praza.gal, 4 xulio 2025.
Estanse a cumprir 20 anos dun suceso moi relevante na vida política galega: a perda da maioría absoluta do PP de Manuel Fraga e a posterior formación dun goberno de coalición entre o PSdG e o BNG.
Visto dende hoxe, o que sucedeu naquel mes de Xuño de 2005 foi algo mais que a materialización dunha alternancia no goberno da Xunta. Era a primeira vez, dende 1981, que a dereita galega (representada polas siglas AP/PP e UCD) perdía a posibilidade de conformar unha maioría parlamentar despois da celebración duns comicios. É verdade que no ano 1987 tivo lugar unha moción de censura contra o goberno de Fernández Albor que deu paso a un «tripartito» (PSdG, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego) encabezado por Fernando González Laxe e que rematou no ano 1989 coa obtención dunha axustada maioría absoluta por parte de Fraga. En todo caso, aquel Executivo foi posíbel pola grave crise interna padecida por AP/PP e protagonizada, de xeito singular, por Xosé Luis Barreiro, posteriormente retirado da vida política institucional.