Xoán Monasterio

Quen controla a alimentación?
(Inzar razóns, nº 29, xullo 2003)


Falar de Agricultura non é só falar de produción de alimentos, de labregos e labregas e da problemática que viven nun medio rural en continua desertización humana, no que pechan cada ano miles de pequenas e medianas explotacións. Metaforicamente, que no agro galego pechen explotacións é como que pechen familias, posto que neste país a explotación está intimamente ligada non só ao titular da explotación, senón tamén as/os vellas/os e mozos/as que viven na mesma. De feito pode-se falar dun sistema agrário caracterizado pola pequena e mediana explotación familiar.
A desaparición de explotacións agrícolas e gandeiras, en si mesmo, ten unha forte compoñente social, co avellentamento da povoación que vive no meio rural, coa desaparición de postos de traballo que non se ven compensados pola criación doutros na indústria ou no sector servizos, en fin, co despovoamento de centos de aldeias en todo o rural galego.
Ademais desta caracterización directa, os problemas da agricultura abranguen a toda a sociedade porque a produción de alimentos, apoiada por políticas agrárias nefastas, camiña cara a precarización da calidade, cara o control da alimentación polas grandes transnacionais que nos marcan que e como producir, que e como comer.
Neste senso, a Política Agrária Comun (PAC), que é a única política agrária que se aplica na Unión Europea, vén incidindo, seguindo os critérios marcados pola Organización Mundial do Comércio (OMC), nunha contínua caída dos prezos dos alimentos en orixe (o que se lle paga a/o labrega/o) co fin de acadar matéria prima barata para as indústrias transformadoras e as redes de distribución comercial de alimentos, que son as que se situan entre os/as produtores/as de alimentos e os/as consumidores/as. Cunha baixada continuada dos prezos en orixe e a suba parella que os alimentos teñen para os/as consumidores/as finais, non é de estrañar a medra dos benefícios das multinacionais transformadoras ao estilo de Nestlé ou das grandes áreas comerciais como Carrefour.
Son dous exemplos das quenllas que se moven entre os labregos e labregas e os consumidores e consumidoras.
Pero se o camiño intermédio está controlado polas transnacionais, tamén o está a ser o primeiro paso da cadea da alimentación. Nun destes grandes monstros comerciais poden-se incorporar todos os pasos que van dende a semente da terra até o consumidor final.
Unha sección da empresa cria as sementes, moitas veces modificadas xeneticamente, cunha patente rexistrada propriedade da corporación. Vende esta semente a un labrego ou labrega, e ademais incorpora-lle o paquete tecnolóxico específico para a produción do cultivo. Adubos, fitosanitários, produtos químicos fabricados por outra sección da mesma transnacional. O/a labrego/a vende-lle o produto a unha indústria transformadora, que non é máis que outra filial da mesma empresa. Logo do proceso de transformación, máis ou menos complexo, distribue o produto final polas grandes áreas comerciais que ten por todo o mundo para que nós, os consumidores e consumidoras, a compremos a un prezo moito máis alto do que lle foi pagado a/o labrega/o. Un proceso parecido dá-se en ganderia.
Como consumidores, podemos chegar a pagar até un 800 por cento máis por un produto sen elaborar, do que lle paga a empresa a/o produtor/a. Por exemplo, a pataca estaba-lles sendo recollida aos produtores da Límia a 0,06 Be vende-se no supermercado a 0,55B; o leite paga-se-lle a/ao gandeira/o a 0,27 Bpero mercamo-lo a 0,69B. Canto pode ser o incremento de prezo que se dá nun produto elaborado?
Asi as cousas, este é un claro proceso de integración vertical para aumentar os benefícios das grandes empresas, pero a costa de machacar os prezos que lles pagan aos labregos e de aumentar o que lles dá a gana os prezos finais dos alimentos, e sobre todo, grazas a ter unha agricultura que non garante a calidade dos produtos nin a salubridade dos mesmos.
Basta con lembrar os contínuos escándalos alimentários aos que temos asistido nos últimos tempos: dioxinas, vacas tolas, hormonas de crecimento, antibióticos canceríxenos empregados en polos, racións para o gando con fariñas cárnicas, Organismos Xeneticamente Manipulados (OXM) é o que ainda está por vir.
Nembargantes, ainda que o panorama se poda apresentar escuro, quedan esperanzas. As grandes transnacionais, axudadas polas políticas feitas a medida polos governos (en Europa a PAC), levan feito boa parte do camiño para controlar a alimentación, pero quedan-lles, cando menos, dous balados que saltar. Un os labregos e labregas que seguen vivendo do que lles dá a terra, de pequenas e medianas explotacións agrícolas e gandeiras, que non son poucos/as, e ainda poden facer moito porque non controlen o seu traballo, a sua forma de vida, reivindicando os seus dereitos como fixeron hai pouco os pataqueiros da Límia ou os/as produtoras de leite en Composte-la. Organizando-se a nivel nacional, estatal, europeo e mundial para presionar ali onde se traten temas relacionados coa agricultura. Facer forza para termos un modelo agrário sostíbel, ecolóxico e labrego, que conserve o meio ambiente e que garanta a actividade agrícola cuns prezos dignos. Un modo de produción que garanta alimentos de calidade, sans e seguros. E para isto temos que contar coas alianzas co outro balado que teñen que sortear as transnacionais, que somos os/as consumidores/as, porque ao final, cando compramos alimentos, podemos decidir a quen llos compra-mos, que alimentos queremos consumir e se estamos dispostos a pagar misérias por unha cuestión importante como a alimentación.
Hai un labor moi importante de concienciación que facer. Entre os labregos e labregas para que resistan o empuxe das multinacionais agro-químico-farmacéuticas. E entre os consumidores para que sexamos quen decidamos que comer. Non é unha cuestión trivial que se poda solventar coa vontade duns poucos.
Dende logo, o que hai agora non nos vale. A política da OMC incide en abrir e desregularizar os mercados, e fai-no a costa das economias nacionais e locais, dos traballadores e das traballadoras, das pequenas labregas e labregos e dos povos indíxenas, esquilmando-lles os seus recursos. A OMC pretende aplicar as regras do mercado á água, aos alimentos, aos servizos sociais ou á saude, que quere privatizar. Defende a introdución de cultivos transxénicos na agricultura que acabarán coa biodiversidade e sobre os cales, non se ten o coñecimento necesário para garantir que non produzan outro gravísimo problema. Protexe unha agricultura industrial e intensiva e os intereses das multinacionais que se pretenden facer co domínio da produción agrícola e alimentária para ter un control absoluto sobre os prezos. Cada ano desaparecen en Europa 200.000 labregos e labregas, miles en Galiza, grazas a esta liña amparada pola PAC.
Ten que haber iniciativas políticas que garantan a soberania alimentária dos povos. Que fomenten unha agricultura sostíbel tanto a nivel meioambiental como a nivel humano, que garantan a pervivéncia do maior número de labregos e labregas, garantia de que o meio rural non ficará sendo un deserto. Que aseguren a calidade dos alimentos, e nos libre dos contínuos escándalos alimentários que padecemos. Comer non debe ser un perigo nin unha mala aventura.
Para conseguir estes obxectivos, temos que tecer as alianzas precisas entre as organizacións que hai na sociedade. Por unha banda, os sindicatos e organizacións agrárias de labregos e labregas, que defenden un modo de produción en base á terra, sostíbel e de calidade, que asegure a pervivéncia do maior número de persoas no meio rural. Por outra, as organizacións socias, tanto os sindicatos de clase que aglutinan a milleiros de traballadores/as, como a todo tipo de asociacións, por cativas que sexan, que queiran garantir que o que comen é san e seguro.