praza.gal, 3, maio, 2024.
As motivacións invocadas na carta do presidente do goberno do Estado aluden a temáticas que levan presentes varios anos na vida política española. Por exemplo: a utilización deliberada de informacións falsas sobre persoas, entidades cívicas e organizacións políticas por parte dalgúns medios de comunicación que se moven na esfera da dereita e da ultradereita e que reciben importantes volumes de recursos públicos, especialmente procedentes do goberno da Comunidade de Madrid, encabezado por Díaz Ayuso. Ou tamén: o comportamento inadecuado dalgúns xuices, sempre dispostos a iniciar dilixencias procesais a partir de «informacións» publicadas por determinadas webs e que posteriormente son arquivadas noutras instancias xudiciais (por tanto, con nulo efecto penal pero con evidente erosión da reputación das persoas e grupos afectados). E algo mais: o uso frecuente de insultos e agresións verbais en concentracións diante das sedes de partidos ou dos domicilios particulares (lembrese o sucedido con Pablo Iglesias e Irene Montero así como o acontecido durante moitas noites na madrileña sede socialista da rúa de Ferraz).