Daniel Soutullo

Clonación humana non reproductiva en Corea
(Tempos Novos, 82, III, 2004, pp. 56-61)

A noticia

Cando aínda non se apagaran os ecos da reforma da Lei de Técnicas de Reproducción Asistida, aprobada definitivamente polo Congreso dos Deputados o pasado 16 de outubro Breforma coa que o Goberno pretende regular e, sobre todo, limitar o uso, para fins de investigación, dos embrións sobrantes dos tratamentos de fecundación in vitroB, saltou aos medios de comunicación a noticia de que un grupo de investigadores surcoreanos, da Universidade Nacional de Seúl, conseguiran establecer un cultivo de células nai (troncais) embrionarias, obtidas a partir de blastocistes humanos (embrións preimplantatorios de menos de catorce días) creados mediante a técnica de transplante nuclear. A sensación creada e o tratamento mediático dado á noticia fixo lembrar o archiafamado e xa histórico caso do nacemento da ovella clónica Dolly.

O experimento

O experimento consistiu en introducir núcleos de células corporais procedentes de dezaseis mulleres doadoras en 242 óvulos, procedentes das mesmas mulleres, aos que lles fora extraído o núcleo (enucleados), que se converteron en trinta embrións que acadaron a fase de blastociste, aproximadamente cinco ou seis días despois de realizado o transplante.
Os blastocistes son embrións preimplantatorios formados por unha capa externa de células (chamada trofoblasto) que arrodea unha cavidade interna (o blastocele). No interi­or desa cavidade (véxase a figura), pegadas á cara interna do trofoblasto, hai un grupo de células que constitúen a chamada masa celular interna (ou embrioblasto). As células da masa celular interna do blastociste son as que durante o desenvolvemento embrionario, que ten lugar durante a xestación, dan lugar ao embrión que se converterá no futuro individuo, mentres que as células do trofoblasto formarán parte das membranas extraembrionarias nas que se inclúe a placenta.

As células da masa celular interna do blastociste son células nai, ou troncais, porque teñen a dobre capacidade de dividirse permanentemente cando son extraídas e cultivadas e de transformarse (diferenciarse na linguaxe técnica) en células dos distintos tecidos do individuo adulto, como células musculares, pancreáticas, nerviosas, intestinais, etc. Por esta última característica de poder orixinar todos os tecidos corporais do individuo reciben o nome de pluripotentes.

 Eficiencia do experimento
de clonación de Corea
N1 de mulleres doadoras 16
 N1 de ovocitos empregados 242
Blastocistes formados 30 (12,4%)
Extracción de masa celular 20 (66,7 %)
Liñas celulares obtidas 1 (5,0 %)

No experimento, dos trinta blastocistes formados, os científicos coreanos puideron extraer as células da masa celular interna de vinte deles, a partir das cales conseguiron establecer una soa liña de células nai pluripo­tentes. A eficiencia de cada paso do experi­mento ilústrase na táboa adxunta. A eficien­cia global do experimento foi do 0,4 por cento.
A técnica de transplante nuclear usada foi a mesma que se empregou con Dolly e que se utiliza habitualmente para obter individuos clónicos, mais nesta ocasión non se perseguía esa finalidade senón unicamente utilizar as células da masa celular interna destes blastocistes para establecer cultivos de células nai, coa conseguinte destrucción dos mesmos, o que impedía a súa eventual utilización con fins reproductivos. Por este motivo a este tipo de experimento chámaselle de clonación non reproductiva en contraposición á clonación reproductiva, que dá lugar a individuos xeneticamente idénticos aos que aportaron os núcleos das células empregadas no transplante nuclear.

A ciencia

O novidoso do experimento, desde o punto de vista científico, non é o uso da técnica de transplante nuclear, que durante estes últimos anos foi profusamente empregada para clonar animais dun bo número de especies de mamíferos, incluíndo ovellas, vacas, porcos, ratos e monos. Tampouco constitúe unha novidade o establecemento de cultivos de células nai embrionarias humanas procedentes de blastocistes (sobrantes de programas de fecundación in vitro), dos que puideron obterse no laboratorio células diferenciadas de distintos tecidos corporais. Tampouco é a primeira vez que se logra combinar a técnica de transplante nuclear para a formación de embrións clónicos co establecemento de liñas de células nai pluripoten­tes das que obter células diferenciadas dos distintos tecidos corporais, feito que se conseguiu facer en ratos en abril de 2002. Ademais, neste último caso citado foise aínda un paso máis aló, ao modificar xeneticamente as células nai, coa introducción dun xene para corrixir un defecto xenético que impedía o correcto funcionamento do sistema inmunolóxico dos ratos. A partir das células nai modificadas obtivéronse células da medula ósea formadoras dos linfocitos do sistema inmune, que foron transplantadas aos ratos enfermos aos que se lles recompuxo a función normal do seu sistema inmune, no que poderiamos chamar con propiedade unha verdadeira clonación terapéutica.
A novidade científica do experimento coreano consistiu en obter por primeira vez en humanos células de distintos tecidos (óseas, musculares e nerviosas) a partir de células nai pluripotentes procedentes de blastocistes obtidos mediante transplante nuclear (clonación non reproductiva). Non se pode considerar unha clonación terapéutica porque as células resultantes non foron transplantadas a individuos para corrixir ningunha doenza. Non houbo, pois, aínda ningunha aplicación terapéutica que, como veremos de seguido, resultaría moi prematura en humanos, malia a ser xa ensaiada con éxito, como vimos de comentar, en ratos.
Era moi importante comprobar que isto podía facerse empregando células humanas. As conclusións tiradas dos modelos animais, aínda que moi útiles, non sempre son directamente aplicables aos humanos, polo que era necesario comprobar non soamente que se podían obter blastocistes clónicos senón tamén que a partir deles podían cultivarse células nai pluripotentes con capacidade para transformarse en células de varios tecidos corporais. Isto ponse especialmente de manifesto se temos en conta que, a diferencia do ocorrido cos ratos, no experimento coreano os únicos blastocistes obtidos foron os que resultaron de transplantar núcleos de células a ovocitos extraídos da mesma persoa, mais o transplante non funcionou cando o ovocito e o núcleo transplantado procedían de mulleres distintas. Tampouco se conseguiu ningún blastociste masculino, o cal podería ser unha consecuencia do problema que acabamos de comentar, xa que se só prosperan os blastocistes que proceden da unión de ovocitos e núcleos da mesma persoa doadora, ao ser os ovocitos aportados exclusivamente por mulleres, non sabemos se a imposibilidade de obter blastocistes masculinos foi debida á incompatibilidade entre o ovocito e o núcleo procedente de persoas distintas ou ben a que os núcleos masculinos non son aptos por si mesmos para a clonación, independentemente da orixe dos ovocitos. Son interrogantes que o tempo e novas experiencias irán desvelando.
O único experimento de clonación non reproductiva en humanos realizado ata agora foi publicado en 2001 e resultou máis un fracaso que un éxito, xa que unicamente se obtiveron tres embrións que chegaron ata o estadio de seis células, moi anterior á fase de blastociste, que é cando se poden extraer as células da masa celular interna para establecer o cultivo de células nai pluripotentes. Pola contra, no experimento do grupo coreano o resultado pode considerarse un éxito, aínda que a eficiencia do procedemento foi dun limitado 0,4 por cento.

A medicina

Se por algo levanta grandes espectativas a investigación con células nai procedentes de embrións clónicos é polas posibilidades terapéuticas que no futuro se poidan derivar das mesmas. Se se conseguise unha fonte de células dun tecido que puidesen ser transplantadas á persoa enferma para recompoñer a función normal dese órgano ou tecido sen que, ademais, se producise ningún tipo de problema de rexeitamento por parte do organismo receptor a chamada medicina rexenerativa podería ser unha realidade que salvase moitas vidas de persoas enfermas que, hoxe por hoxe, non teñen ningunha alternativa médica satisfactoria. Doenzas como a diabete, o Parkinson ou a esclerose múltiple, entre outras, que supoñen unha gran carga de sufrimento para as persoas que as padecen e tamén para as súas familias poderían chegar a ser curadas mediante este tipo de terapia rexenerativa.
Sen embargo, aínda estamos lonxe non só das aplicacións clínicas xeneralizadas da clonación non reproductiva senón incluso da experimentación directa dos transplantes en seres humanos para comprobar a súa eficacia terapéutica. Varios son os problemas que aínda deben ser superados para acadar esas metas tan ambiciosas. Mais todos eles precisan, para ser resoltos, de investigacións extensas con células embrionarias humanas. Algúns dos máis relevantes son os seguintes:
En primeiro lugar, sábese aínda moi pouco sobre cómo controlar o proceso de diferenciación das células nai en células dos distintos tecidos corporais. Para que o transplante ao paciente puidese realizarse sería necesario dispoñer dun cultivo homoxéneo das células do tecido que se quere transplantar cousa que, hoxe por hoxe, aínda non se controla suficientemente. Nos cultivos que se obteñen na actualidade no laboratorio aparecen mesturadas as células nai coas células diferenciadas de distintos tecidos de xeito un tanto desordenado.
Un segundo problema garda unha estreita relación co que vimos de comentar. As experiencias con animais indícannos que se as células nai indiferenciadas son transplantadas a un individuo orixinan tumores cancerosos (teratocarcinomas), razón pola cal o tecido transplantado debe estar completamente diferenciado sen que se conserven no seu interior células nai que poderían evolucionar a tumores no interior do organismo receptor. Obviamente, mentres os problemas de seguridade da técnica non sexan resoltos satisfactoriamente non estaremos en situación de dar o salto ao uso clínico da clonación non reproductiva cunha finalidade terapéutica.
Un terceiro problema a considerar é o da eficiencia do proceso. A eficiencia global do experimento do equipo de investigación coreano foi do 0,4 por cento, xa que obtiveron unha soa liña de células nai a partir de 242 ovocitos empregados ao comezo do experimento. Pódese mellorar este eficiencia se temos en conta que no experimen­to comentado se ensaiaron catorce condicións ambientais distintas e que na máis favorable delas se empregaron 66 ovocitos para obter a única liña celular resultante do experimento, cunha eficiencia do 1,5 por cento. Se en experiencias futuras se tomase como punto de partida a situación ambiental máis favorable deste experimen­to, aínda nese caso precisaríanse 65 ovocitos como mínimo para establecer cada liña celular, o que resultaría unha limitación moi importante á hora de xeneralizar o procedemento desde o punto de vista clínico.
Un cuarto problema é conseguir que as células transplantadas ao paciente funcionen correctamente e de xeito permanente no interior do organismo. Non abonda con que non sexan rexeitadas polas defensas do organismo receptor senón que deben ser completamente funcionais in vivo e sobrevivir a longo prazo e mesmo rexenerar o tecido no que se vaian a implantar. Hai datos esperanzadores de que todo iso pode ser factible pero aínda ten que ser comprobado mediante experimentos rigorosos e seguros.  Falta, pois, aínda moito camiño que percorrer antes de que a medicina rexenerativa baseada nestas técnicas poida chegar a ser unha realidade.

A polémica

Resulta cando menos rechamante que estes experimentos, que tantas espectativas de aplicacións terapéuticas futuras espertan, xeren, ao mesmo tempo, unha forte controversia. Aínda que a polémica ten unha compoñente científica e outra ética ou moral que, de contado imos comentar, no fundo todo redúcese á valoración moral dos embrións de poucos días (blastocistes) empregados para a obtención das células nai que, como consecuencia da extracción da súa masa celular interna, son destruídos no curso do experimento.
O aspecto científico da polémica céntrase en se a investigación con células nai pluripotentes procedentes de embrións pode e debe ser reorientada cara á investiga­ción con células nai procedentes dos tecidos adultos do individuo. Nos tecidos corporais tamén existen células nai en pequeno número, encargadas do anovamento na medida en que as células dese tecido vaian morrendo. Estas células nai teñen unha plasticidade limitada, é dicir, unicamente son capaces de diferenciarse nun número limitado de tipos celulares, normalmente os propios dese tecido, aínda que, en ocasións, coa estimulación axeitada, poden dar lugar a células dalgúns outros tecidos distintos. Como, a diferencia das células nai embrionarias, non poden orixinar todos os tipos celulares do organismos senón soamente un número limitado deles, reciben o nome de multipotentes, fronte á denominación de pluripotentes coa que se designa ás células nai embrionarias.
As células nai adultas son peor coñecidas que as embrionarias e as interrogantes abertas acerca das condicións do seu cultivo e das posibilidades de aplicación en tratamentos de medicina rexenerativa son aínda maiores que as que se teñen con respecto das células nai extraídas dos embrións. Se as posibilidades de aplicación terapéutica para transplantes das células nai adultas chegasen a ser as mesmas que as das células nai embrionarias non sería necesario o uso de embrións Bnin sobrantes de tratamentos de fecundación in vitro nin clonados mediante transferencia nuclearB que teñen que ser destruídos para a obtención das células nai correspondentes. Presenta­rían, ademais, a vantaxe, ao igual que as células nai procedentes de embrións clonados a partir das células do propio paciente, de non presentar ningún tipo de rexeitamento inmunolóxico, xa que poderían ser cultivadas a partir dos tecidos do paciente que se quere tratar.

Polas investigacións desenvolvidas ata agora, as células nai adultas presentan maiores dificultades e problemas que as embrionarias e semellan ter, en principio, unhas menores posibilidades de aplicacións terapéuticas futuras que as primeiras. En concreto, as células nai adultas son moito máis difíciles de illar e de cultivar que as embrionarias; ademais, a súa capacidade de permanecer dividíndose en cultivo de xeito permanente resulta bastante reducida. Outra limitación reside en que a súa capacidade de diferenciarse en células de distintos tecidos tamén é bastante cativa o que, de novo, reduce as súas posibilidades para eventuais tratamentos. Ademais, a capacidade das células nai adultas de transformarse en células diferenciadas dun tecido distinto ao de procedencia ten lugar, na maioría dos casos, mediante a súa fusión coas células do tecido de destino, o que dá lugar a células cun número de cromosomas dobre do característico do organismo o que podería facelas inservibles para o seu funcionamento normal. A pesar disto, xa se empregaron nalgúns tratamentos pioneiros para rexenerar tecido cardíaco despois dun infarto de miocardio, con resultados en principio positivos e esperanzadores de cara ao futuro.
En calquera caso, e dada a situación de coñecemento precario no que aínda se atopan as investigacións con células nai dunha ou doutra procedencia, o máis sensato e razoable é apoiar a investigación cos dous tipos de células e, como consecuencia destas investigacións, ir avaliando con máis datos e maior coñecemento de causa as posibilidades reais dunhas e doutras. Visto desde esta perspectiva, a polémica científica sobre as células nai embrionarias e a clonación non reproductiva resulta máis ben artificial e vén agachar a verdadeira controversia que, como antes apuntei, reside na valoración dos embrións de poucos días.
Non podemos abordar aquí, por problemas de espacio, unha discusión sobre a consideración que deben merecer os embrións preimplantatorios. Como é sabido, os sectores confesionais máis conservadores, coa Igrexa Católica á cabeza, defenden que deben ser considerados como persoas a todos os efectos e, como consecuencia, non debe permitirse ningunha intervención, por beneficiosa que poida resultar para terceiras persoas, que implique a destrucción dos embrións.
Como é evidente, non todo o mundo comparte este punto de vista. Vivimos nunha sociedade plural e esta pluralidade maniféstase tamén, como non podía ser doutro xeito, nas opinións morais acerca dos embrións. A gran maioría da comunidade científica e boa parte da sociedade consideran que os embrións, aínda que poidan merecer unha especial consideración, non son persoas e, xa que logo, non deben gozar da mesma protección. A utilización de embrións debería estar permitida cando media unha finalidade terapéutica presente ou futura. Convén lembrar que esta opinión tamén é compartida por sectores católicos con posicións máis abertas e menos dogmáticas que os representados pola xerarquía oficial católica. Por exemplo, o biólogo molecular e sacerdote xesuíta Carlos Alonso Bedate defende que os embrións de menos de dous meses non teñen o que el chama “suficiencia constitucio­nal” e que non deben merecer a consideración moral das persoas. O mesmo punto de vista é apoiado polo catedrático de historia da medicina e tamén xesuíta Diego Gracia e pola profesora de filosofía moral, tamén católica, Lydia Feito Grande.
En calquera caso, a moral católica, aínda que respectable e moi influente na nosa sociedade, non deixa de ser un punto de vista máis entre outros, que unicamente vincula aos propios católicos. Outros puntos de vista morais son tan respectables e dignos de consideración como o católico. Desde esta perspectiva, a ética e a bioética se queren ser representativas da sociedade na que vivimos deben ser laicas, e non baseadas en ningún tipo de confesionalismo relixioso.

As investigacións con embrións e a clonación non reproductiva para a obtencións de embrións clónicos dos que derivar liñas de células nai embrionarias debería ser permitida porque estas investigacións poden ser un ben para toda a sociedade, en primeiro lugar, para os enfermos de doenzas graves hoxe por hoxe incurables, que teñen dereito a beneficiarse dos avances da ciencia e da medicina para mellorar a súa saúde e a súa calidade de vida. Se no futuro chegan a ser posibles os transplantes de tecidos procedentes de células nai embrionarias, aquelas persoas que garden reticencias morais fronte a eles poden, se queren, renunciar a beneficiarse dos mesmos, mais resultaría unha imposición intransixente e, desde o meu punto de vista, inadmisible impedir que aqueloutras persoas que non comparten os mesmos reparos morais fronte aos embrións non poidan acollerse a estes tratamentos e beneficiarse dos mesmos.
Se é un ben moral pescudar o benestar das persoas debería se considerado inmoral deixar de facelo ou poñer atrancos ao mesmo impedindo as investigacións conducentes a ese fin. A protección e axuda que a medicina debe proporcionar ás persoas enfermas con todas as técnicas que o progreso científico pon ao seu alcance é, para quen isto escribe, un imperativo moral de orde superior á protección que poidan merecer os embrións preimplantatorios. Se estes tivesen que ser protexidos a toda costa, non soamente habería que prohibir a clonación non reproductiva e a investigación con células nai embrionarias, senón tamén a interrupción do embarazo, legal en varios supostos no noso país, e incluso o dispositivo intrauterino (DIU), de uso xeneralizado que, como é sabido, impide a implantación do embrión no útero provocando, como consecuencia, a súa morte.
Aínda que hoxe en día a clonación non reproductiva non é legal no noso país nin tampouco está permitida polo Convenio Europeo de Biomedicina de Oviedo, que foi asinado polo Estado español e entrou en vigor ano 2000, algúns países como Reino Unido xa teñen aprobadas normas que permiten a clonación non reproductiva de embrións humanos. Sen dúbida, malia aos atrancos ideolóxico-relixiosos, estas investigacións van seguir desenvolvéndose. Esperemos que tamén aquí a intransixen­cia gobernamental e eclesiástica vaian cedendo terreo ante unha visión laica, progresista e humanitaria dos avances científicos para que a perspectiva da medicina rexenerativa poida ser unha realidade nun futuro non moi afastado.