Namibia

8 de marzo: Un lema desafortunado… e algo máis
(Inzar razóns, nº 29, xullo 2003)

O lema que a coordenadora da marcha mundial de mulleres puxo en circulación para a convocatória do oito de Marzo pasado (2003) xerou moitas incomodidades en sectores tradicionalmente activos na defensa dos dereitos das mulleres e na loita feminista e abriu algunhas portas á reflexión sobre o facer feminista en Galiza que anteriormente non se tiñan pensado con tanta inquedanza.
Nim guerra, nim machismo, nin marés. Nunca máis chapapote patriarcal, é, mire-se por onde se mire, desatino. O desatino non é só, na miña opinión, unha consigna pontual e moi desafortunada. Expresa xeitos de pensar e facer sobre os que é útil reflexionar porque non se trata, insisto, de algo estritamente pontual e episódico senón que suma e segue unha liña de pensamento e acción con várias vetas de interese para quen non se sinta especialmente ben nas autocompracéncias e nas rutinas.
Quen pensou esta consigna e quen a aprobou e coreou non demostra interese en comunicar-se co exterior. Enigmática para a xente comun, haberá que supor-lle propriedades especiais para as próprias persoas que a idearon e que a foron berrar?
Este é un problema serísimo para quen se bota á rua coa vocación explícita de gañar a máis persoas á sua causa, xerar simpatias coa sua loita e coas suas denúncias. Ou non é este obxectivo de primeiro orde do feminismo galego organizado?
Se é, o erro é importante e a teor doutras manifestacións... algo máis que un erro pontual.
Non é a cuestión de maiorías e minorías o que estou poñendo sobre a mesa. O feminismo historicamente ten obrigado a reflexionar á maioria social desde posicións moi minoritárias (claro que o feminismo non ten sido o único que ten feito tal fazaña) e en ocasións con formas intrépidas, escandalosas, provocativas, radicais (1). Isto é máis que necesário: Minorias capaces de ir máis alá, de desvelar inxustizas, opresións; problemas ocultos ou recubertos sob mantos mistificadores, denunciar estafas, mentiras, demagóxias, etc. Pero se esta ou aquela minoria só queren cocer-se no seu prebe, o seu labor carece de interese para a colectividade, por utilidade que teña para as persoas participantes no club.
O feminismo da coordenadora galega da marcha mundial laia-se en ocasións do pouco interese que esperta nos meios de comunicación para a releváncia do seu facer atribuindo-o ao machismo e á subalternidade que as “cousas de mulleres” padecen socialmente. Sen desmentir unha apreciación certa, en xeral, (“as cousas de mulleres” ocupan socialmente menos espazo real e simbólico que outras cuestións, por machismo, por rutinas, por invisibilidades de diverso tipo), hai algunhas cuestións que explican, ou axudan a explicar aquela valoración:
O vitimismo dalguns sectores feministas: eternas cincentas botando “pelotas fóra”. Os problemas sempre están fóra de unha, endexamais no interior. Sempre maltratadas ou inxustamente tratadas. Aspectos de “manias persecutórias” encontran explicacións sociais e políticas.
Vitimário que se proxecta tamén ás reivindicacións sociais e políticas, pero esta interesantísima cuestión forma parte doutro tipo de problemas.
A autocompracéncia. Análise que non axuda a mellorar a forza de eliminar os estímulos de perfeitibilidade individual, grupal e social.. É óbvio que a autodestrución non é unha proposta boa para facer medrar a estima, os desexos de organización, loita, participación social, porén esas análises onde só se ve a palla no ollo alleo e endexamais a viga no próprio son fatais para as organizacións ou colectivos que os pratican. Unha das herdanzas da esquerda (tome-se este conceito nun senso amplo) por demais espallada: Perante “o de en fronte” (a dereita), a autoavaliación sae sempre extremadamente ben parada e imerecidamente ben parada en tantas ocasións, fornecendo a autocompracéncia, un mal social que envelena lentamente até facer perder capacidades de análise que se alimentan das autopercepcións e dos próprios desexos e, en moita menor medida, de realidades e doutras percepcións menos compracentes, máis críticas e portanto caberia pensar que máis estimulantes.
Bastantes valoracións de actividades da coordenadora galega da marcha mundial son extremadamente benevolentes. Da celebración deste 8 de Marzo en Santiago, en A Coruña, do oito de Marzo do ano anterior, do 25 de Novembro de 2002...
Desinterese e desgana. En ocasións dá a impresión de que se trata de cobrir o expediente: celebrar o dia ou o acto de turno. Monta-se unha manifestación nacional, valoran-se pouco ou nada as vantaxes e inconvenientes deste tipo de actos, as virtudes que poden ter nunha ocasión e os problemas que poden acusar noutra, escreben-se follas moi difíciles de ler (por tamaño de letra, por galego empregado, porque son, habitualmente, moi pouco pedagóxicas e porque o seu atractivo non é moito) e berran-se consignas que resulta difícil moitas veces saber con que critérios foron pensadas (2).
Asi as cousas non é de estrañar que ás dificuldades para se abrir algun oco nos meios de comunicación, se multipliquen, como se multiplican as dificuldades para que máis mulleres Be outras mulleresB que poderian celebrar coas feministas máis convitas manifestacións contra a violéncia que se exerce contra as mulleres, violéncia no ámbito doméstico... non se sintan tentadas a participar (3).
Outras cuestións, da prática deste feminismo nos últimos tempos merecen sen dúbida dedicar-lle algo de tempo. Quero enunciar unha moi especialmente non sen antes facer a adverténcia de que non ten este artigo a pretensión dunha valoración acabada, exhaustiva, matizada e ecuánime das actividades da coordenadora feminista galega da marcha mundial, pero si quere apuntar ideas para unha reflexión da que non se anda sobrada e para, corrixir ángulos de enfoque e orientación: política, ideolóxica, organizativa e pedagóxica, se iso é posíbel. Se non é posíbel por vícios adquiridos, por forzas en presenza e pola relación das mesmas, nada, a viver e a seguir vivendo.
A cuestión que me inquieta, preocupa e me distáncia enormemente das expresións do feminismo maioritário é a sua participación en posicións socialmente perigosas e impróprias, na miña opinión, dun movimento de liberación.

X A antes enunciada de máis castigo, máis cárcere, máis condena, contribuindo a dar máis apoio a políticas penalistas e a non exixir políticas reabilitadoras con investimentos, proxectos e meios humanos.
X Políticas que axudan a abrir portas á censura e aos afáns censores de tanta sociedade: en asuntos de publicidade, de criación literária, de opinións...
X Políticas de “despotismo feminista”. Bastantes mulleres non saben o que lles convén, están alienadas, toman decisións contrárias aos seus intereses... (as que van á prostitución non forzada, as que se encontran razoabelmente ben no ámbito da casa sen arelar acudir ao traballo asalariado ou asi, as que traballan na indústria do porno ou as que usan a pornografia existente para se pór cachondas...) e son as feministas que si saben o que convén ás mulleres, coñecen os seus intereses obxectivos e traballan para procurar-llos, ainda coa desafección das interesadas.

O material aqui exposto para a reflexión non é pequeno. Probabelmente porá de mal humor a moitas persoas que podan non estar de acordo ou que podan sentir desvalorizados os seus esforzos e menosprezados os traballos feitos.
Non desexo especialmente pór a ninguén de mal humor. Vexo obrigada unha mirada pouco ou nada compracente a moitos aspectos da prática da coordenadora feminista galega da marcha mundial nos aspectos sinalados, e iso é o que propoño. Se serve para pensar e para mellorar, darei por benvido este meu pequeno esforzo aqui. Se alguén pensa que está escrito por pluma inimiga, que pase, se esqueza e non perda tempo nin humor en escritos caprichosos e maltencionados.
Na miña opinión o feminismo hoxe non está en situación parecida nin semellante á do feminismo dos anos 77 ou 82. Goza, asi dito, de máis aprezo e de máis apoio social. Mesmo hai temas que concitan moita unidade (4). Se estivéramos falando de temas duros e enfocados duramente (protección e defensa dos dereitos das mulleres que exercen a prostitución sen ser forzadas a iso, a liberdade de expresión pública para as lesbianas e a concesión dos mesmos dereitos das parellas heterosexuais...) entende-se moi ben que as asisténcias sexan tan minoritárias, porén acudir a explicacións alleas ao próprio traballo, as próprias consignas, as linguaxes usadas, non parece o mellor. Pode ser que a guinda deste 8 de marzo, (conseguir que moitas mulleres feministas decidan non acudir a esas manifestacións porque non se ven sumando forzas nesa consigna Bque seria o de menosB senón nese xeito de facer e de dicer que vén de atrás) resulte un pequeno revulsivo para as comodidades e as rutinas. Se é asi, poderemos celebrá-lo.
_______________
(1) Enarborando suxeitadores como símbolo de liberdade e de “non aos corsés que nos reprimen e sufocan”; praticando abortos cando este en ningun caso estaba previsto na lei e dicendo ás autoridades: veñan aqui, deteñan-nos; facendo axitación a prol da liberdade sexual con lemas como “Lesbianas porque nos dá a gana”, entre outros exemplos.
(2) Se lle quere decir algo concreto a alguén particular neste momento de hoxe?
(3) Hai matéria para reflexión nas práticas que o feminismo maioritário desprega neste asunto.
a) Nomear como violéncia todo ou cáseque todo o que as mulleres sofren. Tanto ten que se refiran á discriminacións salariais, como á dobre xornada de traballo que en tantos casos teñen que facer no ámbito laboral e no ámbito doméstico. Violéncia de igual natureza un piropo máis ou menos groseiro que un que che mete man e violenta a tua liberdade; violéncia a publicidade que mercantiliza todo e violéncia as palizas que varóns por centos se senten no dereito de propinar “ás suas” mulleres.
b) Non diferenciar en cuestión de malos tratos cousas de distinto grao e intensidade, e, ás veces, pretender que moitos dos tratos non simétricos, desconsiderados e pouco respeitosos no interior da parella, son a antesala do asasinato.
c) Que a cuestión se resolve denunciando; con máis castigos, penas, cárceres para os maltratadores, e que a tarefa de toda muller que se précie é denunciar.
(4) Falo do apoio que receben hoxe a respeito do que recibian hai 10 ou 20 anos. Non do que nos gustaria que tivesen.
Ademais falo do apoio a asuntos formulados moi xenericamente : Contra os malos tratos, Non á violéncia contra as mulleres, desartellamento das redes que forzan a mulleres á prostitución contra a sua vontade, non de diferenzas, de envergadura en ocasións cando se entra máis esmiuzadamente a cada un dos temas.