Xosé Ramón Quintana Garrido

Bloque Nacionalista Galego (1982-2007).
Unha viaxe inacabada cara a moderación centrista

(Inzar Razóns, nº 36, febreiro 2008)

            A comezos da década dos oitenta do século XX estaban perfiladas en Galicia dúas alternativas estratéxicas dentro do nacionalismo galego: a do nacionalismo radical e a do nacionalismo posibilista.
            A primeira era propugnada pola Unión do Povo Galego (UPG), autodenominado “partido comunista patriótico”, e contaba cunha pléiade de organizacións satélites que encadraban a estudantes, ensinantes, traballadores e labregos, así como a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Definindo a Galicia como “nación colonizada”, tentaba implementar unha estratexia de liberación nacional e social como antesala do socialismo, que seguía un modelo revolucionario frontista inspirado no anticolonialismo e antiimperialismo terceiromundistas. Esta estratexia asentábase en posicións rupturistas, antisistema, resistencialistas e de mobilización permanente, deseñadas nos anos finais do franquismo e durante a transición á democracia, e tiña como eixo central non só o rexeitamento da ruptura pactada e da Constitución, senón tamén a total oposición á Autonomía para Galicia, considerada unha mera descentralización administrativa que encubriría unha “manobra” ou “imposición” colonial cuxa intención non sería outra que perpetuar a opresión colonial da nación galega e das súas clases populares, á que contrapuña as Bases Constitucionais para a participación da nación galega nun Pacto Federal, que mesturaban elementos federais e confederais. Seguindo unha lóxica expresiva congruente con tales esquemas, o marco de “liberdades formais” da “democracia burguesa española” debía aproveitarse para concienciar, mobilizar e organizar as clases populares e conseguir unha “implantación real” que non darían as urnas. De aí que as campañas electorais non serían o principal obxectivo, pero si un bo medio para explicitar a contradición nacionalismo versus españolismo e “clarificar” a situación política, que só podería conseguirse mediante a confrontación rotunda con todo o que emerxese da ruptura pactada: de aí os non aos Pactos da Moncloa, á Xunta preautonómica, á Constitución e ao Estatuto de Autonomía para Galicia.
            Pola súa banda, a estratexia do nacionalismo posibilista estaba impulsada por un pequeno grupo desmembrado do anterior en 1977. Liderada por Camilo Nogueira, avogaba por un xiro no nacionalismo que supuxese unha adaptación pragmática e estratéxica ao novo escenario democrático, e concretaríase en sucesivas plasmacións: Partido Obreiro Galego (POG) en 1977, Esquerda Galega (EG) en 1980 e, finalmente, Partido Socialista Galego-Esquerda Galega (PSG-EG) en 1984, que iría adquirindo un perfil de “nova esquerda” democrática partidaria da construción nacional de Galicia. Negaba o modelo interpretativo de colonia terceiromundista e definía a Galicia como unha nación dependente economicamente e oprimida política e culturalmente, pero excluía unha estratexia anticolonial e frontista, dado que consideraba a Galicia como unha nación europea. A súa estratexia era acadar o “progresivo autogoberno” coa obtención dun Estatuto de Autonomía non inferior ao catalán e ao vasco. Unha vez aprobada a Constitución, sinalaría como urxente o logro dun Estatuto “nacional e progresista” que recollese as posibilidades que ofrecía o marco constitucional, participando na Comisión dos 16 e xogando un papel cimeiro na loita pola autonomía.
O Partido Socialista Galego (PSG) á altura de 1980 estaba xa moi mermado en efectivos. Á dimisión de Xosé Manuel Beiras despois das eleccións de 1977, que privara ao partido do seu líder natural, sumárase o abandono dun nutrido grupo en 1978, que apostaran pola integración no PSOE e por “galeguizalo” desde dentro. A nova directiva do PSG xurdida a finais de 1977 non sería quen de clarificar a estratexia até o verán de 1980, oscilando nestes anos entre a aposta pola opción autonomista e a tentación a autoexcluirse e impugnala. Primeiro achégase ao POG e participa na creación, xunto a este e un renacido Partido Galeguista, da coalición Unidade Galega (UG) en 1979, partidaria dunha vía posibilista respecto da autonomía. Finalmente, en xullo de 1980, daría un xiro antiautonomista, confluíndo coa UPG na Mesa de Forzas Políticas Galegas (MFPG).
            As eleccións xerais de 1977 e 1979 supuxeron un serio golpe ás expectativas rupturistas e antisistema do nacionalismo radical e ao seu programa de superoferta, pois a plataforma electoral Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), constituída pola UPG e a AN-PG, logra uns pobres resultados. E outro tanto lle acontece ao PSG. A creación da MFPG en 1980 foi, polo tanto, un intento de ampliar o abano de acción do nacionalismo radical, nuns momentos nos que se evidenciaba unha hexemonía político-electoral dos partidos de ámbito estatal, nomeadamente dos de centro-dereita. Froito desa alianza sería a coalición Bloque-PSG para os primeiros comicios autonómicos de 1981, que logra tres deputados (dous da UPG e un do PSG) e 61.870 votos (6,3%). A outra rama do nacionalismo, representada por EG, obtén uns resultados inferiores: un deputado e 33.497 votos (3,4%). A presenza no primeiro parlamento galego dos deputados do Bloque-PSG faríase cos mesmos esquemas dos anos precedentes, de tal forma que a presenza no parlamento galego serviría para deslexitimar as institucións e denunciar o “carácter colonial” da Autonomía e da Constitución. A instalación nunha posición resistencialista e antisistema, antiautonomista e anticonstitucional, levou aos deputados electos a negarse a acatar a nova normativa legal. A consecuencia foi a expulsión do Parlamento de Galicia en xullo de 1982. De pouco valeron as mobilizacións subseguintes e a denuncia do “parlamento de cartón”: o nacionalismo radical foi, ao mesmo tempo, excluído e autoexcluído das novas institucións galegas. Deste xeito, encamiñábase cara a marxinalidade política non só en termos de fraxilidade electoral, senón nunha acepción máis profunda: como actor político mal integrado nas regras do xogo político rutineiro, o que implicaba recusar, cando menos en parte, as normas democráticas establecidas e tratar de impoñer a radicalidade da súa linguaxe e práctica, en ruptura cos códigos de funcionamento dos outros partidos e líderes políticos, denunciando o sistema no seu conxunto. O resultado sería a tendencia a pecharse nunha sorte de gueto.

1. A reformulación: o BNG

            Así as cousas, foise abrindo paso a idea de reformular, cando menos táctica e organizativamente, o nacionalismo. En primeiro lugar na UPG, pois era quen dispuña de maiores efectivos e recursos materiais e cognitivos. Logo no PSG, e finalmente en sectores de nacionalistas independentes que a práctica sectaria dos anos anteriores fora deixando polo camiño, pero que seguían compartindo os mesmos esquemas, non en balde foran socializados nas organizacións e mobilizacións dos anos anteriores e participaban da mesma identidade colectiva. Como recoñecería Francisco Rodríguez vinte e cinco anos máis tarde, foi o “medo e a angustia perante unha situación crítica” o que levou a unha “rectificación táctica” na que “todo era posíbel menos caer na marxinalidade”. Previa disolución da AN-PG, o resultado foi unha nova organización denominada Bloque Nacionalista Galego (BNG), cuxa novidade non radicaba nos seus postulados, aínda antisistema e xenericamente esquerdistas, senón na intención de permitir unha maior flexibilidade e un pluralismo interno que dese cabida e xogo organizativo e político a un maior espectro de nacionalistas. Dos grupos que acudiron á reunión fundacional no Frontón de Riazor (A Coruña) durante os días 26 e 27 de setembro de 1982, integráronse na nova organización a UPG e os afiliados da extinta AN-PG, o PSG e un amplo número de independentes, entre os que destacaba a figura de Xosé Manuel Beiras, recuperado para a vida política activa. Pola contra, non se incorporaron nin o pequeno Colectivo Libertario Arco da Vella nin tampouco Galiza Ceibe-OLN, organización que, se ben doutrinalmente apenas mantiña diferenzas substantivas, se definía como independentista e defendía a abstención activa nos comicios. Pola súa banda, EG declinara participar nas deliberacións.
            O Bloque Nacionalista Galego (BNG), pois, foi en orixe unha consecuencia da constatación do fracaso e da necesidade de buscar vías de futuro por parte da principal tendencia do nacionalismo galego, a liderada pola UPG: “O BNG, tanto nos presupostos ideolóxico-políticos como nos criterios organizativos, é unha concreción do proxecto frontista formulado no noso III Congreso [1981]”. Dito en termos politolóxicos, o BNG foi froito de factores esóxenos, do contexto institucional e político imperante que implicaba unha presión medioambiental que ameazaba a estabilidade e a reprodución do nacionalismo organizado e fraxilizaba a súa confianza interna, ao que se respondeu nun plano endóxeno mediante a acción deliberada duns actores que, inducidos polo imperativo de supervivencia, tentaban de adaptarse ás condicións ambientais externas, para o que non quedaba outra saída que unha nova alianza entre os diferentes actores que restituíse a competitividade na area pública.
            A nova organización presentaba unha evidente continuidade cos marcos ideolóxicos anteriores. Galicia seguía sendo unha nación sometida a dependencia colonial, reclamábase o dereito á autodeterminación e o exercicio dun poder constituínte, referendábase o antiimperialismo, avogábase por unha ruptura co réxime político español e rexeitábase a Constitución e a Autonomía. Era no ámbito organizativo onde radicaba a novidade: o BNG constituíase como unha organización frontista que respectaba a pluralidade ideolóxico-política, así como as estruturas das forzas políticas, organizacións e colectivos que o integrasen, para o que se estruturaba dun xeito asembleario, mediante a integración horizontal daqueles, sempre que aceptasen o programa establecido, coñecido como os puntos mínimos. Un mes máis tarde da súa constitución, celebráronse as eleccións xerais de 1982 que darían a primeira maioría absoluta ao PSOE, tendo o BNG que acudir baixo a denominación Bloque-PSG e obtendo os resultados máis baixos da súa historia: 38.427 votos (2,97%). En 1983 o PSG abandona o proxecto para fusionarse máis tarde con EG, quedando só no BNG un pequeno grupo, encabezado por Mario López Rico, que adopta o nome de Colectivo Socialista (CS). Impedido polas autoridades gobernativas de celebrar o percorrido do Día da Patria Galega e, sobre todo, privado de representación electoral no parlamento autonómico, a conxuntura, en palabras de Francisco Rodríguez, colocaba ao BNG “nun plano de inferioridade insoportábel”.

2. Cara un nacionalismo moderado e pragmático

            O ano 1985 sinala o comezo dunha nova andaina no BNG. Nas segundas eleccións autonómicas, do mes de novembro, obtén só 53.072 sufraxios (4,2%), pero logra un escano na persoa de Beiras, mentres que o seu máis directo competidor, o PSG-EG, acada tres deputados e 71.599 votos (5,7%), ao tempo que irumpía con éxito no escenario unha nova forza galeguista de centro, Coalición Galega (CG), que conseguiría once escanos e 163.425 votos (12,9%). Agora ben, a constatación de que había que rectificar posicións do pasado levaría a que na II Asemblea Nacional (decembro 1985) se tomase unha decisión de gran relevo: que o seu parlamentario prometese acatamento á Constitución e ao Estatuto de Autonomía. Na III Asemblea Nacional (febreiro 1987) renunciábase a calquera veleidade insurreccional e rompíanse lazos con Herri Batasuna (HB), ademais de excluírse a sectores de tendencia esquerdista e secesionista que apoiaran a HB nas eleccións europeas de tal ano e que se concentraban no Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), nacido un ano antes dunha escisión na UPG dos contrarios ao acatamento.
            Así pois, é a partir de 1985-87 cando o BNG vai desenvolver progresivas e profundas adaptacións estratéxicas no seu discurso e na súa práctica política nunha dirección de claro pragmatismo político, o que suporía o paulatino abandono do radicalismo antisistema. Na IV Asemblea Nacional (marzo 1989) modera a súa imaxe política e asume con maior decisión unha estratexia adaptativa, baseada non xa na superoferta electoral, senón nun completo programa de medidas concretas e na centralidade mediática de Beiras, como formas de optimizar a loita polos votos no mercado electoral. Os comicios autonómicos de decembro de 1989 suporían un apreciábel éxito ao acadar cinco deputados e 105.698 votos (8%), mentres que o PSG-EG baixaba a dous escanos, e CG quedaba reducido a dous parlamentarios. O BNG duplicaba en votos ao PSG-EG e a CG. Na VII Asemblea Nacional (1997) recoñécese a importancia e a virtualidade política e lexislativa das institucións autonómicas para profundar e desenvolver o autogoberno: “Está claro que o nacionalismo galego aspira a uns obxectivos a medio e longo prazo que non caben no actual marco xurídico-político. Pero é tamén claro que o nacionalismo debe gobernar Galiza, para que exista a condición necesaria para orientar a situación actual noutra dirección”, polo que “é indispensábel que os galegos podamos utilizar a tope na nosa defensa o poder político que radica no Parlamento e no goberno galegos”.
            Esta constatación supuña un xiro copernicano en relación aos principios fundadores antiautonomistas e anticonstitucionais, e unha asunción do enfoque estratéxico que o nacionalismo posibilista viña propoñendo desde 1977, aínda que non se recoñecesen ambas cousas. Que na VIII Asemblea Nacional (xuño 1998) se dese carta branca á colaboración coas forzas nacionalistas de centro ou centro-dereita gobernantes en Cataluña e Euskadi (CiU, PNV), o que daría lugar a Galeuscat, e que se fixese fincapé na necesidade dunha política de Estado a prol da reformulación de España nun Estado plurinacional, complementaba o círculo. Círculo que se pechaba coa renuncia expresa ao independentismo, coa proposta dun goberno nacionalista “posíbel” e dun “programa plural, realizábel e transformador”, coa preterización da dimensión soberanista e o adelgazamento drástico da dimensión de esquerda, e coa apelación ao empresariado para “cambiar o rumbo” de Galicia, acontecidas na IX Asemblea Nacional (febreiro 2001). De aí que o propio Beiras afirmase que a traxectoria do BNG “depara un respecto escrupuloso á Constitución”, así como que propuxese unha “relectura positiva” dela para que Galicia se consolidase como “nacionalidade histórica” e encontrase un encaixe “satisfactorio” na estrutura e articulación do Estado, afirmando que se a autonomía non era satisfactoria se debía a que a ocuparan forzas “de obediencia estatal” que non aplicaran “ao máximo” o Estatuto de Autonomía, polo que cumpría reclamar o “máximo nivel” de competencias. A incorporación da bandeira oficial de Galicia nos carteis das autonómicas de 2001 simbolizarían esta profunda mutación.
Con todo, esta muda estratéxica do BNG facíase sen apenas modificar a cultura política dunha boa parte da militancia, ancorada no resistencialismo reactivo e no esencialismo, apenas politicamente relevantes na práctica cotiá, pero significativo no plano simbólico e identitario. En todo caso, o paulatino cambio emprendido polo BNG desde 1985-87 era, obviamente, moito máis ca unha simple “rectificación táctica”.
            Así as cousas, os obxectivos primarios do BNG non van ser outros que os habituais dos partidos políticos convencionais: obter o máximo número de votos, copar o maior número de postos institucionais e, en derradeiro lugar, actuar como o mellor avogado dun programa ou de determinadas políticas. En definitiva, o BNG configurábase como un partido atrápao-todo (catch-all party), maximizador de votos e cargos, con clara vocación de ser alternativa de goberno en Galicia desde as institucións e a partir do respecto ao marco legal, deseñando unha posición denominada “centrada na realidade do país”, eufemismo que era un xeito de manifestar o peso determinante dun pragmatismo centrista á galega. E todo isto acompañado do uso dun marketing político crecentemente focalizado na figura de Beiras, que iría combinando, de menor a maior importancia, tres elementos: unha orientación cara ao produto (o BNG como eixo da campaña), unha orientación cara á venda do produto (persuasión ao electorado de que o BNG era o máis idóneo para a defensa de Galicia que os seus competidores e o seu líder o máis capacitado para tal tarefa), e unha orientación de marketing propiamente dito (deseño dun produto coa fin de satisfacer as demandas do electorado como consumidor político).

3. A década dourada: o Proxecto Común

            A década dos noventa (1989-2001) é a época dourada e expansiva do BNG. A nivel organizativo consolídase unha coalición dominante nacida da entente entre a UPG e Beiras (e, subordinadamente, os beiristas), na que, en palabras deste último, “á hora de tomar determinadas decisións [era] necesario ceder, dun lado e doutro, para evitar que a corda se rompese”. Produciríase, en consecuencia, un reparto de papeis: ao segundo adxudícaselle unha función de liderado case carismático e de representación externa do nacionalismo a partir da idea implícita de que un líder e unha boa marca son tanto ou máis valiosos que a mesma organización, non entanto a segunda seguiría a actuar en todo momento como columna vertebral da organización, controlándoa con man de ferro. Ao mesmo tempo, o BNG dótase dunha estrutura organizativa e territorial que permite unha limitada recepción de novos afiliados e o acomodo de distintos colectivos no seu interior.
            A formulación da noción de Proxecto Común en 1991 e a creación de condicións propicias para a coordinación electoral do nacionalismo arredor do BNG, van facilitar que un conxunto de grupos, ubicados do centro á esquerda, se fosen integrando ao longo dos noventa. A tendencia electoral ascendente a partir de 1989 e a descendente dos seus competidores no ámbito nacionalista, trouxo consigo unha redución drástica da viabilidade electoral destes últimos, de tal xeito que o BNG comezou a ter en exclusiva a posibilidade de gañar escanos, o que incentivaría aos outros grupos a integrarse para asegurarse a supervivencia. Isto quedaría claro coa simplificación do sistema de partidos galego nas eleccións autonómicas de outubro de 1993, nas que o salto electoral do BNG foi espectacular (trece escanos, 18,5%, 269.233 votos), establecéndose un escenario reducido a tres forzas, PPdeG, PsdeG-PSOE e BNG. O centrista Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) liderado por Xosé Henrique Rodríguez Peña, sería o primeiro en incorporarse en 1989, despois de comprobar o fracaso nos comicios autonómicos dese ano. En 1993 faríao o colectivo Inzar, froito da unificación dous anos antes do que quedaba do Movemento Comunista de Galicia e da Liga Comunista Revolucionaria, con Xesús Veiga Buxán á cabeza. Un ano antes, en 1992, nacía como grupo Esquerda Nacionalista (EN), que reunía a independentes do BNG agrupados arredor de Beiras, á fronte da cal estaría Alberte Xullo Rodríguez Feixóo. E, por fin, en 1994 é Unidade Galega (UG) o último en integrarse, siglas que eran o resultado final dos intentos de recompoñer o proxecto de nacionalismo posibilista, fracasado nas autonómicas do ano anterior, aínda que o seu líder, Camilo Nogueira, tardase arredor dun ano en tomar a mesma decisión.
Nas eleccións autonómicas de outubro 1997 chega a máxima expresión da competitividade nacionalista cos mellores resultados obtidos até o momento: dezaoito deputados e 395.435 votos (24,8%), o que supuña o sorpasso ao PsdeG-PSOE, que quedaba a tres escanos de diferenza, e situaba ao BNG como o principal grupo da oposición ao goberno de maioría absoluta do PP de Manuel Fraga. Por outra banda, nas eleccións xerais de 1996 lograba dous escanos no Congreso, que pasarían a tres nas de 2000 e de novo a dous nas de 2004. Igualmente, nas eleccións municipais de 1999 accedía, en gobernos de coalición cos socialistas, ás alcaldías de Vigo, Pontevedra e Ferrol, ademais doutras menores. Finalmente, nese mesmo ano o BNG, que evolucionara dun euroescepticismo duro a un euroescepticismo brando, conseguía un escano no Parlamento Europeo na persoa de Camilo Nogueira, o máis europeísta dos cadros nacionalistas.
            Un elemento decisivo desta década dourada do BNG foi que a coalición dominante sería quen de repartir até o ano 2001, máis ou menos equilibradamente, incentivos de tipo material aos colectivos e individualidades. Desde finais dos oitenta e conforme se ía institucionalizando, o BNG configuraríase definitivamente como unha organización capaz de ofrecer non só os tradicionais incentivos colectivos solidarios e teleolóxicos ao conxunto de simpatizantes, afiliados e activistas, senón tamén novos incentivos selectivos materiais ás distintas elites. Para os que ocupasen ou aspirasen a ocupar posicións relevantes, o BNG converteríase nunha fonte de oportunidades moi diversas e apetecíbeis. En consecuencia, no seu interior convivirían non só aqueles membros que participan por levar á práctica un proxecto político ou por recoñecer nel unha referencia identitaria, senón tamén os que teñen ambición de poder, os que procuran aumentar a súa capacidade de influencia ou os que o consideran como unha forma de mellorar o propio estatus. Ou diversas combinacións de todas estas posibilidades. Neste sentido, o BNG, na medida en que tocaba poder, foise homologando aos partidos convencionais, por canto no seu interior e no seu contorno daríase unha pluralidade de intereses, propósitos e dimensións, individuais ou de grupo, operando como unha rede actores que tenta de mellorar as posicións propias e, ao mesmo tempo, asegurar unha estabilidalidade mínima mediante múltiples procesos de transacción entre as elites.
Estes procesos de transacción entre as elites, realizados a través de procedementos formais e informais, acadaron unha relativa estabilidade durante os anos noventa, cunha serie de compromisos no repartimento das esferas de influencia. O statu quo logrado pola coalición dominante (UPG + Beiras, e, moi subalternamente, os beiristas de EN e CS) viña implicar na práctica que o BNG funcionase como unha coalición de partidos, tendencias e personalidades independentes. Agora ben, tratábase dunha coalición estruturalmente asimétrica, posto que a UPG gozaría, desde o momento fundacional, dun gran poder decisorio e disuasorio, tanto no plano organizativo como no plano representativo. En tanto que principal partido organizado verticalmente dentro do BNG, cun elevado nivel de cohesión e lexitimado por un apreciábel número de afiliados, a UPG sempre mantivo un umbral de manobra e reacción moito maior que calquera dos demais grupos, ademais dunha elevada capacidade de cooptación e promoción de “novos valores”. Como sinalaría Manolo Barreiro, o analista que mellor coñece as interioridades das relacións de poder no BNG, “o acceso á información e aos recursos da organización están basicamente xestionados pola UPG no seu tradicional papel de ama de chaves”, o que induciría estruturalmente a configuración dunha “arquitectura partitocrática no BNG [que] liofilizou o debate político e acomodou a participación a un formato dual: atomización das opinións pola base e representación de grandes intereses no cumio”.
            Todo isto eivou unha modernización da organización e a súa apertura á sociedade civil e ás clases medias cualificadas e urbanas. Non ten nada de estraño que o statu quo existente bloquease o desenvolvemento de campañas masivas de afiliación porque poderían dar ao pairo cos equilibrios internos. O resultado non sería outro que a anomalía de que o BNG posúa o ratio afiliados/votantes máis baixo en comparación cos demais partidos relevantes do Estado Español, dándose o paradoxo de que sendo capaz de adaptarse ao entorno político-institucional e ás demandas do electorado, porén, sexa moi pouco permeábel no nivel organizativo aos sectores proclives situados no exterior, co que perde a oportunidade de lograr mediadores sociais que sirvan de intermediarios para conectar o nacionalismo con outros actores e redes sociais dos que este estaría alonxado e que puidesen asegurar ganancias/beneficios en termos de porosidade social e mesmo de resultados electorais.
            A centralidade da UPG no BNG permitíalle transaccionar conxunturalmente con uns ou con outros colectivos e personalidades, afanosos por mellorar posicións, máis débiles no plano organizativo e de menor lexitimación interna, o que implicaba que a UPG, xa máis partido “patriótico” que “comunista”, xogase un papel chave á hora de decidir o reparto de incentivos selectivos entre as elites, que se vían diminuídos, ampliados ou conxelados segundo as súas necesidades. Situación que adoitaba ser admitida polos líderes grupais e individuais, pero que impedía unha acción mancomunada que fixese fronte ao predominio da UPG e reducise a súa influencia. Neste sentido, o rol xogado por Beiras foi paradigmático. No canto de aproveitar a lexitimidade entre as bases nos momentos de maior expansión electoral e de facer valer a súa ascendencia para tecer unha rede de apoios interiores e exteriores coa que disputar democraticamente á UPG a hexemonía no seo do BNG, establecendo así unha renovación da coalición dominante, optou por unha estratexia individualista e acomodaticia que consistía en asegurarse unha posición privilexiada, e supostamente intocábel, na coalición dominante coa UPG, na que, en palabras de Manolo Barreiro, “Beiras xestionaba a imaxe pública do Bloque, protagonizaba a escenificación parlamentaria e deixaba facerlles en todo o demais, fóra de apadriñar e protexer eventualmente a algúns beiristas incondicionais no momento de armas listas electorais ou formar por cooptación a Comisión Executiva”. Só cando a coalición se deu por rota, Beiras tentaría dar a “batalla” á UPG, inutilmente.

4. A crise permanente do BNG

            A estabilidade interna e a ascensión electoral acadadas durante os anos noventa, van entrar en crise co comezo do novo século. O revés das eleccións autonómicas de outubro de 2001, nas que descendía un escano e dous puntos porcentuais (17 deputados, 22,6%, 346.423 votos), empatando a escanos cuns socialistas á alza e sufrindo unha forte baixada en cidades nas que detentaba a alcaldía, tiraría por terra as expectativas de sorpasso e cuestionaría a idea dunha Xunta de Galicia presidida por Beiras, tras cinco intentos como cabeza de cartel electoral. Esta situación abriu un escenario de gran inestabilidade e de realiñamentos que remataría por rachar cos equilibrios internos. O sector duro da UPG vai protagonizar un coup de force cunhas declaracións de Francisco Rodríguez a comezos de febreiro de 2002 nas que se sostiña que Beiras non repetiría como candidato á Presidencia, aproveitando a estancia deste no II Foro Social Mundial de Porto Alegre. Este, a súa vez, xa protagonizara diverxencias con Paco Rodríguez no ano 2000 con motivo dos comicios xerais de marzo, cando lle botara a culpa de non acadar as cinco actas que darían grupo parlamentario, e cando postulara a Anxo Quintana como senador por designación da Comunidade Autónoma. Asemade, o inicio por Beiras dun mal explicado diálogo tête-à-tête con Fraga despois da súa investidura, sería un motivo máis para que a UPG tentase con vistas á vindeira cita congresual acrecentar a propia influenza e recortarlle atribucións coa proposta de crear a figura de “coordinador”. Beiras recibiría o apoio da maioría dos colectivos, ameazando con excluír a Rodríguez da lista da Executiva.
            Neste escenario convulso, outros actores van reposicionarse e gañar un maior protagonismo. Prevendo un futuro recambio de liderado, Quintana, axudado polo sector brando da UPG ou grupo de Allariz (Francisco García, Alfredo Suárez Canal), tendería pontes entre as posicións enfrontadas. En primeiro lugar, a Permanente do BNG acorda aprazar o debate sobre a candidatura até o 2004. En segundo lugar, Rodríguez rectifica declaracións e apoia o diálogo con Fraga. Finalmente, é o propio Quintana quen pacta, con Beiras e con García, unha candidatura de “consenso” para a nova Executiva que saíse da X Asemblea Nacional (abril 2002). Desta maneira se volve a recompoñer dun xeito efémero a alianza entre Beiras e a UPG, pero agora con Quintana xogando un papel decisivo como “coordinador” e como opción de futuro. O xornalista José Luis Gómez, próximo a este, deixaba constancia dunha profecía: “el joven senador tiene todo a su favor para que, llegado el momento, se convierta en el Artur Mas del nacionalismo gallego”. A recomposición interna implicaba un maior peso da UPG na dirección e unha marxinación dos outros colectivos. Se ben CS, PNG-EG e Inzar aceptaron ter algúns membros no Consello Nacional (CN), EN aspiraba a estar representada na Executiva, polo que se sentiu “enganada” por Beiras, amagando con presentar lista propia e finalmente renunciando a estar presentes nel, ao tempo que entraba nunha rocambolesca peripecia que concluiría coa exclusión de EN de Beiras e doutros membros que o secundaran. A principal sorpresa foi a irrupción dun actor inesperado: o colectivo de independentes encabezado polo xove edil ponteareán Roberto Mera, quen, cun discurso que cuestionaba os pactos dende arriba da partitocracia e esixía a participación directa da militancia, presentaba unha lista ao CN que conseguía o 26% dos votos e trece postos, o que indicaba un malestar nunhas bases cuxas tres cuartas partes non estaban adscritas a ningún colectivo. Mentres, a lista oficial tiña o 74% e trinta e sete postos.
            Con todo, a crise pechábase en falso, a pesar das declaracións dun e doutros: “Máis BNG e menos partes” non sería precisamente o lema que presidiría a ulterior dinámica. En efecto, a intervención de Beiras no debate parlamentario do Estado da Autonomía, en outubro de 2002, demasiado etérea e branda con Fraga, motivou non só que tivese que ser complementada, e mesmo contradita, cunha intervención crítica de Suárez Canal, senón tamén duras críticas por parte de cadros da UPG. Ao mesmo tempo, o sector duro da UPG desenvolvía accións de control das organizacións afíns, como o sindicato CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística, a organización xuvenil Galiza Nova ou máis posteriormente ADEGA, para desbancar a candidatos nas municipais e para impoñer a disuasión a través da fiscalización dos cargos públicos e orgánicos. A estratexia beirista, consistente en dialogar con Fraga e negarse a facer unha fronte común de oposición co PsdeG-PSOE, para que o BNG deixase de estar “demonizado” e poder así pescar no caladoiro de votos conservadores, vai fracasar ao verse bruscamente interrompida coa catástrofe do Prestige a finais de ano, quedando a súa figura danada e vendo como Quintana se ía desmarcando da súa tutela e asumindo un protagonismo crecente. Asemade, nos comicios municipais de maio de 2003, o BNG non só apenas remonta resultados, senón que non é quen de manter as alcaldías de Ferrol e Vigo, que pasan a mans socialistas, sendo incapaz de capitalizar o descontento social xerado polo Prestige, en cuxas mobilizacións os seus militantes xogaron un papel destacado.
            Así as cousas, adiantase a XI Asemblea Nacional (novembro, 2003) para afrontar a sucesión de Beiras nun dobre plano, como candidato á Presidencia da Xunta e como portavoz nacional do BNG. A pretensión inicial do sector duro da UPG era promover un candidato propio á Presidencia (sobre todo Suárez Canal ou García, do grupo de Allariz; pero tamén os rodriguistas Francisco Jorquera ou Pilar García Negro; ou mesmo Miguel Anxo Fernández Lores), pero, ante a falta de disposición destes, opta por dar o seu aval a Quintana, que conta co apoio de Beiras e de EN, PNG-PG e Inzar. Fronte ao candidato oficialista, preséntase o parlamentario europeo Camilo Nogueira, que ía por libre e sen o apoio de UG, disolta como tal despois da Asemblea. O resultado foi moi favorábel ao primeiro, sendo proclamado candidato co 75,2% dos votos, pero lonxe dos vellos entusiasmos xerados por Beiras, obtendo o segundo o 22,3% e quedando fóra dos órganos de dirección. A lista oficial para o CN, encabezada por Beiras e Quintana, volvía reproducir o “consenso de cotas” entre os diversos colectivos, coa reincorporación de EN ao curral, obtendo o 71,5% dos votos e 36 postos. O único excluído é o Colectivo dos “Non Adscritos” (CONA) de Mera, por non apoiar a candidatura de Quintana. A crítica destes ao funcionamento partitocrático do BNG era a dun colectivo máis que, en realidade, o que facía era reclamar a súa parte alícuota de poder, pero a súa lista acadou o 28,4% e catorce postos. Aínda que renovado o BNG nos seus compoñentes, a UPG, sumándolle achegados, continuaba a ter un papel prominente, situando a Jorquera como coordinador, seguíndolle en importancia Quintana e afíns. Estábase fraguando unha nova coalición dominante entre a UPG e Quintana, pero condicionada por unha relación de latente receo que esixiría axustes e reaxustes entre ambos.
            Na nova configuración das relacións de forzas, a clave fundamental para a (in)estabilidade futura era o encaixe de Beiras na organización. Para este crease a figura de presidente do Consello Nacional que, en teoría, había compartir protagonismo co novo portavoz nacional e candidato á Presidencia. Pero Quintana tiña a necesidade premente de consolidar o seu precario liderado e de ter dentro do posíbel e mans libres para profundar nun proxecto centrista e nacionalista moderado que, iniciado por Beiras, se baseaba na proposición dunha “vía galega para a reformulación do Estado” na perspectiva de acadar “unha reforma da Constitución para un Estado plurinacional… comprometido co benestar”, dado que o escenario global viña ser, supostamente, unha sorte de proceso constituínte. De aí a creación do Foro polo Novo Estatuto, no que un grupo de especialistas independentes elaborasen o borrador dun novo "estatuto de nación" para afondar no autogoberno desde o marco xurídico e institucional vixente, presentado á opinión pública en febreiro de 2005. Con todo isto, Quintana exhibía unha faciana gobernamentalista, integradora e respectábel que relanzaba a súa figura de presidenciábel. Agora ben, o intento de fortalecer a imaxe de Quintana, chocaba coa forte personalidade de Beiras e coa súa incapacidade para adaptarse a un rol secundario e fóra dos focos. O que, xunto coa acentuación dun ton máis esquerdista nas súas intervencións e a continuidade dos enfrontamentos con Rodríguez, fixo que Quintana, aconsellado polo seu asesor na sombra, Antón Losada (quen xa manifestara publicamente en 2002 que Beiras “sobraba”), e apoiado pola UPG, adoptase a estratexia de marxinalo paulatinamente e ilo excluíndo, de facto que non de iure, da cúpula dirixente.
            O primeiro chanzo nesta dirección xa se deu na campaña das eleccións xerais de marzo de 2004, recaendo o protagonismo en Quintana e relegando a Beiras a un segundo plano. Nestes comicios o BNG volveu sufrir un novo revés ao perder un deputado, máis de cen mil votos (un terzo do total) e baixar sete puntos porcentuais, como tamén padecería outro tropezo nas eleccións ao Parlamento Europeo de xuño de 2004, ás que se presenta na coalición Galeusca e nas que perde o único escano. Pero vai ser durante o ano 2005 cando o conflito estale irreversibelmente. Nunha entrevista publicada no mes de febreiro en Faro de Vigo e La Opinión, Beiras manifesta o seu profundo malestar, denuncia que estaba sendo “opacado” e fai unha avaliación moi severa da situación interna e das decisións tomadas, ao tempo que se postula como cabeza de lista na Coruña para as eleccións autonómicas, posto tradicionalmente reservado ao candidato á Presidencia. Tanto a forma, contrariando o acordo tácito de non trasladar aos medios os conflitos internos, como o fondo das súas palabras, enrareceron até o paroxismo o clima interno nuns delicados momentos preelectorais, pois constituían un desafío en toda regra á coalición dominante do BNG e a Quintana en particular, situación que continuou con posteriores declaracións, chegando a recoñecer que se equivocara ao promover a Quintana. A tentativa de Beiras de encabezar a lista da Coruña ou a de Pontevedra fracasou cando as asembleas comarcais e o CN respaldaron a proposta da Executiva e de Quintana. Beiras rexeitaría a oferta de ir de terceiro pola Coruña ou de segundo por Pontevedra por considerala unha humillación, e finalmente presenta a dimisión como presidente do CN nunca carta feita pública o 11 de abril, a dous meses e oito días dos comicios autonómicos, adiantados polo goberno de Fraga para intentar rendibilizar a grave crise interna do nacionalismo.

5. Persistencia da crise e acceso á gobernación de Galicia

            No BNG procederíase a unha radical renovación das candidaturas, lonxe dos tradicionais repartos de cotas e prescindindo da case totalidade dos antigos deputados. Para lograr a unidade e asentar o liderato, apostouse por un perfil baixo dos parlamentarios, cuxa gran maioría era inexperta en lides parlamentarias e mesmo algún de nula experiencia política. O obxectivo era ter un grupo parlamentario que non discutise o proxecto centrista e nacionalista moderado de Quintana e que fose funcional ás tarefas que traería consigo un plausíbel (co)goberno da Xunta de Galicia. A pesar dunha campaña en clave gobernamental e optimista, os resultados das eleccións autonómicas de xuño de 2005 deixaron unha sensación agridoce, entre a frustración e a esperanza. Frustración porque o BNG perdía catro escanos, baixaba catro puntos porcentuais e descendía corenta mil votos (13 deputados, 19,6%, 307.249 votos), mentres que o PsdeG-PSOE incrementaba oito escanos, case once puntos e douscentos mil votos (25 deputados, 32,5%, 509.340 votos). Pero esperanza tamén porque por primeira vez o PPdeG perdía a maioría absoluta, o que implicaba a formación dun goberno de coalición socialista-nacionalista. O BNG tería acceso á gobernabilidade de Galicia por primeira vez na historia.
            A posición do nacionalismo no goberno bipartito vai ser minoritaria e secundaria. Alén dos acordos programáticos e das promesas preelectorais, esta situación condicionará a estratexia da acción de goberno de Quintana como Vicepresidente e das consellerías do BNG, orientándose cara dous obxectivos converxentes: afortalar o estatus político de Quintana e blindar a súa cota de poder no goberno e na propia organización, e restituír a competitividade do BNG na area electoral. De aí a perentoria necesidade de distinguirse respecto do socio de goberno e do Presidente da Xunta mediante o deseño dunha política centrada na visibilización mediática e publicitaria de todas as súas propostas, proxectos ou realizacións. Estas se seleccionarían en función da súa utilidade nunha campaña permanente baseada en mensaxes que presenten a acción de goberno ao longo de períodos non electorais coa fin de axudar a continuar no poder, facendo fincapé en temas particulares para distintos segmentos da cidadanía. Todo o cal se retroalimenta cunha tendencia semellante, aínda que menos febril, por parte do socio de goberno, do que se derivaría unha rivalidade que dificulta a emerxencia dunha cultura de coalición cooperativa, xera disfuncionalidades na coordinación das políticas departamentais e impide a acumulación de sinerxias. O exceso de celo na tarefa visibilizadora de Antón Losada, man dereita de Quintana, levaría a que, ao cabo dun ano, se vise obrigado a dimitir do cargo de Secretario Xeral de Relacións Institucionais, precedido dunha forte polémica.
            Quintana vai aproveitar a fondo a condición de partido de goberno e o incremento de medios e recursos a súa disposición como Vicepresidente. A política de nomeamentos foi sometida á aprobación da Executiva do BNG unicamente en relación aos conselleiros, pero non nos restantes cargos institucionais, circunstancia aproveitada para repartir particularizadamente incentivos e recompensas a cambio de fidelidade persoal e conformar un nutrido grupo de adeptos (os quintanistas) que, alén da súa idoneidade ou capacidade, servisen de apoio ao seu liderado e ao proxecto de nacionalismo por el encarnado, ademais de asegurarse a aquiescencia da UPG subministrándolle unha parte dos postos, en especial a membros do sector brando. Deste xeito apuntalaba o liderado no conxunto do BNG e na coalición dominante, ao tempo que disolvía núcleos que o puidesen cuestionar a través da cooptación de cadros antano críticos ou aliñados con Beiras ou con Nogueira, e tamén procedentes do PNG-PG, Inzar e a ex UG. A reestruturación da Executiva en setembro de 2005, na que significativamente se coopta a Mera, foi un paso máis nesta dirección de conformar un grupo leal de quintanistas.
            O proxecto de nacionalismo centrista de Quintana supón levar, até as derradeiras consecuencias, a viraxe emprendida no BNG nos anos precedentes da man de Beiras. Así quedou de manifesto cando Quintana pasou de afirmar en 2003 que o BNG “é unha forza política nacionalista que ten unha proposta programática claramente de esquerdas” a destacar en 2007 que “o nacionalismo en Galicia non precisa adxectivación” e, máis claro aínda, que o Bloque “en termos nacionalistas e en termos dereita-esquerda é unha forza tremendamente moderada”. Desaparecida do discurso oficial calquera mención soberanista ou de esquerda, o que se formula é un evanescente “nacionalismo da xente, preocupado polos problemas da xente e que oferta solucións” baseadas no benestar, e que leva consigo tamén un achegamento a sectores empresariais para que depositen no BNG a confianza nunha “forza política disposta a crear un espazo galego de desenvolvemento”. Na estratexia de ocupar un espazo de centro co que maximizar resultados, o BNG rompe con outro tabú: non desbotar a posibilidade de actos de goberno nun futuro co PP, sempre que este desenvolva unha política “menos antinacionalista”.
            Secundada de momento pola UPG, e con algunha reticencia do seu sector duro, quen nunca deu un cheque en branco a Quintana, a aposta do quintanismo é, polo tanto, a dun proxecto de modernización do nacionalismo que supoña a definitiva conversión do BNG nunha organización nacionalista moderada e centrista, cunha estratexia alicerzada no labor gobernamental e institucional desde o cal propoñer unha “vía galega para a reformulación do Estado” na perspectiva de acadar unha reforma constitucional que signifique a institucionalización dun Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe, no que teña cabida un autogoberno galego coas maiores cotas de poder e no que Galicia teña máis peso na política de Estado, pero deixando na indeterminación a concreción técnico-xurídica dese Estado plurinacional (Federal e de que tipo? Confederal?). Fracasada temporalmente a posibilidade dun Novo Estatuto pola negativa do PPdeG, a acción do BNG centrarase en emular a política conseguidora típica dos nacionalismos catalán e vasco: conseguir unha ampliación das competencias autonómicas e unha maior aportación orzamentaria dos investimentos do Estado, presentándose á opinión pública como o verdadeiro valedor dos intereses galegos, como unha forza, en suma, útil e eficaz para Galicia. Así se explica o apoio dos dous parlamentarios no Congreso aos Orzamentos Xerais do Estado para os anos 2006, 2007 e 2008, previa negociación co Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, en minoría parlamentaria, así como o recente voto en contra da reprobación da ministra de Fomento a cambio do traspaso de nove competencias pendentes, celebrado e publicitado con xúbilo pola coalición dominante (Quintana e quintanistas + UPG) como mostra fideligna de que a estratexia de “cooperación intelixente e esixente” dá uns resultados óptimos e de que o BNG é, por fin, “determinante en Madrid”.
            Agora ben, a acción de goberno tamén supuxo para un indeterminado número de nacionalistas unha percepción que ía da decepción á frustración, posta de manifesto tanto en artigos de opinión como nos foros e blogs de internet. Importantes aspectos da axenda de goberno do BNG foron e son cuestionados: a continuidade de determinadas inercias de xestión herdadas do conservadorismo ou a asunción de proxectos da época Fraga (Cidade da Cultura), a deficiente xestión da vaga de incendios nos dous primeiros veráns, a deixación da política de normalización lingüística en mans socialistas e o desenvolvemento dunha política cultural convencional e pouco participativa, o beneplácito a propostas de privilexios inxustificados á clase política (sobresoldos aos cargos institucionais que fosen funcionarios) ou á elección de persoas non idóneas (Valedor do Pobo), a política industrial e o apoio a grandes proxectos empresariais socialmente contestados (Reganosa), as políticas de contratación e de creación de consorcios en detrimento dunha xestión exclusivamente pública (Vicepresidencia, Medio Rural), a propia orientación moderada e centrista desenvolta polo quintanismo e o abandono das dimensións soberanista e de esquerdas, a situación de parálise e de verticalismo decisorio no BNG e a renuncia ás mobilizacións sociais, a visualización dun suposto apego aos cargos, etcétera. Alén da carga subxectiva ou da evidencia obxectiva que poidan ter estas críticas, que escurecen os acertos da acción gobernamental, o que amosan é unha disonancia cognitiva que ten moito que ver coa inadecuación entre unha cultura política aínda presente en moitos afiliados e achegados, baseada en marcos resistencialistas, esencialistas e puristas, e a práctica política real que o BNG viña adoptando nos últimos vinte anos. Se até o momento, esa cultura política tiña unha función retórica de consumo interno que servía de cemento identitario, a partir da chegada ao goberno da Xunta, revelaríase como disfuncional e como unha pexa para o proxecto modernizador de Quintana. Por outra banda, as críticas non van proceder só do ámbito nacionalista (CIG-Administración, Plataforma Cidadá “Cultura si, Mausoleo non”, individualidades como Xosé Manuel Sarille e outros), senón tamén de forzas sindicais non nacionalistas como CC.OO. ou UXT. E, ademais, o malestar ten unha notábel presenza no interior da propia organización.
            Así as cousas, a XII Asemblea Nacional do BNG (decembro, 2006) foi unha ocasión para intentar a confirmación do proxecto político e do liderado persoal de Quintana. Pero tamén foi unha oportunidade para a reorganización dos sectores contestatarios e/ou excluídos do reparto do poder. Así, entre os meses de xullo e outubro fóronse articulando tres posicións críticas para canalizar o descontento da militancia e que viñan a refacer o vello mapa dos colectivos: o Encontro Irmandiño (EI), encabezado por Beiras e López Rico, que reunía os restos do beirismo que non foran neutralizados; A Alternativa (AA), liderada por Nogueira e Rodríguez Feixóo, apoiada por EN e algúns antigos UG e CONA; e o Movemento pola Base (MpB), formado por sindicalistas da CIG e membros de Galiza Nova, boa parte ex membros da UPG dados de baixa meses antes desconformes coa liña seguida, encabezado polo sindicalista Fermín Paz Lamigueiro e que, en contraste cos anteriores, posúe un carácter moito máis colectivo do que personalista.
            A posición de Quintana e os quintanistas consiste en configurar o BNG como unha organización débil subordinada ao proxecto gobernamental e institucional, cun funcionamento operativo verticalista mediante o cal, ademais de gañar en eficacia, tamén se neutralicen críticas e se amplíe a marxe de acción do líder, rexeitando que o BNG se converta nun lugar “para establecer eternos, estériles e pesados debates ideolóxicos e ideoloxistas que non levan a ningures”. Nese sentido ía a proposta de celebrar a cita congresual polo sistema de delegados e non coa presenza indiscriminada da militancia, como viña sendo o habitual, o que permitiría unha peneira na elección dos delegados que facilitase un congreso pouco problemático. Agora ben, o apoio da UPG, estando de acordo nos demais puntos, non pasa por ampliar a autonomía de acción de Quintana, polo que a proposta non foi adiante no CN pola súa oposición no último momento. Sen embargo, si a apoiaría para que fose posíbel nas vindeiras convocatorias.
            A partir da denuncia da “desnaturalización” do proxecto orixinario, reinterpretado idealmente como participativo e democrático, a posición dos sectores críticos é radicalmente diferente: un BNG como organización forte que teña como unha das súas misións mediatizar a actuación do BNG no goberno. Alén desta coincidencia, áchanse diferenzas ideolóxico-políticas entre as tres correntes. O MpB encarna a visión máis purista e ortodoxa do nacionalismo de esquerdas. Así, fronte á “deriva” do BNG que o afastaría do proxecto histórico “como instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social”, o ancoraría “nas marxes do autonomismo” e o faría renunciar ao papel de forza soberanista e de esquerdas, postúlase a recuperación dunhas orixes prístinas esencialmente transformadoras (dalgún xeito, unha “volta” idealizada ao BNG dos primeiros oitenta). O EI defende unha “rexeneración democrática auténtica, profunda e efectiva” que restaure o Proxecto Común e o modelo frontista e asembleario como “ferramenta de autoorganización nun proxecto de conquista da soberanía nacional e da emancipación social”, e que diferencie nitidamente os planos de actuación do goberno e da organización (dalgún xeito, unha “volta” ao BNG dos noventa pero cun discurso máis á esquerda e máis crítico coa praxe autonomista). Ideoloxicamente esgrime uns principios baseados na ética na política, na fraternidade, na cooperación, na república, na democracia participativa, na primacía dos dereitos colectivos, no igualitarismo, na autodeterminación cara a independencia, na socialización, nun home novo/muller nova e nunha nova cultura. Pola súa banda, AA presentaba un completo relatorio sobre a situación, que, a partir da constatación de estancamento e crise por falta de debate e pola conservación de posicións dogmáticas e prácticas excluíntes, propositaba un impulso que renovase o cadro dirixente e establecese un novo discurso que fose alén dunha práctica meramente rexionalista e que configurase o BNG como unha formación nacionalista de esquerda democrática renovada e aberta á sociedade civil.
            Con todo, do que se trataba na Asemblea por parte dos sectores críticos era de disputar o poder organizativo e abrir unha fenda na coalición dominante do BNG. Non tanto no caso do MpB, que, instalado na maximización da ideoloxía, só pretendía reconducir o proxecto político, pero si claramente no caso de EI e AA. O primeiro poría coidado en non usar os medios de comunicación e en considerar os debates como algo interno, así como en aspirar unicamente a estar representado no novo CN, mentres que os outros despregarían unha política comunicacional que os amplificase no conxunto da sociedade, pero serían incapaces de unir forzas nunha lista conxunta a pesar de compartir moitos puntos en común.
            Os resultados dos debates e das votacións non foron nada satisfactorios para o proxecto quintanista. O Informe de xestión recibiu tan só un 65,6% (1303) de votos a favor, co 28,1% (558) en contra e co 6,2% (124) de abstencións, mentres que o Documento Político un 74,4% a favor (1357), 21,2% (387) en contra e 4,3% (79) de abstencións. Ademais, limítase a autonomía de decisión de Quintana no futuro: a designación de conselleiros farase a proposta do Portavoz Nacional, pero ha de ser sometida á aprobación da Executiva e logo do CN, e nos restantes cargos de primeiro nivel político as propostas corresponderían aos conselleiros en coordinación co portavoz nacional, pero tamén terían que ser referendadas na Executiva e no CN. Igualmente, a candidatura ao CN encabezada por Quintana, de claro nesgo gobernamentalista (o 81% estaba formada por cargos institucionais), recibiu unicamente o 62,56% (1646) de votos a favor e acadou 31 membros, constituíndo o resultado máis baixo obtido nunca por unha lista oficial. Nada menos que o 38% restante foi para as candidaturas críticas: EI o 17,07% (449) e nove membros, AA o 11,6% (291) e cinco membros, e MpB o 9,32% (245) e outros cinco membros no CN. Si prosperou, en cambio, a proposta de rematar co asemblearismo congresual e establecer o sistema de delegados, pero con menos do 60% a favor.
            Así as cousas, Quintana viuse obrigado a rectificar as súas pretensións hexemónicas e a chegar a pactos cos críticos para a conformación da Executiva, ante a posibilidade de que presentasen unha lista conxunta. Primeiro ofreceulles tres postos e tentou vetar algúns nomes, pero finalmente non tivo máis opción que aceptar a proporcionalidade dos votos ao CN. Deste xeito, a lista oficial tería dez postos na Executiva e os críticos cinco, repartidos en tres para EI e dous para a AA. Con esta xogada, Quintana lograba unha candidatura unitaria aprobada polo 90% dos asistentes, presentándose como o líder da unidade e da estabilidade. Pero o que se botara pola porta nos anos anteriores coábase agora de novo pola xanela: Beiras, López Rico e Rodríguez Feixóo volverían estar no máximo órgano de dirección.
            A XII Asemblea Nacional o que puxo de manifesto non só foi o descontento de máis dun terzo da militancia nacionalista, senón tamén o fracaso na xestión da nova fórmula de liderado aprobada na cita asemblearia do ano 2003 que, en palabras de Xesús Vega, “orixinou unha creba da confianza política entre segmentos decisivos dos cadros dirixentes e abriu un proceso de inestabilidade interna que aínda non rematou”, e que “alimentou unha vella tentación que padece o nacionalismo galego dende a década dos setenta: o cainismo”. De cómo se solvente este problema depende o futuro do nacionalismo galego. Todo dependerá de como interactúen os diversos actores a partir dos resultados das eleccións xerais de marzo de 2008 e, sobre todo, das autonómicas de 2009. Se as primeiras permiten que, en efecto, o nacionalismo galego sexa realmente “deteminante en Madrid”, sería unha gran baza para os comicios galegos do ano seguinte e Quintana sería xa indiscutíbel e insustituíbel, cumpríndose a profecía de converterse “no Artur Mas do nacionalismo galego”. Do contrario, unha nova e ameazadora negra sombra é probábel que se cerna sobre o nacionalismo galego.


* Universidade de Vigo.