Xabier Macías
Foro Social Galego:
Unha experiencia revitalizante

(Inzar Razóns, 38, xulio de 2009)

          Cando, a comezos de 2008, as entidades (1) con experiencia de participación nos foros mundiais de Porto Alegre, Mumbai e Nairobi convocaron unha asemblea de movementos sociais galegos, moita xente pensou que a iniciativa serviría unicamente para conmemorar o Día de Acción Global celebrado daquela de xeito descentralizado, en substitución da tradicional cita anual do movemento antiglobalización. Enganáronse. O chamamento foi secundado por máis de 80 colectivos; o día 28 de xaneiro, dous centos de activistas aprobaron na compostelá facultade de Historia camiñar cara un Foro Social Galego (FSGal) e, ao remate da xornada, máis de trinta organizacións comprometíanse a xuntar esforzos na articulación da resposta galega á globalización neoliberal.

          Comezaba así un percorrido de case once meses nos que persoas e movementos sociais de moi distinta traxectoria conformaron un grupo activo –o Consello do FSGal– que foi quen de traballar eficazmente malia súa pluralidade ideolóxica, política e vital. A Carta de Principios do FSM revelouse novamente como un instrumento útil para garantir a unidade entre tanta diversidade. A construción da ágora galega contra o neoliberalismo descansou en catro eixos (2) sobre os que as propias asociacións adheridas autoorganizaron catorce debates, quince presentacións e unha variada programación cultural, dando corpo, entre o 5 e 7 de decembro de 2008, a tres intensas xornadas que, malia o mal tempo e coincidir en días festivos, congregaron en Compostela case mil asistentes nun éxito indubidábel da convocatoria (3).

          Os relativos á crise económica, soberanía alimentaria e perspectivas do altermundialismo foron os actos máis concorridos. As imaxes das aulas ateigadas, con xente de pé e nos corredores, lembraban tempos de efervescencia política e social, nuns debates seguidos con sumo interese por xentes ávidas de análises e respostas entre as que destacaba –por infrecuente noutros ámbitos sociopolíticos– unha significativa porcentaxe de xente nova (nacida da transición en diante, para entendérmonos).

          O nivel de adhesións acadado e a propia celebración do foro confirman tanto a realidade dun tecido social inmune a ideas preconcibidas como a existencia dun público expectante perante iniciativas percibidas como anovadoras ou radicais. Positiva resulta igualmente a experiencia acumulada polo traballo conxunto entre as organizacións promotoras: o achegamento, intercambio, respecto e coñecemento mutuos son unha boa vacina antisectaria. Lamentabelmente, o proceso permitiu tamén constatar como a desconfianza e o protagonismo, nuns casos, ou a obsesión polo control político, noutros, dificultaron a plena incorporación de sectores sociais e políticos cualitativamente significativos.

          O Foro serviu, así mesmo, como escaparate das organizacións e como altofalante da necesaria crítica anticapitalista nun momento en que a crise, o fracaso neoliberal e as descaradas medidas gobernamentais a prol da súa refundación deixaban por unha vez algo indefenso o consenso sobre as supostas virtudes do sistema económico imperante.

          O último dos aspectos destacábel afecta ao medre da proxección de Galiza e as súas alternativas no Foro Social Mundial, algo patente no recentemente celebrado en Belém do Pará, na Amazonia brasileira, ao se rexistrar a máis importante participación galega nestes encontros desde 2001 (4). O noso País está agora plenamente incorporado ao debate estratéxico no que o movemento antiglobalización –onde gaña peso despois de Belém a defensa dos dereitos colectivos (5)– deberá demostrar o alcance político do seu impulso (6).

          Queda agora a incerteza de ver que pasa. A asemblea de movementos sociais que pechou o foro galego apostou por proseguir con iniciativas e xa hai colectivos (7) que decidiron xuntar folgos nunha alianza anticapitalista. O propio Consello do FSGal está a debater as súas funcións; é o mellor xeito de manter activo o proceso iniciado até o próximo encontro, previsto para dentro de dous anos. Fican, en fin, as incógnitas de se a positiva experiencia rematará cos prexuízos de quen, dende a política, olla con desconfianza aos movementos autónomos ou a de se mudarán as actitudes dos que, agochados no tecido social, esperan a oportunidade de montar na escuma do seu éxito para o facer rendíbel electoralmente.

          O san escepticismo co que cabe enfrontar estes riscos futuros non debe ocultar a revitalizante experiencia proporcionada polo primeiro Foro Social Galego: pódense superar receos, prexuízos sectarios e camiños trillados. Compensa explorar camiños novos.

_____________

(1) A convocatoria da Asemblea foi asinada por: Fundación Galiza Sempre, Seminario Galego de Educación para a Paz, Marcha Mundial das Mulleres, Sindicato Labrego Galego, CIG, CCOO, UXT, STEG, ADEGA, Verdegaia e Coordinadora Galega de ONGDs.
(2) Modelo económico e límites do crecemento; Vida e traballo; Soberanía e diversidade fronte a uniformización e imperialismo; Defensa das liberdades e dereitos sociais.
(3) En www.forosocialgalego.org hai unha ampla información do acontecido entre o 5 e 7 de decembro de 2008 no Auditorio de Galiza e na Facultade de Filoloxía de Compostela.
(4) O FSGal presentouse no FSM da man de diversos colectivos sociais galegos desprazados a Belém. Ademais, a Fundación Galiza Sempre impulsou canda o CIEMEN (Centro Internacional “Escarré” para as Minorías Étnicas e as Nacións) catalán o Espazo polos Dereitos Colectivos dos Pobos, con máis de dezaoito debates en torno a proxectos de construción de soberanía ou sobre o rol das nacións sen estado na articulación dunha orde xurídico-política alternativa á globalización, nos que seis relatores galegos compartiron actividades con representantes dos pobos mapuche, guaraní, aimara, quechua, kíchwa e maia, en diálogo coas delegacións kurda, amazigh, palestina ou tamil e doutras nacións sen estado integradas na CONSEU europea.
(5) A alianza entre representantes de nacións sen estado e movementos indixenistas americanos, o acordo de creación dunha rede mundial e a reivindicación –nun dos Manifestos lidos na Asemblea final– dos “dereitos colectivos como esixencia e plataforma esenciais para posibilitar un innovador paradigma e unha orde mundial xusta e solidaria, alternativa á globalización existente”, son algúns dos logros que ilustran o importante avance conseguido. Máis información en www.galizasempre.org.
(6) Os documentos do debate promovido polo Consello Internacional do FSM –ao que Xosé Manuel Beiras se incorporou en 2008– están dispoñíbeis en www.forumsocialmundial.org.br.
(7) Entre outros, Altermundo, SLG, Verdegaia, Amarante, Foro Inmigración, Mádia Leva ou OSPAAAL.