Antón Masa

De como o “prestíxio” se volta “burla negra”
(Inzar Razóns, nº 28, febreiro, 2003)

Na madrugada do 13 de novembro saltaba a alarma dunha nova catástrofe sobre as xa dabondo castigadas costas e rias galegas: un petroleiro á deriva ameazaba con deitar a sua negra e mortífera carga sobre a tamén dabondo castigada economia galega. Unha volta máis, e cando ainda na memória colectiva resoan os amargos e tristes ecos doutro desastre semellante, o do petroleiro Aegean Sea, a Galiza tiña que se preparar para viver unha catástrofe de consecuéncias ainda inimaxinábeis.
O Prestige, un vello petroleiro que como tantos outros que pasan a cotio xunto ás nosas costas non tiña o necesário casco duplo; que como tantos outros tiña bandeira das que se deu en chamar “de conveniéncia”; que como tantos outros tamén tiña como obxectivo rendibilizar ao máximo os negócios da casa armadora sen pensar nin na seguridade das persoas que levan a bordo nin moito menos na seguridade das águas dos océanos e das persoas que están a viver da explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros, ...; o Prestige estaba a perder importantes cantidades de fuel e ameazaba con partir-se en dous.
Non fixeron falta moitas horas para que a preocupación ficara en todos e cada un dos galegos e galegas, unha preocupación derivada de anteriores experiéncias e que non tardou en mudar na máis absoluta das indignacións.
A inexisténcia na Galiza das elementais medidas preventivas e de meios que puderan combater a catástrofe, xunto coa total ineficácia amosada polos governos galego e español para afrontar o problema; o desmedido interese en agochar a información e negar a realidade da situación, tentando minimizar o seu alcance e traspasar o problema e as responsabilidades a terceiros; a descoordenación amosada en todo momento, sen que nunca se pudese saber quen dirixia as operacións, unhas operacións que por outra banda eran absolutamente contraditórias entre elas, non podia levar máis que á indignación cando non á resignación e á impoténcia.
E asi, o Prestige andou á deriva, sen rumbo definido e a bandazos polo mar adiante ao longo de vários dias, espallando ao tempo a carga de fuel ao seu paso, até que o martes 19 racha en dous e afunde-se nas profundidades do océano desde onde, con seguridade, seguirá a mandar fóra a negra e contaminante carga até quedar valeiro.
Pero neste tempo, os governos galego e central deron máis bandazos e estiveron máis á deriva que o próprio petroleiro, facendo declaracións coas que non só deixaban boa mostra da sua ineptitude senón do seu absoluto desprezo pola povoación máis directamente afectada, polo meio ambiente e os recursos naturais e pola economia galega, sen dúbida danada de gravidade no seu conxunto.
As patéticas declaracións do delegado do governo na Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, ou as do Conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, que no seu afán de agochar a realidade chegou a dicer que non pasaba nada, que só era chapapote (para min e desde agora será “Pichi” López Veiga), para dicer logo, cando “o chapapote” da realidade era xa demasiado evidente, que “Galiza ten que preparar-se para o peor”, competiron coas indecentes intervencións públicas de Carlos del Álamo, Jaume Matas, Mariano Rajoy, Álvarez Cascos, Loyola del Palacio e o próprio Aznar.
E, mentres, o presidente Fraga (hoxe xa ex-presidente Fraga) absolutamente desaparecido xunto co seu petroleado “golfiño” Cuíña; ou iso pensábamos, pois soubemos logo que, como nos mellores tempos do franquismo (do que nunca se desprenderon), compartian caceria co ínclito conselleiro de meio ambiente (moi próprio por certo!) e un fato de amigotes polos pagos de Castela. Álvarez Cascos tamén de caceria (un veado) e Jaume Matas, Acebes e Pastor (cónxuxes incluídos) de visita turística ás reservas que o seu ministério ten en Doñana; din que a “misiña de unha” non faltou. Como se vota de menos La codorniz, parece mentira!
Agocha-se a información, mente-se de xeito descarado (“Don Manuel estivo sempre ao timón da nave”, sempre en Galiza; asi nos foi!), e no rizar o rizo do máis dificil ainda, no clímax da ineptitude que nunca recoñece os erros próprios, na exaltación da máis brutal das vaidades, alimenta-se o “temos todo baixo control” e rexeita-se unha axuda exterior que poderia ter evitado boa parte da desfeita. Só algun exemplo da inaceitábel “burla negra” que o desgoverno galego está a representar e a facer viver á sociedade civil da Galiza, unha burla negra que tenta disfrazar a traxédia, unha traxédia que a dia de hoxe ten chegado á totalidade das costas e rias galegas, altas e baixas, que ameaza con extender-se aos países viciños e que ten afectado xa de forma gravísima ao parque nacional das Illas Atlánticas no seu conxunto.
Pero non hai nada que temer; que pode importar que non se tome ningunha caste de medidas nin que sigamos tendo unha total falta de meios para combater a marea negra? Temos un “chivo expiatório” na cadea, o capitán grego Apostolos Mangouras, e o governo xa ten arbitrado as axudas económicas necesárias para que ninguén (?) quede sen turrón neste nadal. “Eu veño aqui cos cartiños na man”, que diria Don Manuel con moita máis precisión que a miña; porque é certo, chega Fraga coas esmolas e, nun país como o noso, subsidiado ao máximo, asegura-se o único que realmente teñen medo a perder neste momento: os votos do futuro e o futuro persoal e do partido.
E fronte a todo este cúmulo de despropósitos; fronte á incompeténcia e o desgoverno ao que Xunta e governo español someten á povoación galega; fronte á esperpéntica “burla negra”, a indignación dunha sociedade civil que berra NUNCA MÁIS!; que berra e que actua; que governa hoxe a crise fronte á crise de desgoverno político que invade Galiza cunha negrura e cun fedor contaminante maior que o da própria marea negra que invade as nosas costas, as nosas vidas e as nosas almas.
Hoxe a sociedade civil ten tomado a dianteira e actua fronte á ineficácia das administracións, e son os sectores da pesca e o marisqueo os que, xunto cos ecoloxistas e un amplo abano de voluntariado, están a defender o mar, as rias, as costas e os areais cos seus próprios meios e apesar dos atrancos e da falta de coordenación que neste noso país semellan endémicos. Son os únicos que poden facer diminuir os efeitos da maior catástrofe ecolóxica vivida en moito tempo.
Os outros, a Xunta de Galicia e o Governo Español, os verdadeiros responsábeis da situación, só tratan de paliar os custes políticos que a catástrofe vai ter sobre o PP; buscan estratéxias que minimicen a catástrofe do partido porque saben da indignación do sector e dos voluntários e voluntárias que ao tempo que limpamos o “petróleo” berramos “demisión” e exiximos responsabilidades.
Porque non abonda coas demisións de Fraga e os conselleiros de Meio Ambiente, Pesca e Obras Públicas; non abonda coas demisións dos ministros de Fomento, Meio Ambiente e Pesca, ou do próprio presidente Aznar...; con independéncia das demisións, nesta catástrofe existen moitas responsabilidades que non se poden esquecer. Existen moitos delitos e moitos culpábeis que non poden quedar impunes. O delito ecolóxico cometido é de enorme magnitude e hai que exixir o castigo exemplar aos culpábeis. Non se pode nin esquecer nin perdoar.
As consecuéncias últimas da catástrofe están ainda por ver; só podemos ver o que está na superfície, o “chapapote”, pero hai moito máis; pasará tempo e seguiremos sufrindo as consecuéncias da acción do vertido sobre o ecosistema, sobre as povoacións animais e vexetais nas rias, sobre a produtividade. Non sabemos case que nada neste momento de que está a pasar nos sedimentos, dos contaminantes disoltos nas águas mariñas, da mortandade real nas espécies de importáncia comercial e das aves e mamíferos mariños. E sabemos menos ainda de que consecuéncias vai ter a catástrofe no futuro.
A marea negra pode ser a morte definitiva das nosas Rias e dos sectores produtivos que traballan nelas, pero ten que ser tamén a morte definitiva dun xeito de governar no noso pais, dun xeito de governar caciquil e irresponsábel, que ten por bandeira a ineptitude e a improvisación e que defende os intereses das grandes multinacionais, e debe dar paso a un xeito de governar distinto, consciente da importáncia da defensa dos valores ambientais, paisaxísticos e produtivos da Galiza, a un xeito de governar que represente os intereses dos sectores produtivos galegos, da marea cidadán que está xa a dirixir este país pola auséncia absoluta dos governos elixidos nas urnas.