Xesús Veiga
Aprender da experiencia
(Inzar Razóns, nº 36, febreiro 2008)

            O BNG vén de celebrar un aniversario simbólico e iso sempre leva aparellada unha mirada sobre toda a experiencia vivida: a que provoca satisfacción e a que evoca sentimentos amargos. Non é posíbel analizar, nos límites dun breve comentario coma este, os 25 primeiros anos de vida dunha organización que naceu coa pretensión de cambiar algunhas das dinámicas que tiñan presidido o desenvolvemento do nacionalismo galego posterior á guerra civil. É verdade que a proclamada vontade de constituír un punto de encontro de todas as correntes nacionalistas existentes non tivo unha virtualidade práctica até 12 anos despois da aparición do BNG. Máis aínda: durante a década dos 80 a organización frontista realizou mudanzas significativas na súa liña de actuación (aceptación do requisito do acatamento formal da Constitución para seguir formando parte das institucións parlamentarias e ruptura das relacións con HB como consecuencia das prácticas hexemonistas exercidas pola organización abertzale) que provocaron o abandono dun continxente de cadros que tiveran un protagonismo destacado na década anterior. É certo que, no momento fundacional, non existiu unha reflexión autocrítica explícita a respecto da concepción patrimonialista do movemento nacionalista exhibida, nos anos anteriores, pola maioría do núcleo promotor do BNG. Aquela visión que estabelecía a superioridade ideolóxica e política dun suposto nacionalismo auténtico fronte ao presunto “pseudonacionalismo” profesado polos que non transitaban polo “camiño correcto”, non desapareceu totalmente a partir de 1982 mais ficou neutralizada –nos seus efectos negativos– pola necesidade de conectar con vellos e novos sectores sociais que rexeitaban os comportamentos sectarios e non entendían os motivos dunhas liortas internas profundamente desconectadas das loitas existentes na sociedade.
            Pero, a pesar de todos os atrancos, o BNG conseguiu ampliar significativamente a súa representatividade social e ter unha presenza determinante no panorama político galego.
            O crecemento espectacular rexistrado nos apoios electorais recibidos pola organización nacionalista a partir de 1993 foi o resultado de moitos factores. Algúns tiveron que ver coa presenza de Fraga na política galega e coa crise do felipismo no conxunto do Estado. Pero se o BNG non tivera acertado na conexión con esa parte do electorado que buscaba unha opción diferente non tería chegado aos niveis de influencia política que hoxe posúe. E unha das claves dese éxito foi a existencia dun clima de convivencia interno presidido pola cooperación e o consenso, que reforzou a credibilidade da mensaxe de “proxecto común” que se ofrecía á sociedade galega. A X Asemblea Nacional celebrada en abril do ano 2002 marcou o final desa etapa de grande consenso interno e coincidiu cunha fase de estancamento electoral que se mantén no momento presente.
            As fortalezas e as debilidades do nacionalismo galego criado na segunda metade do século XX veñen sendo obxecto de interesantes tratamentos analíticos por parte de diversos investigadores. Serán necesarios máis traballos, e seguramente máis distancia temporal, para dispor dun coñecemento máis contrastado e dunha avaliación máis madura sobre a historia do BNG e das demais expresións políticas e organizativas xurdidas no transcurso dos último corenta anos.
            En todo caso, o BNG atópase hoxe nunha situación paradoxal. Instalado por primeira vez no goberno da Xunta e administrando a maior dose de poder institucional dende o seu nacemento coñece, porén, o maior nivel de confrontación interna dos últimos quince anos. Curiosamente, as discrepancias actuais non teñen a súa orixe principal no labor gobernamental por máis que, no futuro, podan existir vinculacións entre ambas as circunstancias. Algunhas daquelas vellas ideas antes citadas semellan retornar baixo novas fórmulas e, caso de non remitir, poden alimentar dinámicas autodestrutivas que neutralicen a ilusión colectiva que require unha organización que ten importantes responsabilidades na vida política galega.
            O BNG é hoxe o principal depositario da confianza dos sectores máis esixentes da nosa sociedade. Por iso é tan relevante a xestión que se faga da complexa realidade interior da organización. Porque se non hai unha pedagoxía convincente, se non se acerta no goberno da propia casa, non existirá a capacidade suficiente para seducir a sectores máis amplos da poboación do noso País.