Eva Salgado (1) Vº Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Rwanda

Eva Salgado (1)

Vº Encontro Internacional da Marcha Mundial
das Mulleres en Rwanda
(Inzar Razóns, 32, abril 2005)

Quixera agradecer a Inzar Razóns a posibilidade de expresar a nosa voz nesta publicación, esperando que este artigo, sirva para visualizar o acontecido en Kigali, capital de Rwanda, o país máis pequeno do continente e cun dos xenocidios máis sanguentos da recente historia africana, durante o Vº Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres.
Rwanda foi elixida para a realización deste encontro debido ao desexo mostrado polas mulleres africanas ao cumprirse en 2004 o 10º aniversario dun dos xenocidios máis crueis e atroces da historia da humanidade, e cara a destacar a aportación das mulleres nunha sociedade pacífica, xusta e igualitaria.
En 3 meses, de abril a xuño de 1994, asasinaron máis de 1 millón de persoas “a machadazos” sen que as autoridades internacionais, entre elas a ONU, fixeran ningún tipo de posicionamento público ao respecto, ou de intervención para a resolución pacífica do conflicto.
Rwanda foi colonizada por Bélxica, que decidiu outorgar un rango maior á comunidade tutsi porque, segundo os seus propios preceptos, “eran máis altos, máis guapos e tiñan un nariz máis fino que os hutus, máis negroides” Bnon sirva esta explicación de frivolidade, as e os rwandeses explícano asíB xa que entón, en cartesiana tautoloxía belga, os primeiros, a etnia tutsi, era máis intelixente que a hutu e así o fixeron crer dándolles postos de responsabilidade en detrimento das e dos seus oficialmente humillados paisanos (2). O odio tornouse en vinganza cando as negociacións para asinar un acordo de paz entre o goberno hutu no poder e os rebeldes tutsis fracasou. A traxedia, máis unha vez, desatouse e os asasinatos en masa superaron un millón de vítimas, a maioría tutsis, mais tamén, hutus moderados partidarios de compartir o poder. Bélxica, Europa e Estados Unidos lavaron as mans.
Estímase que entre 250.000 e 500.000 mulleres foron violadas, sofreron inxurias, enfermidades venéreas, marxinalidade e exclusión social. As crianzas tamén foron obxectivo militar; moitos nenos e nenas nacidos de parellas hutu-tutsi foron asasinados polos seus pais, baixo as presións das milicias radicais. Perto do 96 por cento das persoas superviventes, testemuñas das torturas e matanzas de familiares e amizades, sofreron graves traumas psicolóxicos. A finais de 1995 en Rwanda había 47.000 orfos/as e máis de 2 millóns de persoas refuxiadas nos países veciños.
Ao pasear polas rúas de Kigali, faise evidente o chabolismo e a precariedade nos servizos máis elementais de luz, auga e gas, as mutilacións, os meniños/as buscando a vida na rúa, malaria e tifo, escaseza de productos alimenticios básicos que reflicten o 85 por cento da pobreza existente, o sufrimento das súas xentes, altas taxas de orfandade e máis de 50.000 viúvas, moitas delas violadas e contaxiadas polo VIH como arma de guerra, estigmatizadas, pobres e soas, que hoxe se atopan nun proceso de reconciliación a través das gacacas.
Debo recoñecer que a pesar do meu entusiasmo no feminismo e da miña militancia na MMM nunca crin que a plataforma da que formo parte tivese tanta forza, dimensión e diversidade até acudir a este Encontro Internacional. Mulleres de Perú, Filipinas, Xordania, O Salvador, Camerún, Líbano, Romanía, entre outras, facendo grandes esforzos por lograr acordos en situacións persoais, económicas, culturais, familiares e políticas francamente diferentes, moitas delas coas presións dos seus gobernos e outras moitas, en situacións de conflito militar e guerra. É aí a importancia da MM como proceso de aglutinación internacional. Puidemos escoitar as mulleres dos Grandes Lagos e visualizar o seu traballo na construción da paz e a democracia desde a adversidade, e o seu reclamo constante a ser incluídas nos procesos de prevención da guerra e de negociación da paz... e de paso, tamén nos serviu para reflectir sobre o traballo que facemos nós, na loita contra a pobreza e a violencia de xénero, na consciencia de que “outro mundo é posíbel”, non dominado polos intereses económicos dos países ricos, que condenan 3.000 millóns de persoas a subsistir na miseria.
É claro que hoxe, dentro da propia coordenadora nacional galega, temos constituído grupos de mulleres que dun xeito ou doutro sofremos a violencia de xénero, pero, que pasa coa pobreza? Realmente o noso traballo incide na conscienciación das mulleres pobres, na resolución dos seus problemas? Temos algún contacto cotiá nas coordenadoras locais con elas? Deberiamos facer un esforzo maior por achegarnos ás clases populares? Ou ficamos no traballo de conscienciación xeral nas datas programadas, por outra banda, claramente institucionais do 8 M e 25 N?

O obxectivo do encontro: a aprobación da carta, o relevo da
carta e da manta, as 24 horas de solidariedade feminista

Na Carta, mediante 31 afirmacións, descríbense princípios esenciais e básicos para a humanidade baseados nas 17 reivindicacións internacionais da Marcha, articulada baixo cinco valores: Liberdade, Igualdade, Solidariedade, Xustiza e Paz. A condena ao neoliberalismo e ao patriarcado como máximos sistemas de opresión é froito dun longo proceso de consultas, intercambios e debates con grupos de mulleres de base.
A aprobación da carta, non por carecer de importancia resultou doada, xa que practicamente todo o encontro xirou á súa volta, con plenarios e reunións simultaneas dos 5 grupos rexionais.
A diverxencia xirou na aprobación do aborto e do lesbianismo, eis a grande diferenciación con muitas mulleres, especialmente as africanas que, impregnadas nun proceso de reconstrucción nacional, vivencian a práctica lésbica como afastada dos seus intereses inmediatos, ou que, debido a ser maioritariamente de relixión católica, ou polas presións dos seus gobernos, posiciónanse contra o aborto, -non imos entrar no debate de se son menos feministas polo mesmo que non entraremos no de se pecamos de etnocentrismo-, finalmente todas tratamos de chegar a acordos sobre esa disxuntiva de que “o que nos une é maior e máis importante que o que nos separa” incluíndo na redacción final o dereito a “elixir libremente se as mulleres queremos ter fillos/as ou non” e a aceptación da “orientación sexual” en diversas partes do texto, entre outros aspectos. (Ver Carta Mundial das Mulleres para a Humanidade, 3º esbozo en www.feminismo.org/marcha, enlace internacional).
O lanzamento da Carta Mundial das Mulleres pola Humanidade terá lugar o 8M dende Sâo Paulo, Brasil, onde comezará a súa andaina para percorrer as Américas, Europa, Asia e África. Irá acompañada dunha inmensa Manta, feita de retallos, tipo patchwork, que irá medrando progresivamente ao longo do relevo, xa que cada coordenación engadirá o seu anaco de tea sobre o cal se ilustrará o mundo que estamos construíndo, para finalizar o 17 de outubro en Burkina Faso, un dos países máis pobres do planeta, onde as mulleres seguen sometidas a violencias específicas alén da violencia doméstica: matrimonios forzados e precoces, levirato, mutilacións xenitais.
En Galiza estará do 20 ao 23 de maio, en coordenación coas mulleres de Portugal e Euskal Herria e desde aquí aproveito estas páxinas para convidarvos a todas e todos vós a participar destes alternativos encontros. Ese mesmo día, o 17 de outubro celebraranse as 24 horas de Solidariedade Feminista: as mulleres do mundo levarán a cabo unha acción de 1 hora, ás 12:00 horas do mediodía, que se iniciará en Oceanía e que ao respectar os diferentes fusos horarios, durará as 24 horas.

O traballo dos colectivos

Quixera destacar a aportación neste Encontro Internacional do Colectivo Paz e Desmilitarización (3), o seu traballo contra a violencia sexual que sofren as mulleres nas zonas de conflito e nos territorios ocupados, así como o rexeitamento aos impactos que a militarización ten sobre as mulleres: violencia sexual, tortura, mutilación, rapto, asasinatos, prostitución, tráfico sexual e destrución do medio de vida, como a demolición das súas vivendas e danos á propiedade.
Elas denunciaron o patriarcado, o fundamentalismo e o racismo e todas nós solidarizámonos coas mulleres dos Grandes Lagos Africanos, onde seguen sofrendo violencia sexual a pesar dos acordos de paz, coas mulleres de Rwanda que diante do Memorial do Xenocídio, dixeron Nunca Máis, coas mulleres Sudanesas, coas mulleres de Ciudad Juarez, coas mulleres de Irak e Palestina.

O futuro da marcha en Galiza

Hoxe a MMM a través da Coordenadora Galega constitúe a expresión máis xenuína do movemento feminista galego incluíndo no seu interior unha totalidade de 42 grupos de mulleres de diferentes organizacións feministas, sociais e políticas. Tras o evento europeo en Vigo en maio de 2004 e a participación nos diferentes Encontros Internacionais e Europeos podemos afirmar que o futuro se torna esperanzador para quen soñamos cun mundo máis xusto e igualitario. Temos como desafio as accións de 2005 así como a participación no III Encontro Europeo en Marsella a fins de maio, mais tamén, debemos meditar sobre a utilidade da Marcha para nos achegar a sectores diferenciados de mulleres, e sobre a necesidade de que as mulleres destes grupos participen de xeito real e activo, priorizando a Marcha, nas coordinadoras locais, para unir esforzos, intercambiar ideas, achegármonos á sociedade, sistematizando a nosa experiencia feminista e visibilizando a nosa acción autónoma como mulleres. A pluralidade depende de todas nós.

_________________
(1) Delegada Galega da Marcha Mundial das Mulleres en Rwanda.
(2) Sendo consciente da necesidade de utilizar linguaxe non sexista, nalgunhas partes do texto a redacción é masculina, debido a que a toma de decisións e a práctica das mesmas, foi maioritariamente feita por homes.
(3) Na actualidade existen cinco grupos de traballo estábeis na Marcha, dos que forman parte mulleres dos cinco continentes: Colectivo Paz e desmilitarización, Alianzas e globalización, Alternativas económicas feministas, Dereitos das lesbianas e Violencia cara ás mulleres (ver páxina Web).