Xulio Ríos

Estados Unidos contra Afganistán,
unha guerra que revira o mundo

(Inzar Razóns, nº 26, abril 2002)
              

Resulta difícil de admitir que toda unha superpoténcia como Estados Unidos, posuidora dunha capacidade tecnolóxica e militar sen parangón, poda quedar literalmente en xaque pola belixeráncia suicida de minúsculos colectivos de descontentos que, a xulgar polas imaxes que nos serven a cotio todos os meios de comunicación, semellan gardar máis proximidade coa Idade Média que co limiar do século XXI. Imposíbel? Estamos perante o que Manuel Coma, presidente do Grupo de Estudos Estratéxicos, denomina Ataque asimétrico@: non se necesitan grandes meios, precisa-se unicamente a identificación do ponto máis vulnerábel do inimigo. É unha nova guerra na que pequenos grupos son quen de producir un nivel de morte e devastación que até hai pouco se consideraba unicamente ao alcance do poder bélico dos estados.

O atentado das Twin Towers e do Pentágono atribuiu-se-lle ao terrorismo fundamen­talista. Non se produciu até o momento unha reivindicación séria e expresa de ninguén. Nin do próprio ben Laden sequera. A confusión a ese respeito é absoluta e non se trata dun dado menor. Non é a primeira vez que se acusa impunemente. En máis dunha ocasión, a própria CIA, por exemplo, preparou probas falsas para acusar. Sen remontar-nos a máis atrás, lembremos a destrución de várias lanchas no golfo de Tonquing que brindaron a xustificación precisa para iniciar os bombardeos no Vietnam en 1965. Debemos admitir, sen máis, que se nos está a dicer a verdade? Por que ben Laden non reivindica a acción? No pasado nunca escatimou publicidade e sempre exibiu con orgullo os seus Aéxitos@.

 

Criar corvos

 

É evidente que arredor de Osama ben Laden artellaron-se singulares mecanismos de organización que representan un salto cualitativo nas dinámicas de actuación dos grupos armados. Non estamos a falar dun grupo terrorista tradicional. Ben Laden, afirma George Joffé do Instituto de Estudos Estratégicos Internacionais de Lisboa, é o elemento central dunha rede de redes que agrupa a diferentes colectivos dispostos a interseccionar e colaborar en accións específicas pero que, ademais, teñen as suas próprias axendas. Co apoio de Estados Unidos e de Arábia Saudi, ben Laden adestrou a milleiros de militantes árabes que pasarian a engrosar as fileiras da resisténcia afgana á invasión soviética. Antes de que Gorbachov anunciara a retirada do Exército Vermello, en 1988, ben Laden fundou Al-Qa=ida (O Cuartel Xeral), e despois de Afganistán, de Bósnia a Chechénia, participaria en diferentes conflitos. A CIA podia sentir-se orgullosa: conseguira entrenar un exército de soldados islámicos, con células que funcionaban de modo disperso por todo Oriente Médio, capaces de planear as suas accións con tempo, coidado e vontade suficiente como para madurar mesmo o próprio suicídio. E non soamente adestrou a ben Laden. No seu haber visíbel debemos incluir o sostimento de governos como os de Arábia Saudi, Kuwait ou os Emiratos Árabes Unidos, nada respeitosos nin cos direitos humanos nin coas máis elementais formas da democrácia. Unha circunstáncia que merma seriamente a credibilidade de Washington (Liberdade Duradeira?) cando se autoproclama valedor universal da democrácia ou povo elexido para tan loábel empeño mesiánico que fundamenta unha suposta inevitabilidade da intervención en defensa da liberdade ali onde se atope en perigo, intervención invocada ademais como obriga moral que, paradoxalmente, exime de compromiso en latitudes máis sensíbeis aos seus intereses, falemos de Israel ou de Turquia.

Despois dos terríbeis atentados e en plena situación de caos social como se vive hoxe nos principais centros urbanos de Estados Unidos,a Administración Bush faria ben en meditar seriamente sobre algo evidente: a seguridade baseada no militarismo, como afirma Pere Ortega, do Centro de Estudos para a Paz de Barcelona, leva implícita unha violéncia desmesurada para someter a outros povos e, ademais, todo ese gran aparato, con ou sen escudo antimíseis, non serve de nada á hora de protexer a povoación contra algo tan etéreo como o terrorismo internacional. Se algo deixou en evidéncia o sucedido o 11 de setembro é a fraxilidade dos sistemas de seguridade baseados no armamento. Pero, lamentabelmente, a xulgar polo acontecido posterior­mente, pesa máis a inércia que a razón.

Na conferéncia sobre armas curtas celebrada na sede de Nacións Unidas en xullo de 2001, Estados Unidos, o maior fabricante e exportador deste tipo de armas, negou-se en redondo a ratificar a adopción dun código deontolóxico similar ao subscrito pola Unión Europea que regulamentaria precisamente un comércio que alimenta a maior parte das guerras de Abaixa intensidade@ e arma a grupos terroristas en todo o mundo. Washington argumentaba entón que non podia deixar de fornecer armas a quen loita pola liberdade en calquera parte do planeta. E non é un problema exclusivo de USA. Os oito países máis ricos do mundo, todos eles grandes valedores da democrácia, dos direitos humanos e das liberdades públicas, fornecen o oitenta por cento do armamento mundial.

Esa prática invalida seriamente todo intento de revestir-se dun halo de defensa da democrácia e da xustiza, reafirmada con esa experiéncia de todo un século XX no que os sucesivos inquilinos da Casa Branca protagonizaron inumerábeis atrocidades e intervencións militares. De Palestina a Iraq pasando por mil lugares, as feridas abertas son moitas. Estados Unidos produce demasiados inimigos. Xuiz e parte da nova orde mundial, Washington vén administrando a sua vitória na guerra fria saboteando a legalidade internacional e sen mínimas concesións a un compromiso coas regras onusinas. No escenário internacional, Estados Unidos son os do non: á ratificación do protocolo de Kioto, á condena de toda prática de racismo calquera que sexa a sua forma ou manifestación, á criación do Tribunal Penal Internacional para xulgar crimes contra a humanidade e co que perseguir a ditadores e xenocidas.

Con eses antecedentes seria difícil agardar outra resposta da Administración Bush á crise desatada o 11 de setembro que non fose a dun endurecimento das suas posicións lanzando-se a unha escala militar de longo alcance e iniciando unha política activa de represálias contra movimentos e Estados que en calquera momento pode desbordar-se e incendiar o mundo enteiro. E, sen embargo, a opción natural, reivindicada mesmo no interior da própria sociedade americana (dende Robert Matthews a William Pfaff), deberia apostar por intensificar a sua mediación nos conflitos onde ten algo que dicer para impulsar políticas conciliadoras e axudar á construción dunha governabilidade global no marco dun sistema internacional máis democrático, comprometido coa redución do enorme gasto militar Bunha das causas principais das desigualdades e a pobreza de duas terceiras partes do planetaB e apostando por unhas Nacións Unidas con máis poderes que pudera abordar a reforma e a democratización de institucións claves do actual sistema como o Banco Mundial ou o Fondo Monetário Internacional. Significaria apostar por un cámbio profundo de cultura.

 

Os intereses do petróleo

 

O ataque a Afganistán xustifica-se en razón da preséncia de ben Laden no seu território e na negativa dos talibán a entregá-lo ás autoridades norteamericanas. Pero tamén, casualidades do destino, converxen neste país multitude de intereses que progresivamente eclipsan ese obxectivo inicial, a captura do líder de Al-Qa=ida, primando a instalación en Cabul dun governo aliado.

De Washington a Londres, pasando por Berlin ou Ancara, as miradas están postas dende hai anos nos ricos xacementos das novas Repúblicas situadas arredor do Mar Cáspio. As suas reservas enerxéticas (petróleo e gas) e minerais revisten unha enorme importáncia, tanto pola sua dimensión cuantitativa como cualitativa: a posta en plena explotación destes recursos pode permitir a redución da dependéncia occidental das reservas de Oriente Médio (na actualidade un 55%, un 60% no 2010 e un 75% no 2015). Urxe pois, tronzar, esa perspectiva e imaxinar outro Golfo Pérsico arredor do Mar Cáspio.A desaparición da URSS abriu un novo horizonte ás expectativas dalguns Estados occidentais e das multinacionais petroleiras, máis poderosas que moitos dos estados implicados nesta liorta.


Ásia Central, cun peso político e económico moi debilitado, reviste unha enorme importáncia estratéxica. O desenvolvimento dese potencial requere a satisfacción de duas condicións: estabilidade e domínio. Máis alá da guerra actual, existen anteceden­tes. Durante o seu mandato, o Presidente Clinton alentou o AEurasian Transport Corridor@, un proxecto que contempla a instalación dunha rede de oleodutos e gasodutos desde Ásia central até o Mediterráneo, pasando pola Transcaucásia. O proxecto contempla a apertura de canles até a Europa, o Golfo Pérsico ou o Océano Índico (através de Afganistán), e o Leste (China-Xapón). Entre 1994 e1998, até 24 compañias de 13 países asinaron contratos nesta rexión. Antes de 1991, toda esta riqueza circulaba polos oleodutos que, atravesando Chechénia, se dirixian polo camiño máis curto cara o Mar Negro. Agora imaxinan novas rotas que eludan Rúsia (cunha guerra interminábel en Chechénia) e Irán (apesar das dúbidas co reformista Jatamí). Turquia e Afganistán semellan as vias elexidas por Washington e as principais multinacionais do ramo.

 

O problema talibán

 

O problema dos talibáns xorde en 1996, cando uns catrocentos estudantes de teoloxia das escolas islámicas paquistanis cruzan a fronteira afgana para criar no seu país de orixe, o movimento integrista ATalibán@ (de Talibe, estudante en árabe). Dirixido por Mohamed Omar, agrupaba principalmente a fillos de refuxiados que fuxiran do país durante a invasión soviética e que, co apoio de Paquistán e Arábia Saudi, principal­mente, se estabeleceron en Islamabad e nas rexións próximas á fronteira sur. O obxectivo político consistia en botar raíces a un islamismo sunnita que pudese contrarrestar o islamismo shiita iraniano. Que os talibáns foran da étnia pastun, a maioritária, sempre a cabalo entre Afganistán e Paquistán, podia facilitar o triunfo desta estratéxia. E asi foi. Nas províncias do Norte, controladas polas forzas da Alianza, quedarian acurralados tadxicos e uzbecos, povos igualmente fronteirizos, tradicionalmente opostos ao domínio pastun, tanto en tempos da monarquia que agora se pretende resucitar, como da invasión soviética dos anos oitenta.

No interior, o principal líder pastun era Gulbudin Hekmaktiar, dirixente do partido fundamentalista, Hezb-i-Islami, con sede en Paquistán; na Alianza do Norte, Ahmed Massud, o León de Panshira, recentemente asasinado. Massud era tadxico e mantiña unha alianza bastante sólida co uzbeco Rashid Dostom. Ambos os dous conformaban os principais baluartes dunha fronte antitalibán que no ámbito da guerra non avanzaba. En outono de 2000 perdian o control de Talukan, na província de Tahar, minando seriamente a sua situación.

O islamismo dos talibáns serve de referente e bandeira a unha boa parte dos activistas relixiosos de todo o mundo, pero tamén á prática totalidade destes movimentos na Ásia central ex-soviética. O xefe talibán Omar, xunto con Arábia Saudi, vén apoiando económica e militarmente ao MIU (Movimento Islámico de Uzbequistán), tratando de equilibrar o apoio prestado polos seus viciños ás forzas uzbecas que lideraba Massud. En febreiro de 1999, o presidente de Uzbequistán, Islam Karimov, escapou ileso dun atentado en pleno centro da capital, Taskent, no que moitos viron a man talibán. Uns meses máis tarde, agrupacións armadas uzbecas do MIU, chegados de Tadxiquistán, cruzaban a fronteira kirguiza para proclamar un Estado Islámico no val de Fergana. Derrotados ás poucas semanas, outros grupos reproducian incursións idénticas en Kirguistán e Uzbequistán.

Uzbequistán (16 millóns de habitantes, 447.400 quilómetros cadrados) é o principal referente de Ásia Central e aspira a desempeñar o rol de poténcia rexional dominante. De cultura islámica, ten no seu haber unha tradición estatal forte e recursos importantes, activos moi mediatizados polas dificuldades económicas e as tensións, tanto internas como cos países viciños. A consecuéncia das fronteiras herdadas da antiga URSS, un millón de uzbecos residen actualmente en Tadxiquistán (entre o 20 e o 25 por cento da povoación deste país); representan o 8,5 por cento en Turkmenis­tán, e o 1,8 por cento en Kirguistán. Tamén hai tadxicos e kirguises en Uzbequistán.

A Rúsia de Putin sente pánico ante a posibilidade de que Afganistán se converta nalgo máis que a reserva espiritual para os chechenos, pero tamén para outros povos musulmáns e turcófonos. En numerosas ocasións, o Presidente ruso acusou a Cabul de manter campos de entrenamento para os guerrilleiros enrolados nas filas de Masjadov, o líder checheno. Afganistán é o único país do mundo que recoñece a República de Ichkeria (Chechénia). Moscova despregou unha intensa actividade na rexión nos últimos anos. Putin elexeu Uzbequistán para realizar a sua primeira visita a un país do Aestranxeiro próximo@, estabelecendo acordos en matéria de armamento e de colaboración militar que inclue a realización de manobras conxuntas. Despois visitou Turkmenistán (imensas reservas de gas, conciliador con Cabul pero moi promoscovita), seguiu por Kazaquistán e na capital rusa recibiu ao presidente kirguis, Askar Akáev. Existe un tratado de seguridade colectiva, asinado na capital uzbeca en 1992, moi debilitado polo número de suxeitos intervintes (Rúsia, Belarús, Arménia, Kazaquistán, Tadxiquistán e Kirguistán) e caracterizado por unha débil dinámica de funcionamento, que se pretende revitalizar.

Nese marco, en maio de 2000 debateu-se a criación dunha forza de intervención rápida, como sinalou o próprio Serguei Ivanov nunha xuntanza de ministros de exteriores da CEI celebrada ao mes seguinte, pensando en Afganistán. En abril do mesmo ano, os países da Comunidade Económica de Ásia Central (Kazaquistán, Turkmenistán, Uzbequistán e Kirguistán) subscribian unha declaración política comun de condena do extremismo político e relixioso e do terrorismo. Através de encontros bilaterais e multilaterais, Rúsia impulsa a idea de que Afganistán é a principal fonte de desestabilización da rexión, o que lle proporciona unha coartada para seguir presente e mesmo intensificar a súa intervención en Ásia central. Nesa perspectiva, poderia aventurar-se que a actual guerra é un éxito da diplomácia rusa.

Contaba Moscova con Washington? En agosto de 1998, os atentados contra as embaixadas de Estados Unidos en Quénia e Tanzánia, praticamente destruídas, ao igual que o ataque cunha pateira-bomba a un barco da Armada americana no Iemen, son atribuídos a ben Laden, acollido polo réxime talibán. E a diplomácia americana comeza a mobilizar-se. Madeleine Albright visita Uzbequistán en abril do ano pasado e oferece todo tipo de axuda para impermeabilizar a fronteira (a de Tadxiquistán está gardada pola 201 división rusa, con 20.000 efectivos). Uns meses máis tarde, é o xeneral Thomas Frence, xefe do Comando Central das tropas americanas, quen visita, unha a unha, todas as capitais dos estados post-soviéticos de Ásia central e promete todo tipo de asisténcia técnica e militar contra o terrorismo que provén de Afganistán. Concorréncia ou converxéncia con Moscova? Ambos os dous países coordenan as suas presións cara Islamabad para que suspenda o apoio aos talibáns, especialmente controlando o engrosamento das suas filas cos pastun residentes no seu território. Pero Moscova mira de reollo: a Casa Branca atopou unha excelente coartada para favorecer a sua penetración económica e militar nunha rexión antes vetada e de gran importáncia. Washington chega para quedar na Eurásia.

A preocupación de Beijing é menos acusada. Os seus intereses na rexión son coñecidos: incrementar a influéncia política, debilitar as relacións de cooperación existentes entre os rebeldes uigures da sua província de Xingjiang e os movimentos islámicos da zona, e beneficiar-se do hipotético subministro dos recursos enerxéticos presentes na rexión, moi saudábeis e necesários para o seu crecimento. A tal efeito, a China promoveu a criación, en 1996, do chamado Grupo dos Cinco de Shanghai (Rúsia, China, Kirguistán, Kazaquistán e Tadxiquistán) que pretende afondar na estabilidade rexional, resolvendo, en primeiro lugar, os litíxios fronteirizos pendentes. Jiang Zemin e outros dirixentes do Partido e do Estado mantiveron nos últimos anos numerosos contactos bilaterais con líderes da rexión.

 

As consecuéncias

 

O ataque terrorista contra o corazón financeiro e militar de Estados Unidos xerou unha imensa comoción social e política que está a abanear os cimentos da política mundial dos anos da post-guerra fria. A entidade do terrorismo asoma como a principal fonte de inestabilidade e o maior perigo para a paz e a convivéncia mundiais, e obriga a estabelecer unha nova liña divisória, un novo paradigma das relacións internacionais. Ningun país poderá permanecer indiferente e todos deberán revisar non soamente os aliñamentos das políticas de seguridade interna, senón tamén efectuar retoques, quizais substanciais, das suas políticas exteriores. Liberados de limiares, o enorme salto producido cos atentados de Washington e New York abre igualmente o abano da probábel resposta de autodefensa da sociedade internacional e, segundo o nivel de resposta que se produza, quizais toda unha involución no direito dos conflitos armados.

Unha primeira consecuéncia da nova situación é o reforzamento da hexemonia USA no mundo. É constatábel a imprecisión de escenários, actividades e obxectivos do novo contexto emerxente, pero non cabe a menor dúbida de que o impulso tecnolóxico e militar da longa guerra que agora se inícia acentuará o perfil hexemónico de Estados Unidos. A posición de Washington ve-se reforzada entre os seus aliados máis próximos e tradicionais, mentres medra a sua influéncia operativa noutros países.

Se como numerosas voces alertan dende o mundo árabe, a incomprensión da política exterior de Estados Unidos e de Ocidente está no cerne das condutas díscolas de países (Síria, Líbia, Iraq, Irán, etc.) e movimentos islamistas que veñen medrando en simpatia popular nos últimos anos, unha das grandes incógnitas do momento é a evolución social e política nos países árabes, abocados a unha crecente ruptura entre un poder e unha sociedade cada vez máis revirados entre si. O problema palestino desempeña un papel clave. Inicialmente, a postura intransixente de Israel cobrou un novo empuxe acurralando a Autoridade Nacional Palestina. Os países árabes moderados suxiren a Washington un intercámbio de apoio á coalición internacional a cámbio dunha mediación activa a favor dun Estado palestino. Por Arafat e pola participación na coalición internacional pasa tamén unha liña divisória interna que en cada país pode activar a fragmentación social e política, afortalando as posicións máis radicais. De Paquistán a Arábia Saudi Ben pleno proceso sucesórioB, o perigo de desestabilización do mundo árabe é manifesto. Os efeitos dunha acción armada sobre Afganistán ou outros países da zona son impredecíbeis para a política interna de numerosos países e para o equilíbrio rexional no sur de Ásia.

Coa renovada importáncia estratéxica de Ásia central, Rúsia recupera un papel de maior protagonismo. Washington precisa a Moscova para controlar e apoiar-se nunha área na que conserva ainda unha gran influéncia. As repúblicas post-soviéticas de Ásia central miran de novo cara a Rúsia, que tentará aproveitar esta circunstáncia para reforzar os mecanismos integradores da CEI.

Unha incógnita importante é o futuro papel da China. Unha gran incertidume percorre agora os aliñamentos esenciais da política exterior dos últimos anos, baseada, no fundamental, no estabelecemento de asociacións estratéxicas cos principais actores da sociedade internacional (UE, USA, Xapón, Rúsia). A política de atracción de Rúsia, con quen compartia numerosos pontos de vista, queda en entredito agora que Moscova se aproxima á OTAN. Igualmente, o medre articulado da sua influéncia nos estados de Ásia Central, através do grupo de Shanghai, Bpor razóns estratéxicas, enerxéticas e políticasB pode experimentar un importante revés. Que importáncia cobrarán os países árabes na sua política exterior? Pedirá compensacións pola sua participación na coalición internacional, en especial en relación ao seu contencioso con Taiwán?

O futuro de Nacións Unidas é preocupante. Tratando-se dunha guerra, ainda que novidosa e sen Estados agresores de por medio, deberia ocupar un lugar central, e sen embargo quedou totalmente á marxe, circunstáncia dificilmente explicábel habida conta de que todos os membros do Consello de Seguridade apoian o combate contra o terrorismo e ninguén faria uso do direito de veto. Recuperada máis tarde con pequenas iniciativas, declarativas no ámbito político e humanitárias no ámbito da acción, haberá que agardar un tempo para coñecer a forma desa alianza de países contra o terrorismo que lidera Estados Unidos e á que quizais se lle imaxine nunha posición máis importante que a própria ONU, o que será revelador da natureza da comunidade internacional que está por vir. A Alianza pode converter-se nun superinstrumento de defensa dos intereses de Estados Unidos, estable e duradeiro.

O posíbel efeito sobre múltiples conflitos en todo o mundo cómpre avaliá-lo. Haberá un efeito disuasório sobre numerosos movimentos e conflitos (Rúsia intentará pór orde no Cáucaso coa colaboración dos estados transcáucasicos, principalmente Xeórxia), quizais máis proclives a negociacións; noutros, as tensións poden agravar-se se prolifera o predomínio excluinte da solución militar (problema curdo en Turquia, por exemplo). Por outra banda, resultará máis doada e comprensíbel a internacionali­zación de problemas locais de terrorismo.

En Europa, a espectacularidade e a brutalidade do atentado contribuíron á rápida plasmación dunha posición comun, con lixeiros matices (Chirac) e unha expresión xeral, case cega, de inquebrantábel lealdade ao hexemón. A nova situación influirá naturalmente no deseño global da PESC e na asunción por parte de Bruxelas de máis responsabilidades no ámbito rexional (coa probábel redución da preséncia americana nos Balcáns). Os líderes europeos semellan secundar con entusiasmo os desvarios militaristas e policiais de Bush e a sua administración, obviando calquera intento de repensar as suas prioridades políticas.

As consecuéncias no ámbito interno das nosas sociedades van ser importantes e moi diversas. Evidentemente, no económico, onde se albiscan medidas de saneamento en moitos sectores, comezando polo aéreo pero que con seguridade se extenderán a outros ámbitos da produción; pero sobre todo na devaluación da calidade das nosas democrácias acentuando o control social e restrinxindo liberdades e direitos cívicos. Tempos de involución nos que a hipotética defensa da liberdade se basea, paradoxal­mente, na sua restrición.

Libros Publicaciones Anteriores Inicio