Laura Oso Casas
Mulleres inmigrantes e prostitución en Galicia

(Andaina, 38, verán 2004)

«Centenares de prostitutas introducidas ilegalmente en España, escravizadas por mafias de proxenetas […] Elas son inmigrantes ilegais de África, Latinoamérica e da Europa non comunitaria, explotadas polas mafias da prostitución» (Interviu, 4/10/99).

«Dominicanas atrapadas na rede. Atrapadas con enganos polas redes internacionais de trata de brancas, arredor de 50.000 mulleres de orixe dominicana exercen a prostitución fóra do seu país» (Cambio 16, 12/8/96).

«Miles de inmigrantes subsaharianas son obrigadas a prostituírse» (El País, 11/12/00)


Son algúns exemplos, extraídos de varios xornais e revistas, que tratan a problemática da inmigración e a prostitución e que poñen de manifesto o discurso que domina nos medios de comunicación cando se aborda este tema. Discurso cargado de vocábulos que subliñan o papel pasivo das mulleres inmigrantes como vítimas que son escravizadas, introducidas, obrigadas. Os actores neste escenario son as mafias de prostitución, os proxenetas, as redes internacionais de trata de brancas. Unha imaxe vitimista da inmigrante, centrada en sacar á luz situacións de abuso e de explotación sexual que, estamos de acordo, deben de ser denunciadas. Non obstante, este discurso constitúe unha arma de dobre fío.
En primeiro lugar, non pon de relevo a complexidade desta realidade social, subliñando case exclusivamente a súa vertente máis sensacionalista e reducindo a figura da traballadora do sexo inmigrante ao papel pasivo de vítima traficada e obrigada. Imaxe que contribúe a reproducir o estereotipo tradicional da muller como suxeito pasivo dos movementos poboacionais. Esta visión redutora non responde á realidade de moitas mulleres que adoptaron a decisión de migrar, conscientes do emprego que ían desempeñar en España e que non foron enganadas e traficadas por redes e mafias, senón que financiaron a súa viaxe de maneira autónoma, gracias a recursos económicos propios ou a empréstitos de familiares ou doutros migrantes. Mulleres que son, a miúdo, os principais soportes económicos dos seus fogares e que se constitúen, por tanto, en protagonistas da migración e actoras económicas e de desenvolvemento nos seus países de orixe.
En segundo lugar, este discurso, ao identificar como «maos da película» a proxenetas, redes e mafias da prostitución, tende a invisibilizar a responsabilidade que, na explotación e nas duras condicións de traballo e de vida das traballadoras do sexo inmigrantes, teñen outros actores sociais, tales como administradores, políticos, donos de negocios, policías, comerciantes, avogados... en efecto, a responsabilidade hai que buscala igualmente nunha política migratoria restritiva, que fomentou durante anos a irregularidade das inmigrantes en España, así como nun marco xurídico de carácter abolicionista que, aínda que non contempla a prostitución como un delito, rexeita dotala dun estatus legal e promove a abolición de toda regulamentación da mesma. Así mesmo, non está exenta de culpa a opinión pública española, que baixo unha sombra moralizadora, estigmatiza e castiga socialmente a prostituta e non ao usuario dos seus servizos sexuais.
Sobra dicir que a inmigración cara a España de mulleres para traballar na prostitución resposta á demanda de clientes ávidos da cor e da calor latinoamericana, africana e eslava. E é precisamente a non-regulación dos fluxos migratorios que teñen como destino cubrir esta demanda, o que xera a proliferación de individuos que se benefician economicamente do éxodo, en condicións de irregularidade, de terceiras persoas. É coñecido que unha política restritiva de inmigración tende a xerar unha bolsa de irregulares e a fomentar as entradas clandestinas e o tráfico de inmigrantes, con independencia do emprego que estes vaian desempeñar no país de destino. A situación agrávase se, ademais, as protagonistas da viaxe se empregan nunha actividade que non é recoñecida legalmente. Neste caso, as cadeas da irregularidade teñen uns elos máis pesados e son máis difíciles de romper (1).
A primeira idea que queremos argumentar é que, ao lado da imaxe que tende a relacionar a inmigración con fins de prostittución a súa versión máis dura (tráfico a través de grandes redes e mafias) o noso traballo de campo en Galicia puido constatar a existencia, por un lado, dun tráfico de inmigrantes a pequena escala, sustentado por individuos particulares ou donos de pequenos clubs de alterne e, por outro lado, dunha migración de mulleres apoiada fundamentalmente nas redes migratorias. Estas mulleres, dunha maneira máis autónoma, emigran a España e empréganse en clubs ou pisos de contactos, traballando máis independentemente e non relacionadas con grandes organizacións ilegais de tráfico e prostitución.
Hai que indicar que os visitantes colombianos e ecuatorianos no momento de realizar a nosa investigación non requerían de visado para viaxar a España, polo que a maioría das nosas informantes entraron como turistas, polo período de tres meses, pasando posteriormente a engrosar as filas da irregularidade.
Do conxunto das mulleres inmigrantes entrevistadas só dúas chegaron a España enganadas, sen coñecer o traballo que ían desempeñar. Arredor da metade emigraron de maneira independente, gracias aos cartos que dispoñían no seu propio país; gracias a un crédito bancario; a hipoteca de propiedades; recorrendo a prestamistas privados ou con préstamos de familiares ou amizades xa emigradas.
O feito de emigrar de maneira autónoma e non ter a presión do pago da débeda conleva unhas mellores condicións de traballo e de vida. Neste caso, as mulleres soen empregarse de maneira independente, respondendo o traballo no mundo da prostitución a unha opción ou estratexia persoal, fóra do engano, coacción ou presión por parte de terceiras persoas. A ausencia de dependencia monetaria e, polo tanto, persoal, posibilita as mulleres elixir onde e cando van ofrecer os seus servizos. Así, as traballadoras autónomas soen rotar de negocio en función principalmente da demanda e a situación de emprego, o risco de redadas policiais e as condicións de traballo (trato por parte dos donos de negocios, condicións da vivenda, calidade da comida).

As mulleres inmigrantes independentes tamén elixen se queren ou non atender a un cliente ou descansar cando o cren necesario. Traballan igualmente en mellores condicións sanitarias. Así, poden permitirse non aceptar aqueles clientes que desexan os seus servizos (sen condón). A utilización de preservativo é unha práctica moi extendida entre as mulleres inmigrantes latinoamericanas en Galicia; anque son moitos os homes que demandan «sexo con risco». Resistir ás súas apetitosas ofertas monetarias é máis fácil sen a presión económica da débeda.
A autonomía posibilita, da mesma maneira, optar por outro tipo de emprego, máis alá do club de estrada, como é o traballo en pisos de contacto, onde as condicións laborais son máis favorábeis. Os pisos de contacto ou «tapadillos» son apartamentos discretos nos que varias mulleres ofrecen os seus servizos que son anunciados na prensa. Nun piso a clientela é máis tranquila, sóese traballar de día, non hai que «trasnoitar», tomar bebidas alcohólicas, nin seducir e conquistar os clientes na barra. Isto último, o rito de «flirteo», é percibido negativamente por moitas mulleres, como unha práctica de submisión e humillación e un dos principais inconvenientes do traballo nun club de alterne. Ademais as mulleres inmigrantes autónomas soen posuir un espazo residencial propio, de maneira que a relación co traballo adquire unha connotación máis contractual: as mulleres desprázanse ao club ou ao piso, cumpren un horario, mais regresan posteriormente á súa residencia persoal.

Eu son de clase media-alta en Colombia e non me facía a idea de traballar nunha casa de familia. Unha moza tiña un contacto para traballar nisto. Cheguei a Madrid, a miña irmá deume os cartos da viaxe e a bolsa (2). Chegou a moza coa que tiña o contacto e fumos a Pontevedra. A min ninguén me trouxo nin me enganou e nunca tiven malas experiencias de que me pegasen, nin nada. Eu cóidome, teño un seguro privado e a Seguridade Social. A miña vida no traballo foi moi tranquila, nos pisos. Hai mozas que precisan moitos cartos, que teñen que cancelar unha débeda. Eu tomei a decisión libremente, cóidome moito, metinme nisto libremente, non vivo orgullosa do que fago, mais fágoo como un traballo. É unha forma máis rápida de gañar diñeiro.
(Muller colombiana traballadora nun piso de contactos)

A outra metade das nosas informantes chegaron a España tras contraer unha débeda, pero baixo a modalidade dun tráfico máis a pequena escala, que non implica a grandes redes ou mafias, senón que está sustentado fundamentalmente pola propia dinámica migratoria: é dicir, polas redes sociais tecidas entre os migrantes. En Galicia está moi extendida a práctica segundo a cal as inmigrantes colombianas xa asentadas, algunhas delas casadas con españois, que dispoñen dunha certa estabilidade xurídica e económica, invirten na viaxe de terceiras persoas (amizades, familiares, coñecidos en Colombia), facilitándolles o diñeiro necesario para o billete de avión e a bolsa de viaxe, así como a carta de invitación e os contactos para traballar en España.
O importe da débeda varía en función da ambición económica da «persoa que trae». Así entre as nosas entrevistadas atopamos mulleres ás que amizades ou familiares lles prestaran o importe do billete sen intereses, mentras que a outras lles cobraron unha débeda que oscilaba de 350.000 a un millón e medio de pesetas. O «engano» no caso deste tipo de tráfico de inmigrantes consiste non tanto no emprego a realizar, senón máis ben no importe da débeda, que en moitas ocasións é moi superior ao importe real da viaxe.

En Colombia a unha propóñenlle traballar, as mesmas compañeiras, as que viñeron, están traballando ou traballaron. Unha amiga dille hai que traballar nisto, préstolle a pasaxe. A maioría están casadas. Recíbente, préstanche os cartos para a pasaxe e o diñeiro por se cho piden en migración. Dinlle a unha ónde está o club. A min non me cobraron. Hai moitas que contan que lles cobran, pero non os donos dos clubs, senón as amigas.
(Muller que migrou para traballar nun club)

Algunhas das mulleres entrevistadas, con débeda, teñen unha relación máis libre e menos dependente respecto aos seus prestamistas; se ben, puidemos constatar situacións de forte abuso e explotación no marco destas pequenas redes de tráfico. Son varias as entrevistadas que optaron por non cumprir co total dos pagos.

Estaba nunha cafetería en Colombia e achegóuseme un rapaz que era irmán da señora que me trouxo, díxome: gustaríache viaxar a España? Eu fágoche os movementos, prestámosche os cartos, douche o ticket e despois pagas. Pagáronme alá o pasaporte, mandáronme o ticket, organizáronme a saída do país. Dixéronme alá que tiña que pagar 500.000 ptas. Mais ao chegar a Vigo eran 800.000. A señora levoume primeiro a un club, viviamos con ela, tódolos días dicíame: canto fixeches hoxe? Tiña que pagarlle 20.000 ptas. diarias. Despois levoume a un piso, logo para outro club, e para outro. Eu escapeime, xa lle pagara 500.000 ptas. E agora estou ao meu aire.
(Muller colombiana actualmente traballando nun piso de contactos)

A situación pode agravarse cando o tráfico implica directamente a donos de clubs ou a unha rede máis extensa de prostitución, sendo este o caso vivido por tres das nosas informantes. E é que, para algunhas das nosas entrevistadas, con débeda, a súa migración si se achega ao perfil do tráfico que reflicten tradicionalmente os medios de comunicación, onde as mulleres son trasladadas dun club a outro, encerradas, vendidas ao mellor postor e privadas da súa liberdade máis básica.

Eu traballaba en Colombia nisto. A rapaza alá díxome que viña cunha débeda de un millón de pesetas, que acá me deixaban cartos para mandar a Colombia e para roupa, pero despois nunca me prestaron nin para mandar, nin para roupa, nin para nada. Cheguei a Pontevedra a un club, despois nos mandaron a outro club en Lugo. Había rapazas con débeda, vixilábannos para todo, non nos deixaban saír, encerrábannos. Ás veces tratan as mozas ben e ás veces mal. Logo mandáronme facer unha praza (3), estiven en Oviedo e en Lérida. Despois vendéronme a un club en Ourense por 700.000 ptas.
(Muller colombiana emigrada para traballar nun club)

As condicións de traballo e de vida para as traballadoras do sexo endebedadas son moito máis duras que para as inmigrantes autónomas. Polo xeral, soen residir nos clubs ou en casa dos seus prestamistas, o que supón un forte control sobre as súas vidas cotiás. A falta de autonomía, o illamento social, a inexistencia dun espazo propio, son algúns dos sentimentos resentidos.
As mulleres que son «traídas» directamente polos donos dos clubs poden ser aínda máis controladas, na medida en que a estes lles interesa conservar as súas traballadoras, polo menos ata que paguen a débeda adquirida. O ritmo de traballo durante o período no que as mulleres se atopan pagando a débeda é moi acelerado, máis clientes por xornada, poucos ou ningún día de descanso. A necesidade económica obriga algunhas mulleres a traballar durante os días da menstruación (soen para iso introducirse unha esponxa na vaxina) e aceptar, en ocasións, clientes que ofertan boas cantidades de cartos por «un polvo sen goma».
A vida cotiá soe reducirse ao traballo: as empregadas en clubs érguense a medio día, comen e prepáranse para iniciar a xornada, que comenza ás seis da tarde e remata ás tres ou catro da madrugada. Nalgunhas ocasións, os cuartos onde residen as mulleres nos clubs non están ben acondicionados, algunhas teñen que durmir na mesma habitación de traballo e as comidas, o mesmo que algúns clientes, «non son sempre prato de gusto». Unha vez cancelada a débeda as nosas entrevistadas recobraron, polo xeral, a súa liberdade e incorporáronse ao batallón de inmigrantes autónomas que circulan nos autobuses públicos, rotando de club en club, polas estradas de Galicia e outros territorios de España.
As condicións de traballo e de vida melloran considerabelmente co pago da débeda, ao pórse en marcha algunhas estratexias de mobilidade social e laboral: traballo en pisos de contacto, aluguer dunha residencia propia... aínda así, a necesidade e o desexo de acumulación monetaria leva a moitas traballadoras do sexo autónomas a manter un forte ritmo de traballo, sobre todo cando viaxan a realizar «unha praza».
Unha vez perfilados algúns trazos distintivos da realidade social das mulleres inmigrantes traballadora do sexo en España, pasamos a transmitir a segunda reflexión, coa cal concluímos este artigo. A idea que pretendemos reflectir é cómo a cadea da irregularidade, que pesa sobre as traballadoras do sexo inmigrantes, é retroalimentada por distintos elos, que implican non só a proxenetas, redes de tráfico e mafias, senón a un conxunto complexo de actores sociais.
Como xa anunciabamos ao principio do escrito o primeiro elo desta cadea constitúeo a política migratoria española, xeradora dunha bolsa de irregulares, así como a lexislación en materia de prostitución, que non condea esta actividade, mais tampouco permite o seu recoñecemento legal e a súa regulamentación. Este é, en realidade o principal muro co que se atopan as mulleres inmigrantes traballadoras do sexo en España e a base sobre a cal se asenta o xermolo da súa explotación e duras condicións de traballo e de vida. A irregularidade, como cidadás e traballadoras, determina que estas mulleres máis dificilmente poidan traballar soas e detentar negocios propios.


A falta de protección legal fai que as nosas protagonistas teñan que recorrer a ser arroupadas por donos de clubs ou pisos de contacto, que gañan grandes beneficios gracias ao seu traballo. En efecto, nun club, aproximadamente o 20% de cada servizo soe ser para a casa, así como o 50% das copas que os clientes pagan ás mulleres. Así mesmo, en moitos negocios cobran ás traballadoras unha cota diaria por aloxamento e comida, o que supón unha mensualidade para os donos, que reciben unha importante cantidade de cartos gracias a esta modalidade de pensión. Ademais, son numerosos os clubs que establecen un sistema de multas: cando a traballadora se retrasa en saír da habitación máis alá do tempo pagado polo cliente; se sae con clientes fóra da casa, chega tarde ao traballo...
Os donos dos clubs instalan, en ocasións, un teléfono público, para que as inmigrantes chamen aos seus países de orixe, ao que algunhas das nosas informantes chaman «teléfono macarra», pola cantidade e rapidez coa que traga as moedas. Ademais, as redadas policiais están especialmente presentes nos clubs de alterne, afectando principalmente á detención de mulleres inmigrantes, sendo o principal factor de inseguridade nas súas vidas. O temor á policía ten como consecuencia un maior illamento nos lugares de traballo. As mulleres inmigrantes non se atreven a traspasar os muros do club, o que as fai aínda máis vulnerábeis. Así, algúns inmigrantes se benefician desta situación de illamento e fan negocio mediante a venda, a prezos elevados, de produtos nos clubs.
En efecto, en Galicia algúns inmigrantes varóns recorren os clubs de estrada, ofecendo roupa, xoias, perfumes, cosméticos ás traballadoras do sexo. Outras mulleres inmigrantes tamén montaron o seu propio negocio a través deste comercio informal, vendendo comida colombiana en clubs de alterne. Do mesmo xeito, algúns avogados sacan bon proveito da situación de irregularidade das inmigrantes que se empregan na prostitución, cobrándolles grandes cantidades de diñeiro por «arranxar papeis». Algúns homes españois benefícianse igualmente chegando a gañar ata medio millón de pesetas por un «matrimonio branco».
Así, os elos da irregularidade se reproducen polos intereses encadeados de distintos actores sociais. Mais é precisamente a diversidade de situacións encontradas o que indica que unha acción orientada a rachar o círculo da irregularidade, e non as redadas policiais, é precisamente a mellor vía para acabar coas duras condicións de traballo e de vida dalgunhas traballadoras do sexo inmigrantes en España.


___________
A análise que presentamos baséase nos datos cualitativos obtidos coa realización dun total de 45 entrevistas en profundidade: 34 mulleres que traballaron ou están traballando en clubs ou pisos de contacto en Galicia (27 colombianas, 3 ecuatorianas, 2 dominicanas, 2 españolas) e 11 a persoas en contacto directo coa realidade estudiada (clientes, médicos, e responsábeis de ONG`s). As entrevistas foron realizadas pola autora, no marco dun estudio sociolóxico sobre Mulleres inmigrantes na irregularidade, financiado polo Instituto da Muller e dirixido por Antonio Izquierdo.
A bolsa é a suma monetaria que requiren as autoridades españolas e que debe ser mostrada na fronteira para poder entrar como turista.
A praza consiste nunha estadía de 21 días nun club ou piso de contacto, onde a muller reside permanentemente e traballa de maneira acelerada e sen descanso. Esta modalidade de emprego é dura pero posibilita importantes beneficios económicos (algunhas mulleres poden chegar a gañar un millón de pesetas nunha praza).

Bibliografía

Oso, L. (2000): «Estrategias migratorias de las mujeres ecuatorianas y colombianas en situación irregular: servicio doméstico y prostitución en Galicia y Pamplona», ponencia presentada ao II Congreso sobre a inmigración en España, Madrid, Universidad Pontificia de Comillas.

— (2001): «Estrategias migratorias y de movilidad social de las mujeres ecuatorianas y colombianas en situación irregular: servicio doméstico y prostitución», Izquierdo, A. (dir.): Mujeres inmigrantes en la irregularidad. Pobreza, marginación laboral y prostitución, Madrid, Instituto de la Mujer, informe inédito de investigación.

— (2002a): «Colombian women, sex work and health in Galicia, Spain», in Research for Sex Work (5, june), pp. 10-12.

— (2002b): «The New Migratory Space in Southern Europe: the case of colombian sex workers in Spain», Morokvasic-Müller, M., U. Erel, and D. Shinozaki (eds.): Crossing Borders and Shifting Boundaries, Vol. I.: On the Move, Leske+budrich.

— (2002c): Domestiques, concierges et prostituées: Migration et mobilité sociale des femmes immigrées, espagnoles à Paris, équatoriennes et colombiennes en Espagne, thêse de doctorat, Université de Paris I – Panthéon Sorbonne.