Xesús Veiga
Un novo ciclo no BNG
(Inzar Razóns, 35, abril 2007)

            A XII Asemblea Nacional do BNG serviu para comprobar o estado actual dunha organización que, por primeira vez na súa historia, celebraba unha xunta desta natureza formando parte do goberno da Xunta.
            Curiosamente, esta circunstancia nova coincidiu coa maior concorrencia de candidaturas rexistrada en todas as Asembleas realizadas até o momento. Neste sentido, o BNG ofreceu unha primeira imaxe diferencial: a pesar de xestionar importantes áreas do goberno galego, o nivel de conflitividade interna foi superior ao que tiña existido cando a organización nacionalista percorría o deserto da oposición. O que noutras forzas políticas resultaba ser, habitualmente, fonte de unidade –sequera temporal–, aquí semellaba constituír un importante factor de diverxencia. Con todo, foi unha aparencia máis que unha realidade porque, ao cabo, o volume de candidaturas presentadas na Asemblea non se correspondía coa existencia de plataformas políticas elaboradas a partir de visións ou concepcións alternativas a respecto da xestión gobernamental.
            O principal motivo de discrepancia constatado en todo o proceso asembleario foi o derivado da proposta de participación mediante o sistema de delegados na vindeira Asemblea Nacional. Neste asunto houbo realmente unha confrontación de posicións e argumentos. Para un importante sector da militancia que acudiu ás xuntas comarcais e ao acto final, o cambio promovido polo anterior Consello Nacional foi considerado como unha medida liquidadora do carácter asembleario estabelecido na carta fundacional do BNG. Para chegar a esta conclusión foi determinante a forte dimensión simbólica adquirida por esta cuestión na socialización da identidade singular da organización frontista.
            A pesar da gran transcendencia outorgada a esta mudanza organizativa por parte dos sectores contrarios a ela, non houbo acordo á hora de presentar unha candidatura alternativa á encabezada por Anxo Quintana. Nin sequera existiu converxencia entre as dúas opcións –“Encontro Irmandiño” e “Alternativa”– que teoricamente compartían unha boa parte da análise da traxectoria seguida pola organización nacionalista e moitas das propostas que pretendían levar adiante.
            A existencia de catro candidaturas non se pode explicar, por tanto, con base nas diferenzas, presuntas ou reais, sobre o labor do BNG no goberno da Xunta ou sobre o propio contido da XII Asemblea. As razóns hai que buscalas na historia da organización. Na recente e na máis afastada. O fracaso na xestión da nova fórmula de liderado aprobada na cita asemblearia do ano 2003 orixinou unha creba da confianza política entre segmentos decisivos dos cadros dirixentes e abriu un proceso de inestabilidade interna que aínda non rematou. Este grave desencontro alimentou unha vella tentación que padece o nacionalismo galego dende a década dos 70: o cainismo. É ben sabido que cando este virus revive no interior do corpo organizado, as capacidades de acción e de organización social experimentan un serio deterioro. A frustración aparece e a ilusión esmorece.
            Polo demais, o proceso e os resultados derivados desta última Asemblea Nacional confirman algunhas tendencias xa observadas anteriormente e suscitan novas interrogantes para o período que agora comeza. Entre as primeiras, pódense enumerar, polo menos, dúas: 1)A maioría da afiliación non participou na toma de decisións finais malia as intensas apelacións feitas por todas as candidaturas concorrentes e, paradoxalmente, aínda tivo menor interese no desenvolvemento dos debates realizados nas asembleas comarcais previas (onde o número de asistentes foi inferior –en mais de mil persoas– ao que votou na elección das 50 persoas electas para o Consello Nacional). 2) A composición dos novos órganos dirixentes mantén a coñecida situación dun liderado que posúe unha indiscutíbel proxección social pero que non dispón dunha hexemonía contrastada no aparello organizativo interno.
            Unha das incógnitas que abre esta Asemblea é a da propia evolución das diferenzas internas entre as distintas correntes que configuran a organización frontista. É certo que, até o momento, non existe unha confrontación global de carácter ideolóxico ou programático e só hai distintas lecturas –e, nalgúns casos, moi pouco sistematizadas– do ideario fundacional e dos acordos asemblearios tomados nos 25 anos de vida do BNG. Porén, o clima de desconfianza rexistrado nos últimos meses pode favorecer a cristalización de futuros procesos de conflitividade máis aguda que non sexan tanto a expresión da lexítima e desexábel pluralidade interna como a tradución de rupturas de maior envergadura.