Xesús Veiga Buxán
Os deberes que deixou a folga
(xornaldegalicia.com, 30 de septiembre de 2010).
A guerra de cifras do día despois da folga xeral xa é un clásico da historia da comunicación no Estado español e noutros territorios onde teñen lugar convocatorias desta natureza.As hemerotecas dan testemuña abondosa deste fenómeno.Agás nun caso: a folga do 14 de decembro de 1988. Naquela ocasión, o éxito foi tan evidente que practicamente non existiron voces que se atreveran a cuestionar a realidade da primeira gran derrota social sufrida polo goberno de Felipe González.
A pesar de que a xornada de onte tamén tiña como obxectivo protestar polas políticas promovidas por un goberno do PSOE, o contexto mudou significativamente. Por varias razóns: porque González padecía unha debilidade política inferior á que hoxe ten que aturar Rodríguez Zapatero; porque os sindicatos posuían un prestixio social superior ao que dispoñen na actualidade e porque a patronal consideraba daquela –coincidindo coa opinión dos dirixentes do PP– que era mais desexábel unha derrota do Goberno que un fracaso sindical.
Ademais das lecturas cuantitativas, a xornada do 29-S debería suscitar reflexións de maior alcance analítico para todos os actores participantes. O Goberno socialista xa ten outra proba documental da grave crise de confianza de sectores importantes do seu electorado e non poderá alegar ignorancia: se persiste no papel de alumno disciplinado dos dogmas económicos que emanan dos chamados mercados financeiros está condenado á derrota nas urnas. Os sindicatos deben revisar o seu pasado e reconsiderar aquelas prácticas que provocaron unha constatábel perda de credibilidade no seu necesario papel como instrumento corrector das inxustizas e desigualdades sociais. O empresariado ten que explicitar se está disposto a mudar a cultura dominante do beneficio rápido construído sobre o abuso do emprego precario e do despido barato ou se prefire ficar instalado na “doutrina” continuista de Díaz Ferrán. O PP debería ser capaz de entender este aviso a futuros navegantes pola Moncloa e restantes dependencias ministeriais: se pretende xeneralizar o “tatcherismo” de Esperanza Aguirre como parte esencial da súa axenda oculta recibirá unha repetición ampliada da protesta de onte.
Todas as persoas que participaron na folga xeral terán que dar resposta a unha pregunta transcendental: ¿é congruente facer este exercicio cívico de compromiso con políticas de maior equidade no reparto dos custes da crise e dar, nas vindeiras eleccións xerais, un voto de confianza aos partidos que dende o Goberno ou dende a oposición ofrecen manter o statu quo nas lóxicas económicas que teñen provocado os graves desequilibrios que estamos a vivir? |