Francisco Legaspi
Lei Orgánica de Educación: Cambiemos
a lei para que todo siga igual

(Inzar Razóns, 33, febreiro 2006)

LOE e Calidade vistas desde a dereita


O pasado día 12 de novembro tivo lugar a grande cita da dereita contra o proxecto educativo do goberno Zapatero. Centos de miles de persoas manifestáronse en Madrid convocadas a golpe de mentiras, de igual xeito que noutras convocatorias por diversos temas desde marzo de 2004, isto é, desde a perda do goberno central por parte do PP. Dixéronlles que a LOE vai impedir estudar relixión católica nas escolas e institutos, que a LOE non garante o dereito das familias a escoller centro, que esta lei non serve para combater o fracaso escolar, que a LOE pechará a billa dos concertos cos centros privados, que a nova lei permitirá dezasete sistemas educativos, un por cada comunidade autónoma, que, en fín, o goberno Zapatero non dialoga e incumpre o seu compromiso de consensuar a Lei.

Pois ben, velaquí como cada unha destas afirmacións é rigorosamente falsa, aínda que repetida unha e outra vez. E este é o principal problema que se nos coloca á xente e forzas sociais de esquerda, a saber: como seguir criticando a LOE, (por decepcionante naqueles aspectos máis necesitados de mellora e por insuficiente no seu conxunto), sen con isto facerlle o xogo á dereita na súa campaña permanente de desgaste e derruba do goberno vixente. No número 29 desta revista, viamos como a lei proposta polo goberno Aznar, a impropiamente chamada Lei de Calidade, apuntaba na liña do neoliberalismo máis recalcitrante ao poñer a educación e o diñeiro público destinado a ela ao servizo das empresas de ensino, empresas entre as que destaca a Igrexa Católica; desprestixiaba o público co fin de privatizar mellor; blindaba o “ideario propio” de cada centro, pero con financiamento estatal; violentaba o espazo público da escola coa introdución dunha materia confesional para todo o alumnado… Son os responsábeis desta lei, paralizada agora a súa aplicación só en parte, os que bradan porque non queren que as súas fillas e fillos sexan “educados por Zapatero”.

A LOE vai impedir estudar relixión católica? Todo o contrario: contempla a obrigatoriedade dos centros de ofreceren a materia de relixión católica e remítese, igual que a lei do PP, aos acordos Igrexa-Estado franquistas renovados e actualizados en 1979, (Disposición Adicional 2ª da LOE). En virtude disto, e convén repetilo pois hai aínda quen o descoñece, a Administración pública paga integramente as retribucións do profesorado de relixión católica, elixido pola xerarquía eclesiástica, e que ascende a uns 17.000 traballadores, (fronte aos escasos 150 profesores doutras confesións). Este pagamento, non obstante, é independente do financiamento directo que esta igrexa recibe dos orzamentos xerais do Estado: uns 144 millóns de euros en 2006. Así mesmo, a Igrexa Católica aglutina o 65 por cento do alumnado da privada concertada, polo que recibe uns 2.600 millóns de euros. Alén diso, a Igrexa Católica é a única confesión que non paga IVE nas súas compras nin imposto de sucesións e doazóns. Por outro lado, no día de hoxe a única opción para colocar esta materia no horario escolar é a que levamos sofrendo os últimos anos: Relixión dentro do horario habitual, con dúas sesións semanais, e unha Alternativa á Relixión como área de actividades que teñen por único fin consumir o tempo no que o resto do estudantado está na clase de Relixión.

A LOE non garante o dereito das familias a escoller centro? No seu artigo 109.3 garante isto claramente, sen outra limitación que a de que haxa máis solicitudes que prazas nun determinado centro. Mantéñense para este caso os criterios que as leis anteriores repetían para a admisión de alumnos: proximidade ao domicilio, renda familiar, presenza de irmás ou irmáns no mesmo centro. Porén, os centros concertados sempre conseguiron burlar impunemente estes criterios co fin de elixiren, na práctica, o seu alumnado.

A LOE non serve para combater o fracaso escolar? Todas as leis educativas nacen con este leif motiv, ou sexa, mitigar o alto nivel de fracaso deixado polo goberno anterior. E isto con base en informes da maior solvencia: neste caso informe PISA e informe Europeo. A LOE non é unha excepción e dispón de planos de apoio e reforzo para frear o fracaso, establecendo dúas avaliacións de diagnóstico, aos 9 e aos 13 anos, para mellorar a aprendizaxe daqueles que o precisaren, volvendo á recuperación de materias pendentes en setembro, á repetición en todos os cursos da ESO. Fora xa a Lei de Calidade, precisamente, quen propuxera todas e cada unha destas medidas como grande panacea do que daquela se chamou “cultura do esforzo”. A LOE, neste caso igual que noutros, incorpora tamén isto.

A LOE impedirá novos concertos cos centros privados? Moito ao contrario, o sistema e ritmo de concertación vaise manter e incluso acrecentar, pois incluirá agora ensinos non obrigatorios, como por exemplo a Educación Infantil no seu intervalo de tres a seis anos. Hai, ademais, unha clara tendencia privatizadora dos programas de iniciación profesional. Aumenta o diñeiro para centros concertados por escolarizar alumnado con necesidades específicas. Increméntanse as partidas económicas para pagar a dirección non docente e o persoal de administración e servizos dos centros concertados. O ensino público, no entanto, segue sen lei de financiamento.

Lembremos, a este respecto, que foi o PSOE quen estableceu o actual sistema de concertos a través da LODE que, vinte anos despois, ofrece uns números de escándalo: o Estado subvenciona con case 4.000 millóns de euros a practicamente 4.000 colexios concertados.

Coa LOE haberá 17 sistemas educativos? Non hai modificacións de leis anteriores nesta dirección: establécese de novo que o goberno central decretará, como máximo, o 55 por cento dos horarios escolares para comunidades autónomas con lingua cooficial e o 65 por cento para as demais. Esta fórmula BLOXSEB xa se viña aplicando desde hai 15 anos, tanto por gobernos do PSOE como do PP.

O goberno Zapatero non consensúa a Lei coa dereita? Falso, pois mantivo en catro meses catro reunións coa Conferencia Episcopal, catorce xuntanzas con representantes educativos das comunidades autónomas facendo especial énfase nas gobernadas polo PP, e máis de 200 reunións con representantes da patronal do ensino, asociacións de nais e pais católicos, titulares de centros, asociacións profesionais, etc., onde os representantes do profesorado, alumnado e familias do ensino público representan unha ínfima parte. Por outro lado, a Lei de Zapatero mantén o sistema censatario que impuxo a Lei do PP para seleccionar direccións de centros educativos públicos, dá por boa a Lei de FP da dereita, que en nada gustaba ao PSOE cando era oposición, alenta as avaliacións de diagnóstico xa incluídas na Lei de Calidade, mantén o corpo de catedráticos tal e como figuraba na LOCE, segue a ignorar o problema de 80.000 profesores interinos, non lle merece tratamento específico ningún a escola rural, todo igualiño que sucedía coa Lei de Aznar.

LOE ou a Calidade vista desde o centro político


Pois ben, a pesar de todo isto, a CONCAPA considera que se a Lei non é a que eles queren, non haberá posibilidade ningunha de acordo. O seu presidente asegurou que, aínda que o Parlamento a aprobe, non a aceptarán (!). Pola súa banda, o PP non ten como proposta de partida modificar a lei naqueles aspectos que rexeita, senón que reclama do goberno que a retire para empezar a falar.

A pesar do anterior, o gabinete de Educación do goberno Zapatero apresurouse despois da manifestación a enviar un documento detallado á dereita onde se lle fan concesións e se lle dan garantías expresas sobre os seguintes aspectos: a gratuidade (léase concertación) da educación infantil de tres a seis anos; a unidade básica do sistema educativo español e as ensinanzas comúns; o establecemento dunha avaliación xeral do sistema, así como dun sistema estatal de indicadores da educación que terá como fin “o apoio e a orientación” na toma de decisións das administracións educativas autonómicas; a esixencia do esforzo individual dos alumnos como condición para o progreso educativo; a redución de tres a dúas materias suspensas para non repetir curso; o restablecemento en 4º de ESO dos tan deostados “itinerarios” da Lei de Calidade; a posibilidade de pasarse aos programas de cualificación profesional aos 15 anos; o dereito das familias a esixir do sistema educativo formación relixiosa confesional; a aclaración de que a educación como servizo público préstase tanto a través da rede de centros públicos como da rede de centros privados concertados; a liberdade de elección de centro; o fortalecemento da función directiva, etc.

Perante todo isto, non queda máis remedio que denunciar como grande paso atrás esta Lei, insuficiente de todo punto de vista. Paso atrás no que atinxe á formación básica e integral das persoas durante a súa formación obrigatoria, que abarca dez anos, e que debería consistir na consecución de cidadáns críticos e participativos para unha sociedade democrática. O ensino comprensivo e obrigatorio está en grave risco de perderse, xustamente agora, nun momento no que se precisaba avanzar na superación dos defectos de implantación da LOXSE de 1990, nunca financiada, na actualización e revisión dunha lei de hai quince anos. Pola contra, o PSOE asume o paradigma da retrógrada Lei de Calidade de Aznar, a do ensino selectivo e propedéutico, encamiñado a formar elites (no ensino obrigatorio!). A LOE é unha Lei de Calidade “tranquila”, neutra, como o seu propio nome indica, pero que nace con un complexo: o seu propio PPai non a quere recoñecer.

Así pois, a LOE non responde ás expectativas que movementos de renovación pedagóxica, profesorado e sindicalismo progresista, comunidade escolar do sistema público, aspirábamos a conseguir. O que pasa é que a nós, que verdadeiramente disentimos, non se nos oe. Hai, incluso, quen nos imputa que esta é a nosa Lei... Mala sorte ou maquiavelismo político?
Segue a mesma man a arrolar o berce da Educación?