Daniel Soutullo

Lei de “ponto final” para a investigación con embrións
(Inzar Razóns, 30, febreiro 2004)
    

O pasado 16 de outubro o Congreso aprobou a reforma da Lei sobre Técnicas de Reprodución Asistida proposta polo Governo o pasado mes de agosto. Oficialmente, esta reforma da Lei pretende resolver o problema da acumulación de embrións sobrantes dos tratamentos de fecundación in vitro (FIV), ao tempo que abre unha via para a investigación con células troncais embrionárias procedentes dos mesmos.
Esta iniciativa lexislativa governamental estivo precedida dun forte debate sobre a conveniéncia ou non de empregar os embrións sobrantes para obter cultivos de células troncais embrionárias con vistas a derivar dos mesmos liñas celulares dos distintos tipos de tecidos que existen no organismo. A investigación con este tipo de células poderia permitir no futuro que fosen empregadas para a realización de transplantes que servisen para paliar ou curar doenzas graves que hoxe por hoxe non teñen un tratamento eficaz.
Ainda que o Governo e a maioria dos meios de comunicación presentaron esta reforma como un grande avance que vén satisfacer a forte demanda da comunidade científica e dos colectivos de enfermos afectados (os enfermos de diabetes presentaron 1.300.000 sinaturas reclamando que se legalice este tipo de investiga­cións) para que se permita investigar con células troncais de orixe embrionária, na realidade esta é unha lei de “ponto final” a respeito da posibilidade de investigar con embrións, que ten como obxectivos centrais os seguintes:
1. Impedir que nos tratamentos de fecundación in vitro se xeren máis embrións dos que van ser transferidos ao útero da muller, para evitar que se produzan embrións sobrantes.
2. Proibir, a partir da entrada en vigor da Lei, calquera tipo de investigación con embrións, no caso de que, por algun motivo excepcional relacionado co tratamento, pudesen orixinar-se alguns embrións sobrantes.
3. Resolver o problema dos embrións sobrantes conxelados, acumulados até o momento, permitindo que, entre várias opcións, podan ser empregados para investigación.
Os artigos da Lei que se reforman son o 4 e o 11; inclue-se tamén unha disposición adicional única e catro disposicións finais, a primeira delas destinada a regular o terceiro dos pontos enumerados, o do destino dos actuais embrións sobrantes crioconservados.
No novo artigo 4 modificado recolle-se o seguinte:

1. [...] O tratamento deberá evitar a xestación múltiple, a prática da redución embrionária e a xeración de preembrións supernumerários.
2. Só se autoriza a transferéncia dun máximo de tres preembrións nunha muller en cada ciclo.
3. Fecundará-se un máximo de tres ovocitos que podan ser transferidos á muller no mesmo ciclo, agás nos casos nos que o impida a patoloxia de base dos proxenitores. [...]

Pola sua banda, o novo artigo 11 estabelece, entre outras cousas, o seguinte:

3. Cando nos casos excepcionais previstos no apartado 3 do artigo 4, se xerasen preembrións supernumerários, serán crioconservados por un prazo equivalente á vida fértil da muller co obxecto de que se lle podan transferir en intentos posteriores. Nestes casos, os proxenitores deberán asinar un “Compro­miso de Responsabilidade sobre os seus Preembrións Crioconserva­dos”. Nel incluirá-se unha cláusula pola que a parella ou a muller no seu caso, outorgarán o seu consentimento para que, no suposto de que os preembrións crioconserva­dos non lles fosen transferidos no prazo previsto, sexan doados con fins reprodutivos como única alternativa.

Por último, na disposición final primeira estabelece-se que:

1. As parellas proxenitoras, ou a muller no seu caso, determinarán o destino dos preembrións humanos supernumerários que fosen crioconservados con anterioridade á entrada en vigor desta Lei, podendo elixir entre as seguintes opcións: o mantimento da crioconservación até que lle sexan transferidos [...]; a doazón, sen ánimo de lucro, con fins reprodutivos a outras parellas que estexan na lista de espera de Fecundación in Vitro, [...]; o consentimento para que as estruturas biolóxicas obtidas no momento da desconxelación podan ser utilizadas con fins de investigación, [...], sen que en ningun caso se proceda á reanimación; ou proceder a sua desconxelación sen outros fins.

En primeiro lugar, a limitación a tres do número de ovocitos a transferir en cada ciclo de fecundación in vitro presenta-se como unha disposición destinada a protexer as mulleres, evitando a xestación múltiple e a prática da redución embrionária. Estes dous obxectivos aparecen unidos a un terceiro, ainda que non teñen relación con el, consistente en evitar a xeración de embrións supernumerários. Para conseguiren este terceiro obxectivo limitan-se a un máximo de tres os ovocitos que se poden fecundar en cada ciclo, xustamente os mesmos que poden ser transferidos. Deste xeito, en princípio, non se xerarán embrións sobrantes. (1)

A evitación da formación de embrións sobrantes non garda relación ningunha coa protección da saúde das mulleres. Máis ben ao contrário, é unha medida que pode prexudicar seriamente a aquelas mulleres que, submetidas a un tratamento de fecundación in vitro, non fiquen embarazadas no primeiro intento e teñan que someter-se a un segundo intento. Até o de agora, dado que sempre se fecundaban máis ovocitos, que os que se transferian, non era necesário repetir o proceso de obtención de ovocitos xa que podian usar-se os embrións sobrantes do primeiro intento. Por este motivo, non era necesário volver a pasar por un tratamento que resulta moi duro tanto física como psicoloxicamente para as mulleres, debido á duración do mesmo e ao uso de hormonas que estimulen a superovulación. Ademais, por mor da repetición do tratamento, este resultará bastante máis longo e caro o que, sen dúbida, suporá unha dificuldade engadida para as mulleres que o necesiten.
Como consecuéncia, unhas disposicións que aparentemente se presentan como beneficiosas para as mulleres converten-se en lesivas para elas, xa que o obxectivo de evitar a formación de embrións supernumerários prima sobre calquera outra consideración de saúde pública. Ainda que se limitase a tres o número de embrións a transferir ao útero en cada ciclo, para evitar os embarazos múltiples e posibles reducións embrionarias posteriores (2), non habia ningunha necesidade de impor a mesma limitación para os ovocitos a fecundar. O estabelecemento desta limitación unicamente pode ser comprendida se a evitación de que se produzan embrións sobrantes é máis importante que calquera outra consideración en relación coa saúde das mulleres submetidas a tratamento.
A obsesión por evitar a formación de embrións sobrantes que poda dar lugar a novas demandas de que se destinen á investigación pon-se novamente de manifesto no artigo 11. Naqueles casos excepcionais nos que se permita a fecundación de máis de tres ovocitos, os proxenitores estarán obrigados a asinar un documento no que se comprometen a doá-los con fins reprodutivos como única alternativa, se finalmente non lle son transferidos á muller. Neste apartado, quizais máis que en ningun outro, pon-se de manifesto que o verdadeiro obxectivo da reforma é evitar que os embrións podan ser empregados para investigación, primeiro procurando evitar a toda costa que se produzan embrións sobrantes e, segundo, nos casos excepcionais en que iso non sexa posíbel, proibindo que podan ser destinados a calquera fin distinto da reprodución.
Hai vários aspectos claramente criticábeis nesta actitude do Governo de pechar todas as portas, por unha ou outra via, a que se poda investigar cos embrións que se fecunden a partir de agora. En primeiro lugar, é censurábel que se exixa ás parellas, como condición preceptiva, que asinen un compromiso que lles obrigue a doar os seus embrións sobrantes con fins reprodutivos como única alternativa posíbel.

En segundo lugar, é dificilmente explicábel que se diga na exposición de motivos da Lei que “cabe destacar especialmente os descobrimentos que se están a producir no ámbito das células troncais procedentes de distintos tipos de tecidos. Os primeiros descobrimentos realizados neste campo están abrindo enormes espectativas na investigación biomédica e farmacolóxica, asi como en relación ao seu potencial terapéutico para tratar graves enfermidades que agora son incurábeis”, mentres, por outro lado, pecha-se a via máis importante para o desenvolvimento destas investiga­cións, que é precisamente a da utilización de células troncais embrionárias procedentes de embrións de poucos dias. Nin ainda en casos excepcionais de embrións excedentá­rios se contempla a posibilidade de empregá-los para investiga­ción. Dado que outras posíbeis vias para a obtención de embrións, como poderian ser a fecundación de ovocitos directamente para ese fin ou a técnica de transplante nuclear (a mesma que se emprega para a clonación) para a obtención de embrións chamados somáticos, están proibidas e o Governo non ten intención ningunha de reformar a normativa para permiti-las, con esta modificación da Lei sobre Técnicas de Reprodución Asistida pretende-se pechar definitivamente calquera posibilidade futura de investigar con embrións.
Se tan importante poden chegar a ser, do ponto de vista sanitário, as investigacións con células troncais embrionárias, resulta incomprensíbel esta proibición “a cal e canto”, salvo que existan outros motivos non declarados derivados da valoración moral dos embrións. De ser asi, e hai indícios máis que suficientes para supor que asi é, o Governo estaria tentando impor unhas concepcións morais particulares, próprias suas ou dalgun grupo de presión afin ao mesmo, por riba do interese xeral, que neste caso está claramente a favor da investigación con células troncais procedentes dos embrións sobrantes dos tratamentos de fecundación in vitro. Non é casual, neste sentido, que o borrador de reforma da Lei fose coñecido antes pola Conferéncia Episcopal que pola Comisión Nacional de Reprodución Humana Asistida, o órgao consultivo encargado de asesorar ao Governo nesta matéria.
A inconsisténcia da postura governamental manifesta-se tamén se comparamos a negativa a investigar cos embrións que se formen desde a entrada en vigor da Lei coa disposición referente aos embrións actualmente sobrantes da fecundación in vitro, que se conservan conxelados en número superior aos 40.000. O Governo estaba obrigado a buscar unha solución para estes embrións excedentários. Para aqueles que non sexan utilizados polas parellas respectivas nin rematen nunha adopción, unicamente fican duas saídas: ou son destinados á investigación ou son desconxela­dos, o que equivale á sua destrución. Estas catro posibilidades son contempladas e aceitadas na reforma da Lei aprobada.
Por que razón se aceita a investigación cos embrións sobrantes xerados até o momento e non se aceita cos que se podan formar a partir de agora? Cal é a distinción moral, se é que hai algunha, entre un caso e outro? É certo que na Lei até agora vixente habia un baleiro legal que impedia a posibilidade de que fosen destinados á investigación, pero na disposición final primeira da Lei reformada, que vén cobrir ese baleiro, aceita-se, entre outras posibilidades, que sexan destinados á investigación,  por que non se aceita o mesmo para os embrións que se produzan a partir de agora?

Dado que, por incómodo que fose (3), o Governo estaba obrigado a arbitrar unha saída para os milleiros de embrións sobrantes crioconservados, resultaba máis coerente co espírito que anima esta reforma, ainda que incomprensíbel para a maioria da opinión pública, que o Governo decidise destruir todos aqueles embrións sobrantes que non fosen destinados á reprodución, como xa propuxeron alguns colectivos católicos ultraconservadores, no canto de facer “borrón e conta nova”, permitindo que se investigue cos embrións que existen actualmente e proibindo-o definitivamen­te a partir da entrada en vigor da modificación da Lei. Abocado pola situación a ter que buscar unha solución definitiva a este problema, a decisión adoptada resulta incoerente e contraditória, ao pretender dar satisfacción a duas posicións basecamente incompatíbeis: por unha banda, a presións da comunidade científica, dos profisionais das clínicas de fecundación in vitro, dos colectivos de enfermos e da maioria da opinión pública, no sentido de que se permita que os embrións podan ser destinados á investigación no canto de proceder á sua destrución directa (4), o que impediria extrair un potencial benefício sanitário futuro desas investigacións; por outra banda, aceitar o ponto de vista dos sectores confesionais máis conservadores, no sentido de considerar moralmente ilícita calquera utilización dos embrións de poucos dias que non vaia directamente encamiñada ao nacimento dos mesmos.
No preámbulo da reforma da Lei sobre Técnicas de Reprodución Asistida fai-se fincapé repetidamente en que o Governo seguiu as recomendacións da Comisión Nacional de Reprodución Humana Asistida (CNRHA) e do Comité Asesor de Ética na Investigación Científica e Técnica (CAEICT). Algunhas destas recomendacións, recollidas en dous informes da CNRHA e nun informe do CAEICT, efectivamente foron seguidas polo Governo. As máis relevantes delas, entre as que foron formuladas sobre este tema por estes dous órgaos consultivos, foron as seguintes:
a) A conveniéncia de reducir o número de embrións sobrantes crioconservados, tomando como referéncia as seguintes pautas, sucesivas e complementárias: 1) permitir a crioconservación de ovocitos; 2) ampliar o prazo legal para a utilización con fins reprodutivos dos embrións crioconservados, prazo que deberia pasar dos cinco anos actuais á duración da vida fértil da muller; 3) potenciar as doazóns de embrións sobrantes para as parellas que os necesiten; e 4) permitir a desconxelación dos embrións excedentários, unha vez que se esgoten as vias anteriores (1º Informe anual da CNRHA).
b) Recomendar que se permita a utilización controlada dos embrións sobrantes para a investigación con células troncais embrionárias, como alternativa á sua destrución (2º Informe anual da CNRHA e Informe do CAEICT).

c) Que se modifique a Lei sobre Técnicas de Reprodución Asistida para dar cabida ás recomendacións que se formulan (1º e 2º Informes anuais da CNRHA e Informe do CAEICT).
Sen embargo, ningun destes órgaos consultivos recomendou que se limite o número de ovocitos a fecundar en cada ciclo de fecundación in vitro, nin que se proíba a investigación con células troncais embrionárias procedentes de embrións excedentá­rios presentes ou futuros. É máis, a Comisión Nacional de Reprodución Humana Asistida pronunciou-se negativamente no seu 1º Informe sobre a cuestión de limitar o número de ovocitos a fecundar: “Considerou-se a posibilidade de recomendar unha modificación do número de óvulos a extrair e fecundar en cada caso en relación co consentimento formulado pola parella para doar os embrións crioconservados que non fosen utilizados para a sua procriación. Esta pauta non foi considerada adecuada pola Comisión no momento actual” (5) (1º Informe da CNRHA, p. 25). Como se pode apreciar, a Comisión non só non recomendou limitar o número de ovocitos a fecundar senón que recomendou explicitamente que non se limite, recomendación que foi completamente ignorada polo Governo.
Tampouco houbo ningunha recomendación nin por parte da Comisión Nacional nin do Comité de Ética de que se proíba a utilización futura dos embrións sobrantes para a investigación. Unicamente se manifestaron no sentido de que era desexábel que se reduza o número de embrións acumulados.
En resumo, estamos en presenza dunha reforma da Lei que, empregando como coartada aportar unha solución ao problema da enorme acumulación de embrións sobrantes conxelados, limita de forma inxustificada os direitos reprodutivos das mulleres que se sometan a partir de agora a tratamentos de fecundación in vitro, e poda que incluso prexudique a sua saúde e, por outro lado, dá un golpe de graza á posíbel investigación futura con embrións xa que, segundo a Lei reformada, unha vez que se determine o destino dos actualmente crioconservados, ningun novo embrión poderá ser empregado en investigación e, na prática, pode supor a cancelación definitiva de calquera investigación futura neste campo, o que suporia rematar coas esperanzas postas nestas investigacións por milleiros de enfermos hoxe por hoxe incurábeis. Trata-se, pois, dunha reforma moi regresiva desde ambos pontos de vista.


_____________

(1) O xurista Carlos Romeo Casabona aponta que, na prática, tal obxectivo non poderá ser cumprido. Como a reforma da Lei non contempla a posibilidade de existéncia de embrións sobrantes, estes “permanecerán nunha espécie de limbo xurídico, que non haberá xeito de resolver” (Carlos Romeo Casabona, comunicación persoal).

(2) Na prática clínica actual xa está sendo habitual non transferir máis de tres embrións, polo que a nova Lei non supón ningun cámbio fundamental sobre o que xa existe, máis que converter en precepto legal esa prática. Semella máis procedente que sexan os próprios facultativos os que decidan o número de embrións a transferir, atendendo ás características de cada caso.

(3) A cuestión dos embrións sobrantes acumulados constituiu un problema moi incómodo para o Governo, que estivo adiando durante anos, ignorando as recomendacións da Comisión Nacional de Reprodución Humana Asistida, até que non lle quedou máis remédio, debido á enorme acumulación de embrións crioconservados durante anos, que ter que adoptar unha decisión definitiva ao respeito.
(4) Contodo, a destrución directa dos embrións actualmente sobrantes é unha das catro posibilidades que se contemplan na reforma da Lei, que dependen da decisión que adopten as parellas ao respeito.

(5) As cursivas son miñas.