Nanina Santos

“As nenas boas van ao ceo e as malas… a todas partes”
(Andaina, Revista Galega de Pensamento Feminista, 34, Primavera 2003)

CONDOLEEZA RICE non agrada as miñas amigas feministas. Non agrada porque é Conselleira de Seguridade do Governo USA, o país máis poderoso da terra que acaudillou a guerra para se afacer cun cacho de rica terra e estratéxica terra que non lle pertencia (Iraque). Supoño que estas amigas, que pelexan para que en todas partes haxa (o máis a pares posíbel) homes e mulleres, Condoleeza non lles agrada por envexa, ou asi. Condoleeza ten poder e usa-o sen complexo nen empacho. E isto o que non lles cae ben dela?
Fixen-se se ten poder que de 1991 a 2000 foi alta executiva da compañia de petróleo Chevron, que bautizou un petrolero co seu nome. Desde entón está no goberno de Bush. Non como ministra de sanidade ou servicios sociais. Non. É Conselleira de Seguridade un dos temas estrelas dese governo, armado até os dentes e decidido a encinar-lle ao mundo mundial quen manda aqui.
É polas suas ideas e polas suas prácticas polo que non lles gusta Condoleeza? Pero, cando vindicamos mulleres aqui e ali, pedimos mulleres, sen mais, non Condoleezas nen Teresas de Calcuta, convencidas
da elemental democrácia da demanda: que participen a metades nas cousas que lles depara a vida individual e social habida conta de que as sociedades se compoñen de homes e mulleres.
de que as mulleres fan as cousas doutra maneira, que o fan mellor, máis cooperativamente, de xeito menos vanidoso. Que non son como os homes, e que non son tan “galiños ou o que é o mesmo, tan machiños”.

Se cadra o feminismo (por certo, permitide-me a gran pregunta: Que feminismo?) debe axustar máis as suas posicións e ser moi consciente de que algunhas das suas demandas teñen, -non pode ser menos-, problemas sérios.
Queremos todas as oportunidades para as mulleres... e facemos ben en querer algo asi. Logo, as mulleres reais de carne e óso, en uso das oportunidades e posibilidades concretas que se van abrindo, escollen cousas ...
Ser soldadas no exército USA ou en calquera outro exército
Ser ministras e presidentas dos governos
Participar na avanzadilla dos comandos terroristas de aqui e ali
Ser deputadas que lexislan, aproban leis ou lles pechan as portas a outras.
Ser xuizas e fiscais para acusar, condear ou liberar
Ser científicas en todos os ámbitos e da máxima altura.
Ser ordeadas sacerdotisas e “subir” no escalafón das distintas igrexas até chegar a Papa
Estar nas altas tecnoloxías non só como usuárias, tamén como creadoras e aplicadoras
...

E fan moi ben en querer estar en todos os sítios. E fan moi ben as feministas en dicer que a casa non é o sítio da muller, e que o mundo é ancho e plural e as curiosidades, anceios e ambicións das mulleres poden e deben fluir sen que as restriccións machistas e represoras as freen e sofoquen.
E a medida que van estando en maior medida aqui e ali, vemos como se moven, actuan, deciden.
Cando o fan ao noso gusto dicimos, Ouh, si, nota-se que é muller e cando son como Condoleeza Rice ( que ademais é negra), ou Margaret Thatcher, recordan?... tamén se nos antolla dicer que elas son como homes, que se mimetizaron coma homes.
Non me satisfan os argumentos.

O feminismo (Qué feminismo? volvo a preguntar), nas cabezas dalgunhas se pretende capaz de explicar todo e todas as cousas que atinxen as mulleres. Os comodins “patriarcado” ou o”sistema de sexo-xénero” se teñen convertido en ocasións neses factores explicativos globais.
Pertencer a algunha desas duas grandes divisións home/ muller non aparella, de por si cualidades, ideoloxías,valores...
É un dos factores importantes que ten sido minusvalorado e/ou desprezado moito tempo, mesmo desigualmente considerado na actualidade.
Outros factores son tamén importantes: riqueza e cultura, lugar xeográfico, tempo histórico, urbe ou mundo rural, eleccións sexuais, posición social, relixión, família de socialización, cor de pel, sexo...
As persoas formamo-nos nun complexo cruzamento deses factores (ou como queiramos dici-lo). Non hai UN que determine (palabra forte onde as haxa). Uns tiran máis “do carro” nun momento, nun grupo, nunha época, segundo as persoas.
Facer valer e reivindicar a importáncia da pertenza xenérica é moi necesário pero hai que desposui-lo de máis propiedades explicativas e interpretativas que as que ten.
Atribuir cualidades esenciais a un e outro sexo parece-me máis que problemático. De igual xeito que atribuir-llelas ás nacións, as “razas”, as eleccións sexuais, etc. Se falamos de prácticas e hábitos, de cualidades ou habeléncias nacidas e desenvolvidas polos hábitos e polas prácticas mesmo milenárias pero tamén cambiantes, o interese e a necesidade está fóra de dúbida (*).

Volto a Condoleeza Rice que na miña opinión se sae: ambición e avarícia xigantescas. Enérxica, Talentosa, Capaz, brillando no mundo público e pospoñendo a vida privada á que con excesiva frecuéncia se nos relega ás mulleres. Seguro que tivo que loitar e sobrepoñer-se sen desmaio, se mantemos a vella e renovada tese de que a elas sempre se lles mide con triple lupa ( ou é que no equipo de Bush hai cotas de “minorias”: negros-mulleres..e a ela tocou-lle por sorteo para cubrir cota e non é máis que un floreiro?).
Merece apoios en canto lider do feminismo (de que feminismo?).
Insistamos, en nome do feminismo: máis Condoleezas, máis Margarets. Iso é: Mulleres no poder e con poder e eu estou de acordo ainda que as miñas amigas lles pareza un extravio.
Hai cousas dela que detesto sen paliativos: é un ser implacábel, carente de bondade, compaixón e de empatia (valores que admiro).
Detesto-a pesie á importáncia que lle concedo á preséncia de mulleres en todas partes e no poder puro e duro.
Ódio a política do governo no que ela é conselleira e no que ela participa e contribue a deseñar e facer cumprir.
E detesto-a e odio-a porque na miña escala de valores a bondade, a compaixón e a empatia gozan do maior rango ( valores que non chegaron a min da man do feminismo). E opoño-me á política do seu governo polo que significa para milleiros de homes e mulleres daquel país e doutros paises nos que o seu governo mete as suas suxas mans. E ten isto que ver co feminismo? Sen dúbida si, pero non só co feminismo.
Cando escoito as amigas feministas dicer que en nome do feminismo se opoñen as Condoleezas e as Margarets sinto rareza. É fantástico opoñermo-nos as suas políticas neoliberais en grao máximo, aos seus governos, a sua implacabilidade e decisións altaneras... Pero, non neguemos, por favor, que o valor destas mulleres como espello público de malas mulleres é marabilloso para o feminismo (ou para aspectos moi importantes do feminismo) que desaproba as nenas boas: nais abnegadas, sempre cariñosas e disponibeis para coidar os seres humanos que as rodean ou aos que governan e a cámbio son egoístas, ambiciosas, vanidosas, vengativas van a todas partes e non consideran as casas e a família como o lugar mellor e ideal e disputan sen empacho algun aos seus conxéneres varóns o espazo público e o poder sen ambaxes nen roupóns.
Se cadra entre o que dicimos defender e o que en realidade significa na práctica o que defendemos hai desaxustes sérios que deberíamos pensar.
Eu mesma cando me obrigo a pensar e falar de Condoleeza Rice e de Margaret Tatcher (e doutras parecidas con pouquísimo poder e con menos posibilidades de dar ás á sua ambición) sinto náuseas.
Preferiríamos logo que as mulleres queden na casa e non saian moito do guión?
Precisamos pensar máis todo isto. As ideas que defendemos e contribuimos a espallar teñen consecuéncias, no relativo ás Condoleezas e a moitas máis cousas.

_____________________
(*)Talvez non esté de máis lembrar o tempo en que o valente movimento sufraxista de finais do XIX e comezos do XX centrou as suas enerxias na conquista do voto para as mulleres certas de que elas, co seu voto, cambiarian radicalmente a cousa. A realidade desmentiu totalmente estas pretensións. As mulleres afortunadamente puideron votar e, en uso da sua liberdade (e das manipulacións as que os seres humanos somos submetidos polo poder e os poderes), votaron cousas ben distintas unhas e outras e non cambiaron radicalmente ningun governo nen xeito de governar nen de facer política.