Justo Beramendi
Un balance do Bipartito
(Inzar Razóns, 38, xulio de 2009)
Rematada a primeira andaina do goberno de coalición PSdG-BNG é a hora dos balances. E naturalmente hainos para todos os gustos porque dependen das filias e fobias de cada quen, que son as que determinan as varas de medir que se escollen. E hai moitas varas diferentes: a comparación coa xestión dos gobernos anteriores; as expectativas suscitadas polo cambio prometido; o grao de cumprimento do programa de goberno; o tratamento dos problemas e necesidades obxectivamente máis importantes para o conxunto da sociedade, etc. Aquí procurarei aplicar unha mestura deses criterios coa mellor ponderación de que sexa capaz.
Despois do longo dominio da dereita en Galiza, as expectativas que suscitaba un cambio político nos sectores non beneficiados pola situación precedente eran inevitabelmente moito maiores das que se podían satisfacer coas limitacións da política real nunha comunidade autónoma. Xa que logo, as decepcións de moitos foron inevitábeis. Pero isto tampouco pode servir de coartada para xustificar calquera cousa. Vexamos, pois, en relación co prometido, que fixo e que deixou de facer o Bipartito.
Empecemos polas políticas sectoriais. No lado positivo salientan as medidas para frear a “marbellización” da beiramar mediante a lei de costas e disciplinar o urbanismo especulativo coas directrices de Ordenación Territorial; os avances na rede viaria dependente da Xunta coa construción dalgunhas autovías e o proxecto doutras; o labor (incompleto) de saneamento dos ríos e a paralización das concesións de minicentrais hidroeléctricas; unha certa racionalización do gasto sanitario, a introdución da receita electrónica e a promoción de novos hospitais, nomeadamente os de Vigo, Lugo e Pontevedra; o feito de que por primeira vez se aborden os problemas de fondo do campo galego (banco de terras, política forestal, defensa dos gandeiros na cuestión dos prezos do leite, xestión dos incendios), aínda que a súa resolución ten que ser forzosamente lenta; a nova lei de vivenda e o programa de vivendas protexidas; os esforzos por reactivar o que fora Astano, aínda que de momento resultasen frustrados, e a vontade de que as novas concesións eólicas deixen beneficios ao conxunto da sociedade e non só ás empresas; e os primeiros pasos dunha estrutura asistencial coordinada a escala de país (galescolas, consorcio de servizos sociais, atención a dependentes e maiores).
No lado negativo, a impotencia á hora de poñer un pouco de orde nas taifas da administración local, ámbito no que a “coordinación” das Deputacións non pasou de brinde ao sol; a incapacidade para deixar listas a lei de Transporte e as áreas metropolitanas de A Coruña e Vigo; unha política educativa gris nos niveis primario e secundario, malia a medida inicial de impacto da gratuidade indiscriminada dos libros de texto (que, como todo beneficio igual para ricos e pobres con cartos públicos, é profundamente inxusta e antisocial), e unha acción claramente insuficiente en universidades e investigación, pese a pequenas melloras nesta última; a persistencia de graves eivas na asistencia sanitaria, das que a non diminución das listas de espera é o indicador maior; e o fracaso na formación dun grupo lácteo galego.
Pasemos á política con maiúscula. A gran promesa foi a rexeneración da democracia galega, que Fraga deixara escangallada. E aquí temos algunhas de cal e outras tantas de area. A revitalización do Parlamento foi certa. E non só por un labor lexislativo que acadou récords coas 53 leis aprobadas, delas 44 por unanimidade, fronte ás 39 de Fraga na súa lexislatura máis prolífica. Tamén, e isto é o máis importante, porque o presidente Touriño e os seus conselleiros sometéronse puntualmente ao control da Cámara. Outra medida no mesmo sentido foi a nova norma sobre transparencia e subvencións. En xeral, diminuíron considerabelmente as diferentes variantes do clientelismo e da corrupción no que da Xunta dependía. Pero aquí rematan as luces neste asunto.
No capítulo de sombras temos a persistencia dun clientelismo, máis pudoroso e menos xeneralizado, pero igualmente inaceptábel. A promesa de rematar coa “administración paralela” do PP acabou, no mellor dos casos, na substitución duns “chiringuitos” por outros. O mesmo cómpre dicir das relacións subterráneas cos medios de comunicación privados, polo que non é de estrañar que a prevista lei de publicidade institucional (que nada impedía aprobar no primeiro ano de lexislatura) ficase para mellor ocasión, o que permite continuar cunha práctica que mata dous paxaros dun tiro: fai favores a xornais influentes na opinión e practica o autobombo partidista ou mesmo persoal, en ambos casos con fondos públicos. E que dicir da CRTVG? Nada, absolutamente nada impedía cumprir con prontitude o compromiso de rematar co uso abusivo da radio e da televisión galegas como instrumentos de propaganda ao servizo exclusivo do goberno do momento. No canto de facelo, as primeiras medidas do Bipartito (reparto entrelazado do control de TVG e RG e dos seus informativos) foron un mal augurio que desgraciadamente se confirmou coa reforma durmindo o soño dos xustos estes catro anos. E logo está a asunción entusiasta por algúns do populismo fraguiano de palleiro, tamén pagado cos diñeiros de todos, nesas concentracións masivas de maiores ou de mulleres coa intención alquimista de que empanadas, pasodobres e muiñeiras se transmuten no ouro político do voto. Como xa dixen hai tres meses noutro artigo, por desgraza, a experiencia demostra que, na actual cultura política, esquerdas e dereitas poden diferir, e moito, no estilo de goberno, así como nas políticas sociais e algo menos nas económicas, pero esas diferenzas redúcense drasticamente cando do que se trata é de renunciar a mecanismos moi útiles para a permanencia no poder.
Hai tamén outros incumprimentos e fracasos non atribuíbeis ao Bipartito. Uns son culpa do goberno central “amigo”, que se ben demostrou esa amizade no incremento nominal dos investimentos previstos para Galiza nos orzamentos do Estado (ás veces a cambio dos votos do BNG no Congreso), en cambio foi bastante refractario a facer todo o que estaba na súa man en cuestións vitais para a modernización do país (asunto AVE) e dende longo a incrementar significativamente o autogoberno galego. E aí está a súa negativa a facer transferencias non anecdóticas como as de tráfico, inspección de traballo, seguridade marítima, co-xestión de aeroportos, etc. É obvio que a capacidade de presión do Bipartito sobre ese Goberno Central ten graves limitacións. O outro gran incumprimento, a reforma do Estatuto, é responsabilidade exclusiva do PP. E como non hai mal que por ben non veña, isto permite, sobre todo ao BNG, contar con este gran asunto no seu programa electoral para as autonómicas de 2009. Xa veremos con que resultado.
E por último hai un affaire que vén embazando considerabelmente o final da lexislatura: o concurso eólico. Este proxecto estrela da Consellería de Industria non puído empezar con mellores intencións. Tratábase de poñer fin á opacidade e ás posíbeis corruptelas das concesións anteriores do PP, introducindo a transparencia dun concurso público e obrigando a que unha parte dos beneficios do negocio revertesen no país vía cesións de parte do capital á Xunta e compromisos de realización de proxectos industriais asociados ás concesións. Pero nalgún punto do camiño as cousas comezaron a torcerse. Alguén fixo correr o rumor de que un construtor metido a editor ía financiar un novo xornal afín ao BNG cos beneficios que obtería cunha substanciosa concesión no concurso de marras. E un poderoso medio de comunicación considerouse agredido e reaccionou en consecuencia, atacando dende ese momento dun xeito sistemático todo o que facían as consellerías do BNG. A cuestión non é menor, porque, sexa certo o falso o rumor,ninguén pode limpar xa a mancha da sospeita que envolve todo este asunto, aínda que a resolución final da Consellería non demostra un claro trato de favor a ese empresario. En todo caso, os socialistas, a través sobre todo da Consellería de Medio Ambiente, aproveitaron que os seus socios non foron quen de ter lista toda a información con tempo suficiente para estudar ben as solicitudes, para desmarcarse, criticar o procedemento e anunciar futuras accións correctoras. Está claro que o PSdG quere minimizar os danos colaterais que inevitabelmente lle producirá este escándalo en vésperas electorais.
E isto lévanos a outro aspecto politicamente relevante: as relacións entre os socios do Bipartito. Foron impecábeis no que atinxe á disciplina parlamentaria. E moi deficientes no relativo á imaxe pública, polas continuas críticas mutuas de conselleiros e parlamentarios, que obrigaron a intervir arreo aos dous xefes de fila para recuperar a paz. O efecto electoral que isto poida ter dependerá de que o cidadán quede coa imaxe de estabilidade parlamentaria e xestión normal ou coa dos “dous gobernos” de difícil cohabitación, alimentada pola oposición e algúns medios.
Sinalemos finalmente algúns dos problemas máis graves que ten Galiza a medio e longo prazo e que foron case totalmente esquecidos até agora: o devalo demográfico, un mapa municipal incompatíbel cuns servizos medianos en todo o territorio, e a racionalización de equipamentos e infraestruturas. Terán o lugar que lles corresponde nos programas da próxima campaña? Veremos.
En todo caso, e malia todas as eivas sinaladas, o balance do Bipartito é moi superior ao de calquera dos mandatos anteriores da dereita. E como na política ordinaria non se trata de optar entre o malo e o perfecto, senón de elixir o menos malo, coido que non cabe dúbida ningunha sobre cal debe ser a opción de todos os que procuran o progreso de Galiza, aínda que sexa lento e imperfecto.
|
|