Francisco Legaspi

A Relixión no ensino: pre-rogativas eclesiásticas
(Inzar razóns, 31, xullo 2004)

PSOE, PP, a mesma cousa non é

Na própria semana de resaca eleitoral das últimas xerais a prensa anunciaba o que o novo governo, ainda por formar, ia facer en matéria de ensino da Relixión. O sistema educativo garantiria a existéncia da Relixión na escola para quen asi a escoller, e tal progresista decisión tomaba-se fronte á “viraxe que supuña a reforma do PP, iniciativa que impuña de facto a Relixión obrigatória no sistema educativo”. Estaba, pois, cantado: unha das primeiras decisións do PSOE ia ser derrogar a disposición adicional 2ª da LOCE que decretaba a Relixión obrigatória, aquela nova área denominada Sociedade, Cultura e Relixión (SCR), con duas opcións, confesional e non-confesional, onde o estudantado, e a partir do curso vindeiro, ia elexer unha das duas opcións, ambas as duas avaliábeis e computábeis na nota média do currículo académico. E era que para o PSOE, “pais e nais tiñan dereito a que as suas crianzas estudasen Relixión na escola, mais ese dereito non deberia converter-se en obriga para aqueloutras famílias que non a quixesen, Be engadianB, isto non é doutrina dos socialistas, senón do Tribunal Supremo”. Até aqui esas escintilantes semanas de marzo onde cada dia acordábamos cunha soleada notícia da nova España que estaba por chegar. Mentres, o PP dicia que tal postura non era própria do século XXI pois, ao seu parecer, lembraba actitudes dos anos 30, en referéncia aos movimentos anticlericais durante a II República...
Non foi moi difícil quedar de progresista ante unha medida como a introdución da SCR no ensino obrigatório, outra imposición Ba enésimaB exercida sempre desde a mesma confesión relixiosa ao conxunto da sociedade. O noso sistema educativo ainda padece graves dependéncias do poder que a Igrexa Católica acumulou na história recente. A cuestión foi especialmente funesta en relación á matéria de Relixión (católica) e ás sucesivas “solucións” alternativas presentadas no ensino público, todas elas recorridas e admitidas a trámite polo Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional. A Lei de Calidade (LOCE) complicou ainda máis o problema, ao querer dar cabida á SCR através de duas versións, unha confesional, que en realidade incluía a clase de Relixión católica, e outra supostamente non confesional, para os que simplemente non optaren pola primeira. A anterior Ministra trataba de aparentar unha posición ponderada, apelando ao dereito do alunado a aceder a unha cultura básica sobre o feito relixioso e ao dereito das famílias a receber unha educación relixiosa. Ora ben, ninguén cuestiona que para aceder a uns saberes sobre a sociedade, a filosofia, a história, a língua, a literatura, a arte, a música, que para estudar os conflitos, os valores, as éticas, ten-se que posuir unha cultura relixiosa básica, cultura que en Ocidente se peneirou através de duas grandes relixións, a cristiá e a musulmana. Mais estas matérias e disciplinas xa incorporan contidos e conceitos relacionados co feito relixioso. Argumenta-se que todo o mundo debe estudar o feito relixioso como fenómeno antropolóxico e histórico, mais agacha-se que os currículos actuais xa abranguen –sempre abrangueronB elementos básicos da cultura relixiosa nos respeitivos ámbitos.
O Ministério do PP quixo avaliar a Relixión e impor unha matéria alternativa, tamén avaliábel. Un xeito de introducir a Relixión católica pola porta de atrás. Esta saída ao problema convertia-se en suspeitosa desde o mesmo momento en que coincidia a autoria no currículo das duas versións da matéria. Non existia na prática unha alternativa ao ensino da Relixión católica: a estrutura das duas versións era case idéntica e os contidos moi semellantes. Considerados globalmente, tales contidos mantiñan uns claros desequilíbrios conceituais e afastaban-se dunha idea respeitosa coas diferenzas entre crenzas ou, simplemente, ecuménica. A SCR alternativa estaba deseñada para obviar todo tratamento conflitivo ou que puider conotar pexorativamente o feito relixioso. Observaban-se redundáncias cos contidos doutras áreas, e mesmo existian epígrafes literais tomados dos currículos de Ciéncias Sociais ou Filosofia. Na versión non-confesional atopábamos tamén nesgos claramente ideolóxicos:
Afirmar que as relixións monoteístas son o resultado dunha evolución lóxica e que manteñen unha superioridade fronte ás demais formas relixiosas.
Marxinar Hinduísmo e Budismo á hora de se referir ao marco contemporáneo ou ao diálogo ecuménico.
Rixidez na concepción cronolóxica, o que imposibilita un estudo histórico e temático. Só o Cristianismo recibia trato diacrónico.
Radicalismo e integrismo apresentados como fenómenos ou conceitos reservados unicamente para a análise do Islam.
Silenciamento dos elementos críticos non confesionais da cultura humanística; as alusións ao ateísmo conectaban-se co totalitarismo (!).
Simple supresión de calquera conotación negativa da relixión; asi: non eran mencionadas as persecucións inquisitoriais, a evanxelización obrigatória en América, as seitas relixiosas, os silenzos cómplices da Igrexa ante as barbáries cometidas nas duas guerras mundiais, ante o totalitarismo e escurantismo da ditadura franquista, etc.
E todo isto con 210 sesións lectivas –garantidas polo decreto de ensinanzas mínimasB no conxunto da Secundária Obrigatória; o MECD queria asi blindar o horário da SCR ante posíbeis insubordinacións dalgunhas CC.AA. Máis horas de Relixión que de áreas como Ciéncias da Natureza, Tecnoloxia, Educación Física, Plástica, Música...
Que quede claro, é óbvio que debemos estudar Relixión, isto é, debemos coñecer o papel que desempeñou a xerarquia eclesiástica na história española, sempre a prol dos reximes máis autoritários e dos sistemas económicos e sociais máis inclinados a soster e incrementar as desigualdades, pero isto hai que facé-lo desde dentro dun contexto e por iso debe ser nas matérias de Sociais, Arte, História, Filosofia,... onde o abordemos.

PSOE: opcionalidade tranquila

Como dixemos máis arriba, o novo governo reiterou xa en diversas ocasións que desexa volver á situación anterior á LOCE neste tema. Isto é, garantir o ensino da Relixión católica en todo o sistema educativo público cuns profesores-catequistas (17.000 aproximadamente) que selecciona a Conferéncia Episcopal e paga o Estado “relixiosamente”, pois son contratados laborais da Administración. Ao mesmo tempo, e neste sistema de ensino da Relixión, os centros teñen a obriga de organizar unha área con actividades próprias para o tempo no que o resto de estudantes estea en clase de Relixión católica: a chamada alternativa á Relixión. Se ao devandito sumamos que un 30 por cento do alumnado está actualmente en centros de titularidade católica, sufragados polo Estado, en aras de garantir a liberdade de eleición de centro por parte das famílias en base a motivos relixiosos, e engadimos tamén que o mesmo Estado paga a outros 16.000 profesores de catolicismo que actuan no sistema educativo privado-concertado, podemos afirmar que existe BPSOE medianteB unha garantia extraordinária para que a doutrina católica chegue a nenas e nenos no sistema educativo. Esta garantia, para moita xente, é claramente contrária á liberdade de conciéncia e vive-se como unha evidente imposición exercida desde unha confesión relixiosa ao conxunto da sociedade.
A igrexa católica é proprietária do 80 por cento dos centros privados-concertados, dos que tira enormes benefícios. Segundo se ten publicado na prensa, o Estado, através das suas administracións central, autonómica e municipal, aporta cada ano arredor de 4.000 millóns de euros á Igrexa Católica nas suas diferentes e numerosísimas manifestacións; 130 millóns proceden directamente dos orzamentos xerais do Estado, dos que menos de 90 millóns corresponden á asignación tributária que os fieis atribuen á sua relixión na declaración do IRPF. O resto sae das arcas de vários ministérios e das consellarias correspondentes dos governos autónomos. Só en retribucións para o profesorado de Relixión católica en pública e en concertada, o orzamento supera os 600 millóns de €. Porén, os datos sobre o apoio á Igrexa Católica comezan a ser alarmantes para esta. Cada vez menos cidadáns citan á Igrexa como influinte nas suas decisións (morais, matrimoniais, conceptivas); só o 52 por cento se declara católico praticante; apenas o 35 por cento asigna á Igrexa a cota correspondente dos seus impostos na declaración da renda, porcentaxe que en Cataluña non chega ao 22 por cento; a idade média dos bispos españois é de 65 anos e ningun ten menos de 50 Bo cardeal Tarancón xa era bispo aos 37; o número de monxas (50.000), cregos (19.000) e frades (16.000) baixa constantemente; hai no Estado Español 12.000 parróquias sen párroco, sobre un total de 22.500; os 130 seminários acollen a 1.900 seminaristas maiores, unha média de 15 alunos para uns sobérbios prédios que nos anos 60 albergaban cada un a máis de mil seminaristas... Por iso a Igrexa pensa que precisa, antes que nada, manter-se na sua posición preponderante na sociedade, na cultura (e nomeadamente na educación), e para este fin a sua xerarquia está disposta a todo. E, desde logo, o PP estaba disposto a valer-lles, e CiU tamén. Acaso non se concertaron, isto é, concederon cartos públicos, a institutos do Opus Dei onde se dan clases separadas por sexos? Daquela, por que non dar máis facilidades con esta cuestión dentro do ensino público? O cardeal presidente da Conferéncia Episcopal, o chairego Rouco Varela, entrevistou-se xa várias veces con Pérez Rubalcaba e non precisamente para dar-lle a noraboa polo éxito eleitoral. De que falaron?, de moral, de diñeiro? O certo é que os bispos non se puxeron en pé de guerra por perderen a flamante SCR do ensino. Poderíamos especular que están dispostos a sacrificá-la a cámbio da concertación de todos os tramos da Infantil e, nunha segunda fase, do Bacharelato. Poda que coidemos que a sua principal preocupación se situa no financiamento, máis que na xustiza ou no ben. Son moitos xa os pasos desta institución no camiño de se afastar da maioria social e de reforzar políticas elitistas e inxustas de raiz, ou sexa (como ela mesma di) “estruturas de pecado”...
O PSOE, en efeito, xa aclarou mediante real decreto que moitos aspectos da LOCE seguirán adiante e, entre eles, a subvención concertada dos tramos de idade 3-6 e 0-3. Esta medida ten unha doada presentación en sociedade: axuda e apoio familiar á xente traballadora, cobertura social e asistencial, incremento da rede de gardarias e escolas infantis, ...
O PSOE, ademais, pretende cubrir-se de glória aplicando o Estatuto dos Traballadores ao profesorado de Relixión; este colectivo, que agora é proposto e cesado polo bispo correspondente ainda que contratado e pagado pola Administración, estabelece unha relación laboral co Estado e non coa Igrexa, relación que non lles serviu para evitar repetidas decisións arbitrárias dalguns bispos que prescindiron de profesores por cuestións de índole persoal e privada. En virtude desta relación, o PSOE pretende loxicamente pór orde nas prerrogativas episcopais, ainda que, Bnon hai que enganar-seB os bispos seguirán seleccionando o seu persoal en virtude do dereito que os ampara. Nesta liña laboral, alguns sindicatos de ensino ven neste colectivo un suculento pastel ao que non se poden resistir: pide-se a equiparación retributiva completa, recoñecimento de antigüidade, extras, contratación indefinida, pago de dietas de desprazamento a itinerantes, homologación á situación do persoal interino de ensino, etc. Reivindicacións sindicais á parte, ninguén semella reparar na orixe do conflito e no modelo educativo que se pretende asentar.

Nin Relixión, nin alternativa: escola laica

A situación que o PSOE nos quere deixar en herdanza supón o status quo da Relixión no sistema educativo, isto é, os profesores de Relixión católica forman parte, como membros de pleno dereito, do Claustro de profesores, participando asi nas decisións tomadas pola comunidade educativa, (non só naquelas que atinxen ao alunado que optou pola clase de Relixión); permite-se-lles, ademais, ser titores de fillas e fillos de famílias que non desexan en absoluto a influéncia do clero sobre as suas crianzas; hai, asi mesmo, casos de profesorado de Relixión dando clases de apoio en Primária e até Alternativa á Relixión (!); o decreto 2438/94 que vén rexindo até o de agora o ensino da Relixión conduce a docentes, famílias e alunado á máis penosa das situacións: tomar como reféns a nenas e nenos que non seguen as clases de Relixión, moitas veces para manté-los durante horas abandonados nun corredor ou, no mellor dos casos, obrigados a cursar unha “Alternativa á Relixión”.
Nun breve repaso ao estado xurídico do asunto podemos visualizar moi ben a situación: o artigo 27.3 da Constitución de 1978 garante o dereito de nais e pais para que os seus fillos reciban formación relixiosa e moral axeitada ás suas convicións. Mais en ningun momento estabelece a obrigatoriedade da formación relixiosa; e non é o mesmo recoñecer un dereito que estabelecer unha obriga. O artigo 2.1.c da Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa sinala o dereito á educación relixiosa tamén no “ámbito escolar”, que non é o mesmo que dicer no “sistema educativo”; tampouco aqui se estabelece unha obrigatoriedade. Os respectivos artigos dos Acordos asinados coas comunidades Evanxélica e Islámica dispoñen que os centros deberán facilitar os locais axeitados para o exercício daquel dereito, en harmonia e sen que poda prexudicar o normal desenvolvimento das actividades lectivas. Isto é, uso das instalacións públicas fóra do horário lectivo para impartir este tipo de ensino, pero sen pretender unha inserción orgánica no sistema educativo. Ora ben, o Acordo entre o Estado Español e o Vaticano sobre ensino e asuntos culturais dispón que os planos educativos incluirán o ensino da Relixión católica en todos os centros, en condicións equiparábeis ás demais disciplinas fundamentais; e ao non podé-la converter en matéria obrigatória, dispuxeron-se a oferecer unha matéria alternativa... Esta posición, a todas luces privilexiada, que ostenta a Igrexa Católica no Estado Español, vén determinada en grande parte pola natureza xurídica dos concordatos, acordos coa Santa Sé, goberno soberano do Estado da Cidade do Vaticano, acordos BportantoB baixo a cobertura do Dereito Internacional Público, á marxe da Constitución Española. Na prática, a Igrexa non cumpre coa lexislación vixente no Estado Español, non ten que se submeter aos tribunais e parlamentos españois. Exemplo de impunidade son os despidos de profesores de Relixión católica por motivos que vulneran os dereitos e liberdades consagrados pola Constitución. Ten-se denunciado que o Concordato entrou en vigor mesmo antes que a Constitución de 78, polo que numerosos xuristas o consideran anticonstitucional.
En definitiva, as distintas confesións poderian, ao noso ver, solicitar o uso dos centros en horário extraescolar para levar a cabo as suas actividades. Tampouco está no noso ánimo negar-lles o acceso ás fontes de financiamento público e subvencións estabelecidas para entidades sen ánimo de lucro, igual que calquera entidade social legal e democraticamente constituída. O profesorado ao servizo das diferentes confesións non debe, porén, manter unha relación laboral coa Administración, senón coa empresa que o selecciona e contrata. As suas relacións laborais axustarán-se ao marcado polo Estatuto dos Traballadores, negociando coa sua empresa o convénio que ambas as partes consideren oportuno. Que unhas persoas seleccionadas polas suas convicións relixiosas se convertan en contratadas laborais da Administración vulnera a aconfesionalidade do Estado.
Se nin a Relixión católica nin a Relixión son na actualidade a base das convicións morais de grande parte da poboación, nin único referente ético para unha maioria de cidadáns, que argumento resta ainda para que siga a facer parte do currículo escolar? A escola, hoxe máis que nunca, debe ser un espazo público libre de adoutrinamento relixioso e/ou ideolóxico, de cara ao exercício da liberdade de conciéncia e da autonomia moral. Postulamos unha escola onde estean cómodos tanto non crentes como crentes. Avogamos por un modelo de Escola Laica que eduque en valores humanistas e universais, na pluralidade e no respeito aos dereitos humanos, na asunción da diferenza e da diversidade, en valores éticos civis, non sexistas e democráticos.