Daniel Soutullo
Clonacións fraudulentas en Corea
(Inzar Razóns, 34, xullo 2006)

            As investigacións científicas, sobre todo as referidas á xenética e á bioloxía molecular, son portada dos xornais case a diario. Debido ao seu ritmo de avance vertixinoso non é de estrañar que se produzan novos logros, cuxa espectacularidade alimenta as necesidades de titulares dos medios de comunicación. Dous destes traballos, centrados na obtención de células troncais mediante clonación de embrións humanos, realizados ambos polo equipo dirixido polo coreano Hwang Woo-suk e publicados na revista Science en 2004 e 2005, respectivamente, foron recibidos pola comunidade científica internacional e os medios de comunicación con verdadeira euforia e tamén cunha certa sorpresa, máis polo prematuro do resultado (esperábase para dentro dun par de anos como mínimo) que pola súa novidade (1).
            No primeiro deles, os seus autores anunciaban a formación de cultivos de células de diversos tecidos corporais derivados dunha liña de células troncais humanas obtida a partir de 30 embrións, orixinados usando a técnica de clonación mediante transplante nuclear.
            Esta técnica consiste en transplantar o núcleo de células somáticas (2) mantidas en cultivo (procedentes dunha persoa doadora) a ovocitos (3) enucleados, é dicir, aos que lles foron extraídos previamente os seus cromosomas. Deste xeito, reconstrúense embrións, chamados somáticos por contraposición aos embrións gaméticos formados pola unión dos gametos (ovocito e espermatozoide) no proceso de fecundación. Os embrións somáticos así reconstruídos son cultivados até a fase de blastociste, que dura aproximadamente desde os sete até os catorce días desde a fecundación. Nesta fase o embrión está constituído por unha capa de células esférica, chamada trofoectodermo (as súas células chámanse trofoblastos) que encerra unha cavidade interna chamada blastocele. No interior do blastocele, pegada á cara interna do trofoectoderno, hai un grupo de células que constitúen a masa celular interna (ou embrioblasto). Esta masa celular interna é a que, de continuar o desenvolvemento embrionario, dará lugar ao individuo mentres que o trofoectodermo constituirá a placenta.
            As liñas de células troncais embrionarias obtéñense da masa celular interna do blastociste, previa extracción e cultivo en condicións especiais de laboratorio. As células troncais son células indiferenciadas (non especializadas) que posúen dúas características especialmente interesantes: 1) poden ser mantidas en cultivo indefinidamente como tales células indiferenciadas e 2) poden transformarse en células de distintos tecidos corporais o que, en teoría, podería chegar a permitir o seu uso en terapias rexenerativas de transplante de tecidos a individuos con doenzas como diabete, Parkinson, leucemia, etc. Aínda que esta perspectiva aínda está lonxe desde o punto de vista do seu posíbel uso clínico é moi esperanzadora e abre grandes espectativas para a curación de doenzas que hoxe por hoxe non teñen tratamentos satisfactorios.
            O segundo dos experimentos foi semellante ao primeiro, xa que consistiu na obtención de once liñas de células troncais procedentes de embrións clónicos reconstruídos mediante transplante nuclear. A novidade con respecto do anterior foi que os doadores dos núcleos empregados nos transplantes nucleares eran pacientes con diversas doenzas o que, como acabamos de ver, podería chegar a permitir no futuro que os tecidos obtidos a partir das células troncais puidesen ser empregados en tratamentos de terapia rexenerativa. Ao realizárense as clonacións a partir dos propios pacientes, os tecidos derivados destas liñas de células troncais embrionarias non deberían presentar ningún rexeitamento se chegasen a ser empregadas para o seu transplante en tratamentos terapéuticos dirixidos aos propios pacientes doadores.
            Porén, todas estas espectativas ficaron momentaneamente frustradas debido a que, como se descubriu posteriormente, os dous experimentos que rematamos de comentar resultaron ser fraudulentos. Malia a seren publicados nunha das revistas científicas máis importantes do mundo e seren aceptados e louvados polos máis prestixiosos científicos na materia, estas dúas investigacións constituíron unha fraude espectacular aínda que, como veremos en breve, non representan un feito tan excepcional como a maioría da xente cre e os representantes do establishment científico intentan facer crer.
            As primeiras sospeitas de que algo non funcionara correctamente xurdiron a raíz do anuncio de que os ovocitos, ou parte deles, empregados nos experimentos comentados, foran aportados, a cambio dunha compensación económica (unha cantidade equivalente a 1.200 euros a cada doadora de ovocitos), por persoal do hospital MizMedi de Seúl, cuxo xefe de reprodución asistida era Roh Sung-il, estreito colaborador de Hwang Woo-suk. A venda de ovocitos está prohibida por lei en Corea e, en consecuencia, esta práctica é considerada irregular xa que viola as regras de funcionamento ético na investigación, mais non supón unha fraude científica. Pero foi precisamente este feito o que finalmente acabaría provocando que a fraude saíse á luz.

            Roh Sung-il, que nun principio protexeu e exculpou a Hwang das acusacións de mala práctica polo pago dos ovocitos empregados, foi o primeiro en anunciar publicamente que nin as once liñas de células troncais nin os embrións dos que procedían foran obtidos mediante a técnica de clonación por transplante nuclear senón que todas elas procedían de dúas liñas de células troncais procedentes do laboratorio de Roh Sung-il, obtidas mediante as técnicas convencionais que non tiñan a súa orixe en embrións clonados. A investigación realizada por unha comisión da Universidade Nacional de Seúl, designada a tal fin, puxo de manifesto que os dous traballos de investigación eran fraudulentos e que en ningún deles se obtiveran embrións clónicos nin ningunha das liñas de células troncais anunciadas. Porén, o que si resultou certo foi a consecución do primeiro can clónico, un lebreiro afgano chamado Snuppy, traballo tamén realizado polo equipo de Hwang e publicado na revista Nature en agosto de 2005.
            A pregunta que todo o mundo se fai é por que un científico importante se embarca nunha operación que de xeito inexorábel acabará por destruír a súa reputación e a súa carreira, dado a inevitabilidade de que a fraude remate por descubrirse. As respostas a este interrogante case sempre apelan a cuestións de orde psicolóxica que explican ese comportamento como unha anomalía rara e máis ben excepcional no mundo da ciencia. Este tipo de explicacións son pouco satisfactorias e no mellor dos casos son unha verdade a medias.
            En primeiro lugar, hai que facer notar que a fraude científica non é unha cousa illada e excepcional, por máis que se empeñen en difundir esa idea os responsábeis das principais publicacións científicas. A impresionante e demoledora obra de Horace Freeland Judson sobre a fraude científica (4) demostra que esta non constitúe un feito illado e extremadamente raro. Tanto no mundo da ciencia como fóra del os casos de fraude non escasean. Se nos referimos especificamente á ciencia as fraudes ocorreron ao longo de toda a súa historia e afectaron tanto a científicos mediocres como a investigadores de primeira fila. Mesmo algúns dos grandes heroes da ciencia, os xigantes aos lombos dos que camiña a empresa científica moderna, víronse involucrados en episodios que teñen cando menos algunha faceta relacionada coa fraude.
            Pola súa propia natureza de actividade ilícita non podemos saber con exactitude a incidencia da fraude, xa que unicamente saen á luz unha parte delas, normalmente as máis notorias. Segundo Judson, “os estudos nos que os declarantes afirman ter observado algún caso de mala conduta fan pensar, máis ben, nun de cada cen. E todo apunta a que boa parte dos casos non chega a denunciarse” (5). Na súa opinión, a fraude na ciencia non é especialmente distinta da que ocorre noutros eidos da vida nas sociedades contemporáneas, como nos sectores empresarial e das finanzas. É de notar que na área da bioloxía, e tamén da física, as fraudes semellan ser particularmente frecuentes.
            A actividade científica fraudulenta presenta diversas facetas, que van desde as de pouca monta, como pode ser o retoque dalgúns datos, até a falsificación ou invención de resultados, o roubo de ideas e mesmo o plaxio de traballos enteiros. Para chegarmos a comprendela hai que ter en conta que a forte competencia existente entre os equipos de investigación, a presión por obter resultados que xeren publicacións en revistas científicas punteiras ou a necesidade de presentar proxectos ambiciosos para acceder a subvencións e bolsas de investigación fan que a fraude sexa algo máis que unha tentación para algúns tramposos e excéntricos de mente un tanto perturbada.
            Un exemplo claro de como inflúe este contexto de forte competencia e presión por conseguir ser o primeiro en acadar o éxito nunha investigación de vangarda témolo na apropiación indebida (por non chamarlle simplemente roubo) por parte do norteamericano Robert Gallo da cepa do virus da inmunodeficiencia humana (VIH), causante da SIDA, que descubrira o equipo do francés Luc Montaigner a comezos dos anos 80 do século pasado, e a reivindicación conseguinte por parte de Gallo de ser o primeiro en illar e caracterizar o virus. A perspectiva de ser condecorado co premio Nobel, así como un estilo de traballo arrogante e sen escrúpulos, semella que tivo unha influencia más que notábel para que Gallo adoptase unha conduta ilícita e inmoral neste episodio que ocupou a atención da opinión pública durante moitos meses, até que se chegou a unha solución de compromiso que non pasou de ser unha componenda pouco presentábel, na que participaron directamente os gobernos francés e norteamericano.
            Outro dos postulados da versión canónica da fraude científica é que non soamente é escasa ou excepcional senón que as fraudes acaban sempre por descubrirse grazas á actitude vixiante da propia comunidade científica. Pero se o descubrimento da fraude fose inevitábel, a conduta fraudulenta resultaría incomprensíbel na maioría dos casos, a non ser que se apele a explicacións de corte psicolóxica baseadas no suposto de que é unha mente perturbada quen a executa. Unha mostra deste punto de vista arquetípico é o do biólogo e periodista Javier Sampedro que escribiu no xornal El País, a respecto do caso coreano, o seguinte: “Desde que se coñeceu a magnitude do escándalo, o mes pasado, o diagnóstico máis repetido polos investigadores relacionados co campo foi que o escándalo de Seúl é un caso psiquiátrico [...] Por que publicou Hwang un falso clon humano se a probabilidade de que o pillasen era do 100%?” (6).
            Porén, esa inexorabilidade simplemente non é certa, ben porque moitas das condutas fraudulentas non se denuncian, ben porque unha boa parte das que son denunciadas rematan coa exoneración dos inculpados, non tanto debido á súa inocencia senón á actitude de encubrimento, activo ou pasivo, por parte das instancias científicas institucionais que máis deberían velar pola pureza da investigación científica. Como afirma Hudson, “a maioría dos organismos científicos ofrece unha resposta calamitosa ante calquera destas imputacións” (7). O caso antes comentado de Robert Gallo ou aqueloutro no que se viu involucrado o biólogo molecular e premio Nobel David Baltimore (8) son dous dos máis rechamantes e escandalosos nos que o resultado foi de exoneración, cando menos parcial, dos implicados. Como veremos despois, a hipótese de que a falsa clonación realizada en Corea puido pasar inadvertida e rematar co éxito do seu autor Hwang Woo-suk é altamente verosímil.
            Nun campo tan específico e delimitado como o da clonación non é a primeira vez que se producen sobresaltos motivados por sospeitas bastante ben fundadas de fraude. A principios dos anos 80 do século XX deuse un caso moi espectacular cando o alemán Karl Illmensee, que naquel momento gozaba de sona mundial entre outras investigacións pola clonación de tres ratos mediante transplante nuclear, foi acusado de fraude por parte dos seus compañeiros de laboratorio (9). Despois de varios anos de polémica, a comisión que investigou o caso non foi quen, malia a solidez das acusacións, de atopar probas concluíntes da fraude cometida. Karl Illmensee rematou renunciando á súa cátedra na Universidade de Xenebra (Suíza), antes que verse sometido á denegación da renovación do seu contrato por parte da Universidade.
            No caso de Hwang Woo-suk e a súa falsa clonación danse algunhas das pautas características das fraudes científicas más espectaculares ao tempo que amosa tamén algunhas peculiaridades que o fan especialmente interesante e, se cadra, tamén único.
            A primeira das características comúns fai referencia ao contexto de forte competencia nun campo da investigación científica (neste caso biolóxica) que está en plena efervescencia e que alberga enormes expectativas biomédicas e, se cadra tamén, comerciais. Desque Ian Wilmut e os seus colaboradores clonaron á ovella Dolly, a clonación e as súas aplicacións pasou a ser unha das áreas da investigación científica máis relevantes. A tecnoloxía das células troncais, relacionada coa clonación aínda que non totalmente dependente dela, tamén está a ocupar nestes últimos anos un posto relevante nas prioridades da investigación punteira no mundo da bioloxía.
            En segundo lugar, do mesmo xeito que noutros casos típicos de fraude anteriores, Hwang aparecía nos medios de comunicación como un investigador prodixioso, como unha estrela ascendente tanto polos resultados espectaculares que estaba obtendo, como pola inusualmente alta eficiencia nos métodos de clonación empregados, sobre todo no traballo de 2005, moi superior á acadada por outros equipos de investigación en todo o mundo. En xeral, todos os experimentos de clonación exitosos presentan unha eficiencia desesperadamente baixa, é dicir, precisan dunha gran cantidade de ovocitos e de intentos de reconstrución de embrións para conseguir que algúns deles chegue a progresar até a fase de blastociste.
            O singular deste caso é que, polas características propias da investigación sobre clonación e polo desenvolvemento acadado neste campo, a fraude de Hwang perfectamente podía pasar inadvertida e os seus falsos resultados aceptados como logros verdadeiros. A clave para que isto puidese ocorrer está no grao de desenvolve­mento actual das técnicas de clonación e de obtención de células troncais embrionarias a partir de blastocistes (clónicos ou non). Na investigación con ratos todos estes protocolos están moi ben establecidos. Mesmo xa se chegou a realizar con éxito un experimento completo de clonación terapéutica, o que demostra que o procedemento técnico é viábel (10).
            Aínda que a situación en humanos está moito menos desenvolvida, xa se deron suficientes pasos como para pensar que o presentado nos experimentos coreanos, agora descualificados, está próximo no tempo. En primeiro lugar, a obtención de células troncais embrionarias a partir da masa celular interna de blastocistes non clónicos está perfectamente ben establecida. En segundo lugar, a derivación de tecidos corporais a partir das células troncais tamén se conseguiu na maioría das experiencias realizadas con células troncais, aínda que o control do tipo de tecido que se orixina por diferenciación destas células troncais aínda é moi deficiente. En terceiro lugar, poucos meses despois de ser presentado o primeiro dos experimentos coreanos, un grupo da Universidade de Newcastle, en Reino Unido, conseguiu obter un embrión humano clónico, usando a mesma técnica que supostamente empregara o grupo coreano, o que supón unha proba palpábel de que a técnica de transplante nuclear en humanos está suficientemente madura para que teña éxito, aínda que cunha eficiencia moi baixa. As novidades do segundo experimento coreano residían nunha mellora moi significativa da eficiencia da clonación con respecto do experimento anterior e no feito de que os doadores dos núcleos das células empregados na transferencia nuclear eran supostamente enfermos.
            A fraude de Hwang podía pasar inadvertida e os experimentos aceptados porque, debido ao estado de madurez da tecnoloxía empregada, podían chegar a ser reproducidos en pouco tempo por outros equipos de investigación, como de feito aconteceu co primeiro dos experimentos, por parte dos investigadores da Universida­de de Newcastle (11). Unha vez que iso acontecese a ninguén se lle ocorrería revisar os traballos de Hwang, xa que a súa reprodución por outros equipos de investigación independentes sería considerada unha proba suficiente da veracidade das súas investigacións. Segundo Hudson, na xustificación dalgunhas actuacións fraudulentas está a idea “de que a conduta reprobábel que subxace á publicación inmediata de determinados datos pode ficar xustificada se as investigacións posteriores _obra do mesmo autor ou doutros_ demostran que os resultados falseados ou difundidos dun xeito parcial eran correctos” (12).
            Se isto é así, entón as preguntas pertinentes a facermo s son basicamente dúas: 1) Que pretendía conseguir Hwang con esa conduta fraudulenta? e 2) Por que foi descuberto malia aos visos de verosimilitude que aparentaba ter?
            A clave da resposta ao primeiro interrogante está na constatación de que “no sistema social das ciencias, nada é máis relevante que a prioridade” (13). Efectivamente, ser o primeiro en realizar un experimento de investigación punteira no mundo leva asociado un recoñecemento e un prestixio enormes que, neste caso, se traduciron en influencia e forte apoio económico por parte dos poderes públicos de Corea do Sur. O goberno coreano financiaba xenerosamente as investigacións de Hwang, quen era considerado o buque insignia do desenvolvemento científico nacional por parte das autoridades do seu país. Tal recoñecemento podería, incluso, servir de base para a obtención do premio Nobel, o máximo recoñecemento que pode acadar calquera investigador. E, aínda que non hai constancia de que Hwang fixese intentos de patentar os resultados dos seus traballos, non pode descartarse que no futuro, puidese buscar unha rendibilidade económica, a maiores da obtida mediante o financiamento público, en forma de patentes ou de calquera outra colaboración con empresas privadas de biotecnoloxía. Que outros grupos de investigación conseguisen repetir os seus resultados en ningún caso ameazaría a primacía de Hwang como pioneiro das técnicas de clonación non reprodutiva en humanos. Máis ben ao contrario, serviría para verificar e apuntalar a súa investigación, da que no futuro sería moito máis difícil dubidar. De feito, o primeiro dos seus traballos fraudulentos considerouse completa­mente válido e confirmado polo traballo do equipo da Universidade de Newcastle. Unicamente, o descubrimento da fraude do segundo experimento fixo que se investigase tamén o primeiro até a confirmación de que tamén era amañado.
            Entón, por que chegou a descubrirse a fraude? Malia a probabilidade alta de que rematase con éxito hai que considerar dúas circunstancias que poden relativizar esta expectativa, até o punto de que unha delas foi, finalmente, a que abriu a porta ao descubrimento da falsificación. En primeiro lugar, esas investigacións leváronse a cabo en laboratorios grandes cun número alto de colaboradores. E aínda que a meirande parte deles non teñen acceso directo ao núcleo do que se está a facer, algúns si poden acceder a certas fases da investigación que lles poden facer sospeitar que non todo está a funcionar correctamente. No caso antes comentado de Karl Illmensee foi precisamente isto o que ocorreu, xa que foron varios dos seus colaboradores os que denunciaron as irregularidades que levaron ao descubrimento da fraude. En segundo lugar, no caso coreano as infraccións cometidas na merca de ovocitos tiveron como consecuencia que a imputación desa acción recaese, sobre todo, en Roh Sung-il, mentres que o director da investigación, Hwang Woo-suk, ficou absolto de toda responsabilidade. Dá a impresión que a actitude de Roh foi a de arrastrar na súa caída a outras persoas, incluíndo ao propio Hwang, este último non pola cuestión dos ovocitos senón pola moito máis grave de inventar os resultados dos experimentos de clonación.
            Non podemos sabelo, mais non é desatinado pensar que se o escándalo do mercado de ovocitos non se chegase a producir, se cadra tampouco se chegaría a descubrir a fraude dos experimentos. Unha vez descuberta, varios investigadores declararon que xa antes sospeitaran da veracidade dos resultados de Hwang e que se deron conta de que as fotografías presentadas por el estaban duplicadas. Quizais fose así, pero o certo é que até que a fraude foi denunciada publicamente por Roh Sung-il, ninguén fixera, que se saiba, o máis mínimo movemento para intentar esclarecer as supostas dúbidas que albergaba. Como di o refrán, “despois do visto, todo o mundo é listo”. A posteriori é moi doado afirmar que se tiñan sospeitas antes de que todo se descubrise, mais carecen de todo valor e credibilidade mentres se manteñan no estrito ámbito da conciencia individual e privada de quen di sustentalas.
            Este caso de fraude, como a fraude científica en xeral, ensínanos moitas cousas acerca de como funciona a empresa científica. Non debemos esquecer que a ciencia é unha actividade social realizada por persoas que teñen, como non podía ser doutro xeito, ideoloxías, intereses, ambicións e personalidades que inflúen e condicionan as súas prácticas. Ademais, ao inscribirse nun marco organizativo e institucional movido por fortes intereses económicos está exposta aos mesmos ou semellantes problemas que tamén existen noutros eidos da actividade social institucionalizada. Como afirma con rotundidade Judson “o certo é que as probas, cuxo número é inxente e cuxa variedade resulta pasmosa, leva a recoñecer, de xeito obrigado, que boa parte das fraudes se debe á estruturación social, e que se manifesta en toda sorte de culturas institucionais caracterizadas polo segredo, o privilexio, a ausencia de responsabilida­de... Non deixa de ser significativo que xurda en institucións e profesións que se gaban de ser autónomas, autorreguladoras” (14). Isto non debería levarnos a adoptar unha actitude anticientífica ou nihilista fronte ao desenvolvemento científico, aínda que si crítica e vixiante, porque, como o mesmo Judson sostén, a ciencia “ofrece distintas recompensas, aínda que ningunha é tan grande como o feito de ser a empresa máis interesante, complicada, desapiadada, estimulante e fermosa de cantas coñecemos” (15).

___________
(1) “Sorpresa en la comunidad científica por el rápido avance en la clonación con fines terapéuticos” (El País, 20 de maio de 2005).
(2) As células somáticas son células procedentes dalgún tecido do corpo do individuo. O termo “somáticas” provén de soma, que en grego significa corpo. As células somáticas defínense por oposición ás células xerminais, que son as que orixinan as células reprodutoras ou gametos (óvulos e espermatozoides). Estas últimas son as encargadas do proceso de reprodución e, en consecuencia, son as que transmiten os caracteres de xeración en xeración. En contraposición ás células da liña xerminal, as células somáticas forman os tecidos do individuo pero non se transmiten á descendencia, polo que a súa liñaxe desaparece coa morte do individuo.
(3) Os ovocitos son os precursores directos dos óvulos. En realidade, a fecundación ten lugar entre un ovocito e un espermatozoide. A entrada da cabeza do espermatozoide dentro do ovocito fai que este se transforme en óvulo e se complete o proceso de fecundación coa formación do cigoto.
(4) Horace Freeland JUDSON (2004), Anatomía del fraude científico, Barcelona: Editorial Crítica, S. L., 2006.
(5) Ibíd., p. 184.
(6) Javier SAMPEDRO, “El plan de Hwang para ganar un Nobel”, El País, 22 de xaneiro de 2006.
(7) Horace Freeland JUDSON (2004), Anatomía del fraude científico, op. cit., p. 236.
(8) Ibíd, pp. 211-263.
(9) Para unha narración detallada do caso de Karl Illmensee véxase Gina KOLATA (1998), Hello Dolly. El nacimiento del primer clon, Barcelona: Editorial Planeta, S. A., pp. 133-170. Outra descrición deste caso, menos detectivesca e detallada, pode atoparse en Ian WILMUT, Keith CAMPBELL e Colin TUDGE (2000), La segunda creación. De Dolly a la clonación humana, Barcelona: Ediciones B, S. A., pp. 143-154.
(10) Concretamente, o experimento, realizado en 2002, consistiu en preparar unha estirpe de ratos mutantes inmunodeficientes, inactivando un xene específico que actúa na formación dos linfocitos, os glóbulos brancos responsábeis da resposta inmune. A continuación, mediante transplante nuclear, reconstruíronse embrións clonados a partir de núcleos de células extraídas da cola destes ratos. Cando os embrións clonados chegaron á fase de blastocistes, extraeuse a súa masa celular interna e obtívose con ela un cultivo de células troncais embrionarias. Seguidamente, introduciuse nesas células troncais unha copia funcional do xene inactivado. A partir destas células modificadas diferenciouse un cultivo de células hematopoéticas (as células formadoras de sangue existentes na medula ósea). Estas células hematopoéticas, por proceder das células troncais modificadas, tiñan reconstituída a función do xene responsábel da resposta inmune previamente inactivado. Por último, realizouse o transplante das células hematopoéticas aos ratos inmunodeficientes, que recuperaron a súa capacidade de resposta inmune de xeito permanente, lográndose deste xeito unha curación completa mediante un procedemento de clonación terapéutica.
(11) “Un grupo de científicos clona un embrión humano por primera vez en Reino Unido”  (El País, 20 de maio de 2005).
(12) Horace Freeland JUDSON (2004), Anatomía del fraude científico, op. cit., p. 99.
(13) Ibíd., p. 313.
(14) Ibíd., p. 34.
(15) Ibíd., p. 446.