Xesús Veiga

As pegadas do Prestige
(Inzar Razóns, nº 28, febreiro, 2003)

Seguramente necesitamos máis tempo para acometer unha completa avaliación de todas as dimensións presentes no desenvolvimento da crise provocada polo afundimento do Prestige. Hai, porén, un ponto de partida indiscutíbel: estamos a viver o maior movimento de resposta social rexistrado na Galiza durante os últimos 25 anos.
Este movimento xurdiu como consecuéncia dunha suma combinada de frustracións e descontentos. Un dos máis destacados deriva da comprobación de que a lóxica do benefício empresarial ten convertido ao tránsito marítimo polo corredor de Fisterra nun foco potencial de destrución dos recursos naturais da plataforma costeira. Ou da constatación de que a burocrácia da U.E. non é quen de garantir o cumprimento das normas de seguridade marítima e segue mantendo unha rechamante toleráncia ante a evidéncia de comportamentos irregulares e práticas mafiosas de grupos económicos presentes nese negócio. O Prestige fixo visíbeis (e, para moitas persoas, definitiva-mente críbeis) as opinións repetidamente formuladas a respeito da incompatibilidade entre as premisas dominantes do modelo económico vixente e a preservación de moitos recursos naturais.
O sucedido a partir do 13 de novembro confirmou que os responsáveis da Adminis-tración central posuen (e aplican) unha visión do Estado español na que só lles merece certa preocupación (a meirande parte das veces, para deseñar políticas excluintes ou demonizadoras) a relación cos governos de Vitória e da Generalitat. Como dicia un rapaz da Costa da Morte diante dalguns meios de comunicación, nin sequera souberon utilizar as palabras apropriadas para identificar as persoas que padeceron directamente a catástrofe. Cando non se coñecen os sinais que definen a unha comunidade non se está en condicións de recoñecer as suas aportacións nin se pode artellar un proxecto de convivéncia integrador e construtivo. Constatar que o Estado español non posue buques anticontaminantes, remolcadores suficientes e competentes ou instrumentos tecnoloxicamente axeitados para combater unha marea destas características revela o alcance real da desconsideración que lles merece aos inquilinos da Moncloa todo o que ten que ver co universo do mar. E a responsabilida-de derivada de tal comportamento acada unha dimensión case criminal cando se fai a contabilidade dos accidentes rexistrados nas costas galegas nas últimas tres décadas.
Se o Estado español non foi quen de acreditar a sua virtualidade como instrumento integrador da identidade nacional galega tampouco superou a proba da sua utilidade como proveedor de benestar e protección ás persoas que habitan no seu território e que fináncian os distintos aparellos administrativos. A escandalosa auséncia dos recursos públicos (de xestión “central” ou “autonómica”) foi o resultado final dunha suma de factores heteroxéneos pero contundentes: o medre da privatización dos servizos públicos; a inexisténcia de planos de actuación para situacións de emerxéncia; a espectacular incompeténcia exibida polos xestores públicos encargados do funcionamento dos servizos existentes; a insuperábel descoordenación rexistrada entre as administracións dependentes da Moncloa e de Raxoi... Desaparecido o Estado, emerxeu a enerxia presente nos sectores máis xenerosos e criativos da sociedade galega e do tecido social doutros territórios ibéricos. Mariñeiros, mariscadoras e voluntariado escreberon unha das páxinas mais dignas da nosa recente história e alimentaron coa sua xenerosa actividade un estoupido mobilizador que, pola masiva presenza de mulleres e homes das cidades e vilas galegas ou de alén do Padornelo, constituiu a maior censura que podian esperar os governantes de Madrid e de Santiago.
Polo demais, o episódio do Prestige permitiu constatar que as maiorias eleitorais non outorgan un certificado definitivo que asegure o exercício democrático da función política. O comportamento dos governos de Aznar e de Fraga merece figurar, con todos os merecimentos, no catálogo das práticas que provocan o descrédito da política e que suscitan (polo menos entre os sectores máis dinámicos da cidadania) a urxéncia da instauración de mecanismos e talantes que rexeneren a saúde democrática do sistema político.
A combinación dunha calculada prepoténcia destilada no laboratório aznarista coa patética invocación populista dos que non son quen de metabolizar a caída do mito Fraga ten criado un clima social e político que non encaixa nos formatos interpretati-vos vixentes até o momento. Certamente, a política ten os seus códigos específicos e utiliza un termómetro (o eleitoral) que non recolle, habitualmente, a medida da intensidade dos cámbios que se xeran no seo do corpo social. Non debemos sucumbir á coñecida tentación de substituir a realidade polos nosos desexos e prognosticar unha inevitábel desfeita eleitoral do PP nos comícios do vindeiro mes de Maio. Pero si queremos (polo menos dende aqui) contribuir a que este movimento de resposta á catástrofe do Prestige deixe unhas pegadas nas conciéncias que permitan pensar (sexa cal sexa o mapa político do futuro) que na sociedade galega (ou nas partes máis vivas da mesma) houbo un antes e un despois do 13 de novembro do 2002.