praza.gal, 19 de xaneiro de 2024.
É ben coñecida a frase de Carlos Marx contida no inicio da obra «O 18 Brumario de Luis Bonaparte»: «A historia ocorre dúas veces: a primeira vez como unha grande traxedia e a segunda como unha miserábel farsa». Aludir a esta advertencia marxiana ten sentido cando observamos o sucedido no 2002 co afundimento do Prestige e o que estamos vivindo agora co vertido das bolas de plástico contidas nun contedor transportado polo buque Toconao. Certamente, as características técnicas das materias contaminantes son diferentes e tamén o foron as circunstancias que acompañaron a semellantes accidentes. Pero a comparación resulta pertinente se focalizamos a análise na resposta levada a cabo polo goberno da Xunta en ambos momentos.