Xesús Veiga
Facer posíbel outra saída
(Inzar Razóns, 39, xulio 2010).
O día 30 de outubro de 1987 aparecía publicado en El País un artigo, “A loucura de 1929 repítese”, do economista John Kenneth Galbraith para comentar o derrube que se rexistrara naquelas semanas no mercado de Wall Street.
Case vinte e tres anos despois, a lectura deste artigo resulta moi reveladora da lóxica do sistema económico dominante. Repasemos algunhas das afirmacións realizadas polo profesor canadense: ”A historia repítese en asuntos financeiros, por unha especie de sofisticada estupidez. Nos meses e anos que precederon ao gran crash de 1929 había unha gran cantidade de persoas e institucións dispostas a mercar na bolsa simplemente porque estaba subindo, pensando en liquidar antes de que baixase. O mesmo pasou nos últimos meses. [...] O factor dominante foi a cobiza, que se transformou de súpeto en medo –o remate da euforia especulativa–; o desexo de fuxir das persoas e institucións que seguiran no mercado mentres estivo en alza e o medo que orixinou inmediatamente cando o mercado comezou a baixar. [...] En outubro de 1987, igual que en outubro de 1929, descubrimos até que punto as xentes creron cegamente no mito do mercado. [...] A memoria financeira dura uns 10 anos. Este é aproximadamente o intervalo entre un episodio de sofisticada estupidez e o seguinte. [...] Temos que rematar co déficit orzamentario. Parte disto pode ser realizado eliminando o absurdo exceso dos gastos militares. Se é necesario aumentar impostos, eu faríao nas rendas superiores. Non creo na doutrina Reagan-Thatcher de que os ricos non traballaron porque teñen demasiado pouco diñeiro mentres que os probes non o fan porque teñen demasiado”.
Galbraith non formou parte da corrente de economistas de tradición marxista e mesmo foi considerado, en ocasións, como un exemplo de liberal norteamericano (país onde desenvolveu a maior parte da súa actividade como pensador e profesor). Porén, o contido desas breves reflexións emitidas en 1987 certifican dúas realidades relevantes: a persistencia dunhas prácticas especulativas no cerne do sistema capitalista e a subordinación ou complicidade dos principais poderes políticos do mundo occidental cos grupos financeiros que provocaron a crise xurdida nos Estados Unidos. Se Galbraith estivese vivo podería repetir os argumentos básicos do seu diagnóstico para describir o sucedido a partir do outono de 2007.
Cando se trata de explicar o que pasou nos últimos anos existe unha ampla coincidencia entre a maioría dos economistas á hora de sinalar os principais vectores do proceso vivido:
a) Política de préstamos demasiado permisiva por parte de certas entidades financeiras norteamericanas e presenza de produtos financeiros cada vez máis complexos e descontrolados.
b) Insuficiente e inadecuada regulación das actividades do sector financeiro e deficiente actuación das autoridades políticas encargadas de exercer o control delas.
c) Falta de información fiábel sobre os activos e as transaccións das institucións financeiras.
d) Ruptura da confianza entre os bancos e aparición dunha grave crise de liquidez: os propios bancos non obteñen recursos nos mercados financeiros e solicitan axudas aos gobernos para non desaparecer.
e) Translación da crise ao conxunto da economía: os bancos reducen e/ou encarecen os préstamos ás empresas e aos consumidores coa conseguinte diminución da actividade económica e o medre do desemprego.
Os impactos concretos da crise nos distintos territorios gardan, loxicamente, unha relación directa coas propias características de cada economía. No caso do Estado español, o peso excesivo do sector da construción e a importante dimensión do turismo provocaron efectos moi negativos no conxunto da dinámica económica. O forte endebedamento das familias e das empresas, acumulado durante os anos da expansión –é máis importante, en termos relativos, que o contraído polas Administracións Públicas–, constitúe unha debilidade estrutural que penaliza seriamente calquera proceso de saída da crise a curto prazo.
A economía galega tamén percibiu, aínda que fose cunha certa demora, os efectos da crise. Porén, existen algúns aspectos diferenciais positivos a respecto do conxunto estatal:
- Menor peso específico da construción inmobiliaria no tecido produtivo galego.
- Inferior endebedamento das familias e das empresas. No mes de setembro de 2009, representaba o 3,85% do total español malia que o PIB galego é o 5,2% do estatal.
- Mellor situación da balanza comercial exterior galega. No ano 2009, as exportacións galegas representaron o 8,6% do total estatal, superando significativamente o peso relativo do PIB galego (o xa referido 5,2%).
As coincidencias na descrición do sucedido desaparecen no momento de formular criterios e propostas para saír da crise. Hai dous grandes territorios para a diverxencia. En primeiro lugar, o relativo ás relacións que deben existir entre os chamados mercados financeiros (ou sexa, os grandes grupos que controlan os movementos de capitais no ámbito internacional) e os gobernos xurdidos da vontade popular expresada mediante sufraxio universal. Para os grandes partidos actuantes en Europa e para aquelas persoas que crean a opinión hexemónica nos medios de comunicación de masas, os “mercados” son as novas divindades laicas que deben establecer as regras do xogo e os gobernos deben adaptar as súas medidas ás decisións previas deses poderes económicos. “A reacción dos mercados”: velaquí a frase máis repetida nos últimos meses e a proba do nove desa grave adulteración das lóxicas democráticas. Gobernan a economía (e, por tanto, as condicións de vida de millóns de persoas) grupos que non se presentan ás eleccións, mais que contan coa inhibición e/ou complicidade daquelas forzas políticas que reciben os apoios maioritarios dos corpos electorais.
Outro campo para o desacordo radica na distribución dos elevados custes provocados pola crise financeira de 2007. Reaparece, neste caso, o vello enfrontamento entre quen reclama unha asunción das cargas por parte daqueles sectores económicos causantes da desfeita e posuidores dunha elevada riqueza acumulada e os que postulan que a factura sexa asumida polas maiorías sociais mediante unha redución substantiva do seu nivel de vida. A pesar dalgúns matices diferenciais, os gobernos dos Estados da UE –mesmo aqueles que teñen unha orientación teoricamente socialdemócrata– están promovendo políticas de redución das prestacións historicamente asociadas ao chamado “Estado do benestar”. A dereita política europea está gañando, por agora, a batalla ideolóxica e práctica a respecto da resposta á crise económica que padecemos.
O profesor Vicenç Navarro describía, nun artigo recente, o núcleo da polémica: “O maior problema hoxe na UE non é o elevado déficit ou débeda (como di a banca), senón o cativo crecemento económico e o medre do desemprego. Iso esixe políticas de estímulo económico e medre do emprego en toda a UE (e moi especialmente en Grecia, Portugal, España e Irlanda). Non houbo unha crise das proporcións actuais no século XX sen que houbese un medre notábel do gasto público e da débeda pública, que se foi amortizando ao longo dos anos a base de crecemento económico. EE.UU. pagou a súa débeda, que lle permitiu saír da Gran Depresión, en 30 anos de crecemento. O maior atranco para que non ocorra na UE é o dominio do pensamento liberal no establishment político e mediático europeo, impoñendo políticas que serán ineficientes, ademais de innecesarias. E todo para asegurar os beneficios da banca. Así de claro.”
No pasado mes de maio, o goberno de Zapatero traspasou unha boa parte das liñas vermellas que se tiña marcado anteriormente e decretou unha rebaixa importante no salario dos empregados públicos acompañada da conxelación das pensións a partir do ano 2011. O comezo das mobilizacións sociais obrigoulle a prometer unha suba parcial dos tributos ás rendas mais elevadas, para buscar unha certa compensación ao descrédito provocado polas lesivas decisións adoptadas contra unha boa parte da súa base electoral. Poucos días despois, BNG, ERC, IU, IC e NaBai presentaban conxuntamente no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para modificar a tributación das persoas e empresas que obteñen maiores ingresos e posúen grandes patrimonios. Mediante cambios no IRPF, no Imposto de Sociedades, no réxime tributario das SICAV, na loita contra o fraude fiscal e coa recuperación do Imposto sobre o Patrimonio, estas forzas políticas estimaron que se podería conseguir un ingreso adicional anual de recursos públicos superior aos 8.000 millóns de euros.
A importancia desta iniciativa non deriva tanto da súa viabilidade parlamentaria inmediata como do seu carácter pedagóxico e simbólico. Demostra que o goberno do Estado podería actuar doutro xeito fronte á crise. Velaí o reto dos vindeiros meses: acumular as forzas sociais e electorais suficientes para impedir a chegada de Mariano Rajoy á Moncloa e permitir unha política económica que respecte as prestacións sociais acadadas nas últimas décadas.
|
|