Xabier Paz

Catástrofe, responsabilidades, mentiras e propaganda
(Inzar Razóns, nº 28, febreiro. 2003)

Un manto de pena, catástrofe sobre catástrofe, cobriu o noso ánimo. Pena e indignación que non cabian dentro. Pero debemos arrefecer o espírito para enxergar con maior clareza o camiño da protesta. Porque non se trata de expresar un desafogo, senón de organizar as enerxias individuais na canle colectiva favorecendo a solución: a achega de médios e paliativos, asi como a exixéncia de responsabilidades. Trata-se de aprender mesmo do desastre gañando-lle espazos ao visgo.
A complexidade e gravidade das consecuéncias derivadas do sinistro producido pola rotura e afundimento do petroleiro Prestige, permiten enfiar reflexións moi diferentes. Son moitos os planos afectados, desde o medioambiental ao político, pasando polo económico e social. Todos os planos están relacionados, pero cada quen enfocará o sinistro segundo a sua sensibilidade e responsabilidade ou segundo lle conveña.
Para nós, xentes de Inzar, o importante é determinar as causas estruturais e propor os remédios imediatos e de fondo para paliar e enfrontar, cos mínimos custos ecolóxicos e socio-económicos, este tipo de catástrofes. Como xente crítica co sistema social actual, xente que vivemos una identidade colectiva esmagada, e queremos axudar a construir unha nación normalizada e superadora da inequidade dos estados-nación que coñecemos, un enfoque preferente debe ser o tratamento político, porque é no plano do político, do exercício do poder institucional, onde aniñan as causas e onde poden acadar-se medidas contra as catástrofes. E, ademais, aplicamos un enfoque nacional porque a envergadura e as orixes da marea negra teñen que ver coa dimensión nacional e co papel asignado a Galiza no Estado español e en Europa, un papel de pantasma, silencioso queipo de votos sen dereitos próprios nen necesidades específicas.
Pero o enfoque político e nacional non abonda nin moito menos. Ante este tipo de situacións a combinación do traballo político institucional e a mobilización social revela-se como fundamental. Porque se resulta necesária a denúncia das responsabili-dades e a proposta de alternativas desde as institucións e, mesmo o apoio ás mobilizacións, tal como teñen feito os concellos governados polos BNG, tamén é imprescindíbel empurrar axudando a organizar a mobilización social, favorecer o protagonismo popular. Un protagonismo mobilizador que debe ter o obxectivo de que nunca máis volva a suceder; nunca máis a indefensión colectiva; nunca máis a irresponsabilidade e impunidade política. Unha mobilización unitária e variada que debe axudar, tamén, a transformar a conciéncia política de amplos sectores sociais. Ter claro esta orientación significa propor alternativas tanto urxentes como de meio prazo, significa denunciar as responsabilidades políticas e traballar para que sexan asumidas organizando e apoiando as mobilizacións. Asi o ten feito o Bloque Nacionalista Galego como forza política e moitas organizacións sociais, profisionais ou sectoriais: desde as fundamentais Plataformas de Defensa das Rias, até as organizacións de mariscadores ou as organizacións ecoloxistas ao constituíren a Plataforma cidadá unitária Nunca Máis, plataforma protagonista da grande mobilización nacional.

A irresponsabilidade dos governos do PP

Os governantes deben tomar decisións exercitando a sua responsabilidade, o que non se fixo no caso de Prestige. Un cirurxián ante unha septicémia localizada, debe amputar o membro correspondente, evitando que a infección se estenda por todo o organismo. Do mesmo xeito, o Prestrige debeu ser remolcado a porto controlando o seu verquido, evitando a estensión da catástrofe. A decisión seria enormemente impopular para o lugar escollido, pero con información e diálogo poden-se buscar apoios políticos e sociais para asumir as decisión necesárias, obrigadas por duras que sexan. Pero para iso cumpre ter presente o interese comun e non a cativa política partidária e os modos autoritários. Fixo-se o oposto. Primeiro negando as evidéncias. O Sr. Cañete, ministro de Pesca, dicendo que aprenderan do pasado e que actuaran con celeridade evitando o problema; os governantes negando-se a falar de marea negra; diminuindo as toneladas de hidrocarburo verquido; dicendo que Fraga estivo sempre na Galiza, etc, etc. Logo paseando o problema, espallando-o. Calquera governo dentro das 200 millas de ZEE, e ainda máis en caso de sinistro, debe exercer a sua autoridade e non amparar-se na armadora dicendo que a empresa quere levá-lo ao sul. Unha vez que non se atreveron a enfrontar o problema acotando-o e controlando-o, trataba-se de exportá-lo, mesmo contra as normas do dereito internacional. A Portugal, a África?
Logo continuaron as mentiras tentando tapar a falta de meios e a irresponsabilidade manifesta.

Os protagonistas

O mellor foi a xente afectada que, ainda indefensa e indignada, colleu a iniciativa e foi quen de organizar barreiras e protestas. Esa xente xunto co voluntariado, coa disposición de apoio e mobilización de sectores da mocidade foi o mellor. Un exemplo para todos dentro e fóra da Galiza.
O peor resultaron ser os governos español e autonómico do PP. Mentiras continua-das, e intentos de minimización e ocultación da marea negra e da sua descoordenación e ineficácia.
O PSOE preocupado en inflar o globo da sua alternativa estatal estivo falto de reflexos e metido na sua política cativa a remolque da situación. Mesmo CC.OO. e UGT querian un protagonismo sindical na mobilización inapropriado nesta ocasión. Logo recuaron apoiando a grande mobilización do 1 de decembro.
O BNG, activo e unitário, asumindo a sua responsabilidade de alternativa, entendendo que este era un problema nacional e tratando-o como tal. Primeiro, coñecendo o problema in situ, logo apresentando propostas institucionais concretas e, de remate, impulsando a mobilización e denunciando as responsabilidades políticas.
Alguns alcaldes das Rias Baixas, non todos, estiveron á altura das circunstáncias pedindo meios e axudando na protesta sen protagonismos.
Na resaca do Prestige quedará para sempre a lembranza quente e luminosa da iniciativa, da enerxia popular irradiada polas xentes máis directamente afectadas, como da solidariedade manifestada por amplos sectores, especialmente de xente moza. Quedará unha maior conciéncia xeral da necesidade de forzas políticas e organizacións sociais próprias que nos sirvan de defensa e quedará unha mancha visguenta, que non deberemos de esquecer nunca, unha sombra escurecendo os perfis do PP e dos seus políticos incapaces e troleiros, sobérbios e autoritários.