Xabier Paz
O Partido Popular contra o idioma galego.
A lingua galega entre as mentiras e a mobilización social

(Inzar Razóns, 39, xulio 2010).

O ataque de Feijoo e o Partido Popular á lingua galega e á unanimidade política establecida (*) durante anos, provocou unha reacción social sen precedentes no país. As críticas estendéronse desde as institucións a colectivos de diversa índole. O rexeitamento ao proxecto de decreto do PP é total, desde a Real Academia da Lingua Galega até asociacións de estudantes ou o Consello Escolar de Galiza, a institución que lexitimamente representa ao conxunto da Comunidade Educativa Galega; desde ás ANPAS até o Consello Consultivo de Galiza que chega a cuestionar a legalidade do decreto da lingua.

Por que ten cambiado de política lingüística o PP? Conforme algúns analistas, porque na dirección do partido perde influencia a tendencia galeguista; pola deriva ideolóxica que se crea no centro político e mediático, contrario ás identidades periféricas; polo compromiso electoral do PP con Galicia Bilingüe e cos sectores do partido máis dereitistas, consistente en recortarlle dereitos ao galego; porque o partido xa non ten a autonomía que adquirira con Fraga; porque hai un sector da poboación, rico, de colexio relixioso, que non soporta o contacto co galego; porque Feijoo envía sinais indicando que pode suceder a Rajoy; porque o galego é moi minoritario nas xeracións máis novas; porque Rosa Díez está á espreita para repañar votos na base electoral popular.

En calquera caso, o ataque ao idioma galego dos negacionistas apenas atopou apoio na sociedade, aínda que producise diversas fracturas sociais. A marea de críticas culminou nas mobilizacións sen precedentes promovidas pola plataforma Queremos Galego. A manifestación do 18 de outubro de 2009 e máis a do 21 de xaneiro deste ano co Obradoiro ateigado de xente, ou a do día das Letras, constituíron fitos na historia da resistencia e defensa do noso idioma. Ao mesmo tempo, outras plataformas críticas desenvolveron con grande éxito actividades cívicas complementares.

Ademais de Queremos Galego, constituíronse os colectivos Galego, patrimonio da humanidade e Pro-Lingua. En palabras de Henrique Monteagudo Galego, patrimonio da humanidade, defínese “como un colectivo aberto, non unha plataforma organizada. Non é a nosa intención competir coas dúas plataformas de defensa da lingua que están a funcionar, Queremos Galego e Pro-Lingua. Congratulámonos da súa existencia, que expresa o dinamismo cívico e a rica pluralidade do noso tecido social, e agradecémoslles o seu traballo, que de ningunha maneira contemplamos como contraposto, nin entre elas nin con Galego, patrimonio da humanidade. Varios de nosoutros formamos parte dunha e da outra plataforma, e non atopamos ningunha incompatibilidade nisto. Estamos traballando todos nun clima de complicidade e complementariedade cun obxectivo compartido, de mobilización da sociedade e da opinión pública en defensa do idioma galego.
A tarefa específica que se marcou o noso colectivo Galego, patrimonio da humanidade é a creación dun espazo discursivo arredor da lingua, un espazo radicado na pluralidade, e onde priman os argumentos cívicos e a racionalidade democrática, e maila deliberación libre e informada”.

Pola súa banda, Prolingua declara no seu manifesto que: “A Lingua Galega é o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego. É o que nos identifica coma o que somos, galegas e galegos, e o que nos dá un lugar propio no mundo.

Os galegos sentímonos orgullosos de ter unha lingua milenaria cun glorioso pasado que, por circunstancias políticas, entrou nun túnel de silencio forzoso nas primeiras décadas do século XVI até se converter en instrumento de marxinación e sufrimento moral e físico de moitas xeracións. O ininterrompido uso oral que dela fixo a xente humilde e o traballo das elites intelectuais que a partir do século XIX souberon rehabilitala, fixeron posible salvar o que é o principal elemento de identidade dos galegos e a base esencial da nosa cultura.

O traballo de todas esas persoas propiciou que hoxe Galiza sexa unha nacionalidade histórica e que conte con autonomía política, e os diferentes gobernos autonómicos foron poñendo os alicerces para a recuperación social da lingua galega, particularmente nos eidos do ensino, da administración e dos medios de comunicación públicos.

ProLingua é unha plataforma creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galiza (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación.

En función disto, declaramos como obxectivos irrenunciables deProLingua a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galiza”.

             Prolingua editou e presentou en máis de 69 localidades o libro 55 mentiras sobre a lingua galega que axiña chegou a ser o libro en galego máis vendido no país.
Seleccionamos algunhas das mentiras do libro que consideramos significativas e de utilidade para combater prexuízos sobre o noso idioma.

Mentiras sobre a normativa do galego. A 4ª mentira neste apartado di: “4. O castelán e galego ocuparon cadanseu lugar na sociedade galega e fóronse enriquecendo mutuamente ao longo da historia, de aí as lóxicas interferencias que galeguizan o noso castelán e castelanizan o noso galego. A lei de normalización lingüística de 1983 e, sobre todo, o Decreto 124/2007 racharon esa pacífica convivencia enriquecedora, racharon o bilingüismo cordial ou harmónico”.

Do mesmo xeito, con negra ironía, poderíase afirmar que brancos e negros, ou amos e criados, ocuparon sempre cadanseus lugares en moitas sociedades e se foron mesturando ao longo da historia (preferentemente os brancos nas negras e os amos nas criadas) de aí que houbese sempre mestizos e mulatos dando moito colorido á sociedade. E coa mesma negra ironía poderíase argumentar que as leis de final da escravitude e, sobre todo, as leis do final do apartheid romperon esa pacífica convivencia multicromática.

Non, o galego e castelán non se foron “enriquecendo mutuamente”, en absoluto. O castelán penetrou fortemente no galego, no léxico culto, escolar, administrativo, científico alá onde o galego estivo, ben de facto ben de iure, prohibido. O galego penetrou no castelán falado por galegos no máis auténtico, íntimo e inamovible dunha lingua: a fonética e a prosodia que moitos, aínda que quixeron, nunca puideron disimular.

O Decreto 124/2007 non rachou ningunha convivencia ou bilingüismo harmónico e bucólico; máis ben ao contrario, veu tratar de por orde, paz e igualdade nun conflito lingüístico histórico entre o castelán (foráneo, imposto pola forza, minoritario) e o galego (nativo, asoballado, aínda maioritario). Está visto que hai xente que non quere a paz e a convivencia lingüística, senón segregación, apartheid, privilexios e conflito permanente na procura da minorización, infravaloración e desaparición do galego, para maior gloria dunha idea de España miserablemente uniforme.

Até agora non houbera problemas co galego por unha razón ben máis sinxela: porque a escasa lexislación non se cumpría, semellaba ter unha función decorativa. Os problemas xurdiron cando parecía que se ía comezar en serio a aplicar a lexislación.

Mentira 1: “A lingua galega nunca foi prohibida. Ningunha lei prohibiu falar galego”.

Mentira. Xa non é que se prohibise o galego, senón que se prohibiu todo o que non fose castelán. Moitas leis impuxeron simplemente: “queda prohibido non falar castelán”. Existiu unha imposición de facto que fixo imposíbel utilizar o galego en ningún medio oficial durante séculos. Hai ducias de leis, decretos e normas variadas que obrigaron pola forza a usar o castelán ao longo dos últimos cincocentos anos, sobre todo no período franquista (1936-1976), o máis letal para a lingua. Algunhas destas normas perduran até os nosos días. Vexamos unhas poucas:

            1717. Decreto de nueva planta: “Los corregidores pondrán el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin darán las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto sin que se note el cuidado”.

1768. Real cédula de Aranjuez. Art. VII: “Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas”.

1938. Orde ministerial sobre o Rexistro Civil (BOE 18/5/38): “...La España de Franco no puede tolerar agresiones contra la unidad de su idioma. Art. 1: “En todo caso, tratándose de españoles, los nombres deberán consignarse en castellano”.

1940. Circular sobre uso do idioma polos funcionarios: “Todos los funcionarios que en acto de servicio se expresen en otro idioma que no sea el oficial del Estado, quedarán ipso facto destituidos, sin ulterior recurso”.

1942. O xornal El Ideal Gallego anuncia que “el Gobernador de la provincia multó a varios vecinos por hablar en público en gallego”.

1951. Juan Aparicio, director xeral de Prensa, ordénalles aos directores de xornais galegos que prohiban a publicación de calquera nova, artigo ou comentario en galego.

1951. Orde gobernativa de 31/12/51: Prohíbese o uso da lingua galega en actos e discursos da Real Academia Galega. Prohíbese o uso da lingua galega en conferencias ou actos culturais. Prohíbese traducir literatura estranxeira a outra lingua que non sexa o castelán.

1967. O ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, ameaza con pechar La Voz de Galicia se lle dan o premio Fernández Latorre a un artigo escrito en galego. O director do xornal, Pillado Rivadulla, foi multado con 50.000 pesetas da época (hoxe uns 10.000 euros).

A estas normas que impoñen pola forza o uso do castelán hai que lles engadir as incontábeis imposicións que se produciron e producen nos ámbitos oficiais e o constante menosprezo da lingua galega. E na actualidade, en pleno século XXI, continúan moitas persoas galegofalantes autocensurándose para evitar problemas á vista de que seguen a existir pexas para podermos vivir en galego con normalidade.

HOXE. En moitas cidades e vilas galegas moitos avogados recoméndanlles aos clientes que –por se acaso– non usen o galego nos xulgados. Hai represión sutil contra o galego na sanidade, na escola, no comercio, etc.

HOXE. Os programas informáticos de moitas delegacións ministeriais e xulgados “dan problemas” para poder obter a documentación en galego.

HOXE. Escriturar unha hipoteca en galego leva dous meses, en castelán dous días. Moitas empresas rachan os currículos que lles chegan en galego de aspirantes a un posto de traballo. Hai empresarios que lles prohiben falar galego aos seus empregados e mesmo hai despedimentos por este motivo.

Todo isto fai que sexa case heroico facer vida normal en galego e que moitos galegos cedan e renuncien diariamente aos seus dereitos para evitar problemas. Pero tamén hai galegos que non cedemos e ao final sempre abrimos fenda e conseguimos declarar, obter un impreso, ter hipoteca, escritura ou contrato en galego, proba evidente de que se a nosa xente se mantén con firmeza e educación na fidelidade á lingua o galego avanza.

Hoxe en día seguen aínda en vigor arredor de 150 disposicións, artigos e decretos obrigando ao uso do castelán na industria e no comercio. Este discurso racista refinouse, pero detrás da defensa da “lengua común” fronte ao galego e as outras linguas do Estado español a ideoloxía segue a ser a mesma, e a imposición do castelán na xustiza, na sanidade, nos medios de comunicación e en tantos outros aspectos da vida cotiá segue a ser unha realidade.

Mentira 2: “O castelán é a lingua común creada ao longo dos séculos por todos os pobos de España, lingua común de encontro para o benestar, as viaxes, o comercio, a literatura...”.

Mentira. É unha interpretación distorsionada da historia para xustificar a primacía do castelán. O castelán foi en orixe un latín vulgar mal falado por poboacións vascoides en proceso de latinización (séculos III-X), que se foi impondo como lingua da corte desde o século XIII até o XV e a partir desta época é cando –precisamente por ser lingua real e documental, a lingua do poder–, se expande e se impón en todos os eidos, por prestixio real e por presión política.

O castelán non foi lingua de encontro porque en Castela non coincidiron poboacións galegas, cataláns ou portuguesas axudando a crear entre todas o español.

O castelán non foi lingua franca do comercio –por central da península– xa que os comerciantes adoptaban a lingua dos clientes ou recorrían a algún crioulo ou nivelación que facilitase a comunicación. Hai documentación de que os xudeus casteláns instalados en Galiza no medievo empregaron axiña o galego nos seus documentos e actividades comerciais, polo que de ningún xeito o castelán era a “lingua común do comercio e da comunicación” xa desde a época medieval.

Mentira 3: “O castelán non foi imposto, foi adoptado libremente polos demais pobos de España”.

Mentira. Ningún pobo abandona libre e voluntariamente a súa lingua para pasar a falar outra. Un pobo só abandona a súa lingua e adopta outra por imposición político-económica e/ou militar.

O castelán foi imposto pola forza pola coroa e logo polo aparello do Estado como lingua oficial e única lingua de uso para as relacións coa administración, na educación, no exército… Para ascender socialmente era necesario falar castelán. Ao tempo estendeuse a idea de que o galego era lingua de iletrados e ignorantes e sobre todo de pobres, e calquera que quixese fuxir deses estigmas sociais tiña que falar castelán. Estes prexuízos aínda seguen presentes en parte da sociedade galega.

Mentira 4: “O castelán é tan lingua propia de Galiza coma o propio galego, porque é a lingua propia dos galegos que falan castelán”.

Elevado ao absurdo: o tamazight é tan lingua propia de Galiza coma o galego (porque hai tres mil cidadáns galegos que falan tamazight) e o romanés, o guaraní, o chinés mandarín, o chinés cantonés, o wolof, o yoruba, o árabe hassaniya, o quechua… son tamén linguas propias de Galiza porque hai cidadáns galegos que falan esas linguas.

Non, a única lingua propia, autóctona, natural, nativa, de Galiza é o galego. As outras, por moi faladas que sexan, non son propias, autóctonas, naturais, de Galiza, son linguas de persoas que aquí viven, de cidadáns deste país.

Mentira 5: “Son os falantes, os cidadáns, os que teñen dereitos, non as linguas nin os territorios”.

Mentira. Hai sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que negan isto por unha elevación ao absurdo: se son os cidadáns os que posúen os dereitos lingüísticos, estes dereitos poderanse exercer en calquera territorio, e así, calquera lingua europea valería para se presentar, por exemplo, a unhas oposicións en calquera lugar de Europa. Eu, cidadán europeo lituano, pódome presentar en lituano a unhas oposicións en Berlín ou en Sevilla?

Se todos os españois temos os mesmos dereitos, como afirma o artigo 14 da Constitución, un castelán de Murcia ten os mesmos dereitos lingüísticos ca un galego de Monforte, independentemente de se os dous viven en Bilbao, Madrid ou Granada. Isto de facto suporía a cooficialidade de galego, vasco, castelán e catalán en toda España.

Mentira 6: “Non me sinto menos galego por non falar en galego. Falando castelán son tan galego como calquera que fale galego”.

Un galego non deixa de ser galego por falar inglés ou francés. Todo o contrario, é un galego políglota, e cantas máis linguas fale moito mellor. Agora ben, se un galego non fala galego (polo motivo que sexa: inercia noutra lingua, preguiza, prexuízos, etc.) e tampouco respecta a quen o fala nin defende o uso do galego, despreza a quen o usa e non toma partido pola lingua propia do país (desfavorecida na xustiza, na sanidade, etc.) segue sendo un galego, pero un galego que renega da súa historia e da cultura do seu país e que ataca o núcleo da identidade do seu pobo.

Mentira 7: “É unha falta de educación responder en galego se che falan castelán”.

En teoría, parecería unha mostra de respecto exemplar responder en castelán a quen che fala en castelán. Na práctica, ese cambio obedece á presión dunha norma non escrita de cesión ao castelán, para que non nos chamen maleducados ou ignorantes.

Non habería nada que obxectar a este comportamento se o galego e o castelán tivesen unha consideración social semellantes e, en consecuencia, os castelanfalantes tamén cambiasen de lingua cando o seu interlocutor se dirixise e eles en galego. Pero non o fan así, agás excepcións. Créase entón unha disimetría que ten consecuencias moi lesivas para a lingua galega: sempre que nun grupo haxa alguén que fale castelán, por “educación”, o resto das persoas van acabar falando en castelán.

Como se pode continuar asumindo que é de boa educación cambiar ao castelán cando nos falen en castelán? Iso que nos “invita” a falar en galego só cando os interlocutores son tamén galegofalantes leva aparellado unha ocultación case total da lingua galega. En normas sociais coma esta está a explicación dun fenómeno moi preocupante, como é a escasa presenza social da lingua galega, sobre todo en determinados ámbitos urbanos. A transgresión desta norma tan falaz, das máis lesivas para o galego, é unha das condicións esenciais para avanzarmos no proceso normalizador.

Mentira 8: “Temos dereito a escolarizar enteiramente os nosos fillos na lingua da nosa preferencia, castelán ou galego”.

Mentira. Tal dereito non existe. Hai numerosas sentenzas (STSXG, STC, STS, STSJC…) que negan tal dereito, porque suporía a segregación do alumnado por lingua.

Nos dereitos fundamentais que recolle a Constitución Española está o dereito á educación, pero por ningures figura o “dereito á educación na lingua de elección dos pais”, como así o teñen manifestado numerosas sentenzas dos máis altos tribunais de España; a última foi unha recente sentenza do Tribunal Supremo que lle volveu deixar isto ben claro a un pai de Vigo que reclamaba ensino unicamente en castelán para o fillo.

Se uns pais murcianos tivesen dereito a elixir educar enteiramente os fillos en Galiza en castelán, en reciprocidade, uns pais galegos deberían igualmente ter o dereito de educar en Murcia os fillos en galego. No caso contrario, produciríase unha discriminación incompatible coa Constitución, que é precisamente o que buscan os que defenden estas propostas: os castelanfalantes terían ese dereito en todo o territorio español, pero os pais galegos só terían un (parcial) dereito á educación en galego dentro do territorio administrativo galego.

En todo caso, estariamos felices se nunha vindeira revisión da Constitución Española se recollese o dereito a elección de lingua no ensino para todos os cidadáns españois, independentemente da lingua falada ou do territorio de residencia.

Mentira 9: “Nos centros escolares estáselles a impoñer o galego aos nenos de maneira xeneralizada, e están a ter problemas para falar e escribir en español”.

A maioría das clases, sobre todo en zonas urbanas ou periburbanas, seguen a impartirse en castelán. Na educación infantil as clases impartidas en galego non chegan nin ao 10%. A lectoescritura en galego apenas acada a un 15% da poboación escolar, é dicir, faise nun 85% en castelán. E iso que só o 25% dos escolares teñen por única lingua familiar o castelán.

             As estatísticas son claras: só o 25% dos escolares teñen por lingua familiar o castelán; a maioría, o 54% dos escolares teñen por linguas familiares galego e castelán; e un 21 % teñen por lingua familiar o galego.

Tocante aos libros de texto, en zonas urbanas (exemplo Vigo) véndense tres veces máis exemplares en castelán ca en galego dun mesmo libro de texto. Ademais, é ben sabido que en moitos centros mércase o libro en galego pero a clase dáse en castelán.

As afirmacións de que o castelán está desaparecendo de “moitos centros de ensino de Galiza” buscan presentar os agresores do galego como vítimas, alentados e aireados por algúns medios con obxectivos políticos claros. Non se dá un só dato, un só nome de escola ou instituto (deses “moitos”) onde o castelán estea desaparecido ou case desaparecido. Outramente, pódense dar restras de nomes de escolas, colexios e institutos onde o galego só se imparte na materia de Lingua e Literatura Galega.

O feito evidente de que os escolares galegos teñen un alto coñecemento activo e pasivo do castelán demóstrase nos datos das avaliacións periódicas de coñecementos que se fan no sistema educativo do estado ou nas notas da selectividade, que non son inferiores ás doutras zonas monolingües castelanfalantes. En troques, acontece que en moitos centros urbanos a maioría dos alumnos teñen unha competencia insuficiente en lingua galega.

Mentira 10: “É un despropósito pedagóxico darlles clases en galego a nenos de familias castelanfalantes”.

Polo mesmo motivo, non lles aprenderiamos matemáticas aos nenos que non saben matemáticas, porque as súas familias tampouco saben matemáticas, non é? O que se percibe como un problema non é máis ca unha vantaxe que hai que planificar para conseguir dotar ese alumnado dunha competencia lingüística adecuada. No noso ordenamento legal, sabemos que o obxectivo que debemos conseguir é unha boa competencia nas dúas linguas oficiais. Esta planificación pasa polo uso do galego como lingua vehicular.

Cando isto se traslada á práctica, créase un ambiente que non obriga o alumnado galegofalante a abandonar a súa lingua, senón que lle permite continuar nela, ao comprobar que pode utilizala sen complexos en calquera situación. E o alumnado castelanfalante, nun ambiente así, ademais de comprobar na práctica que a lingua galega se pode usar para todo, igual que calquera outra, sente o estímulo de aprendela, xa que comproban que é útil, que é funcional para a comunicación. Ademais, ese mesmo ambiente provoca nel o interese por se comunicar (oralmente e por escrito) en galego, contribuíndo así ao crecemento da súa competencia nesta lingua paralelamente ao desenvolvemento da súa competencia na lingua familiar.

Un ambiente favorable ao emprego do galego non se produce espontaneamente nas actuais circunstancias. Do mesmo xeito que unha planta ou un animal precisa dunhas condicións ambientais determinadas para desenvolverse, tamén sucede así cunha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso hai que adoptar as medidas precisas para potenciar a creación dese “nicho ecolóxico” favorábel á lingua galega. Medidas moi diversas, dado que se refiren a ámbitos e actuacións moi distintos. Mais en todas elas atopamos dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego se pode usar para calquera función e mais a vontade de crear actitudes positivas cara ao uso da lingua.

Mentira 11: “Até 2005 houbo en Galiza un razoábel equilibrio lingüístico baseado no consenso das forzas políticas. Desde 2005 o goberno bipartito rompeu o consenso cun decreto que impón a escolarización en galego”.

Mentira. A situación antes de 2005 non era de equilibrio, xa que só se daban en galego unha ou dúas materias (e en colexios moi sinalados unha ou ningunha), a escolarización en español era plena.

O decreto do 2007 recolle literalmente a formulación do Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2005, elaborado pola Xunta do PP, presidida por Manuel Fraga e da que Núñez Feijoo era vicepresidente, e aprobado por unanimidade no Parlamento Galego. Neste Plan Xeral aprobouse, para a educación primaria e secundaria obrigatoria, “garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”.

O decreto 124/2007 da Xunta de Galiza, que aplica o establecido no Plan Xeral, foi consensuado co PP e a prensa recolleu as declaracións dos representantes do PP nesa negociación, nas que afirman que o decreto garantía o equilibrio entre galego e castelán e a competencia lingüística nas dúas linguas. O día anterior á súa aprobación no Parlamento, o PP cambiou de postura e decidiu, por razóns de oportunismo político e por presión da dereita centralista de Madrid, romper o consenso que existía sobre a lingua galega desde o comezo da etapa democrática e facer campaña contra o decreto e contra a normalización do galego no ensino e na administración.

Mentira 12: “A UNESCO proclama a escolarización e alfabetización dos nenos nas súas linguas maternas. Isto en Galiza prohíbese”.

Mentira. Cando a UNESCO proclama a defensa da escolarización e alfabetización dos nenos en cadansúa lingua materna faino pensando nas linguas indíxenas e nas linguas minoritarias, non nas grandes ou pequenas linguas estatais.

De feito, na súa última declaración, a UNESCO loa o multilingüismo co coñecemento da lingua materna, a lingua estatal e unha lingua de relación internacional. Os ingleses teñen tres en un: o inglés é materno, estatal e internacional. Para os españois de fala castelá a materna e a estatal é a mesma. Para un portorriqueño de fala castelá a materna e a común dos EUA son diferentes.

Para os españois de lingua galega ou vasca ou catalá a lingua materna é diferente da estatal. O concepto de lingua materna é para a UNESCO distinto do que retorcen interesadamente os que fan estas afirmacións.

O que si é certo é que en Galiza á maioría dos galegofalantes impídeselles de feito ser escolarizados na súa lingua familiar.

Mentira 13: “É ilegal e atenta contra os dereitos dos falantes de castelán o feito de que toda a sinalética e a documentación oficial (toponimia, relacións coa administración, escolas, hospitais, etc.) estean case sempre en galego”.

En primeiro lugar, os topónimos escríbense na súa forma galega por unha Lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza en 1983.

En segundo lugar, é estraño que quen di defender o bilingüismo ignore a proximidade léxica e estrutural entre galego e castelán, que fai totalmente posíbel que unha persoa que acabe de chegar a Galiza, sen ter ningún contacto previo co galego, entenda ben galego en menos dun mes e poida falalo con soltura en menos dun ano.

Se un galego entende ben o castelán, mesmo sen oír ou estudar case nunca o castelán (caso de emigrantes retornados), ningún castelán está xeneticamente indisposto nin é tan incompetente como para non entender o galego, oral e escrito. Só é cuestión de querer entendelo.

En Galiza afirma que non entende galego o 2% da poboación. Realmente debemos crer que unha persoa que fala castelán non entende sinais como “Urxencias”, “Tocoloxía”, “Escola”, “Horario de atención ao público”, “Consellaría de Industria”, “Praza do Rei” ou “Rúa das Margaridas”? Por tanto, esta xente reclama a rotulación bilingüe: “Hospital/Hospital”, “Casa da Cultura/Casa de la Cultura”, “Casco Vello/Casco Viejo”, “Porto/Puerto”, “Aeroporto/Aeropuerto”... pensando non xa neles, que eles entenden galego, para iso se declaran “bilingües”, senón nos inmigrantes ou nos turistas que se van perder por non entender os letreiros.

Iso é pensar que os estranxeiros ou turistas teñen tantos prexuízos coma eles ou son tan autolimitados para a comprensión lingüística coma eles. E non é así, afortunadamente.

Mentira 14: “Perdemos grandes profesionais pola obriga de coñecer o galego no acceso aos postos da función pública”.

Mentira. Os que afirman isto en realidade o que pretenden é que o galego deixe de facto de ser lingua oficial en Galiza. Que quede reducida a unha lingua folclórica, que é moi bonita, si, pero que non serve para as cousas serias da vida. É ben claro que se un cidadán ten dereito a ser atendido en galego, na administración, na xustiza, na sanidade, etc., só poderá garantirse ese dereito asegurando que os funcionarios que o atenden teñan a competencia necesaria para facelo. É totalmente lóxico que unha administración pública esixa que os seus funcionarios teñan unha competencia suficiente nas linguas oficiais en que teñen que traballar.

Xa dicía o Padre Sarmiento a mediados do século XVIII que os funcionarios de xustiza tiñan que saber a lingua e os costumes de Galiza: “Y todos los que no saben ni la lengua gallega, ni las costumbres respectivas, son ineptos para los dichos empleos”.

Mentira 15: “O galego dificulta as relacións empresariais”.

De verdade pensamos que as dificulta por exemplo con Portugal e con Brasil? Esta falacia só obedece a prexuízos contra o galego, a querer relegalo ao mundo rural e á vida privada. Os estudos sociolingüísticos mostran que, por exemplo, o galego resulta positivo para as empresas na publicidade, e a pesar diso segue habendo prexuízos moi arraigados entre moitos empresarios para usaren o galego na comunicación da empresa e na publicidade.

Mentira 16: “O castelán está discriminado en Galiza porque a CRTVG, en tanto que medio pagado por todos os galegos, non emite a metade da programación en castelán”.

Incoherente. Cos impostos de todos os galegos mantemos estas canles. Pero de igual xeito, cos impostos de todos os españois (tamén dos que falan linguas diferentes do castelán) mantemos outras emisoras estatais; por tanto, TVE1, TVE2, TVEI, 24Horas, RNE1, RNE3, RNE5, RC, etc., pola mesma razón, deberían emitir para toda España ao día 4 horas en catalán, 2 horas en galego e media hora en vasco, seguindo a proporción de falantes desas linguas no conxunto da poboación española. Cada unha destas emisoras emitiría diariamente para toda España 17,5 horas en castelán e o resto (6,5 horas diarias) nas outras linguas de España. Están dispostos a isto os falantes de castelán?

Mentira 17: “O galego normativo, o que nos impoñen, non é o galego que mamaron os nosos avós e pais e o que nós falamos. É un galego artificial aportuguesado, é un neogalego que ninguén fala”.

Falso. O galego normativo é unha lingua de todos e de ninguén, baseada no galego moderno, popular e literario depurado de castelanismos. Como o son tamén o castelán estándar, e o portugués estándar entre outros.

O galego normativo está máis próximo do galego falado en calquera sitio de Galiza do que pode estar o español normativo do castelán falado en Andalucía, Canarias ou mesmo Galiza. As diferenzas son moi pequenas, e consisten sobre todo na recuperación e/ou introdución de moitos termos cultos e científicos que non había na lingua popular.

Este tipo de afirmacións só pretenden negarlle lexitimidade á lingua que se usa na escola e nos medios de comunicación, case sempre feitas desde a ignorancia da realidade do galego moderno e do galego histórico, e baseadas soamente nalgunhas poucas palabras que o galego estándar toma como préstamos do portugués.

Mentira 18: “O galego non serve máis que para usar en Galiza, non ten proxección internacional como ten o castelán, mentres que o español é unha lingua de comunicación internacional, coa que podemos comunicarnos con 400 millóns de persoas”.

Falso. Aínda que así fose, hai unha vintena de linguas oficiais europeas que “non teñen proxección internacional” e os seus falantes seguen a falalas, defendelas, cultivalas e protexelas : holandés, danés, finés, estoniano, checo, maltés, eslovaco, esloveno, noruegués, sueco, islandés, húngaro… Non ter proxección internacional ou non ter centos de millóns de falantes non quere dicir que non sexan útiles. O hindi, o cantonés ou o swahili teñen centos de millóns de falantes e mais non teñen proxección internacional ningunha.

Pero ademais resulta que o galego ten moita proxección internacional pola súa proximidade estrutural e a súa intercomprensibilidade inherente co portugués oficial en sete estados do mundo e con 250 millóns de falantes.

Mentira 18: “O galego non serve máis que para usar en Galiza, mentres que o español é unha lingua de comunicación internacional”.

Os galegos, por exemplo, son preferidos nos contratos en sanidade no norte de Portugal e nos contratos en ensino ou en industria no Brasil, precisamente porque “xa traen a lingua sabida”. E as súas posibilidades de proxección cara ás áreas galaicolusófonas son enormes, se os gobernos e os empresarios galegos as quixesen desenvolver.

Os galegos galegofalantes (os únicos realmente bilingües) somos dobremente válidos porque nos podemos comunicar con 650 millóns de persoas (400 millóns falantes de español e 250 millóns falantes de portugués), tantas como falantes de inglés como lingua materna hai no mundo. Non queremos renunciar a esta vantaxe.

Mentira 19: “Os escritores galegos en castelán non teñen subvencións, son discriminados nos premios, que son todos para obras en galego, e están marxinados do sistema cultural galego”.

Falso. Os escritores en castelán teñen miles de premios aos que se presentar, miles de editoriais onde publicar e 400 millóns de potenciais lectores.

Non lles chegan as axudas á creación do Ministerio de Cultura, o Instituto Cervantes e centos de fundacións… que aínda queren as escasas axudas –cando as hai–, da Consellaría de Cultura? É indigno que só encontren solución aos seus problemas tratando de afogar as únicas axudas ás que poden recorrer os creadores en galego.

Mentira 20: “A cultura galega é a que fan os galegos, independentemente do idioma que utilicen, e todos teñen dereito a subvencións públicas, pero a Xunta só subvenciona teatro e cinema feito en galego, discriminando o teatro e cinema feito por galegos en castelán”.

Falso. Quen fai cultura en castelán ten millóns de oportunidades máis. Cultura galega é a que se fai en galego. Cultura española é a que se fai en español (castelán).

Por exemplo: os filmes rodados en galego, vasco e catalán non tiñan acceso até hai dous anos ás subvencións do Instituto Nacional de Cinematografía porque desde Madrid só se concibe cultura “española” como a cultura vehiculada en castelán, discriminando todo produto feito noutras linguas españolas. Se a Xunta non apoia con todo o seu esforzo os produtos feitos en galego, os creadores en galego non terán absolutamente ningún apoio.

A que sistema literario pertence a Premio Nobel de literatura 2009, a romanesa da minoría alemá Herta Müller? Sen dúbida ao alemán, porque escribiu nesta lingua, por máis que nacese e se criase en Romanía e soubese falar romanés e alemán. A lingua determina o sistema literario e cultural no que se clasifica e se quere inserir un autor. Literatura galega, sen ningunha dúbida, só é aquela que se escribe en galego, independentemente da orixe, nacemento, residencia ou procedencia do autor.

Decreto final, decreto fatal

O novo Decreto de Plurilingüismo supón algunhas modificacións a respecto das Bases presentadas a finais do ano pasado. Despois de tantos meses de liortas, o novo texto dá satisfacción a tres cuestións elementais que os sectores máis castelanófilos do Partido Popular consideran irrenunciábeis:

1. O reparto metade-metade e, polo tanto, a eliminación tanto da célebre cláusula do decreto anterior, “polo menos”, como da expresión do Plan Xeral de Normalización lingüística de 2004, “como mínimo”.

2. A asignación da materia de matemáticas (e con ela, pero xa nun segundo plano, a física e a química) á lingua castelá.

3. A opción ao alumnado de empregar a lingua que queira en exames e na relación oral na clase, vinculada sempre á posibilidade ademais de contar con libros e materiais escolares na lingua que prefiran.

Para os negacionistas menos contumaces, con estes tres aspectos todo semella amañado. De feito, os sectores menos antigalegos do PP, molestos coa deriva radical do seu partido nesta materia, consideran xa satisfactorios os cambios introducidos.

Pero, desde o punto de vista da normalización da lingua, o Decreto de Plurilingüismo leva paseniño á desaparición do galego se atendemos ao que se observa entre a mocidade urbana, maioritaria en Galiza.

Outorgarlle ao alumnado, á marxe de problemas específicos que esta normativa podería causar, a posibilidade de empregar a lingua que prefira na clase, en contextos como o que se advirte nas cidades supón axudar á morte do galego.

Non se trata de maior ou menor legalidade, senón de considerar a lingua galega como o que é, lingua ameazada e esmorecente e, xa que logo, darlle o apoio necesario, o alento que precisa para que reviva. Algo perfectamente explicado no Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Con este equilibrio formal e con esta apelación á liberdade individual dos falantes a elixir a lingua que queiran, o que se pretende e favorecer o esmorecer e a morte do galego. Algo que non imos permitir os miles e miles de homes e mulleres que enchemos as prazas de Compostela para dicir que queremos galego.

O Sr. Feijoo e o seu goberno xa bateron varias marcas históricas cun só decreto. O decretazo do Partido Popular pasará a historia como a maior das agresións sufridas polo noso idioma desde a morte do ditador e, ademais, terá a honra de ser a medida lexislativa que maior rexeitamento social ten producido na era autonómica.

Galiza, Maio de 2010.

__________________
(*) Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galiza.