Nelson Quinteiro

Non á LOU.
Crónica dun histórico movimento estudantil
(Inzar razóns, nº 27, xulio de 2002)

A verdade é que non é moi doado escreber sobre un movimento que me ten marcado profundamen-te como persoa e no que participei hai ben pouco tempo. Falarei en primeira persoa, verquendo a miña opinión e nunca como representante de algo.
Para comezar a falar do movimento en contra da LOU (Lei Orgánica de Universida-des) seria preciso explicar brevemente en que consiste esta lei, xa aprobada polas cortes e en plena implementación.
A LOU é unha lei sobre universidades na que o Partido Popular deixou o consenso social pendurado do percheiro, non oíu suxeréncias, opinións da comunidade universitária, nin dos partidos da oposición, e estivo agardando a mellor conxuntura para meté-la cunha aplicación de maioria absoluta.
A LOU non é nada orixinal, é totalmento coerente co espírito do Partido Popular (privatizador, elitista, clasista, españolista...) pero tamén co espírito europeu das reformas emprendidas dende o tratado de Maastrich. Hai que ver a sua dimensión estatal, española pero sen esquencer que está emarcada nunha série de reformas bastante comuns a nivel europeu.
Que supón a LOU? A verdade que eu non son xurista, pero entre outras cousas haberia que dicer que elitiza o ensino, que fai da educación un produto mercantil e non un ben social, que pon trabas discrecionais no aceso á universidade, que permite a introdución de empresas privadas ó sistema universitário, que aumenta enormemente os poderes dos órgaos unipersoais en prexuízo dos colexiados, que recorta a democrácia e a representación estudantil dun xeito radical, que non garante a permanéncia dun sistema de bolsas... Tantas cousas...
De todos os xeitos, este artigo non é para falar da LOU; se ese fóra o obxectivo seria moito mellor que o escrebera un estudante ou licenciado en leis e non eu, que estudo Ciéncias Políticas, a piques de licenciar-me.
Eu veño falar dun movimento de resisténcia, de protesta, de desobediéncia civil, de asemblearismo e democrácia directa que durante dous meses tivo lugar na España, pero sobre todo en Compostela e que moitos xa o comparan cun maio do 68 a nivel pequeno (de feito foron as maiores mobilizacións estudantis dende tempos de Franco).
Pero o comezo é moitísimo anterior á própria lei, e mesmo anterior a esta fodida maioria (haberia que chamar-lle prepoténcia) absoluta do PP.
Todo comezou na experiéncia revolucionária dos estudantes de Filosofia da Universidade de Compostela, que se pecharon durante duas semanas na faculdade en decembro do 99. Pedian reformas do seu plano de estudos, cámbios na faculdade pero sobre todo pedian unha redemocratiza-ción da universidade por meio de asembleas abertas. O seu funcionamento foi exemplar: durante as duas semanas habia asembleas todos os dias, aulas alternativas ao modelo actual, debates e discusións. E foi entón cando moitos dos ointes que estábamos no peche decidimos exportar o modelo de filosofia ás nosas faculdades. Tivo especial éxito nas faculdades de Políticas, Bioloxia, História e Educación Social. As vantaxes eran evidentes: o seu modelo asembleário rachaba coa politización partidista dos sindicatos de estudantes, permitia unha maior orixinalidade nas protestas, era moito máis plural, a palabra mandaba, e operativamen-te era moito máis dinámico.
Ao final acabou fracasando, por presións externas e internas, moita xente abandonou a carreira desesperanzada, e ao perder-se o referente de filosofia moitas asembleas doutros centros acabaron sucumbindo... pero foi moi positivo, e sobre todo... deixou un pouso para o futuro.
E ese pouso non se deixou esperar, dous anos despois e cando o asunto da LOU estoupou na actualidade mediática... a resposta foi imediata: Políticas e Bioloxia constituíron-se imediatamente en Asembleas e comezou un movimento que haberia de encher milleiros de follas de tinta impresa, centos de minutos nos informativos e sobre todo... as ruas e as faculdades.
A folga, de comezo, foi xeral e indefinida e sobre todo co apoio dos mestres, que foron os que realmente comezaron a mobilizar-se.
O modelo asembleário espallou-se como regueiro de pólvora, sobre todo ante a ineptitude e desconexión dos sindicatos estudantis, e despois de asembleas xerais con cincocentos, logo tres mil e ao final cinco mil participantes decidimos democratica-mente artellar-nos en Asembleas de faculdade cun órgao coordenador: a Coordenado-ra, no que dous representantes de cada faculdade expuña os pontos de vista de cada asemblea e preparaban unha proposta de orde do dia que habia de ser aprobada pola asemblea xeral.
Para falar das cualidades do movimento hai que comezar dicendo que foi unha folga activa: non habia aulas pero as faculdades estaban cheas de xente, en asemblea, facendo cartaces, mobilizando á xente...
Todos os dias habia asembleas de faculdade, e algun acto de protesta, no que a asemblea permitia xerar a maior orixinalidade de cara á sociedade. Tíñamos moi en conta os princípios do movimento antiglobalización: buscar a atención dos meios de comunicación e estimular a pluralidade...
O culme de cada semana era unha manifestación masiva cada mércores: nestas, cada semana éramos máis: 2.000 na primeira, 20.000 na segunda, 30.000 na terceira, 50.000 na cuarta e 75.000 na quinta, a nivel galego. Demos enchido a Praza de Obradoiro como só fixera a visita do papa no 89, pero o movimento non só ficaba en manifestacións.
Cacharradas ao estilo arxentino no meio da noite, folgas de consumo, escenificación de suicídios colectivos, enterros do ensino público, cadeas humanas, trens chu-chu humanos, nus colectivos, aulas no meio da rua, partidos de fútbol, retiradas masivas de cartos nos bancos, boicotes a empresas que habia detrás da lei (como o BSCH-), ocupación de empresas de traballo temporal, apontamentos masivos nas listas do desemprego, festas de disfraces, feches, concertos, contacontos... TODO EN CONTRA DA LOU.
Como aseguran moitos xornalistas fomos moi orixinais, utilizamos todas as fendas que permitia o sistema, utilizamos a ironia, a retranca, soubemos facer da festa un xeito de protesta e rimo-nos nas suas fauces (un dos actos máis lembrados consistiu nunha escenificación dun mítin do Partido Popular, ao que nós chamamos Partido Privado, con 5.000 asistentes con bandeiras e autocolantes feitos para tal motivo e que tivo unha cobertura mediática como se do próprio PP se tratara).
E todo isto foi posíbel grazas ao modelo asembleário, á nosa organización en asembleas, en coordenadora, en comisións e tamén grazas ao apoio dos mestres (nun primeiro momento, logo non), dos sindicatos (CIG, UGT e CC.OO.) pero sobre todo e máis que nada a nós mesmos, ao noso empeño, á nosa ilusión por tirar coa lei...
O tema das comisións foi un dos máis interesantes, xa que era, por asi dicer unha organización en grupos de traballo con xente de cada faculdade para facer o “traballo súcio”. Falarei de cada comisión:
Comisión xurídica: dirixida por xente de Dereito. O seu traballo, un dos máis encomiábeis, consistia en estudar a lei e preparar unha lei de bases para criar outra nova lei de universidades. O seu traballo foi levado ó Senado por senadores do BNG e do PSOE, que loubaron a calidade do traballo feito polos estudantes. O PP desbotou-no.
Comisión informativa: agrupada en torno a Xornalismo redixia as notas de prensa, as convocatórias dos medios e elaboraba diariamente un boletin informativo, chamado Asemblea como voceiro ante a sociedade e como xeito de defensa ante a manipula-ción informativa da que éramos presas, sobre todo da man de El Correo Gallego e das cadeas de televisión Antena 3 e TVE.
Comisión financeira: buscaba os fondos necesários para facer as faixas, buscar publicidades e colaboracións, publicar o Asemblea... (andaban sempre entre a xente, cun mono distintivo e unha caixa de cartón a xeito de peto).
Comisión de actividades: unificaba as propostas de actos de protesta e organizaba trebóns de ideas para conseguir facer as mobilizacións máis vistosas e orixinais.
Comisión de relación cos profesores, sindicatos e PAS: dirixida por xente de políticas éramos como os diplomáticos do asunto, negociando as posturas cos profesores e os sindicatos, e buscando apoios reais e económicos (sobre todo dos sindicatos, que pagaron várias faixas e milleiros de autocolantes co lema “Non á LOU”).
Grazas á actividade destas comisións o traballo era moito máis fluído e organizado.
O comezo do fin chegou en decembro, tras dous meses de folga indefinida. As presións por volver ás aulas eran cada vez maiores, o ambiente ia-se dividindo entre moderados e radicais, os mestres foron reducindo o seu apoio e o movimento foi-se desgastando por momentos. A democrácia era cada vez menos directa e facia-se cada vez máis representativa da man da Coordenadora...
Ademais, convertidos no bastión das mobilizacións en todo o Estado levamos un gran pau na manifestación estatal de Madrid, o 1 de decembro, ao comprobar que estábamos bastante máis sós do que nós pensábamos.
O resultado foi que pouco e pouco fomos voltando ás aulas, por decisión de cada faculdade en asemblea, e sen tempo real para a organización a tal nivel pouco e pouco todo foi esmorecendo.
A aprobación da Lei “por cojones” (como dixo algun ministro) era iminente e as nosas forzas e ilusións foron decrecendo. Asi chegamos ao final, en xaneiro, á volta do Nadal coa presión dos exames e coa lei aprobada finalmente. A mobilización, entón era case imposíbel, e a convocatória do 19 de xaneiro foi un estrepitoso fracaso.
Hoxe respira-se un ambiente de aparente normalidade, mesmo un pouco apático, pero hai elementos que quedaron como froito da protesta; nas faculdades hai máis vida, a xente coñece-se moito máis, hai mellor relación, aumentou o traballo en grupo, aumentaron tamén as tertúlias e debates, e estamos nun momento de efervescéncia política, nacen colectivos, organizan-se actividades, as mobilizacións por outros temas (contra-cúmios antiglobalización, protestas antimilitaristas, movimento do 8 de marzo, causa palestiniana, loita nacional galega...) medraron en participación e afiliados...
O balance persoal é tamén moi positivo e o mellor... se a história de filosofia criou un pouso para o movimento anti-LOU... Que será do pouso criado por el mesmo?... a resposta... dentro dun par de anos... sen dúbida.

Libros Publicaciones Anteriores Inicio