Lourenzo Fernández Prieto
Os 25 anos do BNG na tradición da Esquerda Galega
(Inzar Razóns, nº 36, febreiro 2008)
O BNG, e máis o seu éxito actual, son o resultado dunha acumulación de fracasos políticos e frustracións electorais, por unha banda, e de acertos estratéxicos na construción da sociedade civil –dos movementos sociais, máis ben- e unha singular capacidade de acumulación sucesiva de forzas, polo outro. Cando se fundou o BNG, en 1982, o panorama político do nacionalismo era aínda tan diverso ideoloxicamente e plural organizativamente como ineficaz nos resultados da súa acción electoral. Falar destes vinte e cinco anos significa recoñecer os erros e os acertos que nos trouxeron a este presente no que o BNG como proxecto común foi quen de agrupar a todo o nacionalismo disposto a traballar nas institucións democráticas e seguir construíndo sociedade, para lograr unha maioría social capaz de gobernar a nosa terra.
Os fracasos electorais veñen de lonxe, sucedéranse xa en 1977 e 1979 e a desunión en forma de escisións acompañáraos. Pero hai que ir aínda máis lonxe: o nacionalismo moderno, logo da ruptura do galeguismo do interior co PG do exilio a comezos dos 50, nace plural coas “marcas” habituais na Europa da época, simplificando: a orientación socialista democrática (PSG), a comunista antiimperialista (UPG), a nova esquerda post-68 (Galiza Socialista) e mesmo a democristiá con diferentes versións. En 1981, catro deputados entre o Bloque-PSG e EG, sobre os 71 do primeiro Parlamento Galego, daban a medida do apoio social realmente existente. Nas eleccións de 1985, aínda que mudaron os actores, agora PSG-EG e BNG, os deputados da esquerda nacionalista seguiron a ser catro. Nesta segunda lexislatura, despois da experiencia da expulsión dos tres deputados do Bloque por non prometer a Constitución, Beiras buscou o acerto dunha saída pragmática.
A outra novidade de 1985 foron os 12 deputados da recentemente creada Coalición Galega -saída dos restos da UCD- que quixo representar un galeguismo centrista, que contribuíu á fugaz constitución do goberno tripartito e que, aínda que non superou a irrupción de Fraga na política galega en 1990, axudou tamén a materializar a realidade do galeguismo no goberno galego. Tamén o BNG, a través de Beiras, favoreceu aquel goberno tripartito máis que os tres deputados do PSG-EG. Porque este último partido, que propugnaba como ningún outro o valor da participación nas institucións autonómicas como vía de encher de contido nacional o Estatuto e construír o autogoberno e que ambicionaba programaticamente o goberno galego, non foi quen de entrar naquel goberno e facelo cuatripartito, nin de dialogar con el mentres gobernou. Aquela renuncia foi un dos episodios nos que o PSG-EG (outro estivo relacionado coa alcaldía de Vigo) comezou a perder credibilidade diante do seu electorado, ao distanciar o discurso da acción.
Cando a fundación do BNG, lembro que algúns compañeiros de EG, que partillaran coa UPG e a ANPG a experiencia do antifranquismo militante, chamaban a atención sobre a significativa mobilización de vontades e conciencias que estaba detrás daquela operación frontista como saída superadora dos fracasos previos, por máis que dende Esquerda Galega se vise como unha operación destinada ao fracaso e máis cimentada sobre as frustracións do pasado que sobre as oportunidades de futuro que ofrecía o camiño do Estatuto e as perspectivas de normalización democrática que chegaba despois do golpe do 23 de febreiro e as eleccións dese mesmo outubro de 1982. Mais, como tantas veces dende entón, aquel proceso supuxo un reagrupamento acumulativo de esforzos e cadros coa recuperación de persoas ligadas ás mobilizacións agrarias, outras do sindicalismo operario e mozos e mozas incorporados dende institutos e universidades á política entre 1975 e 1980 (despois das primeiras eleccións de 1977, de que a maioría de idade aos 18 anos coa Constitución os interpele como suxeitos políticos e cando en 1979 a primeira xeración do BUP chega á universidade). Un reagrupamento que o propio Beiras corporeizou de forma elocuente.
A definición do Proxecto Común e o seu éxito cimentaron un BNG como casa común de destino do nacionalismo, sobre todo despois de que a outra corrente do nacionalismo, a que lle serviu de guía propugnando aproveitar a senda da autonomía, renunciou a entrar no goberno de Laxe. O proceso de acumulación do nacionalismo entorno ao BNG e ao seu proxecto común dirimiuse electoralmente, como adoitan acontecer as cousas en democracia, cando a derrota do PSG-EG en 1993, convertido en Unidade Galega e coligado con EU, supuxo un honroso final que puxo cabo ao que un intelixente compañeiro chamou un horror sen fin, que principiara xa cando nas autonómicas de 1989 o BNG superouno electoralmente. A propia creación de UG, agrupando sectores dispersos do galeguismo xunto co PSG-EG avalaba a lóxica do proxecto común.
Cando en 1994 UG confluíu no BNG pechouse un longo ciclo de desencontros que comezara en 1977 pero de raíz ben anterior como indiquei. Nesa altura demostrouse un erro a consideración, asentada nos anos sesenta, de que xa chegara o tempo da diversificación política do nacionalismo, da súa normalización en diferentes alternativas orgánicas e políticas. Impecábel como formulación pero incompatíbel, ao que se viu co tempo, coa realidade e a evolución política do país e o seu entorno. Ao cabo, o nacionalismo lograba estar unido nun só agrupamento político, ollando cara atrás acadaba unha unidade que de feito nunca tivera, nin nos sesenta nin nos trinta, non obstante o mito que identifica o PG co nacionalismo unido, pois na República, alén daquela Dereita Galeguista do 36 outro galeguismo da mesma fonda raiceira que o do PG circulaba polos partidos republicanos e especialmente pola ORGA e, alén diso e coma hoxe, aínda estaban os arredistas.
A entrada de UG no Bloque foi a culminación dun camiño de confluencia polo que xa transitaran Inzar e máis o PNG, alén de persoeiros e moitos electores de UG. De feito, os que dende EG chamabamos escarranchados: os indecisos entre unha e outra alternativa foran xa incorporándose ao BNG e os que non o fixeran carecen agora de razóns para dubidar. Mais o horroroso final de UG foi deixando fora dirixentes significativos que finalmente tampouco se incorporaron ao BNG, mesmo a entrada definitiva de Camilo Nogueira, imprescindíbel para facer realidade a confluencia, tardou algún tempo máis que a da organización e aínda houbo de xestionarse singularmente. A entrada de UG afortalaba sen dúbida a lóxica do nacionalismo con capacidade de gobernar polo efecto multiplicador daquela unión, tamén facilitaría empezar a rachar algúns vellos prexuízos; outros irían caendo despois, cando os gobernos municipais, e por fin coa recente entrada no goberno da Xunta. Refírome a ese permanente prexuízo da suposta necesidade dos dous discursos: o interno e o externo. O de consumo propio cheo de radicalismo rancio e ancorado en reivindicar as opcións erradas do pasado e mesmo a mitoloxía m-l e o outro, o destinado a convencer aos electores, cada vez máis distanciado do primeiro, sobre todo na medida en que se demostra electoralmente exitoso e trae consigo tarefas de goberno. Pero tamén porque a unidade provocou a ausencia de competidor no mesmo abano ideolóxico e social.
Detrás desta unión das dúas correntes principais do nacionalismo de esquerda da segunda metade do século XX, desta considerábel capacidade de acumulación hai cando menos dous potentes factores de diferente signo que merecen ser destacados. En primeiro lugar hai que ter en conta a construción de exitosos espazos de traballo social común do nacionalismo: na universidade, no sindicalismo operario e máis no sindicalismo labrego. O primeiro foron os CAF, que se converten dende 1984 e até hoxe, pese a numerosas vicisitudes, na organización hexemónica do estudantado universitario; máis tamén na Universidade se conforman outros espazos comúns de traballo do nacionalismo no PAS e entre o profesorado universitario dende 1990, coa Reitoría da Plataforma nacionalista en Santiago. No mundo laboral o camiño foi similar, en conflitos e solucións, coa CXTG-INTG e a CIG máis tarde. Tamén no agro coa construción do Sindicato Labrego Galego. Pero hai máis instancias sociais de traballo común, como a Mesa pola Normalización Lingüística, entre outras. Pasos todos de unidade de acción social e sindical que antecederon e fixeron posíbel a unidade política posterior.
A outra razón que permite entender ese carácter acumulativo do proceso de unidade do nacionalismo dende 1990 é que non hai alternativa ao nacionalismo fóra das súas correntes principais. A cuestión non é só a autoorganización como garantía de decisión soberana senón mesmo a cultura e a práctica política que esixiron as outras opcións hexemónicas. Pois se por unha banda predomina a esquerda convencidamente españolista, cultural e politicamente, pola outra domina dende 1990 unha dereita mesmo moi galega nalgunha das súas facianas pero iletradamente galeguista e dereita ao fin e ao cabo e, xa que logo, antagónica coa corrente central e histórica do galeguismo político. Ao cabo, calquera posibilidade de construción dunha opción galeguista que non confluíse finalmente no BNG foi imposíbel na práctica (incluída CG). Por que foi así levaríanos por outra senda que non hai espazo para explicar aquí. O certo é que foron moi escasos os transvases cara ao PSOE, quitando o intre mesmo da transición e que o PSdG foi incapaz –se tivo intención– de se converter nun PSC. De feito, o PSOE na Galiza nutriuse (despois do Colectivo Socialista en 1977) principalmente do naufraxio do PCG e só excepcionalmente dalgúns poucos elementos –cóntanse cos dedos das máns– do nacionalismo. Pero nunca houbo un Maragall, nin se lle esperou.
Non podo rematar sen expresar como se entendía dende o PSG-EG a relación dialéctica co BNG. A relación entre as dúas correntes centrais do nacionalismo dende hai trinta anos. O PSG-EG aportaba un programa e unha práctica política que só despois da fusión foi adoptada tamén polo BNG: o programa de recoñecemento da autonomía como camiño para laborar no autogoberno; a vocación de gobernala democraticamente construíndo propostas concretas que nutrían dende o Parlamento Galego a institucionalización democrática do autogoberno, pese ao carácter minoritario da súa representación; tamén a vocación maioritaria, para o que era preciso construír a hexemonía política e tamén a social. O BNG puido así ir experimentando en cabeza allea e aproveitando como free-rider as iniciativas, moitas veces frustrantes, do PSG-EG, sempre pesonalizado en C. Nogueira. Pese aos erros, o PSG-EG logrou, sequera fugazmente, converterse en forza de diálogo amábel do nacionalismo fronte a un Bloque destinado polos seus competidores, que aproveitaban os seus erros maximalistas, a converterse en forza marxinal e antisistema ou allea ao sistema. Esta posibilidade frustrouse en canto o BNG se converteu en forza decisiva do sistema entre 1989 e 1993 pero tamén pola súa capacidade de dirixir os movementos sociais de confluencia. Despois de 1994, xa incorporada UG, o BNG por fin puido dicir o que levaba tanto tempo querendo dicir, como se viu nos textos da Asemblea de Ourense, onde se incorpora, da man de Nogueira, unha grande parte do programa histórico de Esquerda Galega.
Hoxe en día o BNG é o ben máis prezado do nacionalismo e do galeguismo político en termos históricos. Esta afirmación é tan simple como incontestábel. Mais para concretar a súa tarefa e converterse na forza hexemónica do autogoberno ten aínda que afrontar moitos desafíos que só queda sitio para enunciar. Entre outros, eliminar os prexuízos retóricos, vinculados a unha lóxica antisistema visibelmente incoherente co traballo dentro do sistema –e máis aínda hoxe dende o goberno– que limitan as súas posibilidade de crecemento. Unha retórica que se concreta aínda hoxe nun discurso externo incoherente e diferente do interno, confundindo a vontade de ser unha forza transformadora do século XXI co vello mito da revolución fenecido aló polo 1989 do século pasado. A cativa militancia e o desequilibrio entre afiliados e apoios electorais supón tamén un alto risco para a sustentabilidade do proxecto e, sobre todo, para construír a hexemonía social e política que require a vocación de o nacionalismo chegar a ser maioritario en Galiza. O proxecto do BNG parece aínda non ter comprendido que a cultura do galeguismo, os seus apoios en distintos sectores sociais e económicos –e polo tanto as súas posibilidades de construír a hexemonía– son moito máis amplos e, necesariamente diversos, como adoita acontecer nunha sociedade plural, do que a súa pequena afiliación real consegue reflectir nas asembleas da fronte. Mais foi o frontismo o que permitiu chegar até aquí. A solución desta contradición non é a menor tarefa de futuro do nacionalismo.
|
|