Lourdes Méndez

ADÁN, Carme: Feminismo e coñecemento.
Da experiencia das mulleres ao Ciborg

Espiral Maior, Col. Universitas, 2003
(Andaina, Revista Galega de Pensamento Feminista, núm. 35, verán 2003)

É ben sabido que toda disciplina forma e deforma ao tempo as maneiras que temos de aprehender o mundo e, neste sentido, a miña formación e deformación ten que ver coa miña disciplina, a Antropoloxia e, dentro dela, coa miña aposta polo desenvolvemento dunha antropoloxia feminista. Como non podia ser doutro xeito, é desde esa posición desde a que lin o libro de Carme, unha filósofa feminista, profunda coñecedora de ámbitos cos que non estou familiarizada —os da lóxica e a filosofia da ciéncia— e interesada por relacioná-los con temas que me son máis familiares e que teñen que ver cos enfoques prácticos e as teorias da acción que despuntaron nas Ciéncias Sociais ao longo da década dos oitenta do século XX e que foron fundamentais para que seguisen avanzando as teorizacións feministas.
Desde estes enfoques e teorias o lugar concedido ao suxeito; o saber que é o que motiva as suas accións; o indagar sobre como modela o sistema social ás prácticas e como, á vez, certas prácticas son susceptíbeis de chegar a transformar o sistema son, desde o meu ponto de vista, centrais tanto para facer a análise (a nivel das investigacións con base empírica) das posicións ocupadas por mulleres e homes no seo de cada sistema social, o que tal sistema impide ver, facer e sentir aos suxeitos, como para proseguir a inxente tarefa de deconstruír un coñecemento científico androcentricamente sesgado que, no mellor dos casos, historicamente considerou as mulleres como obxectos de estudo e nunca como suxeitos (e productoras) de coñecemento. Esa deconstrucción foi o primeiro paso que as teóricas feministas tiveron que dar en tódalas disciplinas para poder, a continuación (e nesas estamos), construír un coñecemento feminista no que o suxeito muller non resulte obliterado.
Mais non nos enganemos. O libro de Carme nin se le dunha sentada, nin é un ensaio no que a sua autora profundiza máis ou menos nunha série de temas ganduxados con maior ou menor éxito. Afortunadamente, Carme alonxa-se radicalmente desa forma de escrita, hoxe tan de moda. O seu libro é o resultado de anos de traballo e de reflexión que chegan até as nosas mans sistematizados de tal xeito que nos pode levar a pensar «como non se me ocorreria a min?». Sinxelamente, porque non se trata de ocorréncias, senón de traballo sério, documentado, exhaustivo e argumentado.
Ao longo do seu libro, Carme examina o enorme traballo teórico levado adiante polas feministas interesadas pola ciéncia e a tecnoloxia e fai-no cun rigor exemplar e cunha claridade que, unha servidora, allea ao que son os núcleos teóricos duros deses intereses, non pode menos que agradecer.
O seu percorrido polo feminismo anglosaxón, o que máis traballou sobre as relacións entre ciéncia e xénero, enmarca a sua investigación. Pero unha vez máis, non nos enganemos, Carme, para estructurar o seu libro optou por seleccionar unha série de autoras clave como: Helen Longino, Lynn Hankinson Nelson, Sandra Harding, Evelyn Fox Keller o Donna Haraway; pero ao fio delas, moitas outras van agromando desde Simone de Beauvoir até a historiadora Joan Scott ou as antropólogas Gayle Rubin e Sherry Ortner. Igual que van agromando teóricas feministas do Estado Español, sexan estas filósofas, historiadoras, sociólogas ou antropólogas. E fan-no porque, como Carme sinala, unha das características da construcción dunha epistemoloxia feminista é o constante diálogo e debate entre teóricas ubicadas en diferentes campos do coñecemento.
Calquera pode imaxinar o traballo que lle tivo que supor á autora de Feminismo e Coñecemento recopilar todo un conxunto de artigos extraordinariamente dispersos e tamén neste sentido o seu esforzo é exemplar.
Tan exemplar como a articulación, ou mellor dito, a retroalimentación, entre os catro capítulos do libro de Carme e que xustifica algo que a autora sinala: un certo desaxuste cronolóxico no trato dado aos escritos feministas. Xustificación innecesária porque é ese desaxuste cronolóxico, que respecta a proposta clasificatória de Sandra Harding, o que amosa e demostra o dinamismo e os vaivéns na construcción dunha epistemoloxia feminista que non é un producto acabado senón que está en constante proceso de elaboración. Catro capítulos que se inician con citas esplendidamente seleccionadas, de diferentes obras de Virginia Wolf, esa gran escritora feminista que foi quen de percibir e expresar literariamente de maneira aguda a experiéncia das mulleres.
Xustificación innecesária tamén porque ese desaxuste cronolóxico lle permite a Carme elaborar o que, desde o meu ponto de vista, é o capítulo máis complexo e fascinante do seu libro e o que constitue unha magnífica contribución a esa tarefa en constante proceso que é a de construir o coñecemento desde unha perspectiva feminista.
No seu cuarto capítulo Carme introduce a dimensión política da experiéncia das mulleres no discurso das epistemólogas feministas. Unha longa cita de Cara ao faro de Virginia Woolf, sintetiza, a través das cuestións que Lily Briscoe se fai, as que as científicas feministas levan facendo-se dende hai tres décadas. O coñecemento, as percepcións, o corpo, o cerebro, o corazón, a experiéncia, a posibilidade de dicer o que se sabe, e, ante todo, cómo lograr a unidade que Lily desexaba acadar coa señora Rawsay. Unha unidade entre mulleres que, como proxecto político levan anos perseguindo. Mais, ¿como acada-la cando as mulleres somos diversas, ocupamos diferentes posicións sociais, pertencemos a diversas culturas?, ¿que é o que, máis alá desa diversidade, compartimos TODAS?
Estas cuestións son tan pertinentes no ámbito político coma no científico.
Carme fai confluír neste capítulo as diferentes perspectivas teóricas que espuxo nos anteriores procurando que é o que comparten. Buscando unidade. Unha unidade que podería lograr-se se retemos tres conceptos: Xénero, experiéncia das mulleres, situación. Tres conceptos que a autora considera como ferramentas fundamentais para resignificar «ser mulleres» como suxeitos de coñecemento. Carme examina que aportaron os conceptos de xénero e experiéncia das mulleres e insiste en que son a ponte que permite percorridos de ida e volta entre as reflexións sobre o coñecemento e a cuestión do suxeito «muller» e insiste tamén en que permiten clarificar a dimensión de xénero no ámbito do coñecemento.
A autora de Feminismo e coñecemento fai-nos ver que «a experiéncia das mulleres é a situación desde onde se establecen novas propostas epistemolóxicas, desde onde se pode asumir facer epistemoloxia como feministas, novas prácticas cognitivas que incluen a resignificación do ser mulleres» (p. 239). Dito doutra maneira «muller» define-se como unha posición na que as situacións externas (economia, poítica, cultura...) a condicionan. Mais as mulleres non somos receptáculos pasivos. As nosas actividades contribuen ao contexto e a nosa posición pode utilizar-se para xerar novos significados que, á vez, transformarán a nosa posición.