A.H.M.

Notas e debates sobre a crítica ao voluntariado  
( Inzar Razóns , 30, febreiro 2004)  
 

Introdución  

O movimento de solidariedade xerado tras o desastre do Prestige propiciou alguns debates. Asi sucedeu, por exemplo, cun dos protagonistas da xestión da catástrofe e as solución aplicadas ás consecuéncias da mesma: o voluntariado.    
A pretensión deste artigo é a de oferecer unhas reflexións e unha visión deste fenómeno, pero non limitando-as ao contexto deste grande desastre meio-ambiental; máis ben, quereríamos emarcá-lo no auxe espectacular que tivo nos últimos tempos, e fundamentalmente na década dos 80, data considerada pola maioria dos autores como a do início do " boom do voluntariado" (2).  
Nas distintas opinións e interpretacións que ten provocado, atopamos alguns elementos comuns; entre eles, a sua consideración e ubicación dentro dunha nova cultura e dinámica da participación socio-política, contraposta en moitos trazos á maioritária até o momento, sobre todo nos sectores da mocidade (3).     
As críticas ao voluntariado provintes do mundo da esquerda conteñen,
xeralmente, unha defensa da participación política tradicional, contrapondo-a a esta nova pola sua falta de ideoloxización. Asi mesmo, sinalan-se as coincidéncias deste boom coa crise do "estado de benestar" e o início dun discurso xustificador dos recortes no gasto público. Discurso no que a defensa do voluntariado é un dos elementos fundamentais, entendido este como recurso humano gratuíto ou barato. (4).   
Esta visión ten contribuído a minimizar ou excluir este debate na esquerda. Entendemos, contodo, que é preciso abordá-lo, e apontamos dous motivos B non os únicos nin os máis importantes, probabelmente- para iso. Un xeral: o potencial deste movimento que, como se amosou no caso do Prestige , ten, ou pode ter, unha compoñente crítica e liberadora moi interesante: a combinación da acción directa para solucionar algunhas das consecuéncias dunha situación de catástrofe, xunto con iniciativas mobilizadoras e de denúncia.      
O outro, situamo-lo nun contexto no que, en cada vez máis concellos, persoas e sectores do nacionalismo e da esquerda asumen responsabilidades de governo, ou ben incluen nas práticas da oposición a elaboración de propostas e alternativas. E no eido dos servizos sociais B fundamentalmente, ainda que non só-, o voluntariado é un tema presente, sobre o que cumpre tomar postura e decisións.
Un argumento máis: o debate sobre o voluntariado non é un debate cómodo para a esquerda porque, en moitos aspectos, situa-se nun contexto cando menos diferente ao modelo máis clásico e tradicional dos servizos públicos que esta defende. A defensa e opción pola presenza de persoas que realizan actividades sociais básecas no marco de organizacións "privadas", que complementan, substituen ou incluso palian campos da intervención da Administración Pública, faria preciso un cuestionamento ou matización a dito modelo.    
O chamado "terceiro sector" (5) encaixa mal nesta visión, na que se contrapón dun xeito quizais moi ríxido o público e o privado, sen xeito de conexión.            
    
O voluntariado no contexto do neoliberalismo     
    
A actividade voluntária ten sido e é unha parte fundamental do quefacer habitual das persoas e das sociedades. "Persoas que sen contraprestación económica-mercantil realizan tarefas que reverten en terceiras", pode ser unha definición aplicábel a cousas tan diversas como á militancia política, á catequese parroquial, ou ao traballo doméstico.   
É frecuente atopar cualificacións diversas a actividades idénticas B emarcadas ou emarcábeis dentro do conceito "voluntariado" B , segundo os intereses aos que responderan. Os brigadistas que acudian á Nicaragua sandinista a traballar no que fora preciso merecerian un xuízo ben diferente aos membros dunha ONG que o fixeran nun país cun governo "non amigo", ou aos colaboradores dalgunha misión relixiosa. Mesma actividade, intereses diferentes, cualificación diferente... pode ser un critério a aplicar cando falamos do voluntariado?
Por simple que pareza, en certa medida é asi. A utilización que se fai dunha prática non é allea á finalidade á que vai dirixida, nin aos intereses aos que serve.   
Indicábamos con anterioridade que a década dos 80 foi unha época de especial medre do voluntariado, coincidindo cun certo estancamento nos estados de benestar, o que implicou unha redución do crecimento do gasto público, e mesmo recortes significativos. Todo isto derivou en fenómenos ideolóxicos que cuestionaban ao próprio estado de benestar en si, defendendo a presenza do mercado internacional como único regulador posíbel nas relacións económicas B amén das medidas proteccionistas impostas polas grandes organizacións mundiais que favorecen os intereses dos países máis ricos-. Xorde con forza o chamado "neoliberalismo".
A conxunción destes factores B auxe do neoliberalismo, crise do estado de benestar, forte incremento do voluntariado- non é casual. Neste contexto ten-se dado pé ao rexurdimento de movimentos sociais críticos a nivel mundial, de enorme dinamismo: o fenómeno da antiglobalización. Desde aqui, tamén fundamentan moitas das posturas críticas ou contrarias ao voluntariado, por xogar un papel paliativo e xustificador da redución do gasto público, fundamentalmente nos servizos sociais, ainda que non só neles. Para implementá-lo, foi preciso criar un discurso ideolóxico que o xustificara, e tomar unha serie de medidas que fomentaran a proliferación de determinado tipo de voluntariado e, por suposto, de organizacións nas que estes desenvolvesen a sua colaboración. (6) "Estamos diante dun claro intento de desvirtuar, manipular e rendibilizar esa explosión de solidariedade natural que cristaliza na multiplicación de ONGs". (7)
Unha das consecuéncias que disto se pode derivar é unha polarización ideolóxica na que o voluntariado e as ONGs, por unha banda, e o movimento anti-globalización, por outra, son situados en "bandos diferentes", antagonistas, negando-se mutuamente cualidades positivas na construción dun discurso social alternativo e solidário. Polarización á que contribue activamente o neoliberalismo, ao asignar-lle ás ONGs e ao voluntariado unhas funcións acríticas co contexto no que xorden e se multiplican as diferenzas sociais e as situacións de pobreza.
    
Voluntariado e esquerda: ¿bandos diferentes?  
    
Tendo isto moi presente, cumpriria ampliar o campo de reflexión. É preciso admitir tamén que a ubicación do voluntariado e as organizacións nas que operan no "outro bando" non é nova. A diferenza actual, quizais, é que a realidade ten cambiado, e as argumentacións ideolóxicas tamén.   
Sen embargo, probablemente coincidiríamos á hora de recoñecer que o voluntariado, en liñas xerais, non ten interesado demasiado á esquerda no seu conxunto. E dentro das múltiples causas, poderíamos pensar que unha delas se atopa no carácter de moitas das organizacións, con frecuéncia vencelladas á Igrexa ou sectores da mesma, alomenos nos seus inícios. A polarización e enfrontamento entre a Igrexa e a esquerda teria contribuído á perpetuación dunha cultura de desconfianza aberta entre ambos os dous mundos, asi como dos seus "contornos". E, ainda a risco de caricaturi­zar excesivamente a cuestión, poderíamos comparar a visión que a Igrexa tiña dos sindicatos, por exemplo, coa da esquerda sobre as organizacións de voluntariado.

Afortunadamente, a realidade é menos ríxida do que ás veces nos empeñamos en representá-la, e a permeabilidade, coñecimento mútuo e experiéncias de traballo conxunto entre estes "dous mundos" proliferaron. E os esquemas explicativos tambalearon-se e romperon-se parcial ou totalmente. O voluntariado tamén comezou a formar parte da preocupación de parte das persoas e organizacións da esquerda, e mesmo alguns partidos políticos e sindicatos propiciaron a criación de organizacións afins.   
Pero quereríamos facer fincapé noutro elemento que argumentaria este desinterese, e que teria que ver co campo da intervención do voluntariado. Indicábamos que pode ser múltiple B meio-ambiente, cultura, etc.-, pero a sua maior incidéncia está na acción social, entendida como actuacións con persoas e colectivos vítimas de situacións de probreza ou marxinación. E unha actuación que, sen desbotar a análise das causas e medidas a respeito das mesmas, inclue e prioriza o traballo directo coas persoas.  
Ben certo é que, na sua modalidade extrema, a intervención do voluntariado pode derivar no simple asistencialismo, limitando-se a actuar sobre os efeitos dun sistema que perpetuaria a marxinalidade. Pero esta visión sosten-se moi precariamente se entramos a estudar con certa fondura a postura e acción de moitas destas persoas e organizacións, na sua globalidade, alomenos, até a década dos 80.
Propomos que se teña en conta tamén outra cuestión: as persoas que atravesan situacións de pobreza e/ou marxinación non interesan, ou interesan moi pouco, por si mesmas, á maioria de correntes ideolóxicas. Interesa, máis ben, o papel que ocupan no discurso, sendo "suxeitos obxectivos da revolución", "camiño da redención e da salvación", ou "suxeitos da intervención profisional" -caricaturizando de novo-. Habitualmente, é desproporcionado o papel que supostamente se lles atribue, en comparación coa capacidade de recoñecé-los como persoas, con todo o que iso implica. Portanto, vén sendo un papel meramente -ou principalmente- instrumental.   
Detrás disto podemos observar unha minusvaloración social das persoas en situación de pobreza ou marxinación, e por extensión, nas actividades tendentes a traballar nese eido. E isto está moi directamente relacionado coa cuestión do xénero: non é casual que papeis asignados culturalmente ás mulleres -coidado de nenos, persoas maiores ou con discapacidades...- tiveran a sua proxección pública na eleición de actividades que tiveran como finalidade principal prestar apoio solidario a quen o precisara, por atopar-se nunha situación precária. Asi, tradicionalmente, "os pobres son cousa de mulleres". E nunha sociedade netamente machista, as organizaciós da esquerda non escapan a ese sesgo. Asi, o imenso valor ético das actividades relacionadas con prestar apoio a persoas con necesidades sociais B directa ou indirectamente-, paradoxalmente, non ten o recoñecimento que merece, ou ten-o nun nivel moi inferior ao doutras actividades públicas B e pensemos en calquera sector ideolóxico-.   
Nunha primeira e, quizais, precipitada interpretación, poderia levar-nos á necesidade de buscar a aportación do voluntariado non tanto na dimensión política-estrutural, como na ética ou cultural.  
    
Voluntariado e mercado laboral  
    
Un dos aspectos no que o debate sobre o voluntariado adoita causar maior preocupa-ción é na sua incidéncia sobre o mercado laboral. E máis concretamente, na sua influéncia na criación, destrución, mantimento ou precarización de postos de traballo.    
Segundo os datos e fontes que manexemos, podemos atopar-nos con posturas moi diversas: desde as que defenden que o voluntariado contribue a evidenciar necesidades e actividades que, finalmente, rematan profisionalizando-se B e laboralizando-se-, até as que, pola contra, denuncian a substitución clara ou encoberta de postos de traballo por persoas voluntárias. (8)    
Existen moi poucos estudos a respeito do anterior, e os dados que amosan poden ter resultados e interpretacións contraditórias, o cal aconsellaria argumentar con prudéncia á hora de apostar por unha ou outra postura. Sen embargo, e asumindo o risco de cair nunha certa falta de rigor, coidamos que seria útil dar-lle cabida a unha série de reflexións que soen escoitar-se en distintos foros de reflexión ou conversas informais, entre profisionais do social e persoas voluntárias, a este respeito. Resumindo e xeralizando, a impresión que se transmite é a dunha certa insatisfacción, ao entender que a promoción e multiplicación do voluntariado nas diferentes organizacións, ten criado efeitos perversos na profisionaliza-ción e nas condicións laborais. A cobertura con persoas voluntárias de funcións que corresponden ou poderian corresponder a contratadas, ou a utilización do voluntariado como canle para aceder a un posto de traballo, serian duas das práticas percebidas como máis habituais.
Algunha organización sindical ten coincidido tamén nesta análise, destacando, como principais preocupacións, tres efeitos que, ao seu parecer, estan-se a producir con certa frecuéncia: O desprazamento de emprego remunerado B utilizando no seu lugar o labor de voluntários-; a privatización de servizos sociais de responsabilidade pública; e a precarización das relacións laborais nas ONGs. (9)     
Coincidindo coa preocupación e a percepción destes efeitos, ainda coa imposibilida-de de aportar unha cuantificación dos mesmos, caberia facer alomenos dous apontamen-tos:       
O primeiro, resaltando a eiva que supón non dispor dunha abordaxe séria e rigorosa da cuestión mediante estudos e investigacións. Eiva que resulta denunciábel, dado o interese amosado polas diferentes Administracións e Governos nas duas últimas décadas, e que contrasta co volume de lexislación, planos de voluntariado, cursos de formación, etc., que teñen proliferado. No contexto dun dos estados coa maior taxa de desemprego da Unión Europea, a precarización laboral provocada ou relacionada coa promoción do voluntariado non só constitue unha paradoxa, senón unha enorme irresponsabilidade.    
O segundo, quereria introducir o cuestionamento acerca desta relación: precariza-ción como fenómeno intrínseco á extensión do voluntariado, ou como consecuéncia dunha prática deficiente? Se a resposta fora a primeira, provocaria inevitabelmente unha forte crítica e valoración negativa, tanto desde un ponto de vista sindical, como desde a própria coeréncia cos princípios máis comuns na prática social; o voluntariado teria perdido o seu potencial crítico e converteria-se máis ben en algo a eliminar.   
Sen embargo, apostaria por pór o acento na posibilidade e necesidade de avanzar na delimitación e implantación de critérios de "boa prática" na xestión do voluntariado, como unha ferramenta útil para a consecución dun voluntariado acorde cos valores cos que pretende orientar-se, minimizando os efeitos perversos, e tamén como camiño de indagación nas potencialidades e caréncias do próprio fenómeno. Afondar neste traballo, ainda dun xeito esquemático, excede o obxectivo deste artigo, polo que deixamos a porta aberta a unha continuación do mesmo que o aborde coa amplitude desexábel.  
    
O voluntariado e os servizos públicos  
    
Unha das principais preocupacións sindicais relacionadas co voluntariado, ten que ver co papel que este xoga na tendéncia á privatización de servizos sociais de responsabilidade pública. O uso do voluntariado como recurso barato, unido B e causante ou facilitador de- á precarización das relacións laborais en moitas ONG,s prestadoras de servizos, posibilitaria, facilitaria e xustificaria esta prática, cun alto risco de provocar unha desresponsabilización dos poderes públicos na cobertura das necesidades.
No problema que acabamos de esquematizar, combinan-se vários debates, que non imos abordar con fondura. Non obstante, si quereriamos apontá-los, e iniciar unha breve reflexión sobre algun deles:     
Por unha banda, e tal como fixemos con anterioridade, cumpriria analizar se toda prestación de servizos non directa B servizos sociais, neste caso- provocaria unha precarización e desresponsabilización. Fronte a iso, cumpriria avanzar na identifica-ción e implantación de critérios práticos que limitaran ou anularan ditas consecuénci-as.
En todo caso, hai un debate prévio fundamental, que ten que ver co próprio modelo de xestión e prestación dos servizos públicos e da cobertura das necesidades sociais. As posturas que defenden a prestación directa por parte da Administración de todos ou determinados servizos atopan-se cunha realidade na que a prática é moi diferente: a concertación de servizos con empresas ou organizacións, con ou sen ánimo de lucro, é frecuente, e mesmo ten-se fomentado. Exixir garantias de control, por unha banda, e financiación pública, pola outra, son requisitos básicos indispensábeis para asegurar a calidade e o carácter universal destes servizos, independentemente do actor da sua xestión. Pero resulta óbvia a apreciación de que esta realidade cuestiona dun xeito moi forte os modelos vixentes até hai poucos anos, e convén repensar, reformular, actualizar e argumentar con maior solidez tanto as posturas máis globais, como a sua concreción en áreas, administracións ou territórios concretos.
Ademais disto, as necesidades socias atopan-se en continua evolución, e aquelas identificadas como prioritárias, asi como os colectivos de intervención preferente, van cambiando co tempo. Xorden demandas novas, cubertas até non hai moito B e ainda agora- no eido da privacidade familiar ou viciñal, que non atopan a resposta axeitada, facendo precisa a intervención da Administración. A novidade ou descoñecimento dos servizos existentes ante a abordaxe destas cuestións, é utilizada frecuentemente como argumento para explicar e xustificar a intervención de entidades privadas B no sentido amplo da palabra- con certa experiéncia e habilidade no terreo, na execución de programas de carácter experimental B no seu inicío- que combinen a investigación e estudo, co deseño de metodoloxias de intervención. Isto mesmo sucede con outro tipo de necesidades nas que se prevé unha vixéncia temporal limitada, e ante as que a utilización de organizacións centradas na actuación neses campos, pode optimizar os recursos empregados para a sua cobertura.   
De novo os problemas das garantias no control e na financiación son cuestións clave, ademais da identificación de critérios para a selección das organizacións ou axentes que executen ditos programas, e o próprio proceso de selección.    
Non é tampouco alleo a este debate o feito de que as Administracións Públicas e Governos son dirixidas por opcións políticas concretas e diferentes, e que as decisións tomadas en todos estes eidos responden ás suas ideoloxias. Nese sentido, a dotación e dinamización de foros e mecanismos de control do labor público son imprescindíbeis para un funcionamento democrático.  
E este control deberia incluir tamén a posibilidade de incidir nas decisións presupostárias. O gasto público e a sua distribución están na base de calquera decisión sobre a cantidade e modalidade de prestación de servizos.
Para rematar, e centrando de novo a reflexión no voluntariado, todos os aspectos que acabamos de enumerar amosan a complexidade que supón a valoración dunha prática axeitada na que a intervención de persoas voluntárias se produza dun xeito no que non se poñan en perigo ou conculquen princípios e condicións fundamentais. Un exercício de reflexión e autocrítica contínuo é indispensábel, pero non o é menos a capacidade de asumir unha certa marxe de ambigüidade e inseguridade a respeito dos modelos ideolóxicos e ás aplicacións práticas, asumindo unha série de riscos que, non esquezamos, podemos estar provocando ou contribuindo a implantar.  
    
Rematando    
    
Acabo de debuxar unhas liñas argumentais que pretenden resumir algunhas das posturas nas que se desenvolven as críticas ao fenómeno do voluntariado.  
Probabelmente, a visión presentada caricaturiza ou simplifica en exceso moitas delas, e tamén quedarán sen expor-se outras.    
Animo ás persoas que lean este artigo a trasladar as suas opinións, para contribuir á clarificación destes debates, que podan asi mesmo orientar e clarificar a nosa acción.         
    
__________    
(1)   A orixe do debate que deu pé á publicación deste artigo está no traballo de reflexión levado a cabo nun "Grupo de Traballo sobre Servizos Sociais e Política Social" propiciado no seo de Inzar . A posta en marcha deste grupo é recente, e a participación no mesmo está aberta a persoas que non militen na nosa organización. Invitamos a todas as persoas interesadas a informar-se da dinámica do mesmo. Para contactar: politicasocial@inzar.org . Non obstante, a autoria do artigo é individual e as opinións que transmite non reflecten necesariamente a postura e o consenso do grupo, senón alguns dos aspectos e ópticas ali traballados.
        
(2)   GARCÍA INDA, A., "La generalización del voluntariado o la nueva militancia", en El voluntariado: regulación jurídica e institucionalización social , Editorial Egido, pp. 111 e ss.  
 
(3)   DEL RÍO, E., "Al lado de la marea negra", Página Abierta , n 1 134, febreiro de 2003, pp. 4-5.   

(4) O uso do voluntariado non é gratuíto, debido aos custos, directos e indirectos, na sua xestión.    
    
(5) GARCÍA ROCA, Público y privado en la Acción Social , Editorial Popular, Madrid, pp. 61-76.     
      
(6)   Luis A. Aranguren Gonzalo, director do programa de voluntariado de Cáritas Española, escrebe o seguinte: "Sen dúbida, o crecimento do voluntariado en España, da man da última política conservadora e neoliberal, propiciou un modelo de voluntariado e organizacións de voluntariado perigosamente dóceis aos postulados cultural e mediaticamente vixentes: 'Vivemos no mellor dos mundos posíbeis e, eso si, nel existen pequenas roturas que hai que suturar, diminutos desaxustes dos que convén paliar os seus efeitos'. Para amortiguar estes golpes e que non trascendan estarian, entón, os voluntariados: para resolver todo aquilo ao que non chega ou non quere chegar a Administración pública. Para iso o voluntariado ten que ser numeroso; importa que sexamos moitos, cantos máis, mellor. Xa criaremos prémios, recoñecimen-tos oficiais, feiras, espectáculos e telemaratóns. Se non es voluntário, non sabes o que perdes. A moda do voluntariado comeza, pois, coa exacerbación do próprio voluntariado considerado como un valor absoluto, sen referentes, como a vangarda xenerosa da sociedade civil".  

(7)SEGOVIA BERNABÉ, José Luis, "Neoliberalismo e ONGs: Visión crítica do voluntaria­do", Nómadas 2, Revista Crítica de Ciencias Sociais e Xurídicas.
 
(8) A As ONGs fan fincapé nos proxectos, non nos movimentos sociopolíticos; movilizan ás persoas para producir na marxe da sociedade, non para loitar polo control dos meios de produción básecos e da riqueza; centran-se na asisténcia financeira técnica para proxectos concretos, non nas condicións estruturais que moldean a vida cotiá da xenté (...). A natureza das ONGs a sua postura apolítica e as suas accións destinadas a promover a autonomia son as causas da despolitización dos pobres. Evita-se a educación política sobre o imperialismo, os postulados clasistas do neoliberalismo e a loita de clases entre axentes exportadores e traballadores eventuais. Pola contra, as ONGs falan dos problemas dos "desfavorecidos", a "pobreza extrema", "a discriminación sexual e racial", sen emfrontar-se ao sistema social que produce estas situacións." PETRAS, J. "As ONG,s e os movimentos sociais", en Reflexións sobre o voluntariado dende Galicia , . Comité Óscar Romero,   Santiago de Compostela, 1997, p. 19.
              
(9) .   ARAGÓN, J., PÉREZ, J. M., e ROCHA, F., Voluntariado, tercer sector y empleo: reflexiones desde una perspectiva sindical , Fundación "1 1 de Mayo".