claramente ao profesorado, ás suas condicións de traballo e aos cadros de persoal dos centros. Porén, vemos que os reais decretos van chegando á Comisión Permanente do Consello Escolar do Estado (non ao Pleno, onde o Ministério non ten asegurada a maioria), constatando con estupor que a ministra segue amosando desprezo polos lexítimos representantes do profesorado.
En canto ás nais e pais, veñen de celebrar o 11 encontro estatal de ANPAs hai unhas semanas, onde se reuniron máis de 150 asociacións e federacións que elaboraron unhas conclusións onde reclaman un pacto social pola educación, ademais dun auténtico funcionamento do sistema de inspección, un cámbio de programas de estudo tanto na formación inicial do profesorado como na permanente, máis investimento en recursos humanos e materiais, unha normativa legal que recolla a paridade nos consellos escolares co fin de fomentar a participación de nais e pais e a sua implicación nos centros escolares... Resumiron as suas conclusións solicitando “a derogación da LOCE para conseguir a escola que buscamos”.
Pola sua banda, especialistas e científicos da educación falan de que estamos na sociedade da información, non na do coñecimento; hai, pois, que transformar a información en coñecimento. Entre as funcións da escola están, ademais da anterior, a educación integral, a loita contra o fracaso escolar e a exclusión social, asi como formar para a democrácia: a escola non é da Administración, senón da comunidade. Resultan irracionais os tempos escolares en que cada vez existan máis contidos curriculares nun menor tempo escolar. Actividades extraescolares e pasantias constituen hoxe por hoxe unha “segunda escola”, que cada vez vai tomando maior importáncia, en detrimento do horário lectivo e das famílias con menor poder adquisitivo ou cultural. En fin, pedagogos hai que pensan que para traballar pola “calidade” e a equidade seria preciso que a Administración estabelecese zonas educativas preferentes, evitando tamén estigmatizar determinados centros educativos.
Fronte a isto, unha chea de informes da maior solvéncia abocan a coléxios e institutos a “xerar recursos próprios” e colaborar asi no seu próprio sostimento.