praza.gal, 13 setembro 2019.
Dende o ano 2015, un novo concepto toma corpo na opinión publicada: a nova política.
Esta expresión trata de identificar nominalmente ás novas formacións que xorden no
escenario político estatal, tradicionalmente hexemonizado polo PSOE e polo PP.
Primeiro foi Podemos co seu exitoso bautismo nos comicios ao Parlamento europeo de
2015. E, despois, tamén Cidadáns co notábel resultado obtido nas eleccións xerais de
Decembro de 2015.
Tense afirmado, con razón, que o denominado “movemento 15-M” foi a orixe causal
dos posteriores cambios rexistrados no mapa político. Aquela protesta masiva da
primavera do 2011 tivo unha participación moi relevante de sectores da mocidade que
non se sentían representados no labor desempeñado polos xestores gobernamentais
debido á concorrencia, entre outras, de dúas circunstancias decisivas: as lesivas
consecuencias da crise económica aberta a partir do ano 2008 e a constatación de
repetidas prácticas de corrupción protagonizadas polos dous grandes partidos do
sistema.