Xoán Monasterio

A agricultura no centro do fracaso de Cancún
(Inzar Razóns , 30, febreiro 2004)
    
A V Conferéncia Ministerial da Organización Mundial do Comércio, que se celebrou en Cancún (México) do 10 ao 14 do pasado mes de setembro, resultou ser un auténtico fracaso, e van tres.
Dende moitos ámbitos, significa-se que o fracaso das negociacións viñeron dadas, pola negativa da U.E. e dos EE.UU. a deixaren de subsidiar as suas agriculturas e liberalizar os seus próprios mercados agrícolas para deixaren entrar os produtos de países terceiros. Este feito provocou que moitos países do sul, nomeadamente Brasil, China, Sudáfrica, Índia e Arxentina, entre outros, abandonasen as negociacións, criando o caos na cimeira. Reivindicaban a liberalización e o aceso aos mercados para os seus produtos como unha das vías para poderen solucionar os problemas de pobreza que padecen.
Dende logo, están moi estendidas as máximas de que deixando de subvencionar aos labregos do norte e liberalizando os mercados de produtos agrários, se van mitigar os problemas dos países pobres.
Polo que respeita ás subvencións á agricultura, non nego que os labregos e labregas do norte, en teoria, teñan unha vantaxe comparativa a respeito dos do sul, ao estaren fortemente subvencionados con cartos públicos. Na prática estas subvencións só serven para compensar o descenso continuado dos prezos agrários. Caída de prezos que a quen benefícia é ás transformadoras e ás comercializadoras, que obteñen matéria prima barata e logo compiten nun mercado mundial, totalmente sesgado ao seu favor por este dumping encuberto (pór produtos no mercado mundial por baixo do seu custo de produción). Esta é a estratéxia seguida polos governos: traspasar cartos públicos ás grandes corporacións agroalimentárias vía suministro de matéria prima barata coa que poder competir deslealmente no mercado mundial, exportando produtos por debaixo dos custos de produción.
As subvencións á agricultura dos países ricos, non impiden que cada ano desaparezan en Europa e nos EE.UU. miles de explotacións. Miles de labregos e labregas están sendo obrigados a abandonar o seu meio de vida porque, con axudas e todo, non son quen de acadar os ingresos necesários para poderen vivir do agro.
As axudas públicas non están pensadas dende logo para manteren povoación ocupada no meio rural. Na U.E., o 5 por cento das explotacións acaparan o 50 por cento das axudas. A Raíña de Inglaterra, a Duquesa de Alba e Mário Conde, son bos exemplos dos labregos máis beneficiados polas axudas da PAC.
En EE.UU. pasa o mesmo. Coa Lei Agrária de 2002, que prevé aumentar os subsídios á agricultura nun 80 por cento, beneficiaran-se os grandes terratenentes, 14 dos cales figuran entre os deputados encargados para redactar a lei e outros significativos personaxes como Ted Turner ou David Rockefeller.
As axudas á agricultura son lexítimas sempre e cando sirvan para equilibrar as diferenzas provocadas por determinadas condicións orográficas e climatolóxicas, asi como para favoreceren sistemas agrícolas axeitados que sirvan ás aspiracións dos povos. As regras do comércio, non poden impedir-lle a un país favorecer un sistema de produción sostíbel, baseado nas explotacións familiares.
En canto ao aceso aos mercados dos países ricos por parte dos países pobres, demanda abandeirada por estes países que abandonaron as negociacións de Cancún, pouco ten que ver cos problemas dos seus labregos e labregas. Están defendendo os intereses das empresas agroexportadoras de Brasil, Índia, China etc...
Vandana Shiva, investigadora Índia, afirma que o aceso ao mercado que se propón para sacar da pobreza a estes países, non se diferenza en nada da estratéxia do Banco Mundial para que todos os países do terceiro mundo, encamiñen a sua agricultura á exportación. Este modelo deixa de lado aos pobres, segundo Vandana Shiva, por tres motivos.
1 1 .- Os escasos recursos de terra e água son empregados para producir de cara á exportación e non para a satisfacción das necesidades alimentárias da povoación local. Sirva como exemplo o caso de Arxentina, que sendo un país á cabeza dos exportadores de produtos agrícolas a nivel mundial, coa crise sufrida ten a cerca de 20 millóns de habitantes pasando fame.
2 1 .- O ingreso adicional de 100.000 millóns de dólares, que segudo Oxfam suporia o aceso ao mercado para os países do terceiro mundo, oculta o custo para os ecosistemas locais e a subsisténcia cando os labregos e mariñeiros locais son desprazados polas corporacións agroexportadoras, que empregan sistemas agresivos co meio para aumentar ao máximo o seu benefício. Ou é que nós cremos que cando a Nestle se implanta nun país pobre é para facer-lle un favor aos labregos e labregas dese país.
3 1 .- O proceso de liberalización das exportacións é prexudicial para os próprios labregos e labregas. Este problema estan-o sufrindo os cafeteiros e cafeteiras centro-americanos, que logo de teren as suas explotacións altamente especializadas na produción de café, atopan-se cunha baixada dos prezos polo incremento da oferta a nivel mundial, que non lles permite vender por riba dos seus custos de produción e mesmo nin os cobren.
Ademais hai que ollar quen son os proprietários destas empresas agroexportadoras emprazadas no sul, en boa parte filiais de grandes empresas europeas e estadounidenses.
O fracaso de Cancún, que foi debido en boa parte ao bloqueo que ocasionaron os países pobres, hai que entendé-lo tamén como unha vitória dos movimentos sociais que a nivel mundial vimos denunciando estas práticas de abuso e reivindicando outro tipo de agricultura e outro tipo de relacións económicas entre os países ricos e os pobres.
Dende os países desenvolvidos, mesmo as persoas máis comprometidas coas loitas sociais, temos unha visión sesgada do mundo e da agricultura. É certo que en Europa, a povoación ocupada agrária non ten un peso moi grande a respeito do sector servizos ou da indústria, pero en países como Índia, Brasil, China e dende logo, en países máis pobres que os nomeados, a povoación labrega é maioritária, chegando nalguns casos ao 80 por cento da povoación total. Nembargantes, os problemas dos labregos e labregas, son moi similares. Por iso existen movimentos como o de "La Vía Campesina" que aglutina a milleiros de labregos e labregas, tanto dos países ricos como dos pobres. Con esta realidade, a OMC non nos vale nin aos que vivimos en países dos chamados desenvolvidos, nin aos que viven nos países subdesenvolvidos ou en vias de desenvolvimento, porque está pensada única e exclusivamente para beneficiar ás multinacionais, que arruinando a povos enteiros, conseguen multiplicar os seus benefícios.
Todos e todas debemos ter dereito a unha alimentación sa, suficiente e culturalmente adaptada. Tamén temos o dereito a producir este tipo de alimentación e a que sexa remunerada cubrindo os custos de produción e o traballo, e dereito a aceder aos recursos como a água, a terra, as sementes ou os cretos. Cumpre garantir a conservación do meio con modos de produción sostíbeis e garantindo a biodiversida-de.
Dende logo, o mercado non pode garantir estes dereitos. O comércio é necesário, pero a exportación non pode estar por riba dos dereitos fundamentais dos labregos e labregas e dos povos. Cumpre evitar o dumping e as exportacións que desestabilicen os mercados internos dos receptores e exportadores.