|
Vitoria Iglesias
Movilización da Marcha Mundial das Mulleres:
Claves para seguir avanzando
(Inzar Razóns, 31, xullo 2004)
Os dias 22 e 23 de maio celebrouse en Vigo a II Movilización Europea da Marcha Mundial das Mulleres baixo o lema “Por unha Europa de todas. Diferentes si, desiguais non”.
Despois de catro anos da exitosa movilización de Bruxelas do ano 2000, esta movilización serviu para pór de manifesto algunhas feblezas da Marcha Mundial das Mulleres e algunhas das suas fortalezas.
Tempo haberá para facer unha valoración pomenorizada e unha análise exaustiva da marcha e da movilización. Neste momento quero deter-me nalgunhas claves do éxito da movilización na medida en que nos poden servir para continuar avanzando.
O alto grau de consenso social
A loita contra a pobreza e a violencia de xénero, pontas de lanza das reivindicacións da Marcha, poden parecer “a priori” demandas obvias, pero teñen unha escandalosa vixéncia en todos os continentes, e a sua favorable acollida na sociedade galega non fai máis que pór de manifesto a distancia que a sociedade constata entre igualdade legal e desigualdade cotiá.
O lema da movilización europea: “diferentes si, desiguais non”, tamén serviu para acadar un alto grau de cumplicidade, non tanto pola primeira parte da proposta , “diferentes si”, tema de debate se o tratamos en profundidade senón pola plena asunción da segunda: “desiguais, non”.
Nesta asunción das reivindicacións formuladas pola marcha hai que valorar dous elementos decisivos: 1) o importante avanzo das reivindicacións feministas a nível social que teñen pasado de ser patrimonio de “catro radicais” a converter-se no que se ten denominado un sentido comun alternativo; 2) a conxunción de diferentes organizacións deslexitima ou limita moitos dos prexuízos que contra o feminismo se teñen a nível popular.
Non está nada mal romper prexuízos dun e doutro lado, xuntar olladas, buscar a converxéncia de diversos movementos e pór-se dacordo naquelas reivindicacións nas que concordamos para esixir que se cumpran.
A unidade ten un efeito multiplicador
Desde hai tempo existen en Galiza numerosos grupos de mulleres, a maioria con escasa incidéncia, cun ámbito de actuación moi reducido, e con pouco ou ningún intercambio de ideas e debate.
Neste atomizado panorama e nunha sociedade cada día máis céptica, as organizacións con vocación política no sentido máis amplo (sindicatos, partidos, organizacións feministas, ONGs, etc.) teñen unha escasa afiliación ou militáncia, en comparación coa sua aceptación social.
Este baixo nível de militáncia é aplicábel tamén ao poder de convocatória. Salvo as escasas excepcións ou situacións moi determinadas, a cidadania responde con pasividade a moitos dos chamamentos dos diferentes grupos. Esta pasividade non só responde a invisibilidade nos meios de comunicación, senón á incapacidade de xerar por si próprios cada grupo unha enerxia colectiva. Cando se consegue esa unidade entre organizacións diferentes aparece unha chispa de enerxia que nos permite entrever a posibilidade de mover o mundo.
Pero esa unidade é difícil de conseguir. Hai que superar moitas dificuldades: diferente peso das organizacións, falta dunha estrutura organizativa comun, esforzos (económicos, de tempo...), protagonismos (persoais e políticos), liderazgos (que peso ten cada unha das partes que integra o colectivo), desconfianzas, etc.
Un dos maiores problemas ou máis difícil de resolver na miña opinión é a tensión entre a vida colectiva do grupo neste caso a Marcha Mundial das Mulleres e a vida individual de cada organización que a conforma.
Algúns grupos, ou a xente que non pertence a nengunha organización, tende, de forma consciente ou non, á consolidación dunha soa organización, querendo uniformar un movimento conformado por xentes e organizacións diversas; forzando máis acordos dos que existen na realidade ou buscando un protagonismo que como organización non terian.
Outros grupos pratican unha unidade fictícia de siglas-, sen investir nengún esforzo no proxecto comun ou medindo cicateiramente cada esforzo en función da rendibilidade para o seu próprio grupo.
Se conseguimos limar esas dificuldades ou polo menos “lidar” con elas, o éxito non se corresponderia coa soma dos esforzos investidos, senón que se multiplicarian por mil.
As ganas de traballar de mulleres “non organizadas”
En concordáncia cos apartados anteriores, na movilización da Marcha en Vigo constatamos o interese de moitas mulleres por participar de forma activa na organización da movilización. Mulleres de distintos sectores e ámbitos moi diferentes que frente a un proxecto interesante contribuíron activamente na organización e no desenvolvimento das actividades. O proxecto, ambicioso demais, se tivera que facer un balanzo, propiciou contodo o achegamento de mulleres xovens, ensinantes, profisionais, amas de casa, etc., que só necesitaban que lles pedíramos que nos botaran unha man.
A febleza e os fallos da própria organización impediron que esa colaboración fose maior. O desafio cara ao futuro é como conservar ou potenciar esa rede e mellorar eses aspectos organizativos sen ter unha estrutura estábel e mantendo a diversidade da que falábamos no apartado anterior.
Un mundo por conquistar, as pequenas vilas
Case por primeira vez nunha movilización feminista fomos quen de avanzar nas pequenas vilas. O efeito multiplicador da unidade de acción notou-se non só nas zonas máis urbanas, senón que chegou ás vilas máis pequenas, as que conforman unha parte importante do noso país.
Nese avanzo eu valoraria alguns dos aspectos que foron imprescindíbeis e que teremos que ter en conta no futuro: o esforzo organizativo (miles de charlas que outras veces non facemos); unha iniciativa novidosa e ilusionante (desafio e ilusión); a apertura (participación de mulleres de grupos moi diferentes) e o contacto e o achegamento ás instituizóns.
Asuntos pendentes
A organización dunha movilización destas características supuxo moito traballo, moita dedicación e moito esforzo e deixou ao descuberto algunhas eivas, abriu algunhas feridas e deixou moitos debates pendentes.
Seremos quen de abrir un espazo de debate e intercámbio?
Seremos quen de sair fortalecidas dunha movilización que todas valoramos positivamente?
Seremos quen de combinar unidade e pluralismo?
Continuará...
|
|